martes, 29 de mayo de 2007

A PERIGOSA ESTRATEXIA DO VOTO ÚTIL

Por que situar o noso ascenso dentro dunha retórica do voto útil?
Así se fai en La Voz de Galicia hoxe en edición local, tanto na nota chamada El Pedroso como na elaboración da noticia -un resumo dunha entrevista realizada vía telefónica- na que se dá conta nun titular interesante do mellor resultado que acadamos desde 1987. En El Pedroso sitúase a perda dos 800 votos do BNG e a perda do concellal do PSdG ligada a unha interrogante final: ninguén votou de menos as 1119 papeletas de Esquerda Unida [que manía teñen de castelanizar o nome da nosa federación galega]? Isto liga de forma, consciente ou non, as perdas duns aos logros nosos. Este proceder reflicte unha lectura simple e simplista do que aconteceu o domingo 27 de maio.
En primeiro lugar, por que non se fala dos 1300 votos en branco? Por que ninguén alude de forma directa á elevada abstención? E outro feito que desexaríamos salientar....por que ninguén relaciona perda de votos do PSOE co ascenso do PP? Acaso aínda hai quen pensa que o PSdG se distancia en política económica e xestión do Concello do PP? Por que seguen erre que erre en pensar que Esquerda Unida é o mesmo que o PSdG? Nós non perdimos o sentido da orientación, nin o valor da rendibilidade social....non privatizamos o benestar social (verdade Bugallo?)

Esquerda Unida traballou para mellorar. Por iso, non toleramos que se sitúe o noso crecemento na óptica do voto útil. É maquiavélico, mesmo. As dinámicas do voto son dabondo complexas como para reducilas a esta perspectiva errada do voto útil.

Por que ninguén repara nunha máis que probable mala xestión do bipartito? Xa hoxe un veciño de Cancelas clamaba polo que é unha situación de desleixe por parte do Concello. Aí está o cerne, non en poñer a pregunta de se ninguén vota de menos as nosas 1119 papeletas. En efecto, se se trata de retóricas anogostas, poderíamos preguntarnos se os do PSOE non votan de menos os milleiros de papeletas do PP e viceversa....Deixémonos de "andrómenas", xa que logo, e analicemos os feitos con máis pausa e cautela informativa. Denunciemos a perigosa estratexia do voto útil que nos leva cara a un aburrido e antiplural bipartidismo.

No hay comentarios: