martes, 22 de mayo de 2007

Programa: Un Concello forte, con recursos

2. Un Concello forte, con recursos e autonomía

Os concellos, hoxendía, só xestionan o 13% do gasto público e, no entanto, as competencias son cada vez máis numerosas. Por iso, Esquerda Unida-IU quere que se cumpra o reparto equitativo e que a xestión do gasto público chegue ao 33%.

Esquerda Unida-IU quere un Concello de Santiago forte, con capacidade política de decisión, con competencias e recursos económicos suficientes para procurar alternativas e solucións aos retos sociais cada vez máis presentes e cada vez máis numerosos. Unha alternativa que pasa por contar contigo, coa túa voz, coa túa opinión, co teu traballo, coa túa cooperación, en definitiva, coa túa participación. Porque o modelo de cidade ten que ser o noso modelo de cidade, un modelo integrador, solidario, equilibrado e cohesionado.

a) Un organigrama funcional en base á democracia participativa

A nosa proposta pasa por redeseñar o organigrama do concello de Santiago en base ao principio rector de democracia participativa, que defenderemos coma o noso sinal identitario á hora de definir a nosa política.

Alcalde

Área de Coordinación (5)

- Participación

- Seguridade Cidadá

- Modernización

- Atención á Cidadanía

- Réxime Interior e Persoal

Área Económica (4)

- Facenda

- Desenvolvemento Económico

- Industria

- Comercio

Área Modelo de Concello (6)

- Planeamento

- Urbanismo

- Vivenda

- Obras e Mantemento

- Parques e Xardíns

- Medio Ambiente

Área de Servizos á Cidadanía (6)

- Educación

- Cultura

- Festas

- Deportes

- Saúde

- Consumo

Área de Social e Políticas Transversais (5)

- Emprego

- Servizos Sociais

- Mocidade e Infancia

- Muller

- Terceira Idade


b) Modelo Público de Xestión

- Eficacia na xestión e prestación dos servizos públicos.

- Empresas Municipais de Servizos (non privatizar servizos básicos, non externalizar e recuperar os privatizados co tempo): recollida de lixo, limpeza viaria, parques e xardíns, limpeza de edificios públicos.

- Desenvolvemento das Tecnicas de Información e Comunicación para facilitar o acceso á información e a tramitación administrativa.

- Unificación bases de datos, para evitar a dispersión informativa actual e os erros que se cometen na información de recursos e expedientes administrativos.

- Puntos de información cidadá con acceso ao servidor municipal para a consulta e realización de trámites.

- Firma electrónica, previo paso á tarxeta de identificación cidadá, para realizar os trámites administrativos a través da web do Concello.

c) Política de persoal

O obxectivo básico de Esquerda Unida-IU transformar as condicións de vida de todos os veciños e veciñas a través duns servizos públicos de calidade, estes, loxicamente, son prestados por persoas, por traballadores e traballadoras. Cómpre, polo tanto, superar as contradicións entre prestación de servizos e condicións laborais.

O acceso a determinadas infraestruturas do Concello, tales como as deportivas, as culturais ou as de atención á cidadanía teñen que estar abertas ao público polas tardes e mesmo fins de semana, para poder adecuarse á dispoñiblidade real da meirande parte da poboación. Esquerda Unida-IU definirá, polo tanto, horarios e condicións laborais que fagan posible dita prestación de servizos. As peores condicións serán compensadas con incremento salarial e/ou tempo libre.

No tocante ao modelo de acceso ao emprego público, este rexerase polos criterios de igualdade, mérito e capacidade, adecuando os procesos selectivos ás características dos postos de traballo obxecto das convocatorias públicas. Para Esquerda Unida-IU serán indispensables e imperativas a claridade e a transparencia. Dita transparencia tamén será de rigor nas contratacións eventuais e substitucións mediante a creación de bolsas públicas de traballo, definidas con criterios pactados cos sindicatos.

Algunhas das medidas para acadar a nosa política de persoal:

- Planificación de persoal para toda a lexislatura capaz de cumprir co obxectivo de mellorar os servizos públicos e atender á cidadanía mediante a definición obxectiva de novas prazas e postos necesarios para o crecemento da cidade e os servizos públicos.

- Desenvolver un modelo de acceso á Función Pública Municipal transparente, áxil e obxectivo, negociado cos sindicatos e consensuado cos grupos municipais.

- Controlar as empresas contratadas para prestación de servizos mediante a revisión das cláusulas de contratación e prestación para que as condicións laborais e salariais dos traballadores e traballadoras non sexan discriminatorias, e procurar emprego de calidade e estable. Neste sentido, apoiaremos a creación de cooperativas e empresas de economía social.

d) Facenda local

Os partidos maioritarios, PSOE e PP, cando non gobernan, reclaman aumentar a marxe de manobra de gasto público para os municipios. Pero, cando chegan ao goberno inhíbense e non realizan aquelo que prometeran. Por iso, hoxe os Concellos soportamos un aumento de competencias non transferidas e, no entanto, só dispoñemos dun 13% do gasto público.

Esquerda Unida-IU esixirá que se reforme o marco de financiación local para chegar ao desexado 33%. E esixiremos á Xunta de PSdG e BNG que cumpra coa obriga de aumentar a marxe económica dos municipios ao mesmo tempo que se negocian de forma clara e transparente cales son as competencias locais. Queremos que as transferencias que realice a Xunta de Galicia cara aos municipios sexan incondicionadas e non finalistas.

Medidas para acadar a mellora neste eido serán:

- Desenvolvemento das competencias tributarias municipais: acadar unha maior autonomía na xestión; por iso, é fundamental compensar a perda do IAE cun imposto que grave o beneficio e non a actividade.

- Reforma integral do PIE, isto é, da participación das entidades locais nos ingresos do Estado. Desde Esquerda Unida-IU pensamos que non se deben realizar diferenciacións entre persoas porque vivan en concellos grandes ou pequenos. Merecemos un mesmo servizo de calidade. O que se deberá facer é establecer medidas correctoras e compensatorias en base á propia esixencia que requira a prestación dos servizos. Estas medias deben fixarse non en base a un criterio cuantitativo, senón a un parámetro cualitativo.

- Política fiscal progresiva como forma de redistribuir a riqueza que reverte na mellora da prestación dos servizos públicos.

Os homes e mulleres de Esquerda Unida-IU adquirimos o compromiso de exprimir as marxes legais co fin de mellorar a xestión económica municipal, procurando o incremento dos ingresos de forma xusta e solidaria e apostando por medidas de control do gasto mediante a mellora da xestión e potenciación do aforro.

d.1) Xestión dos Ingresos

· Crearemos novos sistema de pago para os impostos municipais.

· Bonificación do IBI para familias numerosas en base ao valor catastral das vivendas e do número de membros da unidade familiar.

· Elaboraremos un censo de vivendas baleiras motivado.

· Dentro das marxes que nos permita a Lei gravaremos as vivendas baleiras (ata un 50%), previa atención ás motivacións da situación de baleiro ou abandono.

· Revisaremos a funcionalidade do sistema de expropiación de vivendas e soares baleiros e abandonados.

· Realizaremos esforzos de inspección tributaria.

· Estableceremos prezos públicos por acceso ou participación en actividades municipais en base a criterios de renda.

· Penalizaremos a especulación: incrementaremos os tipos a aplicar no imposto de plusvalía nas enaxenacións que se produzan nos primeiros anos de tenenza da propiedade.

· Perseguiremos a corrupción exercendo de demandantes cando a súa existencia perxudica de forma directa aos veciños e veciñas do Concello.

d.2) Xestión dos Gastos

· A austeridade será unha premisa de Esquerda Unida-IU. A contención nos gastos debe ser unha obriga.

· Educar aos veciños e veciñas na contención do consumo de recursos e no aforro implica que a clase política ten que dar exemplo desde a institución do Concello.

· Por iso, revisaremos á baixa os salarios de concelleiros e concelleiras para adecualos a esa política de contención e austeridade.

· Reduciremos tamén os gastos de xestión.

· Eliminaranse as inauguracións costosas, pomposas e que só inciden na propaganda institucional. Os veciños e veciñas serán protagonistas das inauguracións.

· Controlaremos a política de invitación á clase política e familiares cando se trata de actos públicos aos que veciños e veciñas teñen que acceder sufragando o espectáculo. Cómpre actuar con honestidade, e a solidariedade e o compromiso coa cultura comeza co exemplo de políticos e políticas.

· Aplicaranse medidas de control enerxético para reducir consumos de auga, gas electricidade, teléfono e carburantes.

· Os novos equipamentos faranse con vistas a garantir primeiro a súa durabilidade e segundo que a súa reposición supoña aforro.

· Investiremos en novas tecnoloxías para garantir contención en gasto. De aí que busquemos o uso de software libre para as instalacións do Concello e para os e as usuarias dos sistemas de información cidadá.

· Crearemos redes de fibra propia para ter un coste cero en telefonía interna.

· Estableceremos sistemas de control domótico de edfificios para posibilitar control a distancia e aforro enerxético.

· Estableceremos un plan de actuación de modernización dos edificios vellos.

Claridade e transparencia. Austeridade e control nos gastos que debe comezar nos propios políticos e políticas (neste sentido, cabe desfacer a idea de que a as persoas se meten en política por diñeiro; por iso, garantimos unha revisión á baixa dos salarios de concelleiros e concelleiras e, en calquera caso, nunca se procederá a unha suba do salario sen contar co beneplácito da cidadanía). En base á implantación das canles que nos leven á democracia participativa, informaremos e recibiremos suxestións dos veciños e veciñas. En todo momento, saberase en que se inviste o diñeiro e de que forma.


No hay comentarios: