sábado, 26 de mayo de 2007

PROGRAMA: VIVENDA E MODELO URBANÍSTICO

5. Vivenda e modelo urbanístico

O actual equipo de goberno deseñou un modelo urbanístico que só beneficiou aos acaparadores e especuladores, incluso no tocante a vivendas que contaban con algún tipo de protección oficial. A acción do Concello neste sentido foi de agardar que as cousas viñesen dadas da Consellaría e niso segue escudándose cando hai críticas polas demoras na entrega de vivendas sociais.

O futuro PXOM dispón a construción dunhas 35 000 – 40 000 vivendas en 12 anos. Unha auténtica tolería, xa que está demostrado estatisticamente que perdemos poboación. E agora anúncianse milleiros de vivendas de protección oficial. Esta medida tiñan que vir dada desde os inicios de EMUVISSA, a empresa municipal de vivenda e solo.

Non se quere ver que a construción, tal como se leva hoxe, ten data de caducidade. Os intereses económico-financeiros, a urbanización desenfreada e este “desarrollismo” feroz pode levar a segregar a poboación se non se realizan tarefas de distribución urbanística e de equilibrio dotacional en recursos.

Existen en Compostela milleiros de vivendas baleiras (entre 7.000 e 10.000) e semella que o actual equipo de goberno desexa que sexan moitas máis. Unha cidade de cemento e ladrillo sazonada de parques e xardíns estilo anglosaxón. Todo de deseño, pero falto de identidade, de vida, porque estes procesos non están pensados nas e coas persoas. Non podemos, desde logo, compartir o lema dos socialistas de Bugallo, xa que cómpre que, de forma inmediata, as cousas cambien para beneficio das persoas de a pé. Non podemos, polo tanto, admitir as palabras de auto-louvanza de Mercedes Rosón sobre o carácter “sostible” do urbanismo compostelán.

Humanización barrios

Tendo en conta que o desenvolvemento do programa de Plans de Barrio e Parroquias conleva un proceso formativo que pode levar máis ou menos tempo, Esquerda Unida-IU comprométese a realizar un proceso de humanización dos barrios composteláns que hoxe teñen as obras de reurbanización e humanización a medio facer por mor, principalmente, das promesas incumpridas do equipo de goberno. Nesta liña sitúanse, primordialmente, entre outras zonas, o barrio da Almáciga, o barrio de Sar, a zona do Castiñeiriño, a zona de San Pedro que transcorre desde a rúa Home Santo de Bonaval ata a Porta do Camiño, ou mesmo zonas do San Lázaro Vello e de Cancelas, e tamén zonas de Vite, de Santa Marta, da zona do Conxo Vello, e non digamos todo o rural perimetral da cidade (Grixoa, Sionlla, Aríns, Labacolla, Villestro,…). Foron tantos anos de desleixe que a lista podería seguir medrando. Relanzaremos como unha das accións prioritarias a humanización destes barrios tendo en conta os parámetros de calidade que deben acompañar as vidas de veciños e veciñas. Isto significa que as nosas accións irán máis aló de farolas e beirarúas. Cómpre unha actuación global para que os barrios recuperen a súa identidade e a súa cohesión social.

Con Esquerda Unida-IU no goberno local haberá unha total reformulación do destino dos terreos desafectados de Bando, para que respondan a un fin de interese público e social. Neste sentido, estudaremos a creación de instalacións sociosanitarias de respiro familiar ligadas co contorno mediante unha rede de transporte público de calidade, eficaz e eficiente.

Farase un estudo especial de accesibilidade nos barrios onde as vivendas non contan con ascensores para analizar a súa viabilidade e crear, coa axuda da Xunta e outros órganos, un sistema de axudas económicas para garantir a súa execución.

Outras medidas que adoptaremos serán:

- elaboración dun censo motivado de vivendas baleiras. En base a este censo, practicaremos unha recarga no IBI ata o 50% máximo que permite a Lei. O fin desta recarga sendo que estas vivendas se incorporen ao parque público de vivendas en réxime de aluguer.

- elaboraremos un censo propio de demanda de vivendas de protección para que poidamos en todo momento adecuar a oferta a esta demanda.

- as plusvalías xeradas pola construción de vivendas libres serán directamente redistribuídas na mellora dos servizos públicos.

- crearemos un parque público de vivendas en réxime de aluguer atendendo a un criterio de dispersión dentro do recinto urbano

- dentro deste parque reservaremos, en base á demanda, un número determinado de vivendas adaptadas para axudar á autonomía das persoas con discapacidade.

- queremos chegar a ofertar un 50% de vivendas con algún tipo de protección

- crearemos, igualmente, vivendas para emerxencias sociais.

- realizaremos as reservas de solo público oportunas para construción de centros educativos e sociosanitarios de xestión e titularidade públicas.

- o PXOM será redefinido en base a unha adecuación e a un respecto do Plan de Acción Local da Axenda 21.

- o Plan Estratéxico da Cidade de Santiago será, igualmente, definido en base a unha máis ampla participación e, sobre todo, en acadar unha correcta conectividade coas medidas do Plan de Acción Local da Axenda 21.

No hay comentarios: