O Consello Comarcal
de Esquerda Unida Compostela esixe que o Concello, e calquera outra
administración pública, vele por garantir o respecto ao medio ambiente mediante
medidas efectivas.
A fractura
hidráulica ou fracking é unha técnica para a extracción de gas non convencional
que supón na actualidade importantes interrogantes sobre a saúde das persoas e
sobre as afeccións ao medio ambiente, tanto nos usos agrícolas do solo, como as
relacionadas co medio natural, fundamentalmente pola posibilidade real de
contaminación dos acuíferos subterráneos e, a partir deles, da auga superficial
dada a inxección de produtos tóxicos e contaminantes que resultan
imprescindibles nesta técnica. Ademais representa unha ameaza sobre a seguridade
en materia de riscos xeolóxicos a raíz dos movementos sísmicos que poderían
producirse.
O fracking supón
tamén unha alta ocupación do territorio dada a cantidade de pozos que deberían
realizarse para optimizar a explotación, a necesidade de crear balsas para
acumular a auga contaminada e o elevado tránsito de vehículos con cisternas para
evacuar o gas. Este modelo de desenvolvemento tería graves impactos nas
actividades que manteñen o medio rural, como a agricultura, gandería e o
turismo, ademais das afecciones ao medio ambiente.
Estas
circunstancias fan incompatible o fracking cos obxectivos decididos por Europa
para un modelo de desenvolvemento sostible, incumprindo varias normas,
especialmente a Directiva Marco da Auga.
Un informe
elaborado pola Comisión de Medio Ambiente, Saúde Pública e Seguridade do
Parlamento Europeo manifesta os riscos que pode xerar a utilización desta
técnica, motivando que varios Estados da Unión Europea aprobaran unha moratoria
ou prohibición.
En España, a
Comunidade Autónoma de Cantabria e A Rioxa lexislaron a prohibición do
fracking, e outras están en tramitación de Proposición de Lei coa mesma
finalidade.
Por todo isto o
Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao Pleno do concello de
Santiago a seguinte proposta de
ACORDOS
Primeiro. Que o Concello manifeste o seu
rexeitamento á utilización da técnica da fractura hidráulica ou fracking na
actividade de explotación e extracción de gas non convencional, e declare a Santiago
de Compostela “municipio libre de fracking”, como garantía de saúde das persoas,
protección do noso medio ambiente e os recursos naturais.
Segundo. Que o Pleno inste ao Parlamento
Galego, trala moratoria de suspensión aprobada por unanimidade, a elaborar, á
maior brevidade posible, un proxecto de Lei que prohiba en Galicia o fracking.
Terceiro. Instar ao Goberno do Estado a aplicar
o “recurso ao principio de precaución” prohibindo como Estado Membro da Unión
Europea nos seu ámbitos competencias o emprego da técnica da fractura
hidráulica ou fracking por demostrarse os seus nefastos efectos potencias sobre
o medio ambiente e a saúde das persoas.