jueves, 6 de febrero de 2014

Pregunta estación autobuses



Para o Consello Comarcal de Esquerda Unida os espazos públicos da cidade deben estar nun bo estado, así como funcionar correctamente para prestar os servizos que a cidadanía demanda.
.
Tralas queixas recibidas, e unha visita en persoa, comprobamos que a estación de autobuses da cidade mostra certas carencias no seu mantemento, que por suposto deben ser solucionadas. Unha vez máis hai que recordarlle ao nefasto goberno do Partido Popular que hai que priorizar o uso de diñeiro público.

Clara mostra destas carencias son, por exemplo, paredes que mostran deficiencias no seu mantemento ou vallas de obras que impiden o paso por zonas da estación de autobuses. Cómo é posible que Ángel Currás e o seu equipo consideren urxente acometer a innecesaria obra do parque infantil da Praza de Galicia, deixando esquecida a súa obriga do correcto mantemento da estación de autobuses.

No tocante a ofrecer os servizos que a cidadanía demanda, dende o Consello Comarcal de EU Compostela sempre se defendeu a necesidade dunha estación intermodal ubicada na estación de ferrocarril que, mediante un plan global de mobilidade sustentable, sexa parte fundamental no fomento dun transporte público de calidade tanto urbano, comarcal como de media distancia.

Por suposto por mor desta crise-estafa que padecemos a maioría social, na que se recortan dende dereitos ata servizos públicos esenciais, non é o momento do custe que pode supoñer esta obra, pero é obriga do Concello abrir o pertinente debate cidadá para elaborar un proxecto de estación intermodal acorde ás necesidades da cidadanía. É necesario que a través da Democracia Participativa, debatendo cos colectivos veciñais, ecoloxistas e calquera interesado en participar, se teña decidido, para cando sexa o momento oportuno, que modelo de estación intermodal queren as veciñas e veciños para Santiago.

É evidente que dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida opoñémonos tanto ao modelo de intermodal exposto polo PP a través do exalcalde Conde Roa, ocorrencia que mellor é que caia no esquecemento, como ao modelo que convertería a nova estación intermodal nunha escusa para a especulación urbanística.

Por todo isto, o Consello Comarcal de Esquerda Unida realiza as seguintes preguntas para a súa resposta por escrito:

  1. Ten previsto o Concello algunha actuación para o correcto mantemento da estación de autobuses?
  1. Ten previsto o Concello algunha iniciativa para o proxecto de estación intermodal?

No hay comentarios: