O
CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA REÚNESE CON REPRESENTANTES DAS
VOLUNTARIAS E VOLUNTARIOS DO REFUXIO DE BANDO.
O CONSELLO
COMARCAL DE EU COMPOSTELA REITERA A
NECESIDADE DE LEVAR A CABO AS MELLORAS QUE O REFUXIO PRECISA PARA A LOITA POLOS
DEREITOS DOS ANIMAIS MANTENDO A SÚA TITULARIDADE E XESTIÓN PÚBLICA.
Os representantes do Consello Comarcal de Esquerda
Unida Compostela, María Rozas e Vicente Vázquez, xunto coa militante Sara
García, mantiveron unha xuntanza coas representantes das voluntarias e
voluntarios do Refuxio de Animais de Bando.
O tema central da conversa foi a preocupación,
compartida polo Consello Comarcal, pola nefasta
decisión que suporía para os dereitos dos animais a posible privatización do
Refuxio de Bando.
A privatización do Refuxio de Bando é inadmisible.
Os animais non poden quedar a expensas dunha empresa privada cuxo obxectivo non
é a protección e defensa deles, senón o lucro. Nas canceiras xestionadas por
empresas privadas o benestar dos animais é inexistente, os sacrificios
prematuros e masivos, e o trato, en moitos casos, pouco ético.
O Concello de Santiago debe ter un Refuxio de
titularidade pública onde se vele polos animais, onde se traballe a prol do
maior número de adopcións posibles, onde se dispensen as medicacións e
tratamentos necesarios e onde se lles proporcionen aos animais unhas condicións
dignas e un trato humano. Os dereitos
dos animais non se privatizan.
Os representantes do Consello Comarcal
manifestaron o seu apoio ás medidas, como notas de prensa ou presenza na rúa,
que as voluntarias expuxeron para loitar contra a privatización. Esiximos ao
goberno municipal que escoite as palabras das persoas voluntarias, acceda a
reunirse con elas e aclare as súas intencións para o Refuxio de Bando.
Nas conversas xurdiu a posibilidade, que o
Consello Comarcal de Esquerda Unida apoia, da creación dunha plataforma cidadá,
aberta a participación de todas asociacións, partidos políticos e persoas a
título individual, que desexen colaborar contra a neglixente e innecesaria
privatización.
Por último, o Consello Comarcal de Esquerda Unida
Compostela reclama, unha vez máis, que o Concello de Santiago asuma dunha vez
por todas a responsabilidade de xestionar, controlar, fiscalizar e tomar as
decisións necesarias para que o Refuxio sexa a Protectora Pública de Animais
ética e eficiente demandada pola veciñanza de Compostela.
No hay comentarios:
Publicar un comentario