O 8 de novembro de 2010 o Campamento de Gdeim Izik, nos arredores do Aiún,
organizado por miles de persoas saharauis para protestar polas súas deplorables
condicións de vida, foi disolto violentamente polas forzas de ocupación
marroquís causando vítimas e desaparecidos.
Este campamento de máis de 20.000 persoas pretendía denunciar a situación
en que viven os e as saharauís no Territorio Non Autónomo do Sahara Occidental,
último territorio de África pendente de descolonización baixo tutela do
Consello de Seguridade das Nacións Unidas. Unha situación de continuas
violacións de dereitos humanos, expoliación dos seus recursos naturais, detencións
arbitrarias, desaparicións e torturas.
No que se veu en recoñecer como o inicio da Primavera Árabe, con esa
disolución violenta por parte da forza ocupante marroquí, o réxime de Marrocos
procedeu a deter e a obter declaración baixo tortura a 24 saharauís para
responsabilizalos da morte de axentes marroquís nos acontecementos da violenta
disolución de Gdeim Izik.
Posteriormente, e a pesar de non ter xurisdición sobre o Territorio non
Autónomo do Sahara Occidental, o réxime marroquí procedeu a xulgalos nun
tribunal militar que a xuízo de numerosos observadores internacionais non
contou coas debidas garantías por falta de probas. As armas coas que
supostamente foron asasinados os axentes carecían de impresións dixitais dos
acusados. Ademais, só se practicou unha proba forense e non se realizou ningún
test de ADN.
Tras nove días de xuízo e sete horas de deliberación o tribunal militar
marroquí condenou a nove activistas a cadea perpetua, a catro a 30 anos de
cárcere, a outro dez a penas de entre 20 e 25 anos e aos dous últimos a dous
anos de cárcere.
Estas durísimas penas supoñen un novo atentado contra o pobo saharauí,
contra o seu dereito de autodeterminación e a súa existencia, xa que se trata
dun pobo sometido permanentemente a violacións por parte da forza ocupante
marroquí.
Diferentes institucións europeas, parlamentos nacionais e o propio
Parlamento Europeo viñeron sistematicamente denunciando estas violacións e
esixindo que a Misión das Nacións Unidas despregada na zona (MINURSO, Misión de
Nacións Unidas para o referendo no Sahara Occidental), monitorice o respecto
aos dereitos humanos do pobo saharauí.
O pasado 7 de febreiro, a última sesión do Parlamento Europeo aprobou o seu
mandato para a XXII sesión do Consello de Dereitos Humanos de Nacións Unidas a
celebrar en Généve do 25 de febreiro ao 22 de marzo onde se solicita, ademais
dunha solución xusta e duradeira ao conflito mediante o exercicio dun referendo
de autodeterminación, a liberdade de todos os presos políticos saharauís.
Resolución do Parlamento Europeo, de 7 de febreiro de 2013, sobre o 22º
período de sesións do Consello de Dereitos Humanos das Nacións Unidas
(2013/2533(RSP))*
21. Manifesta a súa preocupación
polo feito de que sigan violándose os dereitos humanos no Sahara Occidental;
pide que se protexan os dereitos fundamentais do pobo do Sahara Occidental,
incluídos a liberdade de asociación, a liberdade de expresión e o dereito de
manifestación; esixe a liberación de todos os presos políticos saharauís; saúda
o nomeamento dun enviado especial para o Sahel e destaca a necesidade dun
seguimento internacional da situación dos dereitos humanos no Sahara
Occidental; apoia unha solución xusta e duradeira do conflito baseada no
dereito á autodeterminación do pobo saharaui, de conformidade coas resolucións
das Nacións Unidas.
Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao
Pleno do concello de Santiago a seguinte proposta de
ACORDOS
Primeiro. Subscribir o mandato do Parlamento Europeo á
XXII sesión do Consello de Dereitos Humanos de Nacións Unidas e esixir ao reino
de Marrocos a liberdade de todos os presos políticos saharauís, incluído o
Grupo de 24 presos de Gdeim Izik, recentemente condenados por un tribunal
militar marroquí, así como pedir a protección dos dereitos fundamentais do pobo
saharauí, destacar a necesidade dun mecanismo internacional de seguimento dos
dereitos humanos no Sahara Occidental e apoiar unha solución do conflito
baseada no exercicio do dereito á autodeterminación do pobo saharauí, como
establecen numerosas resolucións das Nacións Unidas.
Segundo. Enviar o presente acordo ao Ministro de Asuntos
Exteriores, Embaixador de Marrocos en Madrid, ao Presidente do Congreso de
Deputados, ao Presidente do Senado, Presidente do Parlamento Europeo e á Alta
Representante da Unión Europea para Asuntos Exteriores e Política de Seguridade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario