Para o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela as distintas
Administración Públicas deben levar a cabo todas as medidas necesarias para a
prevención de enfermidades de transmisión sexual
A OMS estima que as prácticas sexuais sen protección constitúen o segundo
factor de risco máis importante para a saúde das persoas no mundo, de feito, os
aspectos relacionados coas carencias en saúde sexual e reprodutiva representan,
no seu conxunto a nivel mundial, en torno ao 20% da carga de atención sanitaria
en mulleres e o 14% en homes.
En España os datos relativos a infeccións por VIH son alarmantes. No último
ano de referencia (2011) rexistráronse 2763 novos diagnósticos (segundo datos
dispoñibles en 17 CC.AA), dos cales sábese que polo menos un 53,6%
correspóndense con infeccións en HSH (Homes que teñen Sexo con Homes). Neste
grupo de poboación a incidencia por VIH aumentou drasticamente nos últimos
anos, incrementándose a taxa de novos diagnósticos en torno a un 20% en tan só
catro anos. Estes datos son opostos aos Obxectivos do Milenio para 2015, que
establecen como unha meta a alcanzar a redución á metade dos novos diagnósticos
de VIH no mundo.
A incidencia doutras ITS (Infeccións de Transmisión Sexual) tamén vai en
aumento nos últimos anos, tanto en poboación xeral como no grupo de HSH,
segundo datos do Sistema EDO de vixilancia epidemiolóxica de referencia para
ITS. En todo caso a incidencia é moito maior en HSH que no resto de grupos de
estudo, xa que constitúen 3 de cada 4 novos diagnósticos de Sífilis e 1 de cada
cada 2 novos diagnósticos de Gonococia.
Estes preocupantes datos relativos á saúde sexual en HSH son consecuencia
directa da inacción dos poderes públicos e a súa falta de responsabilidade á
hora de atallar un problema de saúde pública, neste caso no marco da atención á
saúde en HSH. Sen dúbida, esta problemática vese favorecida polas carencias en
materia de educación sexual, que en España se ve relegada ao ámbito da
educación non formal a través de intervencións puntuais, en contra do
establecido na lexislación vixente en materia de saúde sexual e reprodutiva.
As drásticas medidas que está a adoptar o Goberno central en materia de
saúde pública non contribúen a mellorar esta situación. As restricións á
atención sanitaria da poboación inmigrante ilegalizada constitúen unha medida
contraria a calquera principio de saúde pública, en canto á desatención deste
segmento da poboación repercutirá directamente na saúde e calidade de vida do resto
da poboación. Neste sentido GESIDA alerta de que, a raíz desta medida, as novas
infeccións por VIH en España poderían incrementarse entre un 10% e un 20% de
forma anual, e poderían producirse entre 27 e 50 mortes de persoas VIH só no
primeiro ano.
O Goberno central tamén é responsable da desarticulación do Plan Nacional
sobre a SIDA, ao suprimir a dotación orzamentaria correspondente, o cal deixa
sen financiamento ao Plan Multisectorial, imposibilitando así o seu
cumprimento. A consecuencia directa desta drástica medida é a desatención das
persoas portadoras de VIH e enfermos de SIDA, posto que as ONG's que viñan
prestando as atencións máis básicas non contan con recursos para o seu
sostemento e están abocadas a desaparecer, deixando á súa sorte á poboación que
viñan atendendo.
O copago sanitario sería outra das medidas que atentan contra a saúde
sexual, posto que supón a privación das persoas con menos recursos no acceso
aos fármacos e produtos sanitarios máis básicos para o coidado da saúde sexual.
En especial, vense afectados por estas medidas os pacientes VIH en relación á
adquisición de fármacos de dispensación hospitalaria.
Non máis alentadoras son as cifras de embarazos non planificados e IVEs
(Interrupción Voluntaria do Embarazo) nos últimos anos en España, onde a cifra
de abortos non parou de incrementarse ano tras ano, chegando a falar de máis de
120.000 mulleres que durante o pasado ano acudiron a interromper o seu
embarazo. Este dato non é senón síntoma de que as mulleres en España non contan
coa información e recursos esenciais para unha adecuada anticoncepción e
prevención de ITS. Segundo datos da VII Enquisa Bayer de Anticoncepción en
España, un 6% das enquisadas declararon non usar nunca ningún tipo de método de
prevención nas súas prácticas coitales, e, segundo datos do INJUVE, para o 12%
das mozas españolas a "marcha atrás" é a solución anticonceptiva á
que recorren habitualmente.
Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao
Pleno do concello de Santiago a seguinte proposta de
ACORDOS
Primeiro.- Creación dun servizo municipal de
promoción da saúde sexual, dotándoo dos medios necesarios para o seu adecuado
funcionamento. Este servizo debería contar como mínimo coas seguintes
prestacións: asesoramento afectivo-sexual desde unha perspectiva de
diversidade, atención integral en materia anticonceptiva e prevención de ITS,
así como elaboración, coordinación e implementación de accións de
sensibilización e educación afectivo-sexual no municipio..
Segundo.- Instar ao departamento municipal de
saúde a facilitar o acceso á poboación, en especial ás persoas con menos
recursos e novos, á dispensación gratuíta de preservativos.
Terceiro.- Requirir ao equipo de goberno municipal
que mostre o seu apoio e colaboración coas entidades sen ánimo de lucro que
prestan servizos ás persoas portadoras de VIH e enfermos de SIDA, suplindo
economicamente as carencias derivadas do cese de financiamento ao Plan
Multisectorial.
Cuarto.- Emprazar ao equipo de goberno a que se
sitúe favorablemente en relación ao Pacto social pola non discriminación
asociada ao VIH e o SIDA, con ánimo de promover valores de convivencia,
respecto e diversidade entre a poboación en relación á realidade das persoas
afectadas polo VIH/SIDA, como unha medida de responsabilidade social e
recoñecemento a un colectivo que día a día continúa coa loita fronte á
pandemia.
Quinto.- Reclamar ao Goberno central que
restableza a sanidade pública universal, sen excluír a ningún cidadán da
atención sanitaria, en particular á poboación inmigrante ilegalizada
Sexto.- Reclamar ao Goberno central que recorra
en todo caso ante o Tribunal Constitucional calquera intento de implantación
dun sistema de copago farmacéutico, inxusto coa cidadanía en xeral e moi
particularmente coas persoas con menos recursos económicos, a quen esta medida
moitas veces supón o cese dun tratamento determinante para a saúde do paciente.
Sétimo.- Reclamar ao Goberno central a
restitución da dotación orzamentaria para o Plan Nacional sobre a SIDA,
recollida nos Orzamentos Xerais do Estado, que permite a execución do Plan
Multisectorial e o sostemento do propio Plan e todas as iniciativas que veñen
levándose a cabo orientadas a atallar a problemática do VIH/SIDA
Oitavo.- Instar aos axentes implicados a
propoñer, desenvolver, aprobar e executar o novo Plan Multisectorial 2013-2017,
no marco do Plan Nacional sobre a SIDA.
Da presente moción darase traslado:
- Ao Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade.
- Á Consellería de Sanidade.
- Ás organizacións para a prevención do VIH-SIDA na Comunidade Autónoma.
No hay comentarios:
Publicar un comentario