O CONSELLO COMARCAL DE
ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA REITERA A SÚA PETICION DE ADIANTO DE ELECCIÓNS PARA
QUE CIDADANÍA PODA EXPRESAR O FUTURO QUE DESEXA PARA SANTIAGO
RESPETANDO A PRESUNCIÓN DE
INOCENCIA, O ESCÁNDALO CONTINUADO LESIONA A DEMOCRACIA E A IMAXE DO CONCELLO E
PEDIMOS A DIMISIÓN DE TODOS OS CARGOS PÚBLICOS IMPUTADOS EN CASOS DE CORRUPCIÓN
O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela reclama, por hixiene
democrática, que se convoquen eleccións municipais en Santiago. Debe ser a
cidadanía a que se pronuncie sobre que futuro quere para a súa cidade.
Xa temos denunciado, en diversas ocasións, as constantes vulneracións aos
dereitos cidadáns que o goberno local do PP está practicando: o peche dos
Plenos á cidadanía, a censura a actuacións en espazos públicos, a privatización
das rúas e prazas e outra medidas que son propias de gobernos totalitarios e
antidemocráticos. A todo isto, ademais, témoslle que engadir unha nefasta política
económica e social que prexudican a Santiago.
As cloacas do Concello desprenden un fedor a corrupción noxento. Os
recentes acontecementos deste 14 de febreiro demostran un raro amor da dereita
polas portas xiratorias que conectan o público co privado e que son as que
alimentan o clientelismo, os privilexios e tratos de favor dunhas estruturas viciadas e vaciadas das normas
éticas máis elementais da democracia.
As detencións realizadas hoxe de significados membros do PP local, algún presente
na corporación municipal, xunto co responsable de empresa que ten concedida a prestación
de servizos en materia de augas, asi como empresarios amigos, sitúan a nosa
cidade nun escenario de descomposición e podremia que están lesionando gravemente
a imaxe do noso Concello e que están, ademais, levando á parálise das funcións
do equipo de goberno, tal como o demostran os impagos aos traballadores e
traballadoras de SERMASA.
Dende o Consello Comarcal de EU levaremos a cabo todas as medidas
necesarias para conseguir que se faga realidade o adianto electoral que
Santiago necesita. Non se trata de “pedir desculpas” como aventurou Feijóo,
senón de asumir as responsabilidades que implica o cargo público e, ante o dano
que se está ocasionando á cidade, todos os cargos imputados nas tramas de
corrupción investigadas pola xustiza, se ben respectando a súa presunción de
inocencia, deben dimitir.
Polo ben da democracia, cómpre que a cidadanía teña voz para expresar cara
a onde quere que camiñe o Concello: se seguirmos con esta deriva, ou rachar con
estas formas de facer política e alumear un novo horizonte democrático.
No hay comentarios:
Publicar un comentario