domingo, 9 de septiembre de 2007

Esquerda Unida denuncia a anulación de axudas para as familias con menos recursos

A anunciada retirada da liña de axudas para a compra de material escolar para as familias con menos recursos supón un erro e instala no imaxinario deste colectivo social a “impresión” de que as axudas sempre van para as persoas inmigrantes. Isto aconteceu e acontece normalmente en gobernos de dereitas, coma en Madrid, onde a redución de axudas sociais é constante e confronta socialmente ás persoas máis desfavorecidas. Que o faga un goberno que se autodefine como “progresista” representa un absurdo, pero que está moi en consonancia coa mala relación que teñen socialistas (sic) e nacionalistas coa redistribución da riqueza. O peor é a sensación que se instala na sociedade, sensación á que contribúen erros coma os que hoxe denunciamos e criticamos.

A Administración Pública ten que ser cohesionadora e integradora. Esta medida non o é, desde logo. Para selo o Concello debería non só manter a liña de axudas para a compra de material escolar, senón aumentar a súa contía e conceder as axudas a tempo. Por iso, criticamos tamén a súa demora e tardanza, xa que o curso comeza a semana que vén en Educación Infantil e Primaria.

Lembremos que o material de educación infantil non entra no programa de gratuidade, que os cadernos de actividades non entran, que mesmo algunhas librarías, ante o escaso diñeiro que a Xunta destinou para 1º e 2º de Educación primaria, algún libro téñeno que pagar os pais e nais, e que material auxiliar, imprescindible para o correcto progreso no proceso de aprendizaxe, como dicionarios, atlas, etc., non entra no dito programa. Ante esta realidade, non deixa de sorprender a acción (des)educativa realizada pola area de educación do Concello de Santiago.

Para Esquerda Unida o mellor medio de non segregar, de non marcar liñas étnicas é que as axudas aumenten e se destinen a todas aquelas familias que as necesiten sexan de onde sexan.

Santiago, 9 de setembro de 2007

No hay comentarios: