viernes, 19 de septiembre de 2008

Pregunta sobre o estado das xestións para a creación da Vía Verde

Pregunta que rexistramos onte no Concello de Santiago.

********

O 9 de novembro de 2007, a nosa organización rexistrou unha moción para a creación da Vía Verde Amio-Sigüeiro. O 18 de novembro de 2007, ante a iniciativa da concellalía de Medio Ambiente de propoñer a creación de dita Vía Verde, amosabamos publicamente a nosa satisfacción, xa que entendemos que se lle debe ofrecer á cidadanía en xeral, e aos amantes do deporte e da natureza en particular, un espazo único para o desenvolvemento dun ocio non alienante, alternativo ás prácticas actuais.

Tendo en conta que xa case transcorreu un ano sen que teñamos novas sobre a execución da mesma, a agrupación comarcal de Esquerda Unida-IU realiza a seguinte pregunta para a súa resposta por escrito:

1) En que estado están as xestións para desafectar os quilómetros da vella vía de tren necesarios para a creación da vía verde?

2) Ten previsto a Concellalía de Medio Ambiente un calendario de execución da Vía Verde? Pode especificar dito calendario para que saiba a cidadanía cando poderá disfrutar desta Vía Verde?


Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2008

Comunicado de Esquerda Unida-IU sobre o Servizo Municipal de Aluguer de Bicicletas

Comunicado de Esquerda Unida-IU sobre o Servizo Municipal de Aluguer de Bicicletas



Quérese de verdade potenciar o uso da bici en Compostela ou trátase de cubrir un mero trámite?

Desde pouco antes do verán púxose en marcha un servizo de aluguer de bicicletas, pero isto non implica que se estea potenciando en verdade o uso da bicicleta como unha alternativa real de transporte. Para sabelo chega con ollar o estado da cidade e do propio servizo de aluguer.

  1. Santiago, unha cidade hostil para o ciclista

A infraestrutura en Santiago é plenamente deficiente. A existencia do carrill-bici de Fontiñas é anecdótica, sen conectividade real cos puntos estratéxicos da cidade, de tal forma que as persoas que queiran facer uso da bici para desplazárense se ven na obriga de fundirse no caos circulatorio en condicións de clara desvantaxe.

Por outra banda, non existen aparcabicis, e todos podemos ollar como as bicicletas se atan a todo tipo de mobiliario urbán, como árbores, farolas, bancos, dándose o caso de chegar a velas colgadas. Os máis precabidos debendo introducilas en portais ou lugares de traballo.

Por riba, a existencia dunha norma municipal que prohibe a circulación de bicis no casco vello converte á nosa cidade en máis hostil se cabe...mesmo para os peregrinos que, descoñecedores de tal norma, fan caso omiso e empregan o medio de peregrinación, como é lóxico, ata chegar ao destino catedralicio. Cabe máis absurdo a este respecto?

  1. A calidade das biciletas ofertadas no servizo de aluguer é moi deficiente

Despois de realizar algunhas probaturas nas bicis ofertadas constatamos que non dispoñen de cambio de catalina, como se Santiago fose unha cidade chá e non houbese nelas costas. Proben os do Concello a subir a costa da rúa das Rodas. Ademais, a adaptabilidade das mesmas ás diferentes alturas dos usuarios é precaria e se un mide máis de 1,80 pode pasalo realmente mal. O mantemento non semella moi bo, de tal forma que xa hai cambios de piñón que non cambian ou que o fan moi mal, cadeas saídas, neumáticos mal hinchados, etc..

  1. Os puntos de recollida so claramente escasos

Semella que hai persoas que merecen andar en bici e outras que non en base ao barrio no que vivan. Barrios coma o de Conxo, ou o do Castiñeiriño quedan excluídos. Mesmo, por que non?, deberíase poder chegar ata o polígono do Tambre a través dun carril bici.

Por outra banda, os puntos de recollida, agás o da estación de autobuses, non teñen marquesiña. Claro, en Santiago o tempo é clemente e case nunca chove. De aí que non sexa preciso protexer da choiva ás bicicletas.

  1. O horario de uso é insuficiente

O horario de inverno, de 9h a 18h, semella escaso.

  1. Unha fianza excesiva

A fianza que se esixe, e tendo en conta as deficiencias que xa exhibe o servizo de aluguer de bicicletas, seméllanos desmesurada.

Conclusión

Despois desta rápida ollada podemos dicir que coa apertura do servizo de aluguer de bicicletas non se pretende potenciar o uso da bici pola nosa cidade de verdade, xa que as dificultades que se lle presentan ao potencial ciclista son moi grandes. Semella máis ben que o que se pretende é engadir ao folleto turístico da cidade un apartado no que se menciona un servizo de aluguer de bicicletas.

Deberían os do Concello aprender doutras cidades como Córdoba (a pioneira en introducir un servizo público de bicicletas e ademais gratuito), que dispón de aparcabicis cada 500 metros e dunha rede de carrís-bici de 42 quilómetros. Ou mesmo de Barcelona, con 14 000 aparcabicis e 128 quilómetros de carril-bici.

Todos e cada un dos futuros pasos deberan encamiñarse por elaborar de forma participada un Plan Director da Bici integrado dentro dun Plano de Transporte Público,de Calidade e Sustentable.

Santiago, 16 de setembro de 2008