lunes, 25 de junio de 2007

O SLG trae a Martha Pérez Pineda a Compostela



Debemos felicitarnos pola presenza en Compostela de Martha Pérez Pineda, representante da Fronte de Pobos en Defensa da Terra de San salvador Atenco.

De seguido reproducimos o texto que acompaña a presentación da charla-debate que terá lugar na Galería Sargadelos o mércores 27 de xuño ás 20h.

Esquerda Unida anima desde aquí non só a simpatizantes e afliación, senón a veciños e veciñas a que se acheguen.

Cando estouraron os acontecementos que se narran máis abaixo, e que provocaron a retirada da campaña electoral do subcomandante Marcos, no noso portal nacional colgamos un comunicado de denuncia do acontecido. Hoxe, polo tanto, reiteramos o noso apoio á causa do pobo de Atenco e das restantes latitudes de México que loita simplemente polos seus dereitos, polo dereito a vivir con dignidade na súa terra.

*****

Martha Pérez Pineda, é orixinaria de San Francisco Acuexcómac,
concelllo de San Salvador Atenco, estado de México.
É psicóloga. Ten 46 anos. É representante do Frente de Pueblos
en Defensa de la Tierra ( F.P.D.T) de San Salvador Atenco.O seu pai
é ejidatario, ten unha hectárea. Participou no movemento social en
defensa das nosas terras desde o 22 de outubro de 2001.
San Salvador Atenco significa: á beira do lago.

Son pobos orixinarios ubicados na beira do ex-lago de Texcoco.

-Representa a loita pacífica dos nosos pobos.
-Lograron a victoria e recuperamos as nosas terras.
-Foron reprimidos/as salvaxemente.
-Actualmente loitan pola liberdade dos/das seus/suas presos/as políticos/as.

A finais do 2001 o pobo de San Salvador de Atenco levantouse contra o
espolio das súas terras por parte do goberno Mexicano. Como parte do famoso
Plan Poboa-Panamá, oficialmente decretábase a expropiación de máis do
80% do territorio de Atenco e case todo o poboado de Ixapan para a
construción dun novo aeroporto internacional. Decretouse o prezo de 7,20
pesos (0.5 euros) por metro cadrado (rústico ou urbanizable).


Ante o decreto o pobo de San Salvador Atenco saíu á rúa e organizouse
na Fronte de Pobos en Defensa da Terra. Non pedían un prezo mellor polas
súas terras, ao contrario esixían o seu dereito de continuar as súas vidas, de

preservar a súa cultura e as súas tradicións. Trátase de pequeno campesinado,

ejidatario (minifundio) na súa maioría. Ademais todos os informes sobre impacto
ambiental sinalaban o desastre que suporía a construción do
aeroporto. Durante o conflito o goberno mexicano presento cargos contra
moitos e moitas habitantes de Atenco. Entre eles, o de secuestro pola
retención dalgúns funcionarios.


Tras esta longa e dolorosa loita, o pobo de San Salvador Atenco gañou esta

primeira batalla e o aeroporto non se construíu. Ademais o goberno comprometeuse,

e así o fixo, a retirar os cargos, como o de secuestro ou desorde pública.
Desgraciadamente, a guerra do goberno contra os campesiños, indíxenas,
contra o pobo de Atenco, non fixera máis que empezar. En maio do
ano pasado, 2006, o movemento social do pobo de Atenco, organizado na
Fronte de Pobos en Defensa da Terra apoiaban as reivindicacións de vendedores
de flores tradicionais, quen foran expulsados do mercado local que colinda co
proxecto dun megasupermercado multinacional. Utilizando este feito como escusa (existen rumores que falan do renacemento do proxecto do aeroporto) e como un
xesto exemplar de castigo e desgaste, o exercito e a policía atacaban brutalmente
aos campesinos/as.


Un mozo de 14 anos foi asasinado polas forzas gobernamentais.
Máis de 47 mulleres foron arrestadas e trasladadas ao cárcere nun autobús.
Durante o traslado máis de 37 mulleres foron violadas e unha decena sufriron
outros abusos sexuais por parte do exército e a policía.


Brutalidade e torturas por centos de persoas detidas (29 aínda permanecen
nos cárceres) e un longo etcétera de violacións contra os dereitos
humanos foi o resultado do ataque das forzas gobernamentais. As
casas daqueles sinalados como "lideres" por un encapuchado foron
esnaquizadas polo exército. Romperon todo o que atoparon ao seu paso.
Roubaron o diñeiro e calquera cousa que consideraron de valor.

O alto tribunal de México xa ditaminou que houbo unha violación dos
dereitos humanos nos feitos de maio. Desgraciadamente as recentes
resolucións xudiciais contra as persoas presas non foron precisamente
xustas. Máis ben, todo o contrario.

Consideramos necesario denunciar estes feitos e, por iso e co lema ATENCO NON SE VENDE, unha compañeira de Atenco está en Europa para denuncialos.

Os principais obxectivos da xira desta compañeira resúmense no seguinte:


1. Denunciar a represión brutal á que se ve sometida a poboación
de Atenco, facendo especial fincapé na violación de dereitos
humanos ocorrida en maio do ano pasado.


2. Esixir á Unión Europea que rompa o seu tratado de libre comercio
con México. Xa que en devandito tratado existe unha cláusula sobre a
obrigación de respectar os dereitos humanos como condición
indispensable para a validez do acordo. Ao mesmo tempo,
denunciar as consecuencias desastrosas que devanditos acordos
de libre comercio provocan na estabilidade económica e social de
miles de comunidades.


3. Esixir a retirada dos cargos de aprehensión contra as persoas
detidas en Atenco no 2001, así como a liberación das
encarceradas durante o conflito de maio do 2006.


4. Conseguir o apoio de organizacións de mulleres para denunciar,
dentro dos movementos feministas, a violación das 37
compañeiras, así como dos abusos sexuais sufridos por outra
decena, como arma de guerra e sementa do terror. Unha estratexia
que intenta desgastar e destruír o movemento social, atacando con
especial vehemencia e brutalidade ás súas mulleres.


5. Ademais do apoio político, é necesario nestes momentos un
apoio económico, que permita á fronte de Pobos en Defensa da
Terra facer fronte aos pagos do equipo de avogados que se ocupan
da defensa tanto das persoas presas como daquelas
que se atopan en "busca e captura" con ordenes de aprehensión
do 2001.


6. Un último punto importante, é a necesidade da maior
visualización posible, a través dos medios, así como contactos
con organizacións de dereitos humanos, que sexan de apoio á
compañeira que vén de Atenco. Ela é unha das vítimas da
represión, e atópase acusada de secuestro durante o conflito
do aeroporto. Unha acusación de secuestro que carece de "
secuestrado".
Pero por esta acusación podería ser condenada
a máis de 20 anos de prisión.

14 horas de apertura...conciliación familiar?

Un centro infantil vai abrir a petición de pais e nais 14 horas ao día... Asusta o horario. Loxicamente o argumento empregado foi que se "facilita" a conciliación familiar...UNHA FALACIA MÁIS. Atrevéronse ditos pais e nais a solicitar aos seus xefes e patronos unha redución da xornada laboral?
***
Outra. Resulta que hai lugares -prefiro [é unha noticia persoal] obviar nomes reais- onde os pais e nais se queixan -ás veces aos equipos directivos, ás veces a quen realiza as tarefas de titoría, ás veces á persoa que leva o dpto de orientación- de que non coñecen aos seus fillos e fillas, que non poden con eles....
***
Tamén resulta que hai lugares onde os pais e nais apoian por riba de todo ao seu fillo/filla...mesmo se é claramente autor/a dunha falta grave de disciplina. Defensa que exercen acusando ao profesorado...diante do propio alumnado.... contribuíndo desta forma a reducir a autoridade do profesorado e a aumentar as accións incorrectas dos seus fillos/fillas.
***
E tamén hai centros nos que algún ou algunha docente, farto/a de que o chamen ao seu portal, farto/a de que o/a insulten, farto/a de ver pintadas...decide actuar e...oh! mein god! Mont Joie! Pais e nais de forma lóxica....van tamén contra el/ela... Pouco importa agora, polo menos a ninguén semella importarlle que este ou esta docente estea de baixa por depresión. Claro, será culpa del ou dela, pensará algún desaprensivo que de todo hai.
***
E volvemos ao inicio desta reflexión anoxada na que silenciamos e ocultamos nomes e lugares, pero que fala de casos reais.

Por iso, partimos do berce, do futuro: haberá algún caso no que o/a neno/a pase máis de 10h no centro infantil? Non debería poñerse no regulamento un tope de horas para as crianzas? Cando este neno/a pase ao colexio...as súas horas aumentarán cunha innecesaria como custosa pasantía...e se ningunha hormona desata algún sentimento de desarraigo, de desestruturación....medrará quizais de forma axeitada...quizais.

E como se suple a ausencia de horas, de conversas, de relación.....co consumismo, quizais? comprando un mp3, un ordenador persoal na habitación, un móbil???

Xa me dirán, é simplemente unha reflexión anoxada polo que vexo día a día, polo que se comenta..., pero, para rematar,

quen é o gran conciliado nesta ofrenda de horas?
De verdade me poden dicir que é a FAMILIA (entendendo por familia unión do tipo que sexa de persoas que conviven baixo un mesmo teito)? Entón, nese caso, eu, xa non entendo nada.

Dicía un filósofo, analizando a situación familiar hoxe, que ninguén está con quen debería/desexaría estar....por motivos laborais. Se seguimos así, será aínda moito peor.







A

lecturas que interesan...A espada de Damocles sobre as persoas

Ola compañeiros e compañeiras

As lecturas elaboradas desde unha perspectiva non alienada e dominada polo discurso do poder sempre son de agradecer e son benvidas. É o que acontece neste caso co nº 2 do suplemento Altermundo editado o último domingo de cada mes por Galicia Hoxe e tamén coa obertura a cargo de Lupe Ces no Tempos Novos do mes de xuño. Recomendables nesta revista os contidos e análises sobre o caso Reganosa.

*****
A propósito, cómpre amosar a nosa tristeza pola morte de soldados españois nun conflito que, coma sempre, é unha misión de todo menos de paz. Misión de paz é sen dúbida un dos grandes eufemismos do discurso bélico actual. E unha falacia. E compre seguir insistindo na absoluta inmoralidade das guerras que se manteñen en medio mundo por intereses unicamente económicos e xeoestratéxicos.
*****

E seguiremos coa dúbidas que nos veñen da polarización mediática e discursiva sobre os asuntos políticos. Así, vivimos tempos de máis sombras que luces. Son tempos de mergullo unicamente para os máis preparados -esta vida faría as delicias de Spencer- xa que, doutro xeito agárdanos unha morte segura baixo esta enorme auga de palabras e argumentos. Unha masa que insiste unha e mil veces en facerlle ver á sociedade que todo é branco ou negro. Isto é, xa comezan a quencer os motores da retórica baleira de contidos para dicirlle ao pobo español que o futuro pasa por optar entre PSOE e PP. Claro está, a construción da metáfora está tan mal lograda pero tan ben difundida que Zapatero pasa por ser un símbolo da progresía...de esquerdas (sic). E para demostralo nada mellor que o relanzado Tratado Europeo, onde as reunións de presidentes debuxan a faciana verdadeira da política actual....e así Zapatero departe amizosamente con Sarkozy, mentres os irmáns xemelgos -auténticos devotos do conservadurismo máis rancio e de voltar ás catacumbas da folsa moralidade- converten en ferro todo o que tocan. Europa? Que Europa, dicimos nós? Cabería mesmo preguntarse se non somos un satélite norteamericano e preguntémoslle aos nosos mozos e mozas que música escoitan e que cine ven...

Europa? Que Europa? Hai, no entanto, un sendeiro...pouco ou mal transitado por desinterese, e xorde da seguinte pregunta -"con mala leche", hai que dicilo-: que ten en común a clase precarizada e traballadora de Francia coa clase acomodada de España? Que ten en común a persoa máis adiñeirada de Alemaña coa persoa obreira que traballa 12 ou 14 horas para gañar un salario miserento e escaso?

A quen lle beneficia a imaxe da actual Europa?

Mal vai ir Europa así....cando se elabora un texto de novo de cóstas ás persoas que vivimos en Europa. Pero o caso é colalo como sexa... e faranno se non nos mobilizamos. Xa dixo Zapatero que non someterá a consulta o novo texto que saia deste perigosos cónclaves. Así é a democracia, así se constrúe a Europa Social...sen contar para nada con nós.

Perigosa espada de Damocles asoma. E cando os tipos de interese aumenten, e cando se enroque a situación laboral en España, e cando os medios sigan coa tendencia polarizada, e mentres os políticos sigan ollando para outro lado....os feitos xa serán dabondo alarmantes: buscarase ao culpable no OUTRO, no DIFERENTE. E só agardamos equivocarnos.

miércoles, 20 de junio de 2007

Patrimonio e capitalidade....o Camiño de Santiago en perigo

A Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago fixo un chamamento para que non se execute a construción do polígono industrial do Concello de O Pino. Un polígono do que se calculan un millón de metros cadrados e que, ao que parece, vai borrar máis dun quilómetro do Camiño de Santiago entre Amenal e a rotonda de Lavacolla.

O Camiño de Santiago é Patrimonio da Humanidade e, como tal, goza de protección. Se é verdade o que a citada Asociación comunica estaríamos ante un feito grave.

Cómpre, en calquera caso, seriedade e coherencia. Non pode ser que esteamos afeitos a campañas publicitarias que enxalzan as excelencias do Camiño de Santiago para logo ter que denunciar unha situación como a que hoxe se comunica aquí.

Máis aló dos gustos particulares de cada quen, o Camiño, se se respectara a súa dimensión, debería ser e conservarse como unha enorme arteria verde. Loxicamente, na dinámica do capital -aí entra como en tantos outros eidos a contradición do capital-o Camiño vai máis aló do enfoque espiritual e relixioso: e penetra con insistencia na dinámica mercantilista. Esa propia dinámica é, curiosamente, a que fai do Camiño reclamo publicitario e agora carne para o cemento.

Nesta dinámica, é preciso dicilo, o que fai o Concello de O Pino repercute de forma directa na globalidade do Camiño, sobre todo na visión que dará dito Camiño alén destas terras como xa está acontecendo con ducias de mensaxes que nos chegan de América e de diversos puntos da Península.

Pero, ademais, afectará, de consumarse, a imaxe que debe ter o Camiño de Santiago para a cidade que é meta e destino de calquera peregrinación.

Cómpre, insistimos, seriedade e coherencia e, dunha vez por todas, pensar que desenvolvemento non vai asociado de forma inequívoca a arrasar o noso Patrimonio. Non se pode optar por un modelo que manteña intacto e protexido o treito do Camiño de Santiago ao seu paso polo Amenal?

A Capitalidade, se temos que crernos as palabras da Corporación recentemente constituída, conleva un modelo de desenvolvemento que será respectuoso co medio ambiente...., é preciso continuar?

lunes, 18 de junio de 2007

U-lo documento de acordos?

Tras a constitución da nova corporación, a que debe guiar os pasos de Compostela ata o 2011, quedan claras algunhas premisas:

a) trátase de conseguir áreas de poder para poder "presumir" da xestión exercida nelas ao cabo de 4 anos;
b) trátase de negociar ditas áreas.;
c) trátase de non facelo sobre un documento programático, senón non ten sentido que non teñamos acceso a el coa debida facilidade e transparencia.

Se se artella un documento programático uniforme, por que tanta teima con conseguir tal ou tal área? Se temos un documento base que unifica a nosa acción, por que dicir que renunciamos? Se creamos unha forma común sobre a que construir os alicerces da nova Compostela, por que dá a sensación de que importa antes dar o golpe "partidista" desde as áreas de cada quen?

As reunións de traballo para acadar o pacto deberon ser "durísimas". Doutra forma non se entenden as palabras de Bugallo, que debeu experimentar sensacións próximas a un casus belli, cando di que "ás veces hai que pagar un prezo para acadar a paz". Agardemos que a acaden para ben dos e das compostelás. Pero, a que prezo uns e outros artellaron o programa de acción conxunta? Que primou? A porción de tarta máis suculenta posible?

Por iso, ante a dúbida, ante a falta de información, desde Esquerda Unida preguntámonos cales foron os puntos programáticos que permitiron o reparto das áreas e conformaron o compromiso de unidade. Ou é que se fixo primeiro un reparto da tarta de poder e logo o acordo de programa?

Os veciños e veciñas de Compostela merecen saber de forma alta e clara todos e cada un dos puntos programáticos que PSdG e BNG asumen como proxecto global.

Desde Esquerda Unida emprazamos ao novo equipo de goberno a que faga público o documento programático que impulsará o seu traballo durante estes 4 anos. Desde Esquerda Unida someteremos a seguemento constante e permanente dito programa, porque, desde logo, a poboación compostelá non merece 4 anos máis de incumprimentos sistemáticos.

sábado, 16 de junio de 2007

As palabras reflicten os pensamentos

As palabras de Conde Roa sobre a identidade e personalidade da ministra de Fomento inciden e reflicten que o nivel político está por debaixo do nivel desexado e desexable. E non é que, como dicía Touriño, que estas palabras "marimacho" non deberan ser nunca pronunciadas...é que non deberan ser pensadas e menos por unha persoa que se autoproclama política, democrática, e representante dun pobo.

Pero así estamos. Quizais porque queremos. Esta persoa vai estar na corporación compostelá e preguntámonos de que forma traballará polas políticas de igualdade coa filosofía que demostrou. Pero o máis lamentable é non ver ás mulleres do PP compostelán e galego saír ao paso de tan lamentables declaracións.

A política está por debaixo de calquera perspectiva agradable co que temos no noso concello. De aí, loxicamente o 43% de abstención. Ninguén se pregunta por este elevado número. Ninguén ten en conta este espectro de poboación. Ninguén dos que están na institución.

Sobre as tácticas e estratexias dos imperios económicos

Hoxe, en Galicia Hoxe, páxina 9, publícase unha reportaxe que saudamos como acertada -era hora- sobre "a outra cara do 'imperio zara' en Asia: soldos pobres sen permisos". Un titular que contrasta de forma valente con aquel outro que proclamaba ao dono do Imperio como un home feito a si mesmo....sobre os salarios de costureiras galegas....e agora sobre o de tantas outras de Asia e outros eidos...deslocalizados.

Os 37 euros que gañan as cambodianas, con contratos bimensuais, cunha mellora salarial de só 10 euros en 7 anos, indican de forma moi clara -é tan só un dos aspectos- como se pode ser un imperio económico.

"os contratos lixo e sen prestacións sociais son unha evidencia e é case imposible negociar as melloras"... sobran comentarios. A acción sindical quere silenciarse e é o mellor camiño para facer o que realmente desexan facer os grandes imperios: conseguir as máximas marxes de beneficios posibles do produto elaborado a partir do incremento da carga de traballo, da rebaixa salarial, da negación de dereitos e permisos, do non control do tipo de contrato e de despido, en definitiva de facer todo o posible para que as condicións de traballo sexan aceptadas pola clase traballadora como única vía de levar algo de xantar ao domicilio. Niso consiste a deslocalización empresarial, xa que, pensemos, se esas costureiras traballasen en Galicia...o salario sería superior sen ser o que debera ser...a onde van parar os euros de marxe que gañan por deslocalizar a produción téxtil?? Reverten na mellora das condicións de vida da clase traballadora? (NON) É a demostración do que David Dusster describía como Esclavos Modernos. Las víctimas de la Globalización (Ediciones Urano, Barcelona, 2006) nun libro tan acertado como ilustrativo.

A canto se vende a roupa que entra nas tendas de Zara de Galicia e España servida por uns provedores "collidos" e realizada por persoas que gañan 37 euros ao mes????

Lean e vexan a nova porque non ten desperdicio. Saudamos o enfoque social e de defensa da clase traballadora...sexa esta de onde sexa.

E a pregunta final que deixou o sindicalista Athit Kong é das máis acertadas: "por que os medios nunca falan mal de El Corte Inglés?"

Que ollen para as súas propias tripas os que teñen o Cuarto Poder e verán emerxer a resposta de forma tan clara como que tampouco se critican outros imperios como Repsol, Telefónica e un longo etcétera empresarial (no que poderiamos incluir ACS, Fadesa, Reganosa...).

Con que se mantén a edición dos xornais?

Saúde e boa reflexión

sábado, 9 de junio de 2007

VACANTES NOS CENTROS DE ENSINO PÚBLICOS DE COMPOSTELA

Comeza a ser preocupante a tendencia que se reflicte -un ano máis- como a máis seguida por pais e nais dos e das compostelás en idade escolar: acollerse a un centro de ensino privado, mantido con fondos públicos.

De primeiras, e ante a nosa firme defensa dun ensino público, laico e de calidade, cómpre que digamos que algo se está facendo mal desde o público para que esta tendencia non se invirta. E neste "facer mal" están implicadas as administracións públicas: desde a autonómica ata a local.

Os centros públicos semellan desarmados ante a dobre vía de financiación dos centros privados. Desarmados porque non poden ofrecer os mesmos servizos complementarios. Cómpre, xa que logo, que o Concello artelle un Plan Director de Servizos Complementarios para que a pública non se vexa, aínda máis, devaluada na súa dignidade.

Ollamos na prensa algúns argumentos lexítimos de pais e nais: que ante o tipo de xornada da pública e ante o horario laboral que eles e elas tiñan, non lles quedaba máis remedio que procurar un centro que teña xornada partida e comedor escolar. Está ben, pero que, por favor, non lle chamen a isto conciliación da vida laboral coa familiar, xa que, se se trata de estar máis tempo cos seres queridos, co que hai hoxe é ....IMPOSIBLE.

Seguimos errando e o ex valedor do pobo, se non nos equivocamos, alertou de que os horarios actuais estaban "machacando" a mulleres e nenos. Nós pensamos que esnaquizan a todos e todas por igual e que o único que se está potenciando é a incomunicación xeracional de forma contínua.

Por iso, cómpre facermos dúas cousas:

1) que a administración pública local se implique cada vez máis na oferta de servizos complementarios para dignificar os centros públicos e que podan ofrecer os mesmos servizos que a privada.

2) reducir a xornada laboral. Non se trata, como pensan de forma errada algúns pais e nais, de aumentar as horas de escola, senón de aumentar as horas de convivencia común, de formación e educación. Senón, sinceiramente, nestas condicións de distancia, de incomunicación, de prolongación da xornada laboral e da escolar...as persoas deberían repensar que significa ser pai e nai.

O tempo, hoxe, é un ben tan prezado que serve para alimentar as diferenzas de clase. Isto tradúcese a todos os eidos da vida. Mesmo a política está distanciada da clase obreira por imposibilidade de horarios. A participación en política, a educación e formación dos descendentes, o simple disfrute dun tempo libre no día a día, ben merecen que todas as organizacións políticas asuman a función primaria de reducir as distancias, de reducir o afastamento de pais/nais e fillos/fillas, de reducir o afastamento entre seres queridos, de reducir o muro de silencio e de laios que pón ante as persoas a actual organización da xornada laboral.

domingo, 3 de junio de 2007

Esquerda Unida denuncia o enfoque urbanístico dado ao polígono 4 de Fontiñas

Unha vez máis demóstrase que Fontiñas vai perder de forma absoluta todos e cada un dos espazos verdes naturais que lle quedan. Para Esquerda Unida o esencial é que os veciños e veciñas poidan participar no deseño do barrio e, sobre todo, para que se faga unha avaliación das necesidades reais para o mesmo. Isto, hoxe, co goberno saínte e co entrante, é e será unha entelequia.

Esquerda Unida repara en que non se fai nada por humanizar o barrio no seu conxunto, senón que só se procura reurbanizar o rueiro central que leva á superficie comercial e procurar novas construcións. A nosa organización pon énfase en que:

Todas as rúas do barrio precisan dun plan de humanización, xa que as beirarrúas están todas esnaquizadas pola plantación errada de árbores non adecuadas polo medre das súas raíces.

O barrio quedou sen campo da festa debido ao cambio de planificación inicial na rúa Madrid, quedando sepultado para sempre e inutilizado un enorme depósito que recollería as augas de manantío e pluviais para o rego das zonas axardinadas (debaixo de onde se está construindo a ludoteca).

Que dotacións sociais contempla este proceso urbanizador? Unicamente vivendas? Saben os do Concello que xa hai vivendas baleiras en Fontiñas?

O barrio precisa dun centro de calidade para as persoas maiores que sirva de punto de encontro, de información e atención social, de centro de Día, e precisa tamén un espazo verde sen pendentes, con espazo para xogos, de petanca (por exemplo), para o encontro interxeracional.

Os contedores de todo o barrio deben ser soterrados e debe aumentarse o seu número tendo en conta o aumento urbanístico e o remate da rúa Dublín.

Un carril bici desconectado dunha rede global que abranga á cidade non serve para o uso que debe ter: ser un medio de transporte ecolóxico. Para Esquerda Unida, isto pasa por elaborar un Plan Director da Bici, integrado dentro dun Plan de Transporte Público de Calidade e Sustentable, realizados de forma participativa. Que servizo pode facer un carril-bici desconectado??

Non se trata de deseños modernistas, senón da calidade de vida, de unir forma a contido. Hoxe, como é habitual, neste Concello "postmodernista", a forma quere agochar unha deficiencia de contidos sen logralo. Esquerda Unida lamenta que desapareza a perspectiva social e global para o barrio de Fontiñas.

Santiago, 3 de xuño de 2007

sábado, 2 de junio de 2007

A ría non é de Reganosa


Anímovos a ollar este portal de información desde as terras de Trasancos, onde está colgado o video que reflicte o que aconteceu o 30 de maio en Ferrol: www.trasancos.blogspot.com/

A solidariedade debe trascender sempre os límites administrativos dun Concello e máis neste caso, cando, como é habitual nesta terra, a política de feitos consumados pretende darlle o poder da razón a quen non a ten: a ría non é de Reganosa.

A beira mugardesa onde se asentou a planta de gas foi perdendo habitantes a través de dubidosos movementos de compra de casas exercidos pola empresa gaseira.

Ante un posible -nunca desexado- accidente dun gaseiro, por exemplo, ou dun accidente na propia planta, a ría e as persoas que viven nelas....que lles pasaría? preguntáronse algunha vez iso os artífices da súa instalación no interior da ría?

Outra ubicación era posible certamente, por que non se fixo?


Estase privatizando un espazo natural e público. E esta privatización vai beneficiar a un imperio empresarial, xa que mesmo a clase traballadora dedicada ao marisqueo terá que interromper o seu traballo logo da entrada na ría dos gaseiros. De seguro que existirá, na cabeza de políticos e empresarios pouco concienciados, a idea de que pagando un importe polos días de traballo non realizados as manifestacións deixarán de existir....quizais nunha analoxía non moi lonxana co que aconteceu co Prestige. Nós coidamos que se equivocan: este é simplemente un dos aspectos afectados, xa que por riba de todo está o dereito á saúde, a vivir sen temor, á prevención.

A procura da rendibilidade económico-empresarial non pode estar por riba da prevención e da seguridade medioambiental e persoal.

Mañá, domingo 3 de xuño, os veciños e veciñas da ría, en convocatoria do Comité Cidadá de Emerxencia, apoiados seguramente por veciños e veciñas doutras bisbarras, diranlle á clase política e á clase empresarial: non á planta de gas no interior da ría de Ferrol!!

viernes, 1 de junio de 2007

AS ESCOLAS UNITARIAS DEBEN MANTERSE

Desde Esquerda Unida alegrámonos da rápida reacción do Concello -a través de Elvira Cienfuegos- ante o anuncio de que pecharía unha escola no rural, concretamente en Rial. En Compostela aínda se manteñen 6 unitarias e o seu mantemento debe estar por riba de numeroloxías absurdas e outras chanzas económicas, xa que a súa función social debe impoñerse como único criterio.

O rural precisa dun urxente paquete de medidas de reactivación (entre elas a de dignificar o traballo agrogandeiro) e, desde logo, precisa que as escolas unitarias se manteñan abertas. Debe ser a educación, en tanto que dereito esencial universal e gratuito, a que vaia cara o rural e non o rural cara a educación. É un medio imprescindible para asentar poboación no rural.

Pero, ademais, é preciso, para cohesionar sociedade e territorio no noso Concello, poñermos en marcha un proxecto de desenvolvemento global do rural (véxanse as propostas de Esquerda Unida no seu programa para as eleccións do 27 de maio).

Non permitamos máis a paseniña degradación do noso agro, dos nosos montes, dos nosos praos. A mellor maneira é voltalos produtivos -atendendo, claro está, ao equilibrio e á sustentabilidade-.