jueves, 30 de agosto de 2007

Esquerda Unida denuncia a connivencia de Sánchez Bugallo coa “Cidade da Cultura”

A Cidade da Cultura é un auténtico despropósito, unha enorme lousa. Pero semella que este despropósito reconforta ao alcalde de Santiago, Sánchez Bugallo. Quizais marabillado pola magnificencia que lle contaron tiñan os proxectos faraónicos. De menos é para o alcalde que xa se leven gastado case 400 millóns de euros. De menos, para o alcalde, son as declaracións dunha persoa autorizada coma o arquitecto alemán, Wilfried Wang, que anuncia un gasto aínda de 200 millóns máis, se seguimos co proxecto inicial de Eisenman. Se a isto lle engadimos os gastos de funcionamento e mantemento anuais (grosso modo 50 millóns anuais), resulta anoxante a frivolidade coa que quere pechar o asunto Sánchez Bugallo. De menos para o alcalde é o informe do Consello de Contas. De menos é a realidade dos feitos.

E é que todo este diñeiro, en primeira instancia, é o diñeiro de todas as persoas que construimos Galicia e ben merecemos un respecto e unha mellor utilización do noso diñeiro público. Proporcionalidade, coherencia, transparencia e equilibrio son esenciais e primordiais, sobre todo cando ollamos preocupados as enormes eivas aínda existentes en materia de educación, de sanidade, de servizos sociais e outros servizos públicos coma o transporte.

Por iso, cando o alcalde de Santiago, Sánchez Bugallo, pide que ollemos cara ao futuro no tocante á Cidade da Cultura, pídelle á sociedade compostelá e galega que deixe facer á Gran Política. Sánchez Bugallo quere que a sociedade sexa unha simple espectadora, pasiva, e pídelles que permitan que a Gran Política hipoteque o seu futuro. Esa é a verbigracia de Sánchez Bugallo.

Esquerda Unida, pola súa banda, defenderá e animará as accións cidadás destinadas a parar o enlousado de diñeiro público no Monte Gaiás. Porque é necesario.

Santiago, 30 agosto 2007

"Dereitos palestinos á sombra do Muro"

hora inauguracion-roda de prensa:
30 DE AGOSTO, ÁS 18,30 HORAS
Organizada por:
Asociación Cultural Fuco Buxán e a ONG ACSUR - Las Segovias
coa colaboración da Fundación Araguaney
Exposición Fotográfica
"Dereitos palestinos á sombra do Muro"
Exposición que amosa os efectos que ten para a poboación palestina
o Muro que Israel constrúe nos territorios ocupados.
Inauguración
30 de agosto de 2007, 18.30 horas,

Con:
Isaac Díaz Pardo,
Ghaleb Jaber Ibrahim
(Presidente da Fundación Araguaney)
Manuel A. Rodríguez Carballeira
(Presidente da Asociación Fuco Buxán)
Conferencia: 6 de setembro, ás 20 horas,

Presenta:
Manuel A. Rodríguez Carballeira
(Presidente da Asociación Fuco Buxán)
Interveñen:
Mohamed Safa
(OLP)
Xosé Sánchez Bugallo
(Alcalde de Santiago de Compostela)
Jordi Pedret i Grenzner
(Vicepresidente de ACSUR, Deputado do PSC e Voceiro do Intergrupo para Palestina do Congreso)
A exposición estará desde o xoves 30 de agosto ao sábado 8 de setembro, ambos incluídos.
Por semana de 18.30 a 21 horas, e os sábados de 12 a 14horas.

miércoles, 29 de agosto de 2007

PLATAFORMA CIDADÁ "CULTURA SI, MAUSOLEO NON"

Hoxe, ao mediodía, presentouse á sociedade galega, perante os medios de comunicación, a Plataforma Cidadá "CULTURA SI, MAUSOLEO NON". E fíxose na rotonda que dá acceso ao exendro denominado Cidade da Cultura.

Dita plataforma está constituída por persoas cansas dos enganos e do continuismo practicado polo Bipartito no tocante este feito.

Hoxe, léuse o manifesto que expón cales son os seus únicos e principais fins e a tales efectos recomendamos a lectura no enlace que ofrecemos neste blog.

Se estás canso ou cansa de que a Gran Política nos tome o pelo, cansa ou canso de ver como moito diñeiro público, que tanta falta fai en moito eidos da nosa vida para termos benestar, se volatiliza en prácticas clientelares e nepotismos culturais e (pseudo)intelectuais....PARTICIPA!!!

sábado, 25 de agosto de 2007

As mulleres son as únicas vítimas, os explotadores tan contentos

O Consello Comarcal de Esquerda Unida desexa facer público o seu malestar e indignación polas consecuencias das recentes redadas en dous locais de alterne de Compostela e Bertamiráns. Malestar e indignación xa que o “castigo” para as mulleres atopadas en situación administrativa irregular foi o de abrir un expediente de expulsión, para que recaian, de novo e unha vez máis, nas mesmas redes de trata de persoas que as trouxeron.

Mentres, os responsables dos locais, os explotadores, ou cando menos os que se lucran, tiñan que, unicamente, facer fronte a unha multa de 6000 euros por cada unha das persoas en situación irregular. Iso é o que vale a vida dunha persoa para as autoridades españolas.

A esta agrupación comarcal gustaríalle saber se, cando menos, os explotadores pagaron dita multa para que, cando menos o local de Bertamiráns, xa estea desde hai uns días de novo aberto.

Vése claramente que para os explotadores a sanción económica é unha “ganga” e que as mulleres prostituídas son vítima por partida dobre, vítimas das redes de trata de persoas e da explotación sexual e vítimas da absurda e inhumana Lei de Estranxeiría levada a cabo polo goberno socialista. Inhumanidade que se confirma co Protocolo previsto por Interior onde se permiten prácticas que atentan contra a dignidade das persoas e que sitúan ao noso páis no sendeiro das prácticas dos Estados Unidos e nos afastan dos parámetros dos Dereitos Humanos, hoxe, máis que nunca, no saco dos intereses neoliberais dos países ricos.

Cómpre rematarmos coa hiprocrisía xeral que acompaña ás palabras dos nosos gobernantes e que, dunha vez por todas, se procure unha solución “humana” e integradora para as persoas sometidas a estas redes e a esta explotación. E, desde logo, as sancións para os explotadores deberían ser moito máis severas.

viernes, 24 de agosto de 2007

Para Esquerda Unida o Concello debe ser garante e prestador de servizos públicos

“El Concello está concebido para gestionar bienes, no prestaciones como las de servicios sociales que exigen soluciones a problemas de corto plazo y que precisan agilidad en la gestión y capacidad para obtener recursos por vías diferentes a las del presupuesto municipal”

Ante estas declaracións de Mar Martín, responsable da área de Benestar Social, sobre a función do Concello como organismo, a pesar de que obedecen a unha clara estratexia da política tanto socialista (sic) como nacionalista, non deixan de resultar, para nós, erradas no seu fundamento.

En Esquerda Unida temos moi claro que o que a cidadanía escolleu o pasado 27 de maio foi aos seus representantes na Casa do Pobo. E o fai, non para que se efectúe unicamente un reparto de diñeiro por áreas, senón para que estes representantes leven ás súas vidas a consecución da igualdade de oportunidades entre todas as persoas e trasladen aos fogares un pouco do celebrado (pero debilitado) Estado do Benestar.

De todos os entes públicos responsables (fondos europeos, Estado, Nación, Deputación e Concello), o Concello é o máis próximo na vida cotiá dos veciños e veciñas. Por iso, aspectos coma un transporte público eficaz e eficiente, un ensino público nivelador e integrador, unha cultura accesible para e de todos e todas, o fortalecemento da sanidade pública, e o fomento da corresponsabilidade veciñal na adopción de decisións, entre outras, son parte integrante da tarefa directa que debe levar a cabo o Concello. Entre esas outras tarefas está a de dotar ao Concello duns Servizos Sociais fortes, integradores, niveladores, que tendan á universalidade...se realmente son o Cuarto Píar do Estado de Benestar, como se afirma desde o poder establecido hoxe.

Non eliximos simples técnicos ou xestores de bens, para iso convocaríamos unha oposición para que se demostrase o mérito e a capacidade das persoas. Escollemos ás persoas que mellor –ou polo menos esa é a vana esperanza- van incarnar na Casa do Pobo a defensa dos intereses e dereitos do Pobo.

O Concello é, xa que logo, o primeiro garante e prestador de servizos públicos. 88 concellos galegos experimentan nas súas rúas hoxe o que significa privatizar / externalizar un servizo básico coma o da recollida do lixo. E logo ven o “bombeiro” (Xunta) a apagar o lume creado unicamente polos Concellos ao privatizar o servizo.

Pero, non é de abraio, xa que, no fondo, a visión da concelleira non deixa de ser mercantil e empresarial. En consecuencia, dubidamos moito do carácter de servizo público dese Instituto/ Fundación “axil” e con “capacidade”. Mediante que máxicas vías acadará diñeiro unha entidade verdadeiramente pública e que non puidese conseguir de forma directa o Concello? Ao final, veremos a quen lle botará a culpa o Concello cando a promoción da autonomía das persoas en situación de dependencia estea sen desenvolver. Perigosa visión a que nos traen os “xestores de bens” que non son quen de achegar solucións a curto prazo aos retos sociais que está presentando este inicio de século XXI.

24 de agosto de 2007

jueves, 2 de agosto de 2007

CURSOS DE GALEGO E DE CASTELÁN PARA INMIGRANTES E EMIGRANTES RETORNADOS

Compañeiros e compañeiras
desde a rede do Foro de Inmigración chéganos esta nova que interesa ás persoas inmigrantes e emigrantes retornadas.

Unha aperta, un saúdo para todas as persoas que fixeron posible que Esquerda Unida dése o estirón que deu nas eleccións municipais. Desexámosvos un feliz lecer e repouso.

Xabier Ron
Coordinador Comarcal

*****
O Concello de Santiago de Compostela, a través da Oficina Municipal de Atención a Emigrantes e Inmigrantes, vai poñer en marcha senllos cursos gratuítos de galego e castelán, dirixidos a emigrantes retornados e inmigrantes.

Pregamos deades a máxima difusión posible entre o colectivo de retornados e inmigrantes, para que tódolos posibles interesados fagan unha preinscripción con data límite do 7 de setembro, con motivo de que se poda adpatar a programación ás necesidades dos demandantes destes cursos.

A preinscripción nestes cursos farase nas dependencias da Oficina de Atención a Emigrantes Retornados e Inmigrantes do Concello de Santiago, sita na rúa Camilo Díaz Baliño nº 15 (enfronte da estación de autobuses), en horario de 9:00 a 14:00 horas.