jueves, 31 de enero de 2013

Prohibición entrada Plenos



O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA MANIFESTA QUE POR SEGUNDA VEZ SE IMPEDIU A ENTRADA AOS SEUS REPRESENTANTES AO PLENO ARGUMENTANDO QUE O AFORO ESTÁ COMPLETO

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA DEMANDA A TOMA DE MEDIDAS PARA EVITAR ESTAS SITUACIÓNS E QUE A CIDADANÍA, SE O REQUIRE, PODA SEGUIR O TRANSCURSO DOS PLENOS MUNICIPAIS.

Os representantes do Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, Xabier Ron e Vicente Vázquez, non puideron asistir nin ao Pleno extraordinario nin ao ordinario celebrados no Concello.

Tal e como ocorrera en decembro, a policía, argumentando que o aforo do Pleno estaba completo, prohibiu a entrada ao Pleno público do Concello a todas as persoas que o solicitaban.

Tamén, tal e como ocorrera en decembro, houbo protestas cidadás na Praza do Obradoiro. Nesta ocasión á hora do Pleno extraordinario, 16:30, onde o alcalde debía dar explicacións sobre as súas imputación, houbo unha concentración ás portas do Concello contra a corrupción, e ás 17:30 cando empezaba o ordinario había unha protesta das persoas afectadas pola estafa das preferentes.

Sendo verdade que hai medios de comunicación que informan do ocorrido nos Plenos, tamén é certo que é unha visión parcial do mesmo, tanto porque se resume o alí falado como porque non se informan de todos os puntos da orde do día tratados, e, como sucede co traballo que o Consello Comarcal queremos facer, hai persoas que requiren seguir os Plenos integramente.

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela esixe que o goberno local do Partido Popular debe buscar solución a máis que patente demanda da cidadanía de poder asistir, tal e como se recoñece no regulamente, aos Plenos

Por tal motivo, como medida inmediata factible de facer, pedimos que se realicen as xestións necesarias para que, nos casos nos que sexa verdade que o aforo está completo, a través dun circuíto de vídeo se poida seguir os Plenos noutras estancia do Concello.

jueves, 24 de enero de 2013

Xestión pública garderías



O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA REITERA A SÚA LOITA POLA REMUNICIPALIZACIÓN DOS SERVIZOS PÚBLICOS PRIVATIZADOS.

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA CRITICA A NOVA LICITACIÓN DA XESTIÓN PRIVADA DAS GARDERÍAS DE CONXO E FONTIÑAS.

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela defende a remunipalización dos servizos públicos que o Concello, tanto co PSdeG como co PP, privatizou.

Nesta ocasión, dende o Consello Comarcal de EU, opoñémonos ao anuncio feito polo goberno local do PP de perpetuar a xestión privada das garderías de Conxo e Fontiñas, que ata o de agora era levada a cabo por Sermasa.

Reiteramos, como co caso de Urbaser, que unha vez que rematen as concesións a empresas privadas de servizos, que sempre deberían ser de titularidade e xestión pública, o Concello ten a obriga de realizar as xestións pertinentes para a súa remunicipalización e conseguir con elo tanto a mellora na prestación do servizo –por velar polo beneficio da cidadanía e non polo lucro privado- como a necesaria garantía laboral en dereitos e remuneracións para os traballadores e traballadoras.

No tocante ás concesións cuxa data de remate non se atopa cerca, dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela defendemos a elaboración dos estudos pertinentes para conseguir o antes posible a súa remunicipalización.

Por tal motivo opoñémonos á prórroga concedida á empresa privada Geriatros para xestionar o Servizo de Axuda no Fogar que, unha vez máis, supón o emprego de cartos públicos para o beneficio privado.

Coa remunicipalización e a implantación de mecanismos de control cidadá nos órganos de xestión dos servizos municipais evitaremos que, coa xustificación da privatización, aparezan condutas antidemocráticas como prevaricación, subornos, tráfico de influencias, “enchufismo”, en definitiva, poderemos poñerlle fin ao clima de corrupción que se está apoderando do concello e que incrementa o grao de desconfianza da cidadanía cara aos seus representantes políticos.

miércoles, 23 de enero de 2013

Moción implantación vehículos eléctricos



O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela considera función vital das distintas administracións públicos velar polo respecto o medio ambiente xa sexa mediante leis ou as actuacións levadas a cabo.

Por ese motivo xa presentaramos o 30 de outubro do 2009 unha moción na que pedíamos ó Concello acollerse ó Plan de Activación do Aforro e a Eficiencia Enerxética 2008-2011 co obxectivo de substituír os vehículos municipais antigos por vehículos eléctricos.

Transcorridos máis de tres anos desta moción en Galicia existen en torno a medio centenar de electrolineras, o que, en palabras do conselleiro de Economía e Industria, coloca á nosa comunidade “á vagarda da electromobilidade”, o malo desta situación é que a finais de 2012 só se venderon en Galicia catro automóbiles eléctricos.

Sen obviar que o eixo central debe ser o fomento dun novo modelo de transporte público colectivo, o que acredita esta situación é que se require o compromiso das distintas institucións para fomentar o necesario cambio de vehículos de combustión polos eléctricos, xa sexa con medidas prácticas que levar a cabo como coa elaboración de campañas informativas

Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao Pleno do concello de Santiago a seguinte proposta de

ACORDOS

Primeiro. Que o concello  se comprometa a que cando sexa necesario mudar os vehículos municipais da cidade, estes sexan eléctricos

Segundo. Que concello faga campañas informativas sobre os beneficios para o medio ambiente deste tipo de vehículos, ademais de que facilite a súa venda en todo o posible.

martes, 22 de enero de 2013

Remunicipalización servizos



O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA DEFENDE A REMUNIPALIZACIÓN DOS SERVIZOS PÚBLICOS MUNICIPAIS PRIVATIZADOS.

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA, TAL E COMO EXPREXARA NAS EMENDAS AO ANTERIOR ORZAMENTO MUNICIPAL, PROPÓN COMEZAR POLA REMUNIPALIZACIÓN DO SERVIZO DA RECOLLIDA DE LIXO E LIMPEZA VIARIA.

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela esixe a remunipalización de todos os servizos públicos municipais privatizados, para acadar unha titularidade e xestión pública que busque o beneficio da cidadanía e non o lucro das mans privadas.

Ideoloxicamente EU sempre defende e loita para que sexan as Administracións Públicas as que presten, con calidade, eficacia e eficiencia, servizos de titularidade e xestión pública que satisfagan as demandas sociais que a cidadanía precisa para o seu benestar.

Outro motivo é que as privatizacións, mal chamadas externalizacións polo PP e PSOE, son, como se está demostrando, o caldo de cultivo perfecto para a corrupción, pois favorecen, polos intereses privados o lucro, os subornos, tratos de favor, clientelismo...

É máis que obvio que a xestión pública beneficia a maioría da cidadanía, pois non busca o rédito económico senón que vela porque se presten servizos necesarios para ter unha sociedade xusta e igualitaria, e ademais promove para os traballadores públicos que levan a cabo a xestión condicións laborais xustas, tanto en dereitos como en remuneración.

Por tales motivos, o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela defende e defenderá a completa remunipalización de todos os servizos públicos privatizados, tanto no anterior goberno do PSdeG como no actual do PP.

Sendo o primeiro obxectivo, tal e como manifestaramos nas emendas aos anteriores orzamentos municipais, retomar a xestión publica do servizo da recollida, eliminación e tratamentos R.S.U., debido a que a concesión (privatización) outorgada a URBASER remata a finais de 2014, en lugar dun novo concurso privatizador como promove o Partido Popular.

Por último o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón, para o resto de privatizacións de servizos públicos, elaborar os pertinentes estudos de remunipalización para comprobar os pasos que se deben levar a cabo para acadar a necesaria xestión pública.

lunes, 21 de enero de 2013

Seguridade VS inoperancia



O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA DEFENDE QUE O CONCELLO DEBE VELAR POLA SEGURIDADE DOS VECIÑOS E VECIÑAS.

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA CRITICA A INOPERANCIA MOSTRADA POLO CONCELLO Á HORA DE EVITAR O RISCO QUE SUPUÑA O MURO DA RUA BETANZOS .

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela esixe que o Concello cumpra coa súa obriga de velar pola seguridade da veciñanza de Santiago.

Entendemos que en ocasións as circunstancias meteorolóxicas fan inevitables que acontezan algúns accidentes posto que a forza da natureza pode chegar a ser imparable. Non entanto, outros incidentes, poden evitarse de actuar con dilixencia o Concello. É o que sucedeu na rúa Betanzos coa caída dun muro que, por fortuna, só ocasionou danos materiais. Un feito que demostra a inoperancia e a actitude neglixente do equipo de goberno do Concello.

Persoas afectadas pola caída do muro puxéronse en contacto co Consello Comarcal de Esquerda Unida e manifestaron o seu enfado debido a que levaban denunciando o perigo que supuña este muro dende o ano 2005.

Primeiro, expresando os seus temores a Mercedes Rosón do PSdeG e, coa entrada do novo goberno, a Juan de la Fuente, sen obter medidas efectivas que puxeran solución ao problema que denunciaran.

Solución en forma de instalación dunha valla metálica que o PP se viu abocado a tomar o pasado 8 de xaneiro, despois de que unha sentenza xudicial ditaminara que o muro era propiedade do Concello, valla que tralo acontecido se viu como insuficiente e xa se pensa nun muro de formigón.

Dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela reiteramos que a inoperancia mostrada polo goberno local, tanto do PSdeG como PP, neste tema non pode volver a ocorrer e apoiamos as xustas reivindicacións expresadas polos veciños e veciñas afectados.

Tal como acontece coas fincas sen limpar que, por exemplo, poden supoñer risco de incendio, o Concello leva a iniciativa pedindo a súa limpeza, e se non se efectúa, facéndoa el mesmo reclamando a posteriori o custe da súa actuación, esiximos dende o Consello Comarcal que o Concello elabore un estudo de situacións que poden supoñer un risco para a cidadanía e acometa un plan para garantir a súa seguridade.

jueves, 17 de enero de 2013

Petición dimisión Ángel Currás



O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA ESIXE A DIMISIÓN DE ÁNGEL CURRÁS COMO ALCALDE DE SANTIAGO.

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA REITERA A NECESIDADE DEMOCRÁTICA DE ADIANTO DAS ELECCIÓNS MUNICIPAIS.

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, respectando a súa presunción de inocencia, esixe a dimisión de Ángel Currás como alcalde de Santiago de Compostela.

É máis que evidente que tralo proceso xudicial aberto que provocou a súa declaración nos xuzgados e as informacións aparecidas nun medio de comunicación sobre unha posible falsificación de documentos é inadmisible que o actual alcalde siga no seu posto.

Por suposto, como xa espuxemos, non cremos que a substitución dunha persoa solucione o problema que xeran as políticas neoliberais do PP, pero a coherencia dicta que, por respecto aos veciños e veciñas de Santiago, o  alcalde de Santiago non poida seguir sendo Ángel Currás.

Lamentablemente, son moitas as actuacións do Partido Popular local que están causando un fondo malestar crecente na veciñanza e que incluso atacan os dereitos constitucionais. Non pode ser que a veciñanza teña que soportar como un alcalde tivo que dimitir por mor dun presunto delito fiscal. Non pode ser que o PP apoiara e promovera a censura que padeceu Leo Bassi para actuar nun local público. Non pode ser que o Partido Popular intentase privatizar as rúas cunha ordenanza ou coarte a liberdade de manifestación con cuantiosas contías pola instalación dun palco como está a acontecer con Queremos Galego.

Por iso, e polas moitas outras actuacións que se poderían expoñer para certificar a nefasta xestión municipal do Partido Popular e pola corrupción que a xustiza está a investigar, reclamamos, unha vez máis, o adianto electoral das municipais, para que a cidadanía teña a voz que permiten as urnas para decidir que futuro político quere para a nosa cidade.

miércoles, 16 de enero de 2013

Moción contra acoso escolar homofóbico




Para o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela a educación é o elemento fundamental para acadar unha sociedade xusta e igualitaria

Por suposto é responsabilidade da familia que as novas xeracións aprendan a convivir e a respectar á xente, mais son as institucións educativas as que tamén teñen que encargarse disto, posto que é unha das súas funcións é ensinar ás novas xeracións a vivir nunha sociedade na que exista tolerancia e respecto mutuo entre os cidadáns.

Por desgraza, non sempre existe un ambiente propicio nas institucións de educación para levar acabo esta fin pois hoxe en día, tanto nas escolas, institutos e universidades, existe o acoso escolar. Isto é calquera forma de maltrato físico, verbal ou psicolóxico producido dentro dos centros de educación de forma reiterada nun período de tempo.

Esta situación é dun gran perigo, posto que en moitos casos a vítima remata marxinada, con problemas psicolóxicos e, en algún caso, co suicidio desta persoa. As causas que provocan o odio de parte do estudantado cara un individuo poden ser moi diversas, pero existe unha que se repite en todos os centros de Galicia, do Estado e no resto do mundo: o acoso por homofobia.

Segundo datos da FELTG (Federación Estatal de Lesbianas, Transexuais e Gais) o acoso por homofobia triplica ao causado por outros motivos, e o 43% das persoas afectadas considera a vía do suicidio como posible saída á súa penosa situación. Esta situación empeora en certos ámbitos poboacionais, como pode ser o rural galego lugar de máis tradición relixiosa e vida heteropatriarcal.


Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao Pleno do concello de Santiago a seguinte proposta de

ACORDOS

Primeiro.- Que o Concello promova levar a cabo charlas nos centros de educación de primaria e secundaria contra a discriminación ao colectivo LGTBI e contra a LGTBIfobia, contando coa axuda e colaboración das diferentes asociacións LGTBI e das seccións dos partidos que se encargan deste aspecto.