viernes, 14 de septiembre de 2012

Valoración referendo



A MILITANCIA DE ESQUERDA UNIDA APOIA A COALICIÓN PARA DEFENDER A CLASE TRABALLADORA DAS POLÍTICAS DESTRUTIVAS DO CAPITALISMO

NUN REFERENDO CUNHA ALTA PARTICIPACIÓN O 87% DA AFILIACIÓN VOTOU A FAVOR DA COALICIÓN ALTERNATIVA GALEGA DE ESQUERDA.
  
Este pasado xoves, 13 de setembro, tanto na comarca de Compostela como a nivel galego, Esquerda Unida levou a cabo un exercicio democrático que reflicte a madurez política da nosa organización e a importancia dos procesos de horizontalidade na toma de decisións.

O referendo levado a cabo no día de onte serviu para afortalar o debate político e ideolóxico. De feito, despois da introdución realizada polo coordinador comarcal, Xabier Ron, sobre os distintos documentos que serviron para asinar o acordo de Coalición Electoral Técnica, toda a asemblea comarcal tivo a oportunidade de expresarse.

A votación, realizada en urna, deu como resultado que o 87% da afiliación de Esquerda Unida Compostela decidiu dicir si aos acordos que deron lugar ao rexistro da Coalición Electoral Alternativa Galega de Esquerda (Esquerda Unida – Anova), mentres que só un exiguo 3% dixo que non.

Este resultado demostra que a afiliación de Esquerda Unida está convencida da importancia e da necesidade de artellar unha ferramenta que free as políticas destrutivas da dereita e do capitalismo, obsesionadas con recortar dereitos laborais, en degradar os servizos públicos básicos como a educación, a sanidade, e os servizos sociais, sen poder disimular o seu desexo maquiavélico de entregar ditos servizos ao lucro da privatización. O primeiro paso para avanzarmos cara a unha sociedade máis xusta para a maioría das persoas.