miércoles, 10 de junio de 2015

Vulneración de dereitos das persoas maiores no centro sociocomunitario "Porta do Camiño"



O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA DENUNCIA A ACTUACIÓN NEGLIXENTE DA XUNTA DE GALICIA CON RESPECTO AO CENTRO SOCIOCOMUNITARIO “PORTA DO CAMIÑO” DA NOSA CIDADE

O INFORME DO VALEDOR DO POBO DO ANO 2014, PRESENTADO ONTE NO PARLAMENTO DE GALICIA, REFLICTE A VULNERACIÓN DE DEREITOS DAS PERSOAS MAIORES E AS DRAMÁTICAS CONSECUENCIAS DOS RECORTES EN POLÍTICAS SOCIAIS

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela denuncia, unha vez máis, as políticas de recortes que seguen xerando situacións dramáticas e discriminatorias na sociedade galega, tal e como mostra o Informe do Valedor do Pobo do ano 2014, presentado onte no Pleno do Parlamento de Galicia.

Entre outras vulneracións de dereitos, o ano pasado a Xunta de Galicia atacou especialmente ás persoas maiores usuarias do Centro sociocomunitario situado na Residencia de maiores “Porta do Camiño”, na nosa cidade.

Dende hai anos, as persoas usuarias do centro sociocomunitario  (chegaron a ser case 200) viviron a paseniña redución de actividades ocupacionais (coro, teatro, manualidades, …) pero o ano pasado sufriron  a supresión de todas as actividades que se viñan realizando co financiamento da Xunta (obradoiros de prevención de dependencia, memoria, psicomotricidade,…) permanecendo de xeito gratuíto só as actividades impartidas por persoas maiores voluntarias e pola Fundación La Caixa. A Xunta privatizou as outras actividades nunha empresa, o que supuxo o copago para as persoas usuarias, a maioría das cales non poden asumir o custo das mesmas.