domingo, 26 de febrero de 2012

Valoración Pleno febreiro

O representante do Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, Vicente Vázquez, proseguindo o traballo municipal, que a responsabilidade dos votos acadados esixe a esta organización, acudiu ó Pleno para valorar o que alí se faga ou diga.

O Pleno comezou, como en todas as ocasións, coa protocolaria e sen debate aprobación dos dous primeiros puntos da orde do día, un sobre as actas anteriores e outro sobre a aprobación definitiva do Plan parcial do solo urbanizable do Monte do Seixo, isto último coa abstención do BNG.

Foi co terceiro punto da orde do día co que se comezou o debate entre as distintas grupos políticos representados no Pleno. Mais dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela antes de entrar na valoración e proposición das súas medidas, quere deixar constancia de que, tralos meses de nova lexislatura municipal, xa vai sendo hora de que o regulamento de quendas de palabra sexa coñecido polo alcalde e o secretario, e non perpetuar os que xa parecen sempiternos debates, que interrompen o normal discorrer do Pleno, sobre se hai máis ou menos tempo ou réplicas que poder facer.

Este terceiro punto trataba sobre a suspensión da encomenda de xestión a EMUVISSA do SUNP11 do Castiñeiriño, que foi aprobado polos votos a favor do PP e en contra do BNG e PSdeG. Aínda que poidamos concordar na crítica que se pode facer á mala xestión urbanística do bipartito, non compartimos en absoluto as medidas que está a tomar o goberno local do PP para atallar o problema da vivenda na cidade. No tocante ao exposto no Pleno, se ben non dubidamos que o anterior equipo de goberno puidese gastar excesivos cartos en absurdas inauguracións con carpas, caterins e demais, o Consello Comarcal de EU Compostela non comparte en absoluto a estratexia do señor Conde Roa de falar de contas pouco claras, e de preguntar en voz alta onde están máis de dous millóns de euros, deixando no ar, pero sen querer dicilo, o tema da corrupción, malversación de fondos públicos e outras lindezas. Se o alcalde ten algo que dicir sobre este tema que o faga con probas e nos xulgados, o Pleno non está para elucubracións ou estratexias políticas de difamar por difamar.

Unha vez máis, os tres grupos políticos non realizaron propostas. Só contribuiron a un debate estéril, con abundante demagoxia. A veciñanza de Compostela sabe que o posicionamento de Esquerda Unida Compostela en defensa dunha política pública de vivenda é claro. Entroutras medidas, defendemos a creación dunha axencia de aluguer municipal, que promova o alugueiro social en toda a cidade, e non perpetúe este sistema especulador co solo.

O cuarto punto da orde do día sobre o ITE, o que en verbas terreais se entende coma a ITV dos edificios, parecía un punto anecdótico na orde do día pois á exposición inicial da señora Pardo do PP, seguiron intervencións, tanto do BNG e PSdeG, mostrándose totalmente a favor, e facendo pequenas achegas para mellorar o escrito, suscitou por mor da segunda quenda de palabra para o PP, un novo ataque e cruce de acusacións entre os distintos partidos.

Dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, amais de concordar no voto favorable a esta ordenanza reguladora, basicamente porque é un cumprimento dunha obrigación legal para calquera Concello, queremos manifestar a nosa crítica á actitude que mostran claramente, Pleno tras Pleno, o PP e o PSdeG, e en moita menor medida o BNG, de utilizar os diferentes puntos da orde do día para, literalmente, atacarse verbalmente con vehemencia e, en moitas ocasións, co mero argumento, denigrante para a democracia e puramente demagóxico, tan simple como pueril, e ti máis e ti peor, e de supoñer que o debate ideolóxico e programático é moito pedir para os representantes institucionais da veciñanza .

O quinto punto da orde do día aprobouse sen debate cos votos favorables do PP e a abstención do BNG e PSdeG, versaba sobre a designación de representantes para unha comisión mixta.

O sexto punto da orde do día, aprobado cos votos a favor do PP e do PSdeG e en contra do BNG, trataba sobre a proposta da Alcaldía de designación de novas rúas na cidade.

Sen entrar, como tampouco se fixo no Pleno, na idoneidade dos nomes presentados dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela queremos remarcar varias cuestións, en primeiro lugar, recoñecendo que tanto ao PP, ao PSdeG e ao BNG lles interesa pouco por non dicir nada, queremos manifestar, unha vez máis, que a participación cidadá no día a día do Concello ten que ser, amais de permitida -que de facto non o está-, promovida, e unha das medidas máis sinxelas e que non levaría moito traballo, sería que os propios veciños e veciñas da cidade elevaran ó Concello para o pertinente debate os nomes que se poderías outorgar as novas rúas da cidade. Unha das eivas máis grande é a masculinización do rueiro proposto polo PP e a escasa representación de mulleres. E mulleres, hainas. Outra cousa será ter a vontade política de contribuír a dar visibilidade ao seu legado.

Tamén desexamos recalcar dende EU Compostela a nosa proposta, xa presentada en forma de moción, para que en Santiago se designe a unha rúa como Profesor Herminio Barreiro.

Proseguindo coa orde do día o seguinte punto a tratar foi a proposición do PSdeG sobre a modificación da Lei Hipotecaria, para permitir a dación en pago e unha moratoria para deter os desafiuzamentos. Non foi aprobada polos votos en contra do PP.

Dende o punto de vista do debate, sen entrar en valoracións dos argumentos expostos, foi dos máis correctos do Pleno facendo, por exemplo, dende o PP unha proposta de modificación dos acordos para fora aprobada por unanimidade, que o PSdeG rexeitou.

Dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela queremos manifestar, sen entrar a valorar as argumentación dadas, que nin o PSOE, que nada fixo por este tema cando ZP gobernaba, nin o PP, que agora con Luis de Guindos fan unha proposta sobre a dación que deixa na “boa vontade” dos bancos que se permita ou non, poden utilizar o Pleno de Santiago para maquillar o seu axeonllamento ante ditados neoliberais dos mercados.

O oitavo punto da orde do día, aprobado por unanimidade, foi a proposta do BNG para mellorar a promoción do Camiño de Santiago, e se ben podería parecer que un punto tan xenérico como a promoción do Camiño de Santiago e por riba aprobado por unanimidade, podería ser, como parecería lóxico, un mero punto de trámite, no que se faga público o posicionamento de cada partido político, pero sen entrar en maiores debates, converteuse, como xa é normal nos Plenos, nun novo debate demagóxico da crítica pola crítica, e ningunha construtiva, remarcando dende o Consello Comarcal de EU Compostela que cando por parte do PP toma a palabra a concelleira Reyes Leis, ademais da belixerancia, que non ten porque ser mala, se se fai dende o respecto e con argumentos, engádese a belicosidade desta representante do PP, que se ben nesta ocasión estivo algo máis moderada nas súas verbas, é habitual que recorra a innecesarias expresións e xestos.

Tras aprobar a declaración institucional polo 8 de marzo, o Pleno proseguiu con diferentes puntos sen apenas debate, sobre todo os relativos a dar conta de diferentes cuestións ate chegar a un rogo do PSdeG que ben podería haber quedado na mera exposición do rogado pero que deu lugar a un comportamento lamentable por parte da bancada do PP.

O Rogo en cuestión era sobre o mal estado da igrexa de Santa Susana e dos arredores, opinando dende o Consello Comarcal que a igrexa a debe arranxar a institución católica e, por suposto, o parque público o Concello, mais un mero trámite como este rogo, acabou cunha argumentación por parte do PP, que amén de causar moita hilaridade na súa bancada, fíxose mención despectiva festas de indixentes e a posible asistencia do concelleiro Baqueiro.

Por tal motivo compartimos a recriminación feita polo concelleiro do PSdG, Benardino Rama, á actitude do PP neste punto, e se ben cremos que os Plenos deben ser distendidos, o que non se pode tolerar e que se tomen como unha “carallada”.

O Pleno rematou co debate de dúas mocións, unha sobre a ILP en defensa da sanidade pública, non aprobada, outra sobre Rosalía que si se aprobou e por último non se aprobou a urxencia para debater mocións sobre os prezos das escolas infantís, a reforma laboral e o 8 de marzo.

lunes, 20 de febrero de 2012

Valoración Mobilizacións 19F

Esquerda Unida Compostela participou activamente na manifestación levada a cabo en Santiago contra a nova reforma laboral, portando faixa propia e repartindo entre os asistentes o seu manifesto.

Dende O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela manifestamos que o gran éxito de convocatoria das distintas mobilizacións realizadas a nivel estatal, galego e local, mostra claramento o errado desta reforma, inxusta e inxustificable, que o goberno do PP acaba de realizar.


Mais, se esta actitude hostil do Partido Popular non muda, a cidadanía, unida e organizada,  debe proseguir e avanzar na loita mostrada este domingo 19 de febreiro, nas rúas e prazas de máis de cincuenta cidades, até lograr que a lexiva reforma laboral, feita acorde ós ditados neoliberais dos mercados, sexa derrogada e os dereitos da clase traballadora, que non ten culpa da crise capitalista que padecemos, sexan recuperados.

Por todo isto dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela ratificamos, unha vez máis, o compromiso  desta organización na defensa dos dereitos de todos os traballadores e traballadoras, mantendo firme o seu convencimento da necesidade de mudar este sistema depredador de recursos naturais e humanos, apoiando as distintas actuacións que se leven a cabo para conseguir derrubar esta reforma laboral neoliberal. 

viernes, 17 de febrero de 2012

Xuntanza coa AV de Vite

O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA PROSEGUE AS REUNIÓNS CO TECIDO ASOCIATIVO DE SANTIAGO MANTENDO UNHA XUNTANZA COA AV POLÍGONO DE VITE.

EU COMPOSTELA COMPARTE A NECESIDADE DE MELLORAS EN MOBILIDADE E ACCESIBILIDADE PARA O BARRIO DE VITE.

Os representantes do Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, José María Tubío e Vicente Vázquez, proseguindo co programa de reunións co tecido asociativo da cidade mantiveron unha xuntanza coa directiva da AV Polígono de Vite.

No transcorrer deste encontro manifestaron dende a AV, en primeiro lugar, a preocupación polos recortes nos fondos que está a sufrir o Plan Comunitario, apoiando totalmente dende o Consello Comarcal de EU Compostela ás reinvidicacións veciñais da necesidade de proseguir con este Plan sen os recortes anunciados que, unha vez máis, van en detrimento da cidadanía.

Un dos puntos que máis debate suscitou foi o tema sobre o tráfico e o aparcamento no barrio, remarcando dende a asociación que a Avda. Castelao soporta un excesivo tráfico rodado, dende vehículos lixeiros a pesados, que fai necesaria unha actuación para alixeirar esta densa carga tránsito.

No tocante ós aparcadoiros, sobretodo o relacionado coas zonas verdes, dende a AV Polígono de Vite remarcaron que, á espera de maior información, non ven melloras na nova proposta do PP, remarcando que en certos aspecto empeora a actual, mostrando o posicionamento por parte da asociación de que as mencionadas zonas verdes deben de ser de uso exclusivo para os veciños e veciñas que pagan os seus impostos na cidade.

Dende o Consello Comarcal de EU Compostela remarcamos que a medida anuncia polo PP pode provocar un aumento do tráfico rodado, ó fomentar o seu uso o poder contar con aparcadoiro en diferentes zonas da cidade, expoñendo, unha vez máis, que a solución debe pasar un transporte público eficaz e eficiente, recibindo con desagrado a información dada pola AV de que os cambios recente no transporte en bus urbano non melloraron a situación do barrio, sendo a demora nas frecuencias un dos maiores problemas.

Por último tratouse o tema da accesibilidade nun barrio, proxectado a fins dos anos 60 principios do 70, cuxa edificación comezou no 75 e rematou no 82, e que mostra claramente serias deficiencias nas súas beirarrúas, en bastante mal estado, e, sobretodo, na ausencia de ascensores nos edificios que agora provoca que as persoas maiores que viven neles se vexa abocados en moitas ocasión a case reclusión forzosa no seu fogar.

A pesares de recoñecer por ambas partes que a instalación de ascensores e un problema moi complexo e moi difícil de solucionar, o Consello Comarcal de EU Compostela reclama a necesidade dun Plan Integral de melloras no barrio, que abarque dende a adecuacións e arranxo das maltreitas beirarrúas ate un estudo exhaustivo das diferentes opcións para a instalación de ascensores nos distintos edificios do barrio.

jueves, 16 de febrero de 2012

Manifesto contra a reforma laboral

ESTA REFORMA LABORAL DESTRÚE
OS DEREITOS DA CLASE TRABALLADORA

A dereita carga con dinamita contra a clase traballadora. Esta reforma é un atentado contra os dereitos que protexen ó traballador ante a patronal. Así de simple.

O PP non é o partido dos traballadores e traballadoras, ¡é o partido da patronal!. Por iso, coa reforma proposta, axeónllanse ante os ditados neoliberais dos mercados.

Estes son algúns dos cartuchos de dinamita que emprega o PP con esta reforma para:

1. ABARATAR O DESPIDO. Desde 1980 foi unha teima da patronal. Coa reforma do PP non só o despido improcedente queda reducido a 33 días cun límite de 24 meses nos contratos indefinidos, senón que, apelando a criterios discutibles e que se poden ‘manipular’, a patronal pode despedir ao traballador de forma procedente con só 20 días.

2. FACILITAR O DESPIDO COLECTIVO. Elimina a autorización administrativa para os despidos colectivos. A administración pública desenténdense así dos ERE’s.

3. ESNAQUIZAR A NEGOCIACIÓN COLECTIVA. A presión da patronal imponse á negociación colectiva das condicións de traballo. Aducindo algo tan ‘obxectivo’ como a “competitividade”, a “produtividade” ou a “organización”, a dirección da empresa pode alterar as condicións asinadas no contrato referentes a, entre outros aspectos, á xornada, aos horarios, aos turnos, e ao salario do traballador e traballadora. Mesmo, suspender, sen autorización administrativa a xornada laboral. Elimínase a prórroga automática indefinida dos convenios (a ultraactividade).

4. CREAR INDEFENSIÓN. Detrás da palabra ‘flexibilidade’ agóchase a seguinte sentencia: “acepta as condicións que impoño, ou mañá despídote de forma procedente”. Degrádanse as condicións laborais.

5. PRECARIZAR O EMPREGO. A reforma define a existencia dun novo tipo de contrato indefinido, que será empregado polo 95% das empresas, e que é, en realidade, un verdadeiro contrato-lixo xa que poden despedirnos no primeiro ano sen indemnización algunha e en función da vontade do empresario.

6. PRIVATIZAR E TEMPORALIZAR EMPREGO. As empresas de traballo temporal que, como empresas que son, procuran beneficios a costa da contratación. E se elas se converten en protagonistas únicas, o que teremos é a cáseque única existencia de traballo temporal. Así, con esta precarización, con esta temporalización, imposible planificar, imposible independizarse.

FRONTE A ESTE ATAQUE, CÓMPRE REACCIONAR. TEMOS QUE PARALIZAR ESTE PAÍS PARA OBRIGALOS A DAR MARCHA ATRÁS. HAI RAZÓNS DE SOBRA PARA UNHA FOLGA XERAL.

miércoles, 15 de febrero de 2012

Apoio ás mobilizacións do 19F e á Folga Xeral

Dende O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, ante os brutais recortes das políticas neoliberais ós dereitos da clase traballadora, animamos á cidadania a participar activamente nas mobilizacións sindicais do 19 F, contra a nova reforma laboral, que en Santiago consistirá nunha manifestación que partirá ás 12:00 da Alameda.

martes, 14 de febrero de 2012

Oposición ó proxecto de nova intermodal do PP

O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA OPONSE Ó PROXECTO FARAÓNICO DE CONDE ROA PARA A ESTACIÓN INTERMODAL NA LAVACOLLA.


ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA RATIFÍCASE NA NECESIDADE DE CAMBIAR O MODELO DE MOBILIDADE POR UN SUSTENTABLE ECONÓMICA E MEDIOAMBIENTALMENTE E NO SEU REXEITAMENTE A CONSTRUCIÓN DE NOVAS E CUSTOSAS INFRAESTRUTURAS.

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela mantén firme o seu convencemento en que debe ser o transporte público e non custosas obras en infraestruturas, as que deben vertebrar a mobilidade sustentable económica e medioambientalmente que se necesita.

Esquerda Unida Compostela defende a necesidade dunha estación intermodal, de tren e autobús, na ubicación actual da estación de ferrocarril, realizando as necesarias remodelacións co menor custe posible e buscando a funcionalidade da instalación.

Por iso rexeitamos a proposta de Conde Roa de trasladar esta necesaria estación intermodal a Lavacolla, en primeiro lugar, a falta de máis datos, polo elevado custe que tería levar a cabo as infraestruturas que esixen o macroproxecto do PP.

Outro motivo de rexeitamento por parte do Consello Comarcal de EU Compostela deste proxecto é o absurdo concepto de que Santiago teña dúas estacións de tren diferenciadas, a do AVE na Lavacolla e a de proximidade na actual ubicación, unha duplicidade de recursos que, obviamente, conlevará gastos económicos innecesarios.

Á espera de máis información para avaliar este proxecto, tamén nos parece errado levar fora da cidade a estación de autobús, pois agora os usuarios chegaban a cidade directamente e partir de ahí facían o desprazamento pertinente o lugar de destino, pero con este proxecto do PP deberían facer un desprazamento a maiores dende a Lavacolla até o centro urbano para logo tomar o camiño desexado.

Por último EU Compostela quere reiterar o seu posicionamento a favor dun tren de proximidade, non o AVE, que vertebre a cidade coas distintas comarcas limítrofes e se fora necesario co aeroporto, pero sendo esta parada un apeadeiro de pasaxeiros non unha magna estación.

jueves, 9 de febrero de 2012

Moción atención no parto

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela presenta unha nova moción, nesta ocasión pedimos que o Pleno inste a mellorar a atención no parto que se leva a cabo no CHUS, excesivamente medicalizada ou con intervencións innecesarias, reclamando que se recolla diferentes opcións para o parto (incluída a inmersión), liberdade de movementos durante a dilatación e o consesuamento no uso de fármacos ou de actos cirúrxicos ben cuestionados por estudos pertinentes.


Aquí tedes o texto da moción:

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela considera que se debe humanizar a atención ó parto, asegurando ás mulleres o dereito a participar na toma de decisións e que estas sexan respectadas sempre que non comprometan a seguridade e benestar da nai e da criatura.

Na Estratexia de Atención ao Parto Normal do Ministerio de Sanidade e na Guía Técnica do Proceso de Atención ao Parto Normal e Puerperio do Sergas incídese nas recomendación feitas pola OMS (Organización Mundial da Saúde), dende o ano 1985, co obxectivo de procurar unha maior calidade na atención ao parto.

Como se recolle na Guía Técnica do Ministerio nos últimos anos a atención ao parto veuse afectada por unha excesiva medicalización así como a realización dalgunhas prácticas rutinarias que son innecesarias e que están hoxe contraindicadas.

Na actualidade, según constatou Esquerda Unida Compostela, no Hospital Clínico de Santiago de Compostela non se están a cumprir as directrices marcadas na atención ao parto. Séguense a realizar de forma rutinaria intervencións innecesarias, obsoletas, molestas e desaconselladas para a saúde da nai máis da crianza, como, entre outras, non permitir que a xestante teña liberdade de movemento durante a dilatación, a episiotomía rutinaria, o emprego abusivo da oxitocina e a imposición da posición materna durante o expulsivo.

Esta situación leva a moitas mulleres da comarca de Compostela a desprazarse a outro hospital para conseguir unha asistencia ao parto segundo a normativa vixente.

O Consello Comarcal de EU Compostela considera que tampouco se está a asesorar ás interesadas sobre os diferentes plans de parto e o dereito a decidir sobre as distintas alternativas, aínda habendo un Hospital da rede Pública (o do Salnés), onde si se cumpren as recomendacións dos distintos Organismos sobre a adecuada Atención ao Parto Normal e Puerperio, restrinxido a xestantes sen complicacións pola falla dunha Unidade de Coidados Intensivos para Neonatos.

Entendemos que o CHUS, dotado de dita Unidade Especial, si que deberá proverse dun plan de Parto Normal que recolla diferentes opcións posicionais para o parto (incluída a inmersión), de liberdade de movementos durante o período de dilatación e de consensuamento no uso de fármacos ou de actos cirúrxicos ben cuestionados por estudos pertinentes.

Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao Pleno do concello de Santiago a seguinte proposta de

ACORDOS

Primeiro.- Que o Pleno inste a Consellería de Sanidade para que no hospital de Santiago de Compostela se proporcione unha atención ao parto de calidade e segundo a normativa vixente.

miércoles, 8 de febrero de 2012

Convocator​ia "Marea Violeta" en Compostela

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela anima á cidadanía a participar nas distintas manifestacións e concentracións da "Marea Violeta" para este venres día 10 de febreiro en todo o Estado, sendo en Santiago na Praza do Toural ás 19:30.

Aquí tedes o manifesto da convocatoria:

UNHA MAREA VIOLETA CONTRA A OFENSIVA PATRIARCAL DOS GOBERNOS CONSERVADORES


Ante as decisións tomadas unilateralmente polos gobernos das comunidades autónomas gobernadas por partidos conservadores de dereitas QUE:

REDUCEN os orzamentos destinados a Políticas de Igualdade, a Lei de Autonomía Persoal e a Lei de dereitos sexuais e reprodutivos.

ROMPEN os acordos coas organizacións de mulleres mediante os cales viñanse prestando servizos tales como Centros de Orientación á Muller, Asesoría Xurídica, Casas de Acollida para mulleres vítimas da violencia, etc.

ELIMINAN as subvencións destinadas aos concellos para o mantemento dos Centros Municipais de Atención ás Mulleres.

DESMANTELAN os Institutos da Muller, utilizando a súa estrutura para promover estereotipos sexistas patriarcais e modelos de familia tradicionais.

INCUMPLEN as leis de igualdade en canto ao uso da lenguaxe non sexista e á obriga dos poderes públicos de integrar a igualdade real de mulleres e homes en todas as súas políticas.

Todo iso supón unha violenta agresión aos avances logrados durante décadas na loita polos dereitos para as mulleres.

Estas medidas están tendo como consecuencia directa o despido de profesionais cualificadas que viñan desenvolvendo durante anos o seu traballo nos diferentes recursos de igualdade, prestando un servizo de calidade e compromiso coa igualdade.

As organizacións que suscribimos manifestamos a nosa repulsa e esiximos o cumprimento das leis de Igualdade en todo o Estado español, e convocamos a unha mobilización e manifestación/concentración para o próximo 10 de febreiro ás 19:30 horas nas prazas principais das diferentes localidades.

Xuntanza coa AVV As Cancelas


O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA PROSEGUE COAS XUNTANZAS CO TECIDO ASOCIATIVO DA CIDADE REÚNINDOSE COA AVV AS CANCELAS.

EU COMPOSTELA COMPARTE A REIVINDICACIÓN VECIÑAL DUN NOVO LOCAL SOCIAL E UNHA ZONA DEPORTIVA.


Os representantes do Consello Comarcal de EU Compostela, José María Tubío, Xenxo Redondo e Vicente Vázquez, mantiveron unha xuntanza coa directiva da AVV As Cancelas co fin de pulsar as distintas opinións sobre a situación da cidade, e coñecer de primeira man as súas eivas e tamén as posibles solucións.

Un dos puntos máis salientables reflectidos na xuntanza foi a reivindicación veciñal dun novo local social e dunha zona deportiva, ambas actuación son antigas demandas da AVV As Cancelas, xa expostas ó anterior equipo de goberno, e que o actual goberno local do PP manifestou que levaría a cabo.

Dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela manifestamos, en primeiro lugar, que, como ocorre en outros barrios da cidade, non se poden producir máis demoras para facer efectivas as melloras que a veciñanza pide dende fai tempo.

Tamén EU Compostela quere reflexar que estas actuacións deben contar coa participación cidadá no seu deseño, pois como é lóxico son os veciños e veciñas dos barrios que mellor coñecen as súas necesidades e as posibles solucións, tal e como ocorre co centro social que a AVV demanda, pois manifestan que as súas preferencias serían para un local de planta baixa, que evite gastos como o dun ascensor, e dunha superficie en torno a 300 metros cadrados, que sería suficiente para as necesidades do barrio.

Outros puntos tratados na xuntanza foi a falta de aparellos de ximnasia no parque, semellantes o que xa hai noutras zonas de Santiago, reclamando dende EU Compostela, ademais da súa instalación o correcto mantemento dos mesmo.

Tamén se fixo fincapé na necesidade de racionalizar o urbanismo da cidade, acomentendo medidas que busquen a utilidade e non a estética en certo mobiliario urbano, como fontes, papeleiras, bancos… que por mor dun vandalismo que ve a oportunidade do carto fácil provoca a desaparición, por exemplo nas Cancelas, de fontes que o ter un custe elevado, dado os materiais de construción, fan que o seu furto sexa rendible, cando as necesidades da veciñanza serían perfectamente cubertas con mobiliario funcional que cumpra o seu cometido, a un custe que nin faga rendible o furto nin supoña o gasto de cartos públicos que agora supoñen.

Por último se manifestou por parte da AVV As Cancelas a necesidade de mellorar o aforro enerxético no alumeado público pois deixa zonas na total escuridade en lugar de compaxinar o apagado e encendido de farolas, tamén se expuxo, sobretodo para axudar os turistas que non coñecen a cidade, que as paradas de autobus estén designadas cun número que faga máis doado o transito no transporte público a hora de saber onde subir e baixar.

lunes, 6 de febrero de 2012

Homenaxe a Herminio Barreiro

Dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela animámosvos a visitar a exposición bibliográfica e documental en homenaxe a Herminio Barreiro, que estará aberta ata o 29 de febreiro na sala Sarmiento, na facultade de Ciencias da Información.

jueves, 2 de febrero de 2012

Moción Democracia Participativa

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela presenta unha nova moción, nesta ocasión, tal e como reflexáramos no noso programa electoral, requerimos ó Concello que faga efectiva a Democracia Participativa.

Aquí tedes o texto da moción:

Esquerda Unida Compostela considera que a democracia representativa é un modelo democrático que debe ser mellorado para non caer na obsolescencia, polo que se deben implementar prácticas participativas que doten de maior calidade á democracia e de maior capacidade de influencia á cidadanía.

Dende o Consello Comarcal de EU Compostela consideramos que esta revolución democrática só será posible reformando as formas de facer política e apostando pola Democracia Participativa que provoque o xiro económico, social, cultural e ético desde a participación cidadá e a transparencia na xestión do público.

EU considera que o local é o ámbito desde o cal é posible poñer en marcha e afondar nos procesos de construción de democracias participativas, en tanto é o espazo no que a cidadanía habita e se relaciona, e é o Concello, a institución de proximidade, á que a cidadanía se dirixe a trasladar as súas problemáticas e demandas.

Tal e como espuxeramos no noso programa electoral Esquerda Unida Compostela consideramos que para acadar esta Democracia Participativa é necesaria a involucración da Administración Pública local mediante a redacción dun novo Regulamento de Participación Cidadá, no que entre outros aspectos se disporá o seguinte:

En primeiro lugar unha carta de dereitos de veciños e veciñas no que se recollerán os dereitos veciñais, tales como, dereito de petición, dereito de intervención nas sesións públicas, dereito de consulta ou referendo e dereito á información.

Tamén se regularían a implementación dunha serie de medidas organizativas e estruturais como, por exemplo, elaboración de un Plan de Formación cidadá, creación de Foros Cívicos de Consellos Sectoriais, Asembleas de Barrios e, entre outras, Audiencias Públicas (orzamentos, urbanismo...).

Por último neste novo Regulamento de Participación Cidadá se fixaría a creación dos necesarios órganos de Participación Cidadá, como o Consello do distrito (constituídos polos Asembleas de Barrio con cadanseus consellos), Asemblea Sectorial e Consello de Movemento Veciñal.

Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao Pleno do concello de Santiago a seguinte proposta de

ACORDOS

Primeiro.- O Concello de Santiago de Compostela realizará, mediante o debate pertinente co tecido asociativo da cidade, o novo Regulamento de Participación Cidadá.

Segundo.- O Concello de Santiago de Compostela levará a cabo a necesaria campaña de información á cidadanía para dar a coñecer os novos dereitos

Terceiro.- O Concello de Santiago de Compostela apoiará de maneira continuada no tempo o fomento da Democracia Participativa.