lunes, 30 de enero de 2012

Valoración Pleno xaneiro

O representante do Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, Vicente Vázquez, proseguindo o traballo municipal desta organización acudiu ó Pleno para valorar o que alí se faga ou diga.

O Pleno comezou, como en todas as ocasións, coa protocolaria aprobación das actas anteriores, proseguindo de inmediato cun dos puntos que máis debate provocou no extenso Pleno de máis de catro horas.

Este segundo punto da orde do día era a aprobación inicial da ordenanza sobre as terrazas e quioscos de hostalería, sendo claro o posicionamento de Esquerda Unida a este respecto pois, en primeiro lugar, queremos salientar que en ningún caso os elementos fixos que se permitan para resgardar estas terrazas deben permanecer ocupando o espazo público unha vez rematado o horario establecido de terrazas.

Tamén, por obvio e que debe ser de obrigado cumprimento por lei, EU Compostela non tolerará que se faga un uso abusivo do espazo público, é dicir, a extensión das terrazas que se lle permita os hostaleiros en ningún caso debe mermar os dereitos da cidadanía ao paso polas beirarrúas da cidade.

Outro punto que o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela quere salientar, e que nin suscitou o debate, solventándose cunha mínima mención pola concelleira Pardo, é o punto referente o uso de calefactores nesta terrazas de inverno, pois dende EU consideramos que, de ser necesaria a súa instalación, o seu uso debe estar regulado en varios aspectos como por exemplo, a obrigatoriedade expresa de ser o menos contaminantes posibles e, por suposto, deben ser os máis eficaces e eficientes enerxeticamente.

No tocante aos quioscos de hostalería, nomeadamente o que parece ser que se quere poñer na Alameda, EU considera que son totalmente innecesarios e que a oferta en hostalería na cidade está máis que suficientemente cuberta.

Para rematar este punto da orde do día, dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela queremos expoñer que agardaremos a exposición pública desta ordenanza para ver a posibilidade de facer alegacións ou remarcar o noso posicionamento respecto a outros puntos desta ordenanza pois, como xa vén sendo habitual, o PP converteu o Pleno nun mero trámite pois non se aclararon de forma clara aspectos moi importantes.

Remarcar que tanto o PSdG e BNG criticaron que esta ordenanza se levase adiante sen ningún tipo de debate e sendo un “corta e pega” da ordenanza de Madrid. A aprobación inicial desta ordenanza saíu adiante pola maioría do PP.

O Pleno proseguiu coa aprobación, cos votos a favor do PP e en contra do PSdG e BNG, da creación dun macro consello sectorial de familia, benestar social e igualdade, sendo a opinión do Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela totalmente en contra desta reorganización orquestrada pola concelleira Prado.

En primeiro lugar manifestamos que as escusas da concelleira non se sustentan pois acredita que con estes cambios se gañará en operatividade e se garantirá a participación.

Dende Esquerda Unida Compostela criticamos que, coa visión de funcionamento que explicou a señora Prado, non só non se gañará en operatividade, senón que os temas se diluirán ou non serán tratados correctamente, pois este macro Consello estruturarase, á súa vez, en comisións sectoriais, que, de novo, poderán ter grupos de traballo, en definitiva, unha cadea estrutural que non contribúe a gañar operatividade. Ademais, a queixa da concelleira de que os consellos municipais non se reunían coa periodicidade desexada é un absurdo, xa que son eles, os que gobernan, os que teñen que velar por aplicar –ou no seu caso modificar- os regulamentos de funcionamento internos. Só abondaba con ter vontade política e desexos de facer dos consellos municipais espazos reais de paticipación, debate, reflexión e acción consensuada. Polo que non procede lanzar balóns fóra e culpar ao anterior equipo de goberno por moi fundadas que sexan as críticas sobre o mal funcionamento dos consello municipais. Levan gobernando xa máis de medio ano e só escoitamos escusas peregrinas.

O que dende o Consello Comarcal de EU Compostela non nos xera a menor das dúbidas é a crítica que facemos a falta total, non só de participación, senón de mera consulta ás distintas asociacións ou colectivos sobre esta posibilidade, claro exemplo o que padecemos desde o Foro de Inmigración de Compostela, do que EU forma parte activa, pois o Consello Municipal das Migracións desaparecerá sen que, en ningún momento dende o Concello, se puxeran en contacto para comunicar unha decisión adoptada unilateralmente.

O cuarto punto da orde do día foi aprobación inicial da modificación da ordenanza da zona de residentes e da hora, aprobado cos votos a favor do PP, en contra do PSdG e a abstención do BNG.

Dende EU Compostela temos que manifestar, unha vez máis, a nosa crítica a falta de información real sobre esta medida, pois no debate acometido no Pleno non se aclararon debidamente as dúbidas que esperta esta modificación, pois, á espera dunha lectura cando se faga pública esta modificación, consideramos que pode provocar un efecto chamada para o uso do vehículo privado e que de ningunha maneira soluciona o problema do aparcamento na cidade, pois, unha vez máis, manifestamos que a única solución é a da redución drástica do uso do vehículo privado.

No tocante a modificación da ORA en lugares específicos da zona vella, recalcamos que so será efectiva se realmente se busca que os vehículos teñan que moverse da praza que ocupan e non quedarse simplemente en que deban acudir máis frecuentemente a introducir cartos para o resgardo. Trátase simplemente dunha medida recadatoria.

O seguinte punto da orde do día foi aprobado por unanimidade ao ser un mero trámite para cumprir coa lexislación sobre axuda no fogar, provocou, como é habitual en todos os debates entre o PSdG e PP, en argumentación tan relevante que se podería resumir pexorativamente no e ti máis e ti peor.

O sexto punto do orde do día aprobado polos votos a favor do PP, a abstención do PSdG e en contra do BNG, tratou sobre a decisión do equipo de aforrar cartos abandonando varias asociacións.

Dende EU Compostela non estamos de acordo, sobre todo co abandono da rede de cidades pola bicicleta –o que deixa ben claro o nulo interese do PP neste eido- e co abandono da rede de cidades saudables. De novo, coidamos que non cabe queixarse de malas condutas pasadas. Con sermos éticos na representación da nosa cidade á hora de acudir ás xuntanzas abondaría. Ou é que dubidan da súa propia ética e conduta?

A continuación aprobouse por unanimidade, tras unhas emendas do PP, unha proposición do PSdG sobre a estabilización de investigadores no CHUS. Ao Consello Comarcal de Esquerda Unida parécelle ben, pero este tipo de accións deben ser algo máis que fogos de artificio e procurar un interese real pola defensa do I+D+i.

O oitavo punto da orde do día foi a proposta do PSdG para utilizar a antiga terminal do aeroporto como recinto feiral. Por desgraza, no argumentario o máis salientable foi un comentario improcedente da concelleira Reyes Leis sobre a honorabilidade do ex ministro Blanco. Coidamos que deben ser os xulgados os que diten sentenza, e non é o Pleno de Santiago o espazo apropiado para este tipos de comentarios.

Dende EU Compostela queremos remarcar, como xa fixeramos na pregunta presentada sobre este tema, que calquera uso que se lle dea a estas instalacións debe ser dende unha perspectiva de utilidade pública. Tamén queremos ratificarnos na nosa crítica ao PSdG que, cando gobernou, non se lle ocorreu ter negociada unha utilidade para estas instalacións, pero seis días despois de que Esquerda Unida manifestara a necesidade de utilizar estas instalacións se acordaron delas.

O Pleno proseguiu coa proposta do BNG para axilizar o túnel de Conxo, pero curiosamente non saíu adiante porque o PP votou en contra, dado que utilizou o turno de palabra para facer unha defensa da ministra Ana Pastor e críticar ao ex ministro Blanco.

Sen entrar en valoracións das argumentacións escoitadas, cómpre destacar que os tres grupos municipais están a favor desta construción, que todo parece indicar que antes o despois se levará a cabo, sendo o posicionamento de EU, feito xa público, totalmente en contra de novas infraestruturas que provoquen o temido efecto chamada a máis tráfico privado, e que a solución pasa por un Plan Global de Mobilidade que consiga o drástico descenso do uso do vehículo privado.

O Pleno rematou co protocolario dar conta de varios aspectos, cun rogo do PSdG para que o pavillón de Fontiñas leve o nome de Alemao, e cunha moción do BNG sobre a suba do IBI que non pasou o trámite de urxencia polo que non puido ser votada nin debatida.

viernes, 20 de enero de 2012

Moción fomento hortos urbanos

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela presenta unha nova moción, nesta ocasión pedimos que se fomente, de forma real e efectiva, os hortos urbanos da cidade.


Aquí tedes o texto da moción:

No momento actual de crise ambiental e económica, Esquerda Unida Compostela considera necesarios novos procesos de recuperación do espazo urbano que melloren a sustentabilidade integral das cidades, tanto a nivel ecolóxico como relacional.

Os hortos urbanos son instrumentos que responden a este requerimento pois colaboran e achegan unha maior calidade de vida á cidadanía, mais dende o Consello Comarcal de EU Compostela consideramos que o Concello de Santiago non levou nin leva a cabo as medidas necesarias para potenciar e acrecentar o seu uso.

Os obxectivos principais dos hortos urbanos son a recuperación de espazos urbanos, a educación ambiental e a creación de lugares para a socialización, e despois do debate pertinente co tecido asociativo poderíanse destinar a segmentos concretos da poboación, como xubilados, desempregados ou a persoas en situación de exclusión social, co fin de mellorar a súa situación.

Dende EU Compostela consideramos que a nosa cidade cumpre os parámetros sociais e ambientais para fomentar este tipo de experiencias de hortos urbanos e ocio a pequena escala, e non abandonar este proxecto a unha mera excepcionalidade como ocorre na actualidade, deixando á vontade persoal do arrendatario temporal do terreo facer un uso eficaz e efectivo do mesmo.

Estes hortos urbanos, poderían cumprir unha función social como fomentar cursos ocupacionais para desempregados en actividades de agricultura ecolóxica e actividades lúdicas para maiores e xóvenes. Tamén poderían cumprir unha importante función ambiental como a recuperación de zonas urbanas degradadas, fomento de boas prácticas ambientais saudables e unha importante función cultural como recuperar o noso legado patrimonial natural e histórico, como recuperar vellos oficios e modelos de agricultura extensiva.

En cidades como Barcelona y Sevilla estas experiencias foron pioneiras e están recibindo un importante apoio institucional, constatando que en tempos de globalización, contaminación, velocidade e consumismo moitos cidadáns e cidadás optan por volver a poñer as mans na terra, Unha tendencia que enlaza co aumento da agricultura ecolóxica e consumo de produtos locais.

Por suposto o Consello Comarcal de EU Compostela considera imprescindible para o éxito desta iniciativa abrir o debate e a colaboración con outras administracións, organizacións agrícolas e sociais para fomentar e garantir o éxito deste tipo de experiencias.

Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao Pleno do concello de Santiago a seguinte proposta de

ACORDOS

Primeiro.- O Concello de Santiago de Compostela realizará unha aposta decidida polo fomento e promoción dos hortos urbanos na cidade.

Segundo.- O Concello de Santiago de Compostela realizará un proceso de debate e participación cidadá para buscar a implicación e colaboración de entidades sociais, agrícolas e ecoloxistas para fomentar os hortos urbanos.

Terceiro.- O Concello de Santiago de Compostela realizará un catálogo de terreos públicos e privados aptos para poder realizar esta actividade lúdica e ambiental.

jueves, 19 de enero de 2012

Inconsistencia PSdG - BNG

O CONSELLO COMARCA DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA RECIBE CON SATISFACCIÓN QUE AS SÚAS PROPOSTAS E POSICIONAMENTOS PROVOQUEN A NECESIDADE DE ACTUAR DO PSdG E BNG .

ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA LAMENTA QUE PP, PSOE E BNG MANTEÑAN A IMPROVISACIÓN NO SEU ACTUAR.

O Consello Comarcal de EU Compostela, proseguindo dende a rúa o traballo que lle esixe a confianza que a veciñanza deposita nesta organización, recibe con agrado o interese que as súas propostas parecen levantar noutros partidos.

Xa é costume en Esquerda Unida Compostela velar porque instalacións que podían ter unha utilidade pública a prol da cidadanía non queden en desuso na procura do lucro dunha actuación especulativa privada, como xa manifestamos co antigo Hospital Xeral de Galeras ou coa vella terminal do aeroporto.

“Sorprendentemente” comprobamos que seis días despois de rexistrar a nosa pregunta sobre o uso público do antigo aeroporto, o PSdG se acorda de que se pode utilizar esta instalación para un uso feiral, o que dende EU Compostela nos leva a dúas críticas.

A primeira é que un partido que gobernou mentres se levaba a cabo a construción da nova terminal, e non fixo a labor debida para ter concretado un uso para esta instalación nada máis rematar a súa función aereoportuaria, non pode esixir, por puro interese político non da cidadanía, o que a súa improvisación a hora de rexer o Concello acaba de provocar.

Mais, sen esquecer este erro de xestión, o que dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela queremos recalcar, unha vez máis, e que calquera actuación de envergadura como esta, non pode ser acometida sen o necesario debate e participación cidadá, polo que outra vez o PSdG erra na súa proposta o non deixala aberta as propostas que emanen da cidadanía.

Tamén queremos destacar a argumentación dada polo señor Bugallo ante o posible traslado do museo Granell, pois se ben concordamos en que non se debe efectuar dito traslado, parécenos “curioso” que utilice o mesmo argumento do baleiramento cultural da cidade que xa manifestara EU Compostela con anterioridade.

Por último dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela criticamos a postura incoherente do BNG no tocante ó trasporte público, pois se ben o di defender, tamén esixe a construción de novas e custosas infraestruturas, tales como o paso subterráneo en Conxo, que ademais de ter un elevado custe, 5 millóns de euros, sería un novo efecto chamada e provocaría o fomento do uso do vehículo privado.

miércoles, 18 de enero de 2012

Solución ó tráfico

O CONSELLO COMARCA DE EU COMPOSTELA RATIFÍCASE EN QUE AS MEDIDAS DO CONCELLO DEBEN ENCAMIÑARSE A DESCENDER O USO DO VEHÍCULO PRIVADO.
 
ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA MANIFESTA, UNHA VEZ MÁIS, A NECESIDADE DUN PLAN GLOBAL DE MOBILIDADE QUE SATISFAGA AS NECESIDADES DA CIDADANÍA

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela critica que o actual goberno local do PP perpetúe as políticas en infraestruturas e accións improvisadas do PSdG e BNG no tocante ó problema do trafico rodado privado na cidade.

EU Compostela, tal e como fixara no seu programa electoral nas pasadas municipais, considera que non son as custosas infraestruturas a solución ó problema do tráfico, senón un Plan Global de Mobilidade, sustentable económica e medioambientalmente, o que, grazas a participación da cidadanía na súa elaboración, acade a necesaria e drástica redución do tráfico rodado.

Sen embargo na xestión de goberno de Conde Roa, compróbase claramente que a vontade política do PP non está por velar por un transporte público de calidade, eficaz e eficiente, pois como claramente se mostra nas súas accións, parecen querer manter a teima do pasado equipo de goberno en buscar as solucións en novas infraestruturas ou en accións improvisadas.

Claro exemplo disto se comproba nas actuacións ou intencións que o PP está ou quere realizar en Conxo, pois ratificouse na necesidade dun novo túnel nesta zona, medida errada que so provoca o temido efecto chamada a máis tráfico e non solucionará o problema, simplemente o trasladará a outro lugar, e no tocante a medidas improvisadas cómpre destacar unha rotonda que xa non é rotonda ou cambios de sentido no tráfico para mitigar pero non solucionar un dos graves problemas desta cidade.

Obviamente a redución necesaria e drástica no tráfico rodado evitaría os graves problemas de aparcamento que sofre a cidade, que aboca o uso dos custosos aparcadoiros subterráneos ou a saturación en distintos barrios da cidade. Proseguindo coa mentalidade de convivir co problema pero non de solucionalo, o PP potenciará as zonas verdes para residentes con diferentes medidas, mantendo dende o Consello Comarcal de EU Compostela que a solución real non son este tipo de actuacións, senón o Plan Global de Mobilidade.

Mais dende EU queremos manifestar certas reticencias ó parco anuncio feito, como a falta de información sobre a contía do canon ou os requisitos exactos para optar ás distintas tarxetas, por iso, e a espera de ter máis información para poder facer unha análise exhaustiva e concretar as nosas propostas, dende o Consello Comarcal de EU Compostela queremos manifestar que as medidas que se aproben non poden provocar o fomento do uso do vehículo privado debido a facilitar o aparcamento.

domingo, 15 de enero de 2012

Loita contra o machismo

ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA VALORA POSITIVAMENTE A CONSTRUCIÓN DO CENTRO DE RECUPERACIÓN INTEGRAL DE MULLERES DE GALICIA.
 
O CONSELLO COMARCAL DE EU RECORDA QUE A MELLOR MANEIRA DE LOITAR CONTRA A LACRA DO MACHISMO É A EDUACIÓN EN VALORES DE IGUALDADE, RESPETO E TOLERANCIA.

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela mantivo, mantén e manterá o seu compromiso na loita contra a violencia machista, defendo como mellores “armas” a educación e a concienciación

Tal e como manifestaramos na moción presentada o 25 de novembro de 2010, EU Compostela apoia a construción do Centro Integral para a Recuperación da Muller, pero recalcando que, según consta, este centro levaría a cabo as súas accións “unha vez rematada a primeira fase da súa atención nos centros da rede galega de acollemento”, polo que xa sexa neste centro ou onde se habilite, as mulleres do noso municipio non poden verse na obriga de trasladarse a outra cidade para esta primeira fase.

Dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela tamén queremos constatar que se ben apoiamos a construción de dito centro, consideramos que a súa mera existencia supón o fracaso das políticas de igualdade que non logran o remate da lacra machista, por suposto este tipo de centros son necesarios pero non son a solución.

Dende EU Compostela mantemos o noso firme convencemento de que unha educación e concienciación baseada na igualdade, tolerancia e respecto teñen que ser o camiño que as distintas Administración Públicas deben levar a cabo para rematar coa sociedade machista e patriarcal que aínda hoxe padecemos.

Por iso dende o Consello Comarcal de EU Compostela queremos recordar, e volver a esixir, o que presentamos na moción o pasado 8 de febreiro de 2011, na que pedíamos a creación dunha Casa das Mulleres, un espazo de debate e discusión onde os distintos colectivos e persoas a título individual poidan realizar esta concienciación a través dos debates, foros e demais actuacións que conxuntamente se decidan.

viernes, 13 de enero de 2012

Contra o traslado do museo Granell

ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA CRITICA, UNHA VEZ MÁIS, A IMPROVISACIÓN E INCOHERENCIA DO GOBERNO E DA OPOSICIÓN CON RESPECTO Á CIDADE DA CULTURA.

O CONSELLO COMARCAL DE EU OPONSE A QUE SE “BALEIRE” A CIDADE DE CULTURA PARA PODER ENCHER UN MAUSOLEO QUE NUNCA SE DEBEU CONSTRUÍR.

Desde o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela amosamos a nosa preocupación por todas as estratexias que se están empregando que, lonxe de dar sentido ao faraónico proxecto fraguián, magnifican aínda máis o terrible erro que representa a construción da Cidade da Cultura non só para Compostela, senón para Galicia.

A CdC segue a deixar patente a improvisación do PP, PSOE e BNG tanto a nivel local como autonómico, pois a día de hoxe son constantes as propostas dos distintos partidos para darlle contido a un continente que hipoteca o futuro cultural nun enlousamento megalómano de custes desorbitados.

A última ocorrencia do PP local, que semella contar co beneplácito do PSOE e BNG, é a de favorecer o traslado do museo Granell dende o Toural a este mausoleo, mais EU Compostela quere manifestar o seu rexeitamento a dito traslado que incide, e con apoio institucional, no baleiramento cultural que sofre a cidade.

A nosa cidade e o tecido cultural de base só coñece peches de experiencias que aproximaban a cultura aos veciños e veciñas: a sala Galán, a sala Yago, e máis recente, a sala Nasa.

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela manifesta o seu compromiso cunha cultura de base que non necesita de grandes construcións nin magnas subvencións, senón o apoio das distintas Administracións Públicas para poder saír a rúa ou levarse a cabo en pequenos espazos achegados á cidadanía.

Por suposto, de producirse o erro de trasladar o museo Granell á CdC, o que EU Compostela non tolerará é que un novo edificio público quede baleiro na cidade sen que se lle dea unha utilidade en beneficio da cidadanía.

jueves, 12 de enero de 2012

Pregunta uso público antigo aeroporto

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela presentou unha nova pregunta, nesta ocasión requerimos ó Concello, tal é coma xa fixeramos coas instalacións do antigo Hospital Xeral de Galeras, que nos informe se ten previsto algunha utiliade pública para as instalacións da terminal do antigo aeroporto.

Aquí tedes o texto da pregunta:

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela considera que unha das labores fundamentais de calquera Administración Pública é a de velar que calquera inversión pública en instalacións feita nun municipio manteña sempre unha utilidade que satisfaga as necesidades das persoas e non ó lucro da especulación.

O gasto de recursos públicos en custosas e moitas veces cuestionadas obras de grandes infraestruturas, sirve de exemplo para dicir que recentemente se inagurou na nosa cidade unha nova e magna terminal aeroportuaria que provocou a caída en desuso do antigo aeroporto, que según moitas fontes non chegara a súa máxima operatividade pois ten unha capacidade mínima en torno a 2,5 millóns de pasaxeiros anuais e según os datos do 2011, ano no que se chegou o record histórico, o pasaxeiros foron 2,4 millóns. 

Obviamente unha vez feita esta obra, e tal e como xa manifestáramos con anterioridade respecto as antigas instalacións do Hospital Xeral de Galeras, Esquerda Unida considera que o actual equipo de goberno local do PP non pode, unha vez máis, perder a oportunidade de realizar os esforzos necesarios para utilizar o edificio e terreos do antigo aeroporto en beneficio da cidadanía, abrindo de inmediato o debate pertinente co tecido asociativo da cidade para atopar o mellor uso posible a estas instalacións. 

Por suposto o que o Consello Comarcal de EU Compostela non tolerará é que unhas instalacións realizadas a conta do erario público acaben, pola desidia ou interese das distintas Administracións Públicas, para un uso lucrativo privado en lugar de prestar algún dos servizos que a cidadanía reclama. 

Por todo isto a agrupación comarcal de Esquerda Unida realiza as seguintes preguntas para a súa resposta por escrito: 


1)      Ten previsto o Concello algunha outra utilidade pública para as instalacións do antigo aeroporto? 

2)      Ten previsto o Concello de Santiago instar ou colaborar con AENA para acadar dita utilidade a prol da cidadanía?