ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA E O PCG LEVARÁN A CABO UN
ACTO EN RECORDO DAS PERSOAS REPRESALIADAS POR DEFENDER A LEGALIDADE REPUBLICANA.
O sábado 13
de abril, ás 12:00, na parte traseira da vella empresa azucareira de Iria
Flavia-Padrón, Esquerda Unida Compostela e o PCG organizan un acto con motivo
da proclamación da República, o 14 de abril de 1931.
Precisamente,
por defender a legalidade republicana, os seus valores democráticos, centos e
centos de persoas estiveron presas no campo de concentración que o franquismo
instalou nas dependencias da empresa azucareira. Un campo que durou desde
decembro de 1937 e abril de 1940, con capacidade recoñecida para 1.700 presos.
Hoxe, cando
as persoas transitan pola nacional, tanto en sentido Padrón como Santiago,
poucas saben que, no que queda da empresa azucareira, Franco instalou un campo
de concentración, un espazo de represión para someter ás persoas republicanas e
'extirpar el gen rojo' como dicía o sádico psiquiatra do réxime, Antonio Vallejo
Nágera.
O acto
realizámolo, precisamente, para que se coñeza o noso pasado, lonxe dos
revisionismos edulcorados que practica certa elite intelectual e mediática,
porque só coñecendo a verdade poderemos non caer nos mesmos erros. É xusto e
necesario, recordar e reivindicar a todas esas persoas que loitaron por unha República
que emana do pobo, cuxos principios realmente democráticos asustaban aos
fascistas, cuxos descendentes, a día de hoxe, aínda manteñen ese odio, ese medo
a todo o que representaba aquela Unidade Popular.
Porque foron,
somos, e por iso é preciso alzala voz contra todos aqueles que desexan que a longa
noite de pedra retorne. Miramos, con orgullo, ao noso pasado para deixar ben
claro que temos un futuro de e para todas e todos, e tal e como ditaba a
Constitución Republicana, será con xustiza social, con igualdade, con dereitos
para a clase traballadora e respectando ao medio ambiente.
No acto
estarán presentes Pilar Pereiro, membro da Comisión pola Recuperación da
Memoria Histórica do Barbanza, Xesús Santos, historiador e bo coñecedor da
realidade do campo de concentración de Padrón, Xesús Redondo Abuín, histórico
militante do PCG e de EU e que sufriu a represión e a violencia do franquismo.
O acto contará coa presentación de Xabier Ron, membro da executiva de EU e do PCG.
Por último
como antes, agora e sempre, non pasarán, fascismo nunca máis, VIVA A REPÚBLICA.
No hay comentarios:
Publicar un comentario