viernes 6 de noviembre de 2009

ESQUERDA UNIDA APOIA A CAMPAÑA E OS ACTOS DO 28 DE NOVEMBRO
Está en marcha unha campaña a nivel do Estado para solicitar a retirada das tropas españolas de Afganistán. Existe xa un blog de campaña onde figura o manifesto traducido tamén ao galego que reproducimos de seguido. Pódense remitir as adhesións a: tropasfueradeafganistan@gmail.com.

Velaquí o manifesto:

É cada vez máis evidente que Afganistán vive baixo condicións de ocupación militar e guerra. Non se está reconstruíndo o país. Non se levou a democracia a Afganistán. Non se liberou ás mulleres afgás. A ocupación só trae máis mortos, tanto entre a poboación afgá como entre as tropas ocupantes. Os mesmos motivos que existían para retirar as tropas de Iraq en 2004 aplícanse ao caso afgán hoxe.

Pero lonxe de retirarse de Afganistán, o goberno español participa cada vez máis na ocupación. O envío de 220 soldados máis, e o feito de asumir o mando do aeroporto de Cabul son só os exemplos máis recentes desta deriva. O goberno tenta, en todo momento e contra toda evidencia, presentar ao exército español como a unha ONG, e disfrazar a ocupación de misión humanitaria. Nisto recibe a axuda da prensa que, a diferenza de en 2003, está case unanimemente a favor da guerra e a ocupación.

A pesar de todo, a maioría da opinión pública no Estado español segue opóndose á actual presenza militar en Afganistán. Só o 3% da poboación (e só o 1% das mulleres) apoia a política do goberno de enviar máis tropas. Un 41% defende a retirada (subindo a un 47% entre as mulleres), e outro 19% favorece unha redución do continxente. (Datos do Barómetro do Real Instituto Elcano - Resultados de Xuño de 2009). Pero o feito de que o envío de máis tropas a Afganistán teña mesmo menos apoio do que tiña a guerra en Iraq en 2003, é ignorado.

As entidades abaixo asinantes acordamos impulsar unha campaña para facer ouvir esta opinión maioritaria, esixindo a retirada das tropas de Afganistán e rexeitando o envío de máis efectivos.

Ao facelo, non nos esquecemos dos outros problemas actuais e urxentes dun mundo afligido polas crise económica e ecolóxica, senón todo o contrario. Estas crises están intimamente relacionadas coa guerra en Oriente Medio. Os enormes gastos militares -nunca xustificables- agora ademais restan recursos a fins sociais, como o apoio ás persoas sen traballo e ás súas familias. E todo o mundo sabe que estas guerras e ocupacións son froito dunha economía baseada no petróleo, que é a causa principal do cambio climático.

Tamén somos conscientes de que a reputación do Estado español está en xogo en Afganistán. Coa súa participación na ocupación, o goberno español busca mellorar a súa imaxe na OTAN e o G20. Creemos que a súa reputación internacional gañaría moito máis se defendese os principios de paz, e retirase as tropas, do mesmo xeito que fixo en Iraq en 2004. Se isto é incompatible coa participación na OTAN, entón é un motivo máis para retirarse desta alianza bélica, que debería disolverse de todos os xeitos.

Non será fácil conseguir a retirada de Afganistán, pero sabemos que mentres continúe a ocupación será imposible lograr avances sociais neste país. O pobo afgán xa sufriu 30 anos de guerra; debémoslle a nosa solidariedade e os nosos esforzos para contribuír a que viva en paz.

As entidades que colaboramos na Campaña pola retirada das tropas españolas de Afganistán, comprometémonos a mobilizarnos para conseguir este obxectivo.

Iniciamos a campaña cunha xornada de sensibilización, acción e mobilización, o sábado 28 de novembro. Iremos enviando máis detalles das mobilizacións nas diferentes cidades durante as próximas semanas.

Agora como sempre, non á guerra, fóra as forzas de ocupación!
Regreso inmediato das tropas españolas!
Solidariedade co pobo de Afganistán!
Pola paz, o traballo e un mundo sustentable!

jueves 5 de noviembre de 2009

NO DÍA A DÍA, ESQUERDA UNIDA NA LOITA POLA DIGNIDADE E O RESPECTO POLOS DEREITOS DAS PERSOAS MIGRANTES

Esquerda Unida reafirma o seu compromiso pola coherencia, pola ética humana e a defensa sen ambigüidades dos Dereitos Humanos de todas as persoas que viven nesta nación sexan de onde sexan. Máis aínda despois da aprobación da reforma da Lei de Estranxeiría que representa unha enorme coitelada no corpo cada día máis feble dos Dereitos Humanos das Persoas Migrantes.

Existe racismo institucional. Por moito que o neguemos e finxamos. E moita conduta hipócrita. E unha enorme masa, aínda non valorada na súa xusta medida, de prexuízos e condutas discriminatorias que abrolla en todos os eidos.

Acontece no día a día das persoas migrantes. Agora a Lei dá cobertura á insolidariedade. Queira que non se estenda e que se difunda unha desobediencia civil a esta norma.

Insolidaria e discriminatoria, porque non cabe outro nome, foi a conduta que unha pediatra mantivo nun centro de saúde compostelá cunha familia de orixe ecuatoriana o pasado 15 de outubro. Non só amosou reticencias a querer recoñecer o estado de saúde do pequeno, senón que chamou a un garda de seguridade ao mesmo tempo que soltaba perlas “racistas” –ese é o nome que merecen- como: “Ahora tener que atender a estos”; “seguro que no pagan a la Seguridad Social ni nada”. Vergoñento comportamento da señora en cuestión, non só polos comentarios, senón por atribuirlle á familia, de conduta exemplar, un “carácter problemático” que facía urxente un garda de seguridade.

Postos en coñecemento desta circunstancia, desde o Foro Galego de Inmigración remitiuse un escrito ao director/a do Centro de Saúde en cuestión reclamando unha entrevista persoal para recibir as explicacións oportunas.

Na resposta, recibida hai escasos días, dísenos que existe un procedemento interno e que soilicitarán “informe escrito dos feitos relatados e que se abre desde ese momento unha investigación para aclarar o acontecido” para, afirma o escrito, “dispoñer da maior información posible” e “poñer en marcha nun segundo tempo as medidas correctoras eu procedan”.

Agardemos que se cumpra e que, como soe ser habitual, o corporativismo non tape o acontecido e que as medidas correctoras non consistan nunhas vacacións pagadas. A familia que padeceu dito comportamento merece unha desculpa e, por ben dunha sociedade que se autoproclama democrática, merecemos que do decálogo “oculto” de dita pediatra se borren para sempre as condutas prexuízosas e discriminatorias.

Compostela, 4 de novembro de 2009
Secretaría de Movementos Sociais

viernes 30 de octubre de 2009

IMPLANTACIÓN DE VEHÍCULOS ELÉCTRICOS

EU Santiago presentou hoxe outra nova moción, na que pedimos o Concello da nosa cidade, que para colaborar na conservación do medio ambiente, substitúa o vehículos municipais actuais por vehículos eléctricos.

jueves 29 de octubre de 2009

Nova moción de EU Compostela

Nesta ocasión presentamos unha moción na que pedimos un horario de apertura da Alameda acorde coas necesidades dos deportistas da nosa cidade.

sábado 24 de octubre de 2009

ACTO PACIFISTA EN COMPOSTELA

Domingo, 25 de Outubro, 12:30 no Teatro Principal

Programa:

Presentación: Begoña Fontenla

Entrega da gaita galega que percorrerá o mundo coa Marcha Mundial pola Paz e a Non Violencia

Intervencións institucionais

Intervención poéticas

Contacontos

Intervencións musicais

Clausura

jueves 22 de octubre de 2009

ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA APOIA A INICIATIVA REIVINDICATIVA DOS ATLETAS COMPOSTELÁS O DOMINGO 25 DE OUTUBRO RECLAMANDO QUE NON PECHE A ALAMEDA


ESQUERDA UNIDA REAFIRMA O SEU COMPROMISO CO DEPORTE DE BASE


Facéndose partícipe a nosa organización da iniciativa reivindicativa dos atletas e deportistas compostelás da nosa cidade, que amosarán o seu descontento e contrariedade polo peche da Alameda a partir das 21h levando carteis alusivos durante o desenvolvemento da carreira pedestre que terá lugar este domingo 25 de outubro, Esquerda Unida Compostela desexa transmitir o seu apoio e solidariedade con dita iniciativa.

Demóstranse así dúas circunstancias: a primeira, que a nosa organización política tiña razón cando presentou unha moción o 29 de marzo de 2007 reclamando unha alternativa á Alameda avalada coa recollida de 1100 sinaturas, en concreto, a creación no futuro parque das Brañas do Sar dun circuito de terra pisada sen pendentes pronunciadas (un máximo do 3%), sen curvas pechadas, cun amplor de polo menos 3 metros, cunha lonxitude que xira entre os 2.000-2.500 metros e unha axeitada iluminación nocturna para a práctica do atletismo. O silencio foi a resposta do Concello, ao igual que foi silenciosa a resposta á pregunta escrita formulada o 15 de abril de 2008, onde xa deixabamos constancia do descontento dos deportistas da nosa cidade perante o peche da Alameda e perante a existencia de lesións debido á carencia dun espazo en condicións para a practica popular do atletismo. A segunda circunstancia, lamentable e triste, é que os nosos gobernantes municipais falan de deporte coa boca grande, pero, ademais, non só non fan absolutamente nada por dotar á nosa cidade dun espazo en condicións para o deporte de correr, senón que, cada vez máis, incrementan os obstáculos para a realización de dito deporte. Pechar a Alameda ás 21 horas, tendo en conta as actuais xornadas laborais, significa excluír a moitísimos amantes do deporte do atletismo, ou sinxelamente da necesidade de camiñar por un espazo tranquilo e lonxe do tráfico.

Por iso, Esquerda Unida fai súa tamén a petición de que a Alameda non peche ás 21h.


Compostela, 23 de outubro de 2009.
MOCIÓN DE EU COMPOSTELA SOBRE A EXENCIÓN DO IBI
Manifesto de Compostela pola paz mundial e a xustiza
25 de Outubro de 2009
Con motivo da Marcha Mundial pola Paz e a Non Violencia

Cada día morren 35,000 nenos de fame no mundo segundo a FAO. É un xenocidio de proporcións impresionantes, ao que asistimos impasibles, moitas veces sen inmutarnos. Ao mesmo tempo, calcúlase que o gasto diario en armamento é de 3.000 millóns de dólares e os subsidios agrícolas dos Estados Unidos e da Unión Europea roldan os 800 millóns diarios. Afirman que non hai fondos para o tratamento da SIDA, para acadar os Obxectivos do Milenio, para rematar coa pobreza e a miseria ... pero os Estados veñen de sair ó rescate das institucións financieiras e dos cobizosos que provocaron, coa súa ambición desmedida, o desplome da economía capitalista internacional.
Os enormes beneficios do complexo industrial bélico e militar dirixen en boa medida a economía mundial. Porque seguimos a vivir nunha economía de guerra. De feito, persisten máis de 35 conflitos armados no mundo, algúns especialmente longos e xeradores de enorme inestabilidade internacional, como é a ocupación israelíta dos territorios palestinos, a guerra de Afganistán e Iraq, ou Chechenia, por citar tan só algúns dos máis relevantes.
Derogar a guerra segue a ser un imperativo moral do século XXI.
É urxente compartir xustamente. Non hai mellor caldo de cultivo da radicalización, a animadversión e a agresividade que a humillación e a exclusión. A violencia non se xustifica, nin pode lexitimarse, pero as súas orixes deben de examinarse atentamente. Cómpre fortalecer o multilateralismo e dotar ás Nacións Unidas dos medios e autoridade necesarios para emprender un gran plan global de desenvolvemento en beneficio de todos.
O Norte, primordialmente, séguese a enriquecer cos recursos naturais de países aos que empobrece progresivamente e cuxa cidadanía se ve forzada a emigrar en circunstancias que con frecuencia constitúen un agravio á súa dignidade e atopando na dura viaxe a hostilidade e a restrición das leis dos Estados que, curiosamente, os explotan (Directiva da Vergoña).
Non é con votos cautivos, con obediencia cega e con temor e medo como se constrúe e consolida a democracia xenuína. Non é con guerras de cobiza, con demostracións de forza, accións bélicas e invasións dirixidas por intereses económicos e enerxéticos -que xeran unha espiral de violencia, de acción e reacción, de intervención e represalia- como podemos facer fronte aos grandes desafíos e asimetrías de todo orde que presenta a situación mundial. Os gobernantes abdicaron das súas responsabilidades políticas, substituíndo valores universais polas leis do mercado. O resultado foi a concentración da riqueza nunhas cantas mans e a ampliación das fendas sociais e económicas. ¡NON Á POBREZA!
Hai que esixir aos gobernantes, a través dun auténtico clamor a escala mundial, que dean prioridade ao cumprimento dos Obxectivos do Milenio e o remate da carreira armamentística. Chegou o momento da non resignación, da implicación persoal. Proclamamos, unha vez máis, que non xustificamos os atentados e a violencia, veña de onde veña. Condenamos todo tipo de terrorismo: o dos grupos ocultos nas sombras e o terrorismo de Estado. Utilizouse a tortura, o trato cruel e degradante, violando reiteradamente o dereito internacional e humanitario. É necesario que a Comunidade Internacional poña fin á barbarie, ás masacres. Como se establece na Carta das Nacións Unidas son os pobos os que deben decidir sobre o seu destino. Debemos sumar con rapidez voces de todos os pobos do mundo para dicir:
¡BASTA! Á GUERRA E Á VIOLENCIA. Calamos en exceso. Agora acabouse o silencio. Os pobos elevarán a súa voz. A guerra é unha traxedia para todos. É urxente desarmar a razón armada. Hoxe máis que nunca son necesarios a capacidade de diálogo e de alianza, o compromiso de intentar a resolución pacífica de conflictos, fomentando actitudes de encontro e respecto aos demais, mediante a aplicación cotiá dos DereitosHumanos sustituíndo a violencia, a forza e a imposición pola Cultura da PazÉ necesario cambiar o curso dos acontecementos a través de accións colectivas, desenvolvendo a solidariedade entre os pobos. É urxente que os intelectuais, artistas, educadores, científicos .... abandonen a súa pasividade e pasen á acción. Só así os seus escritos e as súas palabras será cribles e poderán contribuír a sumar os seus esforzos aos de moitos outros para deter a tolemia da guerra, da confrontación e da violencia. Chegou o momento da xente. E, sobre todo, dos mozos, dos homes e mulleres que reclaman outro mundo posible. As institucións e medios de comunicación deben axudar á cidadanía mundial para que, por fin, deixen de ser espectadores e desempeñen a súa función de protagonistas no deseño do futuro. Os gobernantes, parlamentarios, membros dos Consellos Municipais ... teñen unha especial responsabilidade neste cambio histórico. Chegou tamén o momento das culturas e das relixións máis diversas para que, unidas pola solidariedade e o amor ao próximo que lles é inherente, se poñan a vangarda do rescate da dignidade humana. É necesario que os pobos asuman a resistencia social, cultural, política e espiritual a través de mobilizacións, da non cooperación á violencia e inxustiza, de sumar esforzos con outros pobos e denunciar aos responsables de dominacións e da dor que afecta a humanidade. Hai que poñerse en pé, en pé de paz e camiñar cara a novos horizontes de vida e non de morte. Malia todo, esa é a esperanza.
E a Marcha Mundial pola Paz e a non violencia é unha ocasión máis de poñernos en pé de paz e de camiñar xuntos pola xustiza, a paz e a solidariedade. E aquí estamos en Compostela organizacións moi diversas unidas polo noso compromiso inequívoco coa cultura da paz e a non violencia, para sustituír a forza pola palabra, a imposición polo diálogo, a confrontación pola negociación.Por canto antecede, coa mirada posta nas xeracións vindeiras, facemos un chamamento a todos quen se sentan igualmente concernidos para que manifesten pacificamente, a través de todos os medios ao seu alcance, presenciais e virtuais, a súa adhesión á paz:
Neste sentido reivindicamos:
1º.- O desarmamento nuclear a nivel mundial
2º.- O retiro inmediato das tropas invasoras de tódolos territorios ocupados.
3º.- A reducción progresiva do armamento convencional.
4º.- A sinatura de tratados de non agresión entre países.
5º.- A renuncia dos gobernos a utilizar as guerras como medio para resolver os conflictos.
5º.- O rexeitamento de toda forma de violencia.
Reafirmamos hoxe o noso compromiso coa paz e a non violencia e dicimos, de novo,NON Á GUERRA E Á VIOLENCIA!SI Á PAZ E Á XUSTIZA!