miércoles, 22 de noviembre de 2017

Defensa das remunicipalizacións




A COORDINADORA COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA REITERA A DEFENSA DA NOSA ORGANIZACIÓN POLA REMUNICIPALIZACIÓN DOS SERVIZOS PUBLICOS PRIVATIZADOS.

A CC MANIFESTA O SEU APOIO ÁS XESTIÓNS QUE SE LEVEN A CABO PARA INTENTAR REMUNICIPALIZAR O SERVIZO DA AUGA, OU CALQUERA OUTRO.

A Coordinadora Comarcal (CC) de Esquerda Unida Compostela considera que deben ser as Administracións Públicas as que presten, con calidade, eficacia e eficiencia, servizos de titularidade e xestión pública que satisfagan as demandas sociais que a cidadanía precisa para o seu benestar.
Consideramos que os dereitos esenciais, como o da auga, deben afastarse do lucro das mans privadas e encamiñarse cara o beneficio das veciñas e veciños. É máis que obvio que a xestión pública garante un servizo centrado en satisfacer as necesidades da maioría social, respectar o medio ambiente, promover condicións laborais xustas e, entre outras vantaxes máis, articular controis democráticos.

Tal e como expón a Resolución 64/292 do ano 2010, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas recoñece o dereito á auga e ao saneamento como esenciais para a realización de todos os Dereitos Humanos. Por iso para a CC a remunicipalización do servizo da auga é necesaria para acadar a sociedade xusta e igualitaria que reivindicamos.
Son moitas as vantaxes de que a auga, e outros servizos, sexan públicos, pois ao afastarse o abastecemento e saneamentos de criterios economicistas, baseados unicamente na busca do lucro das contas bancarias da empresa privada, estes rexeranse, por exemplo, baixo criterios de solidariedade no que as persoas pagarán acorde as súas capacidade e, por suposto, en ningún caso será cortado o seu subministro a ningún veciño/a.
Tamén cómpre mencionar que en moitas ocasións as privatizacións, mal chamadas externalizacións polo PP, son, como se está demostrando, o caldo de cultivo perfecto para certas corruptelas (tratos de favor, clientelismo...)
Por último como dato relevante que certifica que as remunicipalizacións deberían ser unha prioridade, o Tribunal de Contas español, no seu Informe 1.010 de fiscalización do sector público local, asegura que a xestión pública directa dos servizos básicos como a auga, a recollida de lixo e a limpeza viaria costa moito menos á cidadanía que unha vez privatizado.
Moitas máis consideracións sobre os beneficios da xestión pública poderían ser mencionados, deixando en evidencia que a estratexia do PP de evitar que gobernos locais recuperen eses servizos é ilexítima, nefasta e antidemocrática.
Por todo isto, dende a Coordinadora Comarcal de Esquerda Unida manifestamos o noso apoio ao goberno de CA para intentar a remunicipalización do servizo da auga, ou de calquera outro servizo que sexa posible.

No hay comentarios: