lunes, 30 de abril de 2012

1º de Maio

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela anima a cidadanía a participar activamente nas mobilizacións sindicais que se leven a cabo en Santiago polo 1º de Maio.

O Consello Comarcal de EU Compostela certifica que o éxito, tanto da folga xeral como das mobilizacións posteriores, atestiguan claramente que a cidadanía esta farta de ser tratada como unha mercadoría, e que máis que nunca é necesario un cambio das políticas neoliberais, empezadas polo PSOE e acrecentadas polo PP, polas necesarias políticas sociais que muden este sistema depredador de recursos humanos e naturais.

Unha nova mostra desta rebelión contra as medidas que os mercados dictan, e o goberno do PP aplica, veuse este domingo, 29 de abril, onde milleiros de persos fixeron pública e patente a loita cidadán contra os recortes anunciados na sanidade e educación públicas que claramente atenta contra a necesaria xustiza social.

Por todo isto, unha vez máis, dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, certificamos o compromiso da nosa organización para, xuntos, proseguir na loita contra a dictadura dos mercados e para acadar a democracia real que vele polos intereses dos traballadores e traballadoras.

viernes, 27 de abril de 2012

Manifesto en defensa da Educación e da Sanidade Públicas


BRUTAL ATAQUE CONTRA OS SERVIZOS PÚBLICOS

O recorte adicional en Educación e Sanidade, a maiores dos Orzamentos 2012, lévanos a unha situación moi preocupante. Cómpre reaccionar e dicir non a esta salvaxe poda dos nosos dereitos. Coa mentira como argumento a dereita receita ultraliberalismo para acelerar os procesos de degradación e privatización dos servizos públicos esenciais.

EDUCACIÓN

O R.D.-L. 14/2012 do 20 de abril de medidas urxentes de racionalización do gasto público no ámbito educativo representa un brutal ataque ao sistema educativo público. Aumentar a ratio de alumnado (até 30 en EI/EP, 36 ESO, 42 Bacharelato, sen contar repetidores) é un disparate. Incidiría na masificación das aulas e liquidaría a posibilidade de diversificar o traballo e a atención pedagóxica personalizada en función das necesidades do alumnado. Non nos fiamos do anuncio de Feijóo. Porque é electoralista e porque dixo o mesmo do copago, e aquí está. Moito nos tememos que, de esixirllo Rajoy, en setembro se aplique o que hoxe di que non fará. O aumento das horas mínimas derivará en problemas para o profesorado de moitos centros que se verían na obriga de compartir centro para completar horario. Pero, sobre todo, este aumento afectará ao futuro laboral de milleiros de persoas que, sendo hoxe interinas e substitutas, non poderán traballar. Nisto incide, ademais, a decisión, contraria á calidade do ensino público, de non cubrir as baixas de 15 días en ningún caso, mesmo nas baixas superiores a ese tempo. Un quebradeiro máis para a correcta organización dos centros educativos. En que situación queda o alumnado de 2º de Bacharelato coa súa formación ante a Selectividade?

Na FP non haberá novas titulacións. A dereita é hipócrita: falan de prestixiar a FP pero aplican medidas que a desprestixian.

No ensino universitario voltamos aos tempos do franquismo: estudará quen teña os medios económicos. O aumento das taxas, o prohibitivo prezo dos másters e a inexistencia dunha provisión real de bolsas condúcenos ao túnel do elitismo. E que o alumnado se endebede crediticiamente non é unha solución. Todo o contrario. As clases dominantes non queren un pobo instruído e formado: só queren man de obra asequible e, por riba, sen dereitos.

SANIDADE

O R.D.-L. 16/2012 do 20 de abril de medidas urxentes para garantir a sostibilidade do sistema nacional de saúde e mellorar a calidade e seguridade das súas prestacións é unha auténtica salva de disparos contra a sanidade pública entendida como un servizo público universal, gratuito e financiado polos orzamentos públicos. É falso que non sexa sostible.

As próteses, o transporte sanitario non urxente, os fármacos serán repagados polas persoas usuarias. Un auténtico roubo perpetrado con traxe e maletín. Isto na Galicia das pensións miserentas e dos salarios rebaixados. Moitas persoas renunciarán ao tratamento debido á incapacidade de facerlle fronte aos gastos. Canto lle custaría a unha persoa pagar, por exemplo, os 170 quilómetros diarios que fai de Lugo a Coruña para que se lle alique un tratamento de radioterapia? É aldraxante. É insolidario. Inxusto. Esnaquiza a nosa democracia e reduce as nosas posibilidades ao feito de dispoñer de contías inxentes de diñeiro. Burocratízase o dereito á asistencia sanitaria que, así, deixa de ser universal e gratuita. Antes ben, establecen un novo imposto á enfermidade.

Prodúcese unha vulneración total do dereito á asistencia sanitaria que teñen as persoas migrantes. Fáiselles culpables ao penalizalas por unha eiva da lexislación (a irregularidade administrativa). Ás persoas maiores de 26 anos que non cotizaran nunca terán que recoñecerlle a condición de “sen recursos” para acceder á atención sanitaria. Pero, que acontecerá coas mulleres divorciadas que nunca cotizaron?

SEN EDUCACIÓN PÚBLICA, SEN SANIDADE PÚBLICA
NON HAI DEMOCRACIA REAL

miércoles, 25 de abril de 2012

Moción pasamán en beirarrúa de Santa Isabel

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela presentou unha nova moción, nesta ocasión pedimos ó Concello que vele pola seguridade das persoas que transitan por unha beirarrúa de Santa Isabel, instalando un pasamán, debido a que existe un perigoso desnivel.

Aquí tedes o texto da moción e fotografías que acreditan o exposto:


O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela considera que o Concello debe garantir a seguridade das persoas que transitan polas beirarrúas da cidade.

Como, por exemplo, xa remarcaramos en mocións como a construción de beirarrúas na rúa Divina Pastora ou no Burgo das Nacións, nesta ocasión detectamos  un claro fallo de seguridade para as persoas nunha beirarrúa situada a altura do número 9 do campo de Santa Isabel.

Como se pode comprobar facilmente hai un considerable desnivel entre a entrada a esta casa e a beirarrúa pola que deben transitar os veciños e veciñas, polo que para evitar o perigo dunha caída, e as súas consecuencias para a integridade física das persoas, bastaría coa instalación dun pasamán, que ademais podería axudar a descender os chanzos que hai no remate da beirarrúa. Por suposto se se considera que hai outras medidas para evitar os posibles accidentes sería bo poñela en funcionamento o antes posible.

Por último, sen ser o máis importante, cómpre destacar que non sería a primeira vez que os Concellos son obrigados a pagar unha indemnización a unha persoa que sufriu algunha lesión debido o defectuoso estado ou inseguridade nas beirarrúas das cidades, polo que, obviamente sen ser o motivo principal, sería aconsellable a actuación nesta beirarrúa para evitar accións punitivas contra as arcas municipais.

Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao Pleno do concello de Santiago a seguinte proposta de

ACORDOS

Primeiro. Efectuar as pertinentes medidas de seguridade para atallar o problema detectado na beirarrúa situada a altura do número 9 do campo de Santa Isabel.

viernes, 20 de abril de 2012

Moción arranxo vivendas

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela presentou unha nova moción, nesta ocasión pedimos ó Concello que leve a cabo as medidas necesarias para, tralo debate pertinente cos colectivos da cidade, se constitúan as axudas necesarias para arranxos en vivendas.

Aquí tedes o texto da moción:


O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela considera que o Concello, como Administración Pública máis próxima á cidadanía, debe velar por garantir o dereito constitucional a unha vivenda digna.

Razón pola cal xa presentamos, para a súa toma en consideración no Pleno, unha moción pedindo a instauración de axudas no pago da hipoteca para evitar que persoas en risco de exclusión social perdan a súa vivenda, e tamén unha moción reclamando a creación dunha axencia pública municipal de aluguer social.

Marcha reivindicativa en defensa da CRTVG

Dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela vos informamos, e vos animanos a participar, na convocatoria dunha marcha reivindicativa convocada polo Comité Interempresas da CRTVG que, baixo o lema “NIN REPRESIÓN NIN MANIPULACIÓN” terá lugar o vindeiro sábado, 21 de abril, con saída, ás 11.30 horas do Pazo de Congresos de Santiago e remate ás portas da CRTVG en San  Marcos.

Aquí tedes o manifesto da convocatoria:

O pasado día 30 de marzo máis dun cento de afectados polo que se coñece como “estafa das participacións preferentes” ocuparon as instalación da CRTVG en San Marcos para denunciar a ocultación do conflito que lles afecta dende este servizo público.

No transcurso da ocupación, a representación sindical asumiu un papel de mediación e diálogo, tratando de manter en todo momento o carácter pacífico da ocupación e evitar o enfrontamento entre o cadro do persoal e os afectados e afectadas.

Mentres isto acontecía, o Director xeral da CRTVG abandonaba o edificio pola porta de atrás, facendo deixazón absoluta das súas funcións como responsábel último do ente público.

Por se isto fose pouco, ao día seguinte dos feitos, o mesmo Director xeral resolveu abrir un expediente informativo para depurar responsabilidades entre as traballadoras e traballadores do servizo xa que, segundo indicou, a ocupación das instalacións non tería sido posíbel sen a “colaboración, activa ou pasiva, de persoal propio da CRTVG”.

Porén, a única responsabilidade neste e noutros conflitos ven dada por unha dirección ao servizo do goberno de quenda, máis preocupada en ocultar os conflitos sociais que en dar unha información veraz e plural á que o pobo galego ten dereito.

Esta política informativa está a poñer en continuo risco a integridade moral e física dos e das profesionais dos medios públicos, sobre todo nas situacións de maior impacto social (como xa ten acontecido nos casos das vacas tolas, o Prestige, o mal chamado decreto do plurilingüismo ou máis recentemente a folga xeral do 29 de marzo), cando a crítica pola evidente manipulación informativa se transforma en indignación social.

Mais para enmascarar a realidade dos feitos, o Director xeral da CRTVG dálles radicalmente a volta e acusa a traballadoras e traballadores de ser cómplices do asalto ás instalacións da CRTVG en San Marcos, xustificando así a apertura dun expediente informativo no que se entrevén trazos represivos que buscan atemorizar ao cadro de persoal e  afogar as voces discrepantes dentro da empresa.

Contra esta práctica represiva, mais tamén contra a manipulación informativa que está na orixe do acontecido o 30 de marzo, chamamos á mobilización do conxunto da sociedade galega. Esiximos a retirada inmediata do expediente informativo e o cese da persecución a traballadores e traballadoras e á súa representación sindical. Mais tamén reclamamos que o ente público cumpra coa función social para a que foi creada, que non é outra que dotar ao pobo galego da información veraz, plural, obxectiva, neutral e independente que precisa. Só así poderemos asegurar que  feitos como os actuais non  volvan a repetirse no futuro.

NIN REPRESIÓN NIN MANIPULACIÓN.

jueves, 19 de abril de 2012

Xuntanza coa Plataforma en defensa do río Sar


O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA E A PLATAFORMA EN DEFENSA DO RÍO SAR CONCORDAN EN QUE A SITUACIÓN MEDIOAMBIENTAL DO RÍO SAR É LÍMITE

Os representantes do Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, Xabier Ron, María Rozas e Vicente Vázquez, mantiveron unha xuntanza coa Plataforma en Defensa do Río Sar.

Neste encontro levado a cabo o luns, 16 de abril, pola tarde se expuxeron as liñas de acción necesarias para combater a deficitaria situación de depuración que padece a nosa comarca, situación que ten unha enorme incidencia río abaixo, no Sar, e que no seu decorrer remata por afectar a todos os concellos polos que pasa.

A Plataforma en Defensa do Río Sar expuxo as razóns que motivaron o seu nacemento e acompañou a súa exposición co visionado de certas gravacións audiovisuais que revelan o grao de contaminación medioambiental que padece o río Sar e que veñen provocados pola deficitaria depuración da EDAR da Silvouta e que derivará, de seguirmos así, nun problema de saúde pública.

Os representantes do Consello Comarcal expresaron o apoio de EU á Plataforma e comprometeron o seu traballo en distintos eidos (comarcal, nacional e federal) para que se poñan en marcha distintas accións destinadas a ir solventando aspectos relacionados coa mellora da calidade das augas a depurar.

Unha delas reclamar que a empresa concesionaria de augas se comprometa máis coa súa condición de prestadora dun servizo público e que se esforce por levar a cabo actuacións de filtraxe e que dote de boas arquetas tamizadoras algúns treitos salientables coma o do enganche entre Milladoiro e a Rocha, onde a cantidade de resíduos sólidos que quedan a flote, cando baixan augas pluviais e residuais, é sinxelamente abraiante e preocupante pola cantidade de lixo que se acumula e por ser fonte de contaminación. Un lugar no que cómpre traballar é na central de bombeo de augas residuais de Vilastrexe (Villestro), xa que, debido ao seu mal funcionamento, as augas procedentes dos sumidoiros acaban de forma directa no río Roxos.  E cando chove a situación é moito máis grave.

Igualmente, a nosa organización solicitará á administración competente que a auga do río, posterior dos aliviadoiros que coinciden cun treito do Camiño de Santiago, preto da ponte da Rocha, onde os peregrinos aproveitan, cansos da viaxe, para bañarse, sexa analizada pertinentemente para, con datos concretos, decidir se esta zona se pode ou non declarar apta para o baño.

Outras tarefas deben ser rematar o interceptor do colector do Sar, do que están realizados algúns treitos. Estas accións permitirían reducir a presión das augas a depurar na EDAR da Silvouta. Non obstante, a acción principal é que Santiago teña unha depuradora como se merece e realizada coa técnica máis eficiente, a das membranas. Hai coincidencia en que non se poden demorar máis os tempos e que cómpre axilizar a realización do estudo de impacto medioambiental da nova ubicación proposta polo equipo de goberno do Concello. O feito de que non exista ningunha partida nos orzamentos xerais do estado para o 2012 a este respecto é moi negativo. O río Sar está nunha situación moi deteriorada e estender varios anos a actual situación de contaminación podería converterse mesmo nun grave problema de saúde pública.

miércoles, 18 de abril de 2012

Valoración Plan de axuste


PLAN DE AXUSTE = SUBA DE IMPOSTOS + RECORTES NO PERSOAL DO CONCELLO

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela considera que o plan de Axuste aprobado polo goberno do Partido Popular para pagar o préstamo, máis os xuros derivados, solicitado á banca para facer fronte as facturas impagadas aos provedores por unha contía de 15 millóns de euros, recae nunha suba dos impostos á veciñanza de Compostela e en recortes aos empregados municipais.

Con este plan de axuste o PP hipoteca o futuro dos composteláns e compostelás para os vindeiros 10 anos, cunha suba de impostos, especialmente do IBI, taxas e prezos públicos, de ata un 16%, dificultando aínda máis a xa complicada situación da cidadanía de Santiago.

Outras medidas na área de ingresos son potenciar a inspección tributaria e reforzar a eficacia da recadación firmando convenios de colaboración co Estado ou coas Comunidades Autónomas. Todas estas medidas aumentarán a presión fiscal sobre os contribuíntes, que nos próximos anos terán que pagar ata 8 millóns de euros máis. 

Na área de gastos os prexudicados son os empregados do Concello, véndose recortadas as partidas do persoal até polo menos o 2022. Eliminaranse postos de traballo e non se sacarán a convocatoria o 50% das prazas dos funcionarios xubilados.  Ademais os empregados municipais sufrirán tamén recortes en áreas coma acción social, formación ou produtividade.     

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela non comparte este plan de axuste aprobado polo Partido Popular no que todas as medidas recaen sobre a veciñanza e sobre os funcionarios.

Solicitamos que o goberno sexa transparente na súa xestión, que se acheguen os datos da situación económica real do noso Concello e da súa xestión durante o ano 2011. A estas alturas aínda non sabemos a que se deben e que data teñen estas facturas impagadas cos provedores. Protestamos contra este escurantismo que está a ser sinal de identidade do actual goberno. 

Dende Esquerda Unida Compostela estamos seguros de que se podían buscar outras solucións que evitaran o recurso fácil da suba de impostos que rematan pagando sempre os mesmos. Botamos de menos que a actual administración non realizara un esforzo para que os recursos para pagar a débeda sairán doutras áreas. Podíanse recortar e axustar outro tipo de gastos menos necesarios que os de persoal, como por exemplo reducindo cargos de confianza política, recortando subvencións  ou renegociando contratos en vigor. Nembargantes decidiuse que foran os empregados públicos e os petos dos veciños/as de Santiago, onde moitas familias teñen severas dificultades para chegar a finais de mes, os que soportarán as débedas do Concello.

lunes, 16 de abril de 2012

Dimisión Conde Roa


O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA CONSIDERA NECESARIA A DIMISIÓN DE CONDE ROA, MAIS O PROBLEMA NON É UNHA PERSOA SENÓN AS POLÍTICAS NEOLIBERAIS DO PP
  
O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela considerara que Conde Roa quedaba inhabilitado politicamente como Alcalde para rexer con ética e moral ao Concello de Santiago, polo que consideramos o seu anuncio de dimisión como necesario.

Mais desexamos ratificar que os problemas da nosa cidade non parten da imputación por fraude do seu ex-alcalde (do que, estando na oposición eran moi visibles os seus defectos para ser o noso alcalde), sendo isto moi grave, senón que son as políticas neoliberais, comezadas polo PSOE, que agora continúa e acentúa o PP, e que son as que liquidan o xa de por si delicado estado de benestar que tiñamos.

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela non entende a política como actuacións personalistas carentes dunha ideoloxía, e feitas dende a individualidade, senón como estratexias programáticas que emanan dun traballo colectivo ante a afiliación da organización política e a sociedade.

Por iso non cremos que a necesaria dimisión de Conde Roa solucione nada, sendo grave, moi grave a imputación por fraude cometida nas súas actuacións privadas, o peor para a cidade son as actuacións que até o de agora levou a cabo na cidade, co respaldo total e absoluto do PP, tanto local como galego.

No foi Conde Roa, senón o PP, quen transforma unha débeda con provedores nunha débeda bancaria supeditada a intereses, e por riba sustentada nun plan de axuste que hipoteca as posibles actuacións de futuras corporacións municipais.

Non foi Conde Roa, senón o PP, quen leva unha política urbanística errática, con so dúas actuacións de relevancia no que vai de lexislatura, liquidar EMUVISSA, que se ben tiña un funcionamento claramente deficitario, é mellor que deixar a planificación urbanística en mans privadas, como se ve claramente nesa segunda actuación de relevancia que consiste en edificar pisos de luxo na Finca do Espiño, en lugar, a pesar de ser moi mellorable, de efectuar a residencia de maiores proxectada.

Non foi Conde Roa, senón o PP, o que tanto a nivel local como galego, mostra un comportamento totalitario e de censura perante a a cultura que non lle gusta ou que o critica, basta con recordar o lamentable espectáculo ofrecido con Leo Bassi.

Habería moito que seguir criticando sobre a política neoliberal do PP, non só de Conde Roa, que sen lugar a dúbidas está a afectar ao benestar dos veciños e veciñas.

miércoles, 11 de abril de 2012

Crítica a Conde Roa por impago IVE


O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA CONSIDERA QUE CONDE ROA QUEDA INHABILITADO POLÍTICAMENTE COMO ALCALDE

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela hai uns días, cando se soubo da querela da fiscalía contra Conde Roa por defraudar supostamente a Facenda, decidiu agardar a que o afectado realizase as súas declaracións antes de pronunciarse.

Estas tiveron lugar o luns 9 de abril de 2012, pola tarde. Considerando só as súas declaracións, e unicamente estas, cómpre dicir que Conde Roa, que foi avalado polos votos da veciñanza que lle deron a maioría, non só está defraudando ás persoas que o votaron, senón e sobre todo, está demostrando a súa incapacidade para gobernar o Concello de Santiago de Compostela.

Nas súas declaracións hai fachenda, arrogancia e moito disparate. É certo que até que se pronuncie de forma definitiva a Fiscalía se lle debe presupoñer a inocencia, pero non é menos certo que existiu unha conduta inapropiada no punto de partida e que foi exposta polo propio Conde Roa: empregar diñeiro das persoas que lle compraron as súas vivendas para uso única e exclusivamente privado como é sanear as contas da súa empresa. E esa conduta é posible xulgala como inmoral e coidamos tamén que é ilegal. E nisto, para nós, tanto nos ten se son 100, que 1000, que 10000, ou os 291.000 euros empregados nesa conduta inapropiada.

Tanto nos ten aos membros do Consello Comarcal de EU Compostela toda a retórica floral empregada por Conde Roa tentando poñerse á nosa altura, á altura do pobo. Amais de insensato, é falaz. As persoas do común debemos ser respectuosas cos impostos que nos reclama Facenda, xa que son os tributos que logo deberan reverter en servizos públicos de calidade (outra cousa é que isto non suceda debido á incapacidade dos nosos gobernantes e ao único desexo destes gobernos de dereitas -entre eles o do propio Conde Roa- de tender só a reducir déficit mentres recortan os nosos servizos públicos e a nosa igualdade de oportunidades).

A Fiscalía será quen determine se esa conduta inapropiada, inmoral e para nós ilegal, é susceptible de constituír fraude e polo tanto se ten repercusións penais. Pero para nós, e coidamos que para boa parte da cidadanía, Conde Roa queda inhabilitado politicamente como Alcalde para rexer con ética e moral ao Concello de Santiago de Compostela.

miércoles, 4 de abril de 2012

Imputación por evasión fiscal a Conde Roa

Dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, ante a nova da imputación a Conde Roa por evasión fiscal de 300.000 euros, non faremos ningún comunicado público á espera de maior información do proceso xudicial, á espera tamén da resposta pública que faga o alcalde e outras cuestións, mantendo sempre unha actitude responsable, como xa fixeramos con outros temas locais, evitando as demagoxias e populismos que ningún ben fan.

lunes, 2 de abril de 2012

Concentración contra a desfeita ambiental nas Fragas do Eume

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela informa, e anima a participar, á cidadanía na concentración que este luns, 2 de abril, ás 20:30 na Praza do Obradoiro, se levará a cabo en resposta a desfeita ambiental e nefasta xestión ocorridas nas Fragas do Eume.


Moción participacións preferentes

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela presenta unha nova moción, nesta ocasión pedimos ó Concello que inste o goberno do Estado a velar polos dereitos dos pequenos aforradores prexudicados polas participacións preferentes.


Aquí tedes o texto da moción:


O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela considera que, amén de prestar os servizos públicos necesarios, o Concello debe velar polos dereitos da cidadanía e actuar contra os prexuízos que poidan ter.

A comercialización de produtos financeiros de alto risco supón unha das fontes de prexuízos para os pequenos aforradores, que sen a información e coñecemento necesarios, expóñense a sufrir quebrantos no seu aforro a costa do xogo estéril que as entidades financeiras practican con engano. No caso das participacións preferentes as entidades bancarias as ofreceron mentindo sobre o seu carácter especulativo e perigoso, contando delas  que eran un produto de aforro.

As directivas comunitarias 2004/39/CE, relativa aos mercados de instrumentos financeiros; a 2006/73/CE, sobre requisitos organizativos e condicións de funcionamento das empresas de investimentos; e a 2006/49/CE, de adecuación do capital das empresas de investimentos e entidades de creto, xa forman parte do ordenamento xurídico estatal pola Lei 47/2007, do Mercado de Valores. Estas normas tentaban no seu texto protexer aos pequenos investidores respecto de produtos financeiros complexos e altamente especulativos; de feito o título sétimo das Normas de Conduta prescribe un comportamento dilixente e transparente no interese dos clientes, asemade de requirir que toda a información que se lles de a estes terá que ser  imparcial, clara e non enganosa.

Os clientes das participacións preferentes, en boa medida pequenos aforradores, amosaron nos test de conveniencia un fondo descoñecemento dos produtos financeiros, así como a vontade de non mercar produtos con risco. Diversas entidades financeiras fixeron caso omiso da verdadeira natureza deste produto e mentiron aos seus clientes contándolles que as participacións preferentes eran instrumentos sen risco, garantidos e con inmediata liquidez en caso de necesidade. Temos que denunciar, como xa fixo o Grupo Parlamentar de IU no Congreso nunha Proposición Non de Lei, que nin a Comisión Nacional do Mercado de Valores nin o Banco de España supervisaron a actuación destas entidades para que fora conforme aos tests  da Directiva 2004/39/CE.

O paquete de medidas pretendidamente regulamentadoras do sistema financeiro coñecido como Basilea 111 deixa a porta aberta a que a entidade financeira garanta o capital inicial do cliente, asumindo as perdas que no seu caso puideran derivarse das especulacións do mercado. Circunstancia que desgraciadamente algunhas entidades bancarias do Estados se negan a pór en práctica a pesares das xigantescas inxeccións de cartos públicos recibidas polos Gobernos  ZP e de Rajoy.

Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao Pleno do concello de Santiago a seguinte proposta de

ACORDOS

Primeiro.- Que o Pleno do concello de Santiago inste ao Goberno do Estado a  que de xeito coordinado coa CNMV revise aos test de conveniencia,  ao obxecto de que  o contrato de subscrición de participacións preferentes  ou doutros  produtos semellantes resten sen efectos legais,  no caso de que non foran produtos axeitados ao perfil de coñecemento das persoas contratantes  ou non se adecuaran aos riscos que estas persoas  manifestaban estar dispostas a asumir.

Segundo.- Que o Pleno do concello de Santiago inste ao Goberno do Estado a que coordine co Banco de España as accións oportunas  que garantan a devolución do capital inicial a todas as persoas  que subscribiron participacións preferentes, logo de manifestar un perfil de investidor de baixa tolerancia ao risco. 

Terceiro.- Que o Pleno do concello de Santiago inste ao Goberno do Estado a desenvolver todas aquelas medidas necesarias  para que as entidades financeiras deixen de incumprir as Normas de Conduta previstas no Título VII da Lei 47/2007,  de 19 de decembro, pola que se modifica a Lei 24/1988, de 28 de xullo, do Mercado de Valores.

Cuarto.- Que o Pleno do concello de Santiago inste ao Goberno do Estado a sancionar ás entidades financeiras que vulnerasen a lei ignorando os requisitos legais para comercializar  produtos financeiros de alto risco, caso das participacións preferentes.

Quinto.- Que o Pleno do concello de Santiago inste ao Goberno do Estado  a que no vindeiro período de sesións presente un proxecto de lei de transparencia e calidade  na comercialización dos produtos financeiros.