martes, 26 de junio de 2012

Acordo para a feira de gando


O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA MANTÉN FIRME O SEU APOIO A QUE A FEIRA DE GANDO SE CONTINÚE LEVANDO A CABO NO CONCELLO DE SANTIAGO.

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA ESIXE O GOBERNO LOCAL DO PP UN ACORDO POR ESCRITO NO QUE SE ESTABLEZAN AS CONDICIÓNS PARA A CELEBRACIÓN DA FEIRA EN SANTIAGO.

O Consello Comarcal de EU Compostela defende os circuítos de proximidade para unha comercialización sustentable e oponse ás deslocalizacións.

Por iso o Consello Comarcal de Esquerda Unida se opuxo á neglixente intención do PP de arrebatar a feira de gando á Santiago, participando, desde o seu inicio, da Plataforma Cidadá de apoio á feira de gando.

Como é máis que evidente o goberno local do PP está a levar unha política errática e incoherente respecto a feira en Amio, que provoca que, unha vez máis, sexa necesario a mobilización cidadá para atallar os problemas que xera o equipo de goberno do señor Currás.

Para o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela é necesario, dunha vez, que o PP queira dialogar realmente cos distinto colectivos afectados, para acadar unha solución que permita, de forma permanente e estable, a celebración da feira de gando no noso municipio.

Entre as moitas propostas que a Plataforma expuxo ó alcalde, e que o Consello Comarcal comparte para lograr un acordo por escrito, como mínimo para esta lexislatura, que de a tranquilidade necesaria, é que se reflicta claramente que a feira de gando sempre se celebrará no municipio de Santiago. Se non puidera, chegado o caso, ser en Amio, o Concello habilitaría outro recinto para a súa celebración.

Tamén, como mostra do claro interese dos gandeiros e tratantes por chegar a un acordo firme, se propuxo ó alcalde que, trala pertinente elaboración dun calendario anual de usos, se por un acontecemento non previsto neste calendario, e como moito unhas dúas ou tres veces o ano, estarían dispostos a aceptar trocar de día, ou non celebrar nesa semana a feira, sempre e cando se acredite esa necesidade e se avise co tempo suficiente, mínimo un par de meses.

Por todo isto, dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela esiximos o goberno local do PP que mostre claramente cales son as súas intencións, reclamando que, tralo diálogo pertinente, se chegue a un acordo por escrito cos distintos grupos municipais para elaborar un acordo estable que permita a celebración da feira de gando en Santiago.

jueves, 21 de junio de 2012

Moción habilitación espazos para animais de compañía

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela presentou unha nova moción, nesta ocasión pedimos que se habiliten espazos para o espallamento dos animais de compañía onde non teñan que levar bozo e correa ou cadea, ademais de que se sitúen dispensadores de bolsas biodegradables e puntos de recollida para os excrementos.


Aquí tedes o texto da moción:

Esquerda Unida nas súas medidas programáticas defende a Declaración Universal dos Dereitos dos Animais, aprobada pola UNESCO e a ONU, que no seu artigo 5 establece o dereito que teñen os animais de compañía a vivir nunhas condición de vida e liberdade que sexan propias da súa especie.

Segundo a lei 1/93 de Protección dos Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade no ámbito da Comunidade de Galicia, os cidadáns posuidores de animais de compañía están obrigados a mantelos en boas condicións hixiénicas e sanitarias. Para un correcto desenvolvemento físico e psíquico do animal, este necesita saír ao exterior, facer exercicio e comunicarse con outros animais.

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela considera que aos propietarios/as de animais de Santiago resúltalles case imposible exercer este dereito e necesidade dos animais e cumprir o mesmo tempo o artigo 10 da Ordenanza Municipal para a Protección e Tenencia de Animais do Concello, no que se obriga a “Con carácter xeral nas vías e espazos públicos os cans deberán ir provistos de bozo e correa ou cadea. Exceptuarase desta obriga o suposto de zonas especialmente habilitadas polo Concello para o espallamento dos can”.

Hoxe en día en Santiago de Compostela existe unha grave carencia deste tipo de espazos. Os propietarios ou non poden achegarlle ao animal o exercicio adecuado ou arríscanse a ser sancionados, práctica habitual do Concello nos últimos anos, en que se tramitaron moitas multas a propietarios de cans (non perigosos) polo feito de telos sen correa en zonas verdes.

Como dixemos os espazos destinados polo Concello para este fin son case inexistentes ou en malas condicións, como sucede co habilitado, a principios de ano, no parque de Pontepereda, en Conxo, nunha situación lamentable (entre outros problemas, de pequenas dimensións para os cans do barrio e con ferros e aramios ao descuberto que chegaron a provocar feridas nos animais).

Dende o Consello Comarcal de EU Compostela solicitamos que se habiliten os xardíns ou parques públicos dos que fala a Ordenanza Municipal de Tenencia de Animais do ano 2003 para o espallamento dos cans da cidade. Estes espazos deben contar cunhas dimensións axeitadas, e deben estar sinalizados, como xa é o caso noutros municipios (Barcelona, Irún, Madrid, etc)

Isto non require acoutar zonas de uso exclusivo para mascotas. Os parques públicos poden ser habilitados en franxas horarias que garantan a convivencia.

Desde o Consello Comarcal de Esquerda Unida tamén solicitamos un servizo de disposición de bolsas biodegradables para facilitar a recollida de deposicións de animais de compaña. É conveniente a instalación de dispensadores de bolsas para residuos caninos en diferentes puntos da cidade, en parques e zonas nas que os veciños acostuman pasear os seus cans (O Campus, Alameda, Parque de Bonaval, etc.) e a súa reposición de bolsas mensualmente. Desta forma o Concello promove e facilita o comportamento cívico da veciñanza para erradicar este tipo de residuos das rúas e parques da cidade.

Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao Pleno do concello de Santiago a seguinte proposta de

ACORDOS

Primeiro.- Realizar un estudo das zonas da cidade susceptibles de ser habilitadas como zonas verdes, segundo as necesidades de cada barrio, restruturando parques e xardíns xa existentes que polo seu tamaño permitan o correcto espallamento dos animais.

Segundo.-Habilitar para o vindeiro orzamento unha partida que permita cubrir os gastos para habilitar e sinalizar as mencionadas zonas coa maior brevidade posible.

Terceiro.- Situar dispensadores de bolsas biodegradables e puntos de recollida para os excrementos.

Valoración mesa informativa e mobilización sindical

O pasado sábado, 16 de xuño, Esquerda Unida Compostela instalou unha nova mesa informativa na que ademais de repartir o noso boletín, presentamos a campaña estatal para que se leve a cabo unha comisión de investigación no parlamento sobre a banca.

Moitas das persoas que se acercaron até a mesa, amén de interesesarse por asuntos municipais, expresaron claramente o seu malestar polas actuación gubernamesntais respecto á banca, manifestando o seu apoio a petición da comisión investigadora, remarcando que se é necesario chegar até os tribunais que se faga.

Mostra clara deste malestar cidadá se puido ver o mércores, 20 de xuño, pois se ben o tempo non acompañou para poder facer unha nova mesa informativa, Esquerda Unida Compostela estivo presente na mobilización sindical, na que centenares de persoas volveron a manifestar nas rúas da cidade a indignación existente ante as políticas neoliberais, comezadas polo PSOE, e que agora o Partido Popular incrementa tanto a nivel municipal, como galego e estatal.

lunes, 18 de junio de 2012

Contestación do Concello á moción de aviso audiovisual de paradas

Dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela desexamos facer pública a contestación que o Concello fai a nosa moción de aviso audiovisual de paradas.

En primeiro lugar desexamos agradecer ó Concello que nesta ocasión, e polo de agora só nesta ocasión, decidira dar resposta a unha proposta de EU Compostela.

Mais queremos recordar que neste momentos temos catro preguntas rexistradas e nas que pedimos, que en cumprimento do regulamente de Participación Cidadá, se nos reposte por escrito, tendo polo de agora o silencio administrativo como constestacións ás nosas demandas.

Estas preguntas son, unha respecto ás vivendas de Xoán XXIII (1 de marzo de 2012), outra sobre as posibles utilizacións das antigas instalacións do aeroporto (12 de xaneiro de 2012), outra sobre Amio (10 de outubro de 2011) e por último preguntamos sobre que utilidades se lle ten previsto dar ás antigas instalacións do Hospital de Galeras ( 7 de outubro de 2011).

No tocante a resposta dada polo Concello, queremos manifestar que as medidas que nos expoñen, as tomadas e as que están por tomar, nos parecen adecuadas sempre que se fagan para resultar efectivas e eficientes e non por meras cuestións publicitarias.

Pero temos que manifestar que en ningún momento desta contestación se fai mención a nosa proposta, é dicir, contestar contestan pero seguimos sen saber se van levar a cabo a nosa medida para instalar nos autobuses un sistema de aviso audiovisual de paradas.

Polo tanto dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela seguiremos demandando a nosa proposta, por considerala necesaria, até conseguir que sexa efectiva no noso transporte público

viernes, 15 de junio de 2012

Moción Xestión Pública das vivendas dos bancos e caixas

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela presentou hoxe unha nova moción, nesta ocasión, ademais de volver a pedir a creación da Axencia Pública Municipal de aluguer, esiximos que as vivendas baleiras dos bancos e caixas que reciban axudas públicas transpasen a súa titularidade ó Estado, que cederá a súa xestión ós Concellos para garantir o dereito a unha vivenda.

Aquí tedes o texto da moción:

Esquerda Unida Compostela traballa co firme propósito de que o artigo 47 da Constitución Española, o que proclama o dereito a unha vivenda digna para todas as persoas, sexa unha realidade e non un imposible para a maioría social.

Por este motivo o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela presentara, o pasado 14 de marzo, unha moción pedindo a creación dunha axencia pública municipal de aluguer co obxectivo de incentivar a posta a disposición da cidadanía de vivendas en rexime de alugueiro social.

Novas mesas informativas

Se o tempo o permite, afiliados, afiliadas e simpatizantes de Esquerda Unida Compostela exercendo o dereito a informar con liberdade nas rúas de Santiago, que ningunha ordenzanza pode nin poderá reprimir, volverán a instalar mesas informativas este sábado, 16 de xuño, e mércores, 20 de xuño, a partir das 17:30 na entrada da Alameda por Porta Faxeira.

Nesta ocasión, ademais de continuar co reparto do noso boletín e outras informacións das nosas actividades, daremos conta da campaña que IU leva a cabo para conseguir unha Comisión de Investigación no Congreso dos Deputados para depurar as responsabilidades políticas e administrativas na xestións das institucións financeiras.

miércoles, 13 de junio de 2012

Crítica á supresión do servizo de aluguer de bicicletas


O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA OPONSE A SUPRESIÓN DO ALUGUER DE BICICLETAS .

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA ESIXE, UNHA VEZ MÁIS, O DEBATE CIDADÁ NECESARIO PARA A ELABORACIÓN DUN PLAN GLOBAL DE MOBILIDADE SUSTENTABLE.

Esquerda Unida Compostela traballa para un cambio no modelo de mobilidade urbana. Un cambio que permita, dunha vez, camiñar cara a urxente redución do tráfico privado mentres se impulsa o uso de transportes colectivos menos perxudiciais para a nosa saúde medioambiental.

Entre as nosas demandas sempre estivo e está a elaboración dun Plan Global de Mobilidade Sustentable economica e medioambientalmente, no que, entre outros temas, se leve a cabo un Plan Director da Bicicleta que fomente o uso da mesma para moverse pola cidade.

A tal efecto, a nosa organización xa presentara o pasado 12 de febreiro de 2010, unha moción na que pedíamos a dotación de bicicletas eléctricas para o servizo de aluguer. Unha medida, desatentida, e que permitiría a asistencia ao pedaleo nos traxectos pola noso concello e que incentivaría o uso da bici como emdio de transporte.

Por estes motivos, entre outros moitos, o Consello Comarcal de EU Compostela critica o anuncio do Concello de eliminar por completo o servizo de aluguer de bicicletas na cidade, argumentando que será por outros medios polos que se preste este servizo, achegando, unha vez máis, escasa información sobre o novo método que, seguramente, será un mero parche cosmético para evitar a crítica polo total abandono da bicicleta como medio de transporte.

Tendo en conta que nin o PsdeG-BNG, cando gobernaron, e moito menos o PP agora, contemplaron de verdade a bici coma un eficaz e ecolóxico medio de transporte, resulta inadmisible o emprego de numeroloxía para xustificar a supresión dun servizo. A ausencia de vontade política é a que determina, en primeira instancia, o desprestixio do alugueiro público en tanto que servizo público, até convertelo en inútil. Non obstante, medios para prestixiar este servizo, hainos. Outro cantar é que non se queira investir esforzo e recursos nel. 

O Concello debe actuar. Cómpre contar coa participación das persoas que desexan utilizar a bicicleta como medio de transporte e elaborar, desde xa, un plan director da bici, que permita a convivencia entre os vehículos a motor e a bici. O Concello debe traballar para incentivar realmente outro tipo de mobilidade urbana. Así poderíamos comprobar que os seus discursos sobre ecoloxismo e desenvolvemento sustentable non son mera palabrería.

Moción polo Día Internacional do Orgullo LGTBI

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela presentou unha nova moción, nesta ocasión para reivindicar o Día Internacional do Orgullo LGTB.


Aquí tedes o texto da moción:


Esquerda Unida Compostela ten a defensa dos dereitos e liberdades das persoas como punto esencial de calquera das súas propostas programáticas.
                                                                                                    
O 28 de xuño de 1968 sucedéronse diversas revoltas en Stonewall (EE.UU.) para denunciar a criminalización a que estaban sometidas as persoas LGTB no país, por iso, neste día, se conmemoran reivindicacións que deben ser acollidas por políticas públicas por parte das institucións destinadas a velar polos dereitos destas persoas.

As fobias cara ás expresións da sexualidade consideradas “diferentes”, lonxe de desaparecer, continúan habitando en aulas, fogares, centros de traballo e ocio, e, por desgraza, tamén nas administracións e servizos públicos.

É necesario un recoñecemento a todos aqueles actores sociais vinculados ás loitas sociais, por seren os e as máximas responsables de que agora mesmo existan certos dereitos recoñecidos para as persoas LGTB, como tamén da existencia de iniciativas municipais e autonómicas que teiman en representar un compromiso coa loita colectiva pola igualdade e a liberdade real destas persoas.

A pesares de terse regularizado o matrimonio entre persoas do mesmo sexo, ou aprobado leis como a chamada “lei de identidade de xénero”, queda moito camiño por percorrer, como demostran coa súa loita os movementos sociais.

Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao Pleno do concello de Santiago a seguinte proposta de

ACORDOS

Primeiro. Realizar unha denuncia explícita contra a homofobia, lesbofobia, bifobia e transfobia, así como expresar un compromiso claro de posta en marcha de medidas para erradicar esta lacra social.

Segundo. Instar ao Goberno central a que promova a despatoloxización das identidades transexuais e intersexuais, sen que os dereitos sexuais e sanitarios destas persoas se vexan prexudicados.

Terceiro. Apoiar a derrogación do Concordato de 1953 e os acordos de 1979 co Vaticano, así como a saída da asignatura de relixión das aulas.

Cuarto. Denunciar os recortes sociais, especialmente aqueles referidos a prevención e tratamento do VIH.

Quinto.- Defender unha educación pública, laica, gratuíta e de calidade quen de promover un espazo educativo onde reinen os valores democráticos e de convivencia.

Sexto.- Colaborar activamente na defensa da diversidade familiar, loitando contra as discriminacións que poidan sufrir as familias homoparentais e, por suposto, denunciando explicitamente o recurso de inconstitucionalidade imposto polo PP sobre os matrimonios entre persoas do mesmo sexo.

Sétimo.- Fomentar o asociacionismo LGTBI, así como atender as súas demandas.

Oitavo.- Dar traslado dos acordos ao Ministerio de Sanidade, Servizos sociais e Igualdade, á Consellería de Política Social e Igualdade e ao movemento asociativo LGTBI da cidade e da comunidade autónoma.

viernes, 8 de junio de 2012

Manifestación contra a lei de montes do PP

Dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela animamos a cidadanía a participar na manifestación contra a nova lei de montes, que terá lugar este sábado, 9 de xuño, con saída ás 12:00 dende a estación do tren.

lunes, 4 de junio de 2012

Valoración Pleno maio


VALORACIÓN DO PLENO DO 31 DE MAIO DE 2012

O representante do Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, Vicente Vázquez, proseguindo co compromiso e a responsabilidade que os votos acadados esixen a esta organización, acudiu ó Pleno para valorar o que alí se faga ou diga.

O Pleno comezou, como en todas as ocasións, coa protocolaria aprobación de dúas actas, e coa unión dos puntos da orde do día dende o 3 ata o 9 sobre cuestións urbanísticas que foron aprobadas sen apenas debate, máis aló de pequenas cuestións técnicas.

Foi o punto 10 da orde do día o que suscitou maior debate en todo o Pleno, pero antes de facer o noso posicionamento, dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela queremos recalcar unha vez a imperiosa necesidade de levar a cabo a nosa proposta de Democracia Participativa.

Esta mención á necesidade de facilitar canles de participación da cidadanía fíxose patente onte cando durante o Pleno varias persoas interrumpiron o uso da palabra, para manifestar o seu malestar pola ordenanza de ocupación de vía pública, na que entre outras medidas se quere levar a cabo o cobro por mesas informativas.

Dende o Consello Comarcal de EU Compostela entendemos a medida tomada polo alcalde de desaloxar a estas persoas do Pleno, acatada por todos os grupos políticos sen maiores esixencias que aclarar certa cuestión protocolaria, pois o regulamento do Pleno permite, unha vez feitas certas cuestións previas, que sexa factible intervir ó comezo do Pleno brevemente para expoñer algunha cuestión, mais estas persoas non fixeron a petición formal en tempo en forma para poder falar.

Por suposto EU Compostela, tal e como reflicte en todos os seus documentos políticos e programáticos, considera vital que o Pleno se converta en algo máis que simple debate entre partidos políticos que conseguiron lexitimamente a súa representación, por iso defendemos a necesaria participación da cidadanía organizada en plataformas, asociacións, ONGs... na vida institucional do Concello, tanto no debate de medidas como na faceta propositiva desas medidas que poidan mellorar a cidade, mais o que non podemos apoiar e que cando alguén así o considere oportuno poida elevar a súa voz para gritar a defensa de certos aspectos.

Por todo isto Esquerda Unida Compostela seguirá manifestando e propoñendo que se faga efectivo o regulamento que dea cabida, por fin, á participación real da cidadanía a través dos diferentes mecanismos da Democracia Participativa.

No estrictamente ocorrido no debate deste punto da orde do día, desde o Consello Comarcal de EU Compostela non compartimos a abstención do PSdeG, pois, por moito que se defenda que nas alegacións se poderán modificar os puntos polémicos desta ordenanza, o noso posicionamento, aínda compartindo moitos dos puntos expostos, coma o cobro a caixeiros automáticos, sería totalmente contrario á aprobación inicial desta ordenanza, pois para nós é inadmisible cobrar por mesas informativas.

Tanto o punto 11 como o 12 do da orde do día foron tamén protocolarios e se aprobaron sen apenas debate.

Unha vez máis un punto da orde do día, neste caso o número 13, valeu para, sen chegar ó nivel inadmisible doutras ocasións, o PSdeG e o PP perderan o tempo en debates estériles sobre cifras e acusacións de e ti máis e ti peor, dito punto, unha proposta sobre o comercio da cidade presentada polo PSdeG foi rexeitada grazas ós votos do PP.

No punto décimo cuarto da orde do día volveuse a escenificar, unha vez máis, a lamentable actitude do PP, pois o BNG presentou unha proposta para a conmemoración, no 2015, do 30 aniversario da declaración de Santiago como cidade cultural Patrimonio da Humanidade, e a principal, por non dicir única, razón pola que o PP non a apoiou foi que cando eles presentaran para conmemorar o 25 aniversario o PSdeG e o BNG non a apoiaran, é dicir, unha vez máis, sen disimulos, o PP certifica que moitas medidas se fan como un certo tipo de axuste de contas de lexislaturas pasadas. Por suposto consideramos que o bipartito tivo moitos erros, pero non se pode escudar niso o alcalde para cometer o que son simples “actos de vinganza”.

Dende o Consello Comarcal de EU Compostela non teríamos inconvinte en apoiar estas propostas, se realmente significasen un fomento do turismo, sobre todo o de baixa intensidade, pero de calidade, máis aló da espectacularización de actos.

A proposta do Bloque, no punto 15, sobre incorporación laboral das persoas con risco de exclusión laboral, volveu resultar un debate estéril sobre datos e máis datos entre os tres grupos políticos, para rematar sendo rexeitada polos votos do PP. Por suposto o Consello Comarcal de EU Compostela apoiaría esta proposta, se realmente tivera medidas concretas e efectivas para levar a cabo, e non ser unha mera escusa para xustificar traballo organizativo nun Pleno.

O punto 16, unha proposta do BNG sobre a regularización das persoas empregadas do fogar foi aprobada por unanimidade tras unha modificación realizada polo PP.

O Pleno rematou, ademais de con varios puntos protocolarios de dar conta, con 3 rogos do BNG, dos que o PP so tomou en consideración o de poñer a unha rúa da cidade o nome de Valentín Paz Andrade, proseguindo cunha pregunta, tamén do BNG, sobre a taxa turística tendo por resposta que simplemente se estaba estudando, que non era unha medida para levar a cabo de inmediato, e por último o PP non apoiou a urxencia, polo tanto nin se debateron 3 mocións presentadas polo BNG e outras 3 presentadas polo PSdeG.

viernes, 1 de junio de 2012

Manifestación en defensa da Sanidade Pública

Desde o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela animamos a cidadanía a participar activamente na manifestación, que baixo o lema "Contra os recortes e a privatización da Sanidade Pública", percorrerá as rúas de Santiago este domingo, 3 de xuño, a partir das 12:00 con saída dende a Alameda.