viernes, 30 de marzo de 2012

Valoración Pleno sobre plan de axuste


O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA CRITICA A FALTA DE TRANSPARENCIA E A IMPROVISACIÓN DO PP Á HORA DE PRESENTAR O SEU PLAN DE AXUSTE.

O representante do Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, Vicente Vázquez, proseguindo co traballo municipal acudiu ó Pleno extraordinario e urxente convocado polo PP para aprobar os recortes do seu plan de axuste.

En primeiro lugar queremos reflexar, tal e como fixeron os voceiros do BNG e PSdeG, o malestar pola premura da convocatoria feita por Conde Roa, pese a saber dende o pasado 25 de febreiro que antes do 31 de marzo debería ter aprobado un plan de axuste para poder optar o crédito bancario para facer fronte ás facturas.

Dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela tamén criticamos a falta de información por parte do goberno local do PP, pois até os partidos da oposición representados no Pleno recibiron a documentación do plan de axuste ás 14:40 sendo o inicio do mesmo ás 14:45.

Pero esta información ten que ir máis aló dos grupos municipais, e a cidadanía debe estar ben informada, como mínimo, en temas tan importantes como o plan de axuste ou os orzamentos, polo que o Concello debería prestar este servizo documental na propia páxina web, para fomentar a participación cidadá na vida municipal.

Do pouco feito público, pois so podemos coñecer o que apareza nos medios ou o falado no Pleno, dende o Consello Comarcal de EU Compostela criticamos que varias medidas anunciadas vaian en detrimento dos dereitos laborais dos traballadores e traballadoras do Concello, perpetuando a ideoloxía neoliberal de atacar ó funcionariado como un mal a curar.

Tamén vemos con preocupación verbas como “eficacia na recaudación” ou “potenciar a inspección tributaria”, que deixan entrever que unha vez máis será o peto da veciñanza a que cargue co peso dos axustes, pois unha da medidas anunciadas e o aumento nun mínimo do 4% no IBI, amén de “outras” actualizacións no importe

Por último dende o Consello Comarcal de EU Compostela, á espera de maior información, valoramos moi negativamente, tanto o plan de Rajoy de transformar a débeda que os Concellos  tiñan con provedores nunha débeda bancaria, supeditada a tipos de interese que poden hipotecar o futuro das corporacións municipais, como os previsibles recortes que PP local levará a cabo e que poden producir mermas nos servizos públicos e nos dereitos laborais dos empregados municipais.

Valoración éxito Folga Xeral


ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA CONSIDERA UN ÉXITO A XORNADA DE FOLGA XERAL

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela apoiará as mobilizacións sindicais que, tralo éxito da folga xeral, se fagan para evitar as políticas neoliberais que priman o lucro dos mercados sobre as necesidades da cidadanía.

A xornada de folga xeral do 29 de marzo e 2012 foi un éxito. A primeiras horas da mañá a demanda de consumo enerxético era bastante inferior á folga do 2010 e moi próxima á da folga do 2002. Os sectores públicos víronse cáseque paralizados, constatándose pasillos baleiros en San Caetano e ausencia de profesorado nas aulas dos centros educativos. O transporte público case non funcionou. A recollida de lixo tampouco. E mesmo, nun exercicio de democracia e compromiso solidario e cívico, moitos comercios pequenos da cidade de Compostela pecharon os seus locais comerciais. As facultades universitarias pecharon tamén as súas portas, uníndose así a mocidade ao clamor en contra dunha reforma que quere dinamitar os dereitos da clase traballadora, que quere inutilizar para sempre á Constitución Española, negándonos o dereito a un traballo digno, con dereitos, e coa remuneración suficiente para vivirmos dese traballo, ao mesmo tempo que nos quere deixar indefensos ante as esixenzas da patronal, esnaquizando a negociación colectiva.

A cidadanía dixo o 29 de marzo, alto e claro, que non quere traballar de xeonllos.

O goberno de Rajoy debera escoitala, reflexionar e dar marcha atrás. A non ser que desexe asentar un conflito social permanente. O pobo non quere ser escravo, e loitará para impedilo.

Sabemos que os medios sometidos aos ditados da patronal e afíns ao goberno manipularán os números, mentirán e dirán que a folga non tivo éxito. Pero, como sabemos todos, esta mentira non pode agochar a realidade das fotografías e que o 29 de marzo, en Compostela, milleiros de persoas percorreron as rúas acompañando ao sindicalismo de clase, de tal forma que non se recordan manifestacións tan numerosas no eido comarcal.

Esquerda Unida Compostela participou con cabeceira propia na manifestación convocada por CC.OO.-UXT. Tanta xente houbo que a praza de Praterías, onde remataba a manifestación, non era quen de acoller aos milleiros de persoas que aínda entraban nas rúas do casco vello compostelán. Entón xurdiu o berro unísono de "ao Obradoiro", e despois das alocucións dos representantes sindicais da Comarca de Compostela de CC.OO e UXT, a manifestación trasladouse ao Obradoiro onde proseguimos coas nosas reivindicacións. A imaxe dun Obradoiro ateigado deu a volta a todo o Estado grazas ás redes sociais. Unha imaxe que contrasta coas mentiras que ningunean ou reducen a importancia da folga xeral do 29 de marzo de 2012.

Esquerda Unida Compostela traslada o seu parabén á cidadanía comprometida que saiu ás rúas a reclamar os seus dereitos e un futuro mellor. Felicitámonos tamén polo carácter reivindicativo ao mesmo tempo que pacífico, pacífico a pesares do que pense Conde Roa e o PP, co apoio do PSdG, no Pleno

lunes, 26 de marzo de 2012

Apoio á Folga Xeral


A ASEMBLEA COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA RATIFICA O APOIO DESTE ORGANIZACIÓN Á FOLGA XERAL E O COMPROMISO NA DEFENSA DOS DEREITOS DA CLASE TRABALLADORA

NINGÚN REPRESENTANTE DO CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA ACUDIRÁ O VINDEIRO PLENO DO 29 DE MARZO


Os afiliados e afiliadas de Esquerda Unida Compostela manifestaron en asemblea o seu total apoio á Folga Xeral do 29 de marzo, animando á cidadanía a participar nas mobilizacións sindicais dese día.

Tal e como xa fixera público o Consello Comarcal de EU Compostela no seu manifesto contra a reforma laboral, a afiliación de Esquerda Unida ratifica que esta reforma laboral destrúe os dereitos da clase traballadora, gañados, non regalados, tras anos de loita.

Unha vez máis queremos manifestar que esta reforma laboral supón abaratar o despido, incluso facilita o despido colectivo, tamén supón o esnaquizamento da negociación colectiva, xerando nos traballadores e traballadoras indefensión ante unhas medidas draconianas que precarizan o emprego.

Tamén se decidiu na asemblea comarcal que ningún representante do Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela asista ó Pleno, que facilmente podería haber mudado de data para respectar o dereito constitucional a facer folga pero que, unha vez máis, deixa ver o talante totalitario de Conde Roa e o PP, que sen maiores argumentos que a súa vontade mantiveron inamovible a data do Pleno.

Lamentable actitude, por desgraza habitual, sobre todo se, como xa anunciou o propio equipo de goberno, na orde do día apareceran temas tan sumamente importantes para a veciñanza compostelá como os orzamentos para o 2011 e o plan de axuste que Mariano Rajoy esixe.

Polo que, as vagas xustificacións dadas para non trocar o día de Pleno, parecen simples escusas para poder diluír na voráxine informativa dese día os, máis que seguro, antisociais orzamentos e os neoliberais recortes do plan de axuste.

Por todo isto Esquerda Unida Compostela quere manifestar o seu compromiso, tanto para garantir o éxito da convocatoria de folga, como para loitar contra as políticas conservadoras que buscan destruír os servizos públicos para dar cabida á especulación e lucro privados.

sábado, 24 de marzo de 2012

Comportamento totalitario de Conde Roa e o PP


O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA DENUNCIA O COMPORTAMENTO TOTALITARIO DO GOBERNO DE CONDE ROA

A censura e a vulneración da liberdade de expresión non deben nin poden ter cabida nunha democracia digna dese nome. Pero o goberno de Conde Roa semella descoñecer as esencias do sistema democrático que afirma defender. Esquerda Unida Compostela considera inadmisible os recentes ataques á liberdade de expresión e a aplicación deliberada da censura e da manipulación como formas de goberno.

En poucos días asistimos a unha sucesión de actos desde o Concello de Compostela e a Xunta de Galicia que revelan moi ben de que tecido están feitas as máscaras coas que, hipocritamente, se revisten para gobernarnos. Estamos ante unha dereita reaccionaria que quere silenciar toda contestación, todo exercicio de crítica, e quere agochar calquera reivindicación contra o marco xeral dunhas políticas nefastas para o ben público. 

Blanca Cendán, cesada, por ousar ceder un teatro ao gremio que fai e procura sobrevivir -con dificultades- da arte teatral. Leo Bassi, silenciado, por incardinar a radical liberdade de expresar outras sensibilidades presentes no mundo actual e denunciar o marco establecido dos dogmas da igrexa católica. O Correlingua, manipulado e vilipendiado, por ousar reivindicar a normalización da lingua galega na súa propia terra e por querer facer da lingua galega o elo formador da nosa identidade como pobo. Todos coñeceron nestes días como as gasta a dereita cando un ousa expresarse de forma libre e crítica.

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela considera que a dereita vive na súa caverna, rodeada de demagoxia e monstros imaxinarios. Somos sabedores que procurarán xustificar o inxustificable e empregarán argumentos peregrinos para facelo e haberá quen os defenda.

Pero hoxe, Compostela e Galicia perden cultura, perden liberdade de expresión, perden, en definitiva democracia.

jueves, 22 de marzo de 2012

Xuntanza coa AV Nova Xeira de Figueiras


O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA REUNIUSE COA AV NOVA XEIRA DE FIGUEIRAS, CONSTANTANDO QUE O RURAL COMPOSTELÁN NECESITA UN PLAN DE ACCIÓN PARA MELLORAR O SANEAMENTO, ABASTECEMEMTO E OUTROS SERVIZOS BÁSICOS.

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA APOIA TOTALMENTE AS REIVINDICACIÓN VECIÑAIS PARA DISPOÑER DUN ACCESO A INTERNET DE CALIDADE, EFICAZ E EFICIENTE.


Os representantes do Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, José María Tubío e Vicente Vázquez, proseguindo co traballo municipal, e dentro do programa de reunións co tecido asociativo da cidade, mantiveron unha xuntanza coa directiva da AV Nova Xeira de Figueiras.

No transcorrer deste encontro os representantes de EU Compostela constataron, unha vez máis, que o rural compostelán necesita dun plan global de acción en servizos básicos, que satisfaga de inmediato as constantes reivindicacións veciñais de melloras en temas esenciais como o abastecemento e saneamento de augas, melloras en infraestruturas viais, deportivas e outras, e no tocante o transporte público unha racionalización das paradas e das frecuencias.

Os representantes da asociación veciñal manifestaron que en moitos asuntos no que se pode mellorar, a veciñanza mostra a súa vontade de colaboración co Concello para poder atallar o problema, claro exemplo no saneamento das augas onde hai a predisposición para ceder unha parcela privada para asentar unha pequena depuradora que dea servizo os veciños e veciñas da Portela.

Un dos puntos no que os representantes de EU Compostela manifestaron total concordancia coas reclamacións veciñais foi non tocante a que calquera actuación que se leve a cabo debe ir acompañada polo pertinente servizo de mantemento periódico e de calidade, xa sexa dende a limpeza de tuberías, ó asfalto das estradas até o pertinente retiradas de terra desprendida ou cortes de vexetación, sobre todo neste tempo de seca.

Outros temas tratados foron, por exemplo, o campo de fútbol, que amais de adecentalo, se lle pode dar máis utilidade cedendo a equipos da cidade para adestramento, igualmente sinalouse a necesidade de realizar arranxos necesarios no CSC que por suposto EU Compostela esixe o Concello levar a cabo.

Como é habitual nas conversas que o Consello Comarcal de EU Compostela mantén coa veciñanza do rural un dos temas máis recorrentes e o transporte urbano, sobre todo o tocante ás frecuencias en horarios laborais e fin de semana, e tamén, algo que Esquerda Unida Compostela apoia de forma plena, as novas paradas que debe facer o autobús para mellorar o servizo, pero que non se levan a cabo debido aos intereses lucrativos da empresa concesionaria. Isto, unha vez máis, inciden en que o Concello debe velar por prestar un servizo que beneficia á cidadanía e non polo lucro privado.

Por último tratouse o tema do acceso a internet, no que os representantes veciñais manifestaron o seu gran malestar polo deficiente servizo de internet, incluso inexistente en zonas de Figueiras, a pesares do elevado custe que ten, uns 40 euros mensuais por, como máximo, un mega de servizo, comprometendo os representantes do Consello Comarcal, o total apoio de Esquerda Unida na loita veciñal para que o Concello vele e faga todo o posible por habilitar un servizo de internet de calidade e a un prezo razoable.  

lunes, 19 de marzo de 2012

Transparencia nas facturas impagadas


O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA ESIXE TRANSPARENCIA E RECLAMA QUE SE PRESENTEN AS FACTURAS IMPAGADAS


Esquerda Unida Compostela considera que os dirixentes políticos semellan esquecer a quen os sitúa nas cadeiras do pazo de Raxoi: á cidadanía, e a ela é a quen deben render contas. E o equipo de goberno, o PP, debe gobernar en nome de todos os veciños e veciñas de Compostela. Non debe gobernar para a galería mediática, nin goberna só en nome das persoas que o votaron.

Para o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela resulta insultante observar que o tema das facturas impagadas, como tantos outros, devén un pretexto para o cruce de insultos e descalificacións. EU non quere 'pan e circo'. A cidadanía compostelá tampouco. Cómpre seriedade. E máis nun tema de tanta trascendencia coma os impagados que, nalgún caso, puido xerar serias dificultades a pequenos provedores para manter o seu traballo e mesmo, queira que non, o despedimento de persoas por mor desas facturas impagadas.

O PP leva gobernando de facto, sexamos xenerosos, como mínimo desde setembro de 2011, isto é, 6 meses e medio. Que fixo Conde Roa nestes 6 meses e medio a ese respecto? De non saír a norma do pago desde Madrid, agardaría aínda máis antes de dar a cara e render contas cos provedores?

Resulta lamentable o cruce de acusacións que só serven para titulares na prensa. Pero nin sequera esa estratexia é capaz de agochar un feito esencial: a responsabilidade do concello no impago. E quen exerce esa responsabilidade, hoxe, tendo en conta que xa levan gobernando 6 meses e medio, é o goberno do Conde Roa. Mal exemplo lle dan á cidadanía.

Evitemos as burdas manipulacións e frases sen sentido como a da concelleira popular Prado que, parafraseamos, di que o concello se ve na obriga de "pagar as festas do PSdG e BNG". Resulta lamentable a gratuidade coa que falan os populares, mesmo raia a frivolidade.

Desde O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela reclamamos a necesaria transparencia e claridade que debe impregnar a todo equipo de goberno, polo que esiximos que se fagan públicas as facturas, para sabermos as datas de emisión das mesmas e, de paso, poderemos saber en que o Concello gastou / gasta o diñeiro dos veciños e veciñas de Compostela.

Por todo isto EU solicita saber cómo vai facer fronte a eses pagos o Concello. Queremos que Conde Roa informe á cidadanía: a) Vai realizar o Concello un plan de axuste, endebedándose ainda máis cos bancos; b) vai destinar o Concello outros ingresos ou incluso unha suba de taxas para o financiamento destes pagos; c) ou dispón o Concello de liquidez para pagar porque estas facturas estaban xa na sua maior parte presupostadas.

miércoles, 14 de marzo de 2012

Moción creación axencia pública municipal de aluguer

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela presenta unha nova moción, nesta ocasión pedimos que se cree unha axencia pública municipal de aluguer.

Aquí tedes o texto da moción:

Esquerda Unida Compostela ratifícase na necesidade de mudar o modelo urbanístico na cidade, que prima a especulación sobre as necesidades da cidadanía, sendo necesario o fomento do aluguer social.

Na Constitución, no seu artigo 47, conságrase o dereito que teñen tódalas persoas a disfrutar dunha vivenda digna e adecuada, polo que as distintas Administracións Públicas deben realizar e desenvolver políticas activas que fagan efectivo este dereito, que non se pode considerar unha mera declaración, senón que dende as Institucións Públicas se deben poñer as condicións para converter en realidade dito dereito, que on se esgota en facilitar o acceso a unha vivenda en propiedade, senón que esta protección debe garantir o uso e disfrute, con independencia do título xurídico que o fundamente.

martes, 13 de marzo de 2012

Plataforma Cidadá en Defensa da Radiotelevisión Pública Galega


O mércores 14 de marzo  preséntase  oficialmente a Plataforma  Cidadá en  Defensa da Radiotelevisión Pública Galega, da que Esquerda Unida forma parte. O acto de presentación terá lugar ás 11.30h no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC).

A Plataforma  Cidadá en Defensa da Radiotelevisión Pública Galega nace co obxectivo fundamental  de implicar  ao  conxunto da sociedade galega na defensa e  mantemento duns medios de comunicación públicos, democráticos e en galego, capaces de informar con veracidade, imparcialidade e independencia.

Forman parte da Plataforma e a respaldan sindicatos, partidos políticos, asociacións educativas, sociais, culturais e cidadáns particulares.

A médica e feminista Lola Ferreiro e o cómico Cándido Pazó serán os voceiros da Plataforma.

viernes, 9 de marzo de 2012

Manifestación 11 de marzo en defensa dos dereitos das mulleres

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela anima a cidadanía a participar activamente na manifestación que se levará a cabo en Santiago este domingo, día 11 de marzo, ás 12:00 con saída da estación de tren, baixo o lema: "Mulleres galegas en loita polos nosos dereitos"

jueves, 8 de marzo de 2012

Manifesto "Loitemos polos nosos dereitos"


LOITEMOS POLOS NOSOS DEREITOS, NON PERMITAMOS A VOLTA Ó PASADO

Este ano debido ás recentes reformas, afrontamos un 8 de marzo, DÍA INTERNACIONAL DA MULLER TRABALLADORA,  con moitos dereitos vulnerados que reivindicar. O goberno do Partido Popular está a realizar numerosos recortes que afectan á poboación en xeral e en especial ás mulleres.

REFORMA LABORAL:

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela considera que a recente aprobación da reforma laboral aumentará o número de desempregados, agravando as desigualdades xa existentes entre homes e mulleres.

A reforma das pensións, que alonga os anos de cotización, para ter dereito a pensión máxima perxudícanos especialmente ás mulleres, que sufrimos unha maior precariedade laboral. A penas, un 23,5 % das traballadoras galegas de 65 anos cotizaron os 38,5 anos precisos para percibir a xubilación íntegra.  As mulleres galegas cobramos en torno a un 23 % menos que os homes polo mesmo traballo. A reivindicación de A IGUAL TRABALLO IGUAL SALARIO é aínda hoxe unha demanda por conseguir.

A posibilidade de que os empresarios modifiquen unilateralmente os horarios e quendas de traballo, otourgalles un poder que ameaza o acadado no ámbito da conciliación laboral-familiar afectando principalmente ás mulleres, dificultando o acceso ao ámbito laboral debido os roles sociais preestablecidos dos que parece gustar o presente goberno.

EDUCACIÓN E DEPENDENCIA:

Estanse a recortar os servizos que conformaban o noso xa fraco estado de benestar (educación, servizos sociais e igualdade). Fronte  a supresión de prazas e peche de centros de educación infantil que está a levar a cabo o PP, dende o Consello Comarcal de EU Compostela reclamamos a ampliación, universalización e gratuidade destes.

A paralización da Lei de Dependencia provoca que sexamos as mulleres as que maioritariamente realicemos o coidado das persoas dependentes, provocando unha maior feminización nos traballos non remunerados no ámbito doméstico.

VIOLENCIA DE XÉNERO E POLÍTICAS DE IGUALDADE:

Dende Esquerda Unida Compostela reivindicamos que os recortes non afecten ás áreas de igualdade e aos plans de prevención de violencia de xénero. O peche de centros e lugares de acollida para mulleres en risco, como o de Compostela e outros concellos, obriga ás persoas con poucos recursos e vulnerables a desprazarse a outros termos municipais para recibir axuda.

Coa escusa da crise o goberno da Xunta suprimiu o SGI (Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller) desmantelando políticas de igualdade nun momento especialmente crítico para as mulleres.

LEI DE ABORTO: A DECISIÓN É NOSA NON DO GOBERNO

EU Compostela advirte que o retroceso provocado pola revocación da Lei da Interrupción Voluntaria do Embarazo e as trabas o acceso a pílula postcoital devólvennos a unha situación aínda máis precaria que a existente en 1985, limitando a nosa liberdade ó suprimir o noso dereito de  decisión e convertendo a maternidade nunha imposición, non nunha opción. A ilegalización ou persecución e algo que xa parecía superado na  sociedade na que vivimos e o actual goberno está a instigar.

AS ANTERIORES XERACIÓNS LOITARON POR NÓS,
LOITEMOS NÓS POLAS SEGUINTES

MULLERES DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA

miércoles, 7 de marzo de 2012

Comunicado polo 8 de Marzo

ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA REITERA O SEU COMPROMISO NA LOITA POLA IGUALDADE E CONTRA O MACHISMO.

O CONSELLO COMARCAL DE EU MANIFESTA A SÚA PREOCUPACIÓN POLA MEDIDAS TOMADAS POLO PP NAS DISTINTAS ADMINISTRACIÓNS QUE MERMAN OS DEREITOS DAS MULLERES.



Esquerda Unida Compostela mantén firme a súa loita para vencer a lacra do machismo aínda ben marcado na sociedade, poñendo de relevo que son necesarias políticas de igualdade, eficaces e efectivas, que promovan unha sociedade igualitaria.

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela non comparte as medidas en materia de igualdade que o PP está a levar a cabo, tanto a nivel local, autonómico como estatal, mostrando claramente o seu desinterese na loita contra a lacra machista.

O goberno local de Conde Roa reflicte de forma clara este desinterese ao facer que o Consello Municipal da Muller desapareza e que a política de igualdade de muller quede diluída nun macroconsello local de benestar. As políticas de mulleres requiren, hoxe, debido ás enormes eivas existentes, dispoñer dun órgano propio de xestión quen de visibilizar e traballar con transversalidade, pero con autonomía, toda o que afecta á consecución da igualdade, real e efectiva, entre mulleres e homes.

Esquerda Unida Compostela quere recordar que ten rexistrada unha moción para que o Concello dispoña a creación da Casa das Mulleres, un lugar non institucional de encontro entre os distintos colectivos de muller que loitan contra o machismo e o patriarcalismo, onde poder debater propostas, realizar foros e outras actuacións que se poidan facer conxuntamente para acadar o obxectivo da plena igualdade.

Tamén queremos criticar as actuación do PP, tanto a nivel autonómico como estatal, no que se recortaron de forma drástica os orzamentos para políticas de igualdade, que xa non eran os máis adecuados, e sobre todo a vil reforma da lei do aborto, que provoca que, de novo, o dereito da muller a decidir libremente se transforme nun delito con excepcións.

Por último dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Comarcal consideramos vital mudar a cultura actual da sociedade por unha que fomente a tolerancia e o respeto, e por fin sexa posible acadar a sociedade igualitaria en dereitos e deberes . Por iso, é importante impulsar campañas de sensibilización e concienciación nos centros educativos de forma organizada e constante.