viernes, 25 de abril de 2008

Reflexión do responsable de Mocidade de Ames

Daniel Amador, responsable de Mocidade de Esquerda Unida Ames, reflexiona sobre un feito de actualidade:

LADRILLO E INTEGRACIÓN

Dende fai anos sufrimos un grave problema non resolto no eido da construción. Este problema consiste principalmente na existencia dunha dobre legalidade;

a) a legalidade de dereito e

b) unha “legalidade” paralela, consolidada pola vía dos feitos e que é incomprensible no resto do noso contorno europeo.

A primeira delas constrúe unha realidade ficticia na que tanto as leis coma os instrumentos que as desenvolven, que son os plans urbanísticos, pintan un panorama cheo de termos técnicos e de compricados procedementos administrativos que na práctica quedan valeiros de contido.

Fronte á realidade de dereito prima a segunda realidade, a dos feitos, que consiste en tolerar a construción masiva ao marxe do plan urbanístico que posteriormente legalizará ,de forma milagreira, o que xa de por si é ilegal.

Froito da segunda vía prodúcese un efecto nocivo e que afecta aos máis elementais principios de xustiza; este efecto consiste na falta de execución das sentenzas, que se acumulan nos tribunais e que ditan a ilegalidade dalgunhas das construcións. Tendo en conta esta situación a xustiza non é tal, xa que os fallos non se converten na realidade en feitos concretos. Coñecendo esta acumulación de sentenzas que non se queren executar a pregunta que nos debemos facer a cidadanía é a seguinte: Cales son os criterios para executar unha sentenza e polo tanto derrubar unha edificación ilegal?

Para contestar a esto temos que distinguir dúas realidades

A primeira, a costa, tanto a do noso país coma o do resto do litoral, infestada de construcións que non respetan a legalidade e que foron froito de licenzas indiscriminadas outorgadas por autoridades corruptas. Estas vivendas, que son na meirande parte dos casos segundas vivendas, permanecen intocables mirando ao noso litoral, con ar de superioridade e sabendo que teñen a total seguridade de non seren tocadas por ninguén.

A outra realidade é a que estamos a ver nos últimos tempos nos medios de comunicación (por exemplo a Cañada real e outros asentamentos) nos que se amosan intervencións policiais desmesuradas contra poboados, chabolas..etc, a meirande parte delas formadas por persoas de etnia xitana. Estas vivendas son por suposto vivenda de primeira necesidade .Visto este agravio comparativo é esta a mellor maneira de integrar?.

O principio de legalidade obriga a que a lei deba ser cumprida e non se pode eximir do seu cumprimento ni por razóns económicas nin por razóns étnicas. En todo caso, as posibles excepcións deben ir encamiñadas precisamente, e en termos de xustiza social, ás persoas que non teñen outra vivenda e que quedan condeadas á rúa e non a aqueles que utilizan as vivendas uns poucos días ao ano e que teñen recursos dabondo para subsistir. Mentres non se aborde este tema os efectos os veremos todos os días; ás clases menos favorecidas reprimidas e desaloxodas, en moitos dos casos ilegalmente, mentres as clases dominantes mirarán a noticia dende o seu flamante chalet da costa, chalet por suposto ilegal.

Ames, 24 de abril de 2008

Esquerda Unida pregunta pola situación do vello depósito de augas subterráneo de Fontiñas

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Durante a construción do Polígono de Vivendas de Fontiñas, e máis concretamente durante o período de acondicionamento urbano exterior e de construción do edificio “Área Central”-ao cargo da empresa Ferrovial-, a florecente Asociación de Veciños “As Fontes” de Fontiñas foi quen de conseguir a construción dun depósito soterrado destinado a recoller as augas pluviais e de manantío para abastecer os sistemas de rego de parterres e outras extensións acotadas como zona verde; incluídos o hoxe Parque de Carlomagno e seu cadoiro.

Dito depósito conta con cadansúa sá de máquinas/bombas e preceptiva maquinaria e ten a súa ubicación baixo a actual Ludoteca e tiña capacidade para albergar suficiente auga como para respostar ao seu cometido e deixar sobrante.

A obtención de dita INFRAESTRUTURA foi absolutamente libre de sobrecusto para a Administración e os veciños, e veu propiciada (ben sabe a nosa Corporación que a clase empresarial non regala nin a información horaria se non vai acompañada dunha plusvalía que multiplique a inversión asumida) pola negativa de dita empresa para asumir o custo da apertura e conexión da Rúa Madrid do mesmo xeito que están conectadas as rúas Berlín e Roma, entanto percibía a posibilidade de habilitar un aparcadoiro soterráneo que requeriría menos investimento ou que, admitindo máis investimento, deparaba unha posible fonte de ingresos futuros.

A razón pobremente esgrimida pola empresa construtora para a non construción do vial era que as cotas de gálibo non eran as axeitadas, evitando propoñer unha saída que se prolongase cara a parte alta da Rúa Madrid. Ao se entregar a obra pasou a titularidade municipal.

Visto o anterior, realizamos a seguinte PREGUNTA:

1) hai algunha razón obxectiva pola cal non se teña utilizado dita infraestrutura, algunha razón pola cal se deixara esmorecer unha construción que se adiantaba ás agora habituais preocupacións pola escaseza de auga; para que se teña que investir parte do presuposto en Parques e Xardíns nun auga que poderiamos obter gratuitamente; para que se deixase sen utilización nin supervisión durante máis de 16 anos?

Santiago, 22 de abril de 2008

Reunión coa ANPA de Ventín

O luns 21 Esquerda Unida de Ames mantivo unha xuntanza con membros da ANPA de Ventín, onde quedou constancia da grande preocupación das nais e pais polo futuro educativo e social da poboación amense de Milladoiro.

Non só é que se desoia constantemente os informes dos docentes do colexio de Ventín que sinalan unha masificación xa intolerable: catalogado como 2 liñas, neste curso xa traballou como de 3, e pretenden agora que sexa como de 4...cun profesorado e cunhas estruturas que só poden desenvolver ben a súa tarefa educadora para 2 liñas.

Asistimos a un sen-sentido educativo que ten ou pode ter graves consecuencias sociais, xa que a día de hoxe máis de 33 nenos e nenas non levan a atención e apoio educativo precisos no centro.

Porque se desatende o que dita o decreto de escolarización? Porque se masifica Ventín? A masificación supón unha eiva que dificulta a configuración dunha educación pública de calidade e que, ademais, alimenta o discurso fácil de que a pública é mala e....a privada(concertada) é mellor porque ofrece os servizos axeitados....

Esquerda Unida transmitiulle á ANPA o seu apoio e solidariedade na reivindicación -coidamos que xusta- de defender un ensino público de calidade.

Santiago, 21 de abril de 2008

viernes, 18 de abril de 2008

Unha feira do libro esmorecente

Resulta paradoxal que na cidade onde se proxectan mausoleos culturais, onde se abre unha biblioteca municipal magnificante, teñamos que ver cómo se lle concede tan pouca vida, tan pouco espazo, tan poucos recursos á Feira do Libro de Compostela.

Non só se ten que reinventar o concepto de Feira, senón que cómpre facilitar o establecemento de máis postos de libreiros diversificados. Os postos non poden ofrecer os mesmos libros e na mesma disposición que nunha Libraría. Iso é obvio. Pero, non nos enganamos se pensamos que a cultura viva está perdendo forza de forma axigantada e que niso algo teñen que ver os gobernantes que deben dar facilidades.

Ofertas especializadas en poesía, en ensaios, nos xéneros máis diversos, libros de vello tamén, etc..... e menos institucionalismo enciclopedista...., quizais.

Que envexa dos bouquinistes de Paris, a carón do Sena!! Paseas e, coa curiosidade, un párase nun libriño cuxas páxinas de cor amarelo amosan o paso do tempo, e , sen moito esforzo económico, levas no teu peto unha pequena viaxe engaiolante.

Os libros son bens culturais. Neles está a esencia da memoria presente que construirá ou representará os nosos tempos cando as xeracións futuras nos lean.

Defendelos é defender a cultura. A cultura viva.

Por iso, as feiras de libros e outros produtos artísticos e culturais (cadros, música, artesanía, ...) deberían ser algo moito máis frecuente e habitual na nosa cidade e non unha ocasión anual que esmorece en postos de libreiros, en ofertas, en actividades, etc..

Santiago debe ofrecer aos turistas relixiosos algo máis que representacións museísticas. Santiago pode e debe seducir ofrecendo a nosa esencia, convidando a que os ollos e as mans agarimen a nosa identidade social, a nosa capacidade literaria.

Insistimos. Menos institucionalismo. Máis cultura viva. Nas rúas e nas prazas. Aberta a todas as persoas. Aí comezan de verdade as campañas de animación á lectura: na accesibilidade aos produtos culturais.

miércoles, 16 de abril de 2008

Ten previsto o Concello crear unha alternativa á Alameda para os deportistas?

Hoxe, no Concello de Santiago rexistramos a seguinte pregunta, xa que a Esquerda Unida, en base ao que recollemos, seméllalle en todo punto inaceptable que a Alameda siga sendo o único espazo "privilexiado" para que as persoas amantes do deporte da carreira podan exercer o seu exercicio cotián.


E máis, hoxe, se pensamos en que, cando se achegan as 21h30, o "circuito" da Alameda péchas, impedindo, aínda máis, as evolucións das carreiras.

Por ese motivo, Esquerda Unida presentou esta pregunta, para lembrarlle ao señor Alcalde a ao equipo de goberno desta cidade que a nosa organización xa presentara hai algo máis dun ano unha moción para a creación dunha alternativa á Alameda, avalada con máis de 1100 sinaturas de persoas vencelladas ao deporte e amantes da vida sá.


****

Considerando que o 29 de marzo de 2007 presentamos unha moción avalada con máis de 1100 sinaturas de persoas amantes do deporte e do atletismo, onde se solicitaba formalmente a creación dunha alternativa á Alameda.

Considerando que se pecha parte do percorrido da Alameda ao chegar a noite, ocasionando máis molestias ás persoas que practican carreira en dito espazo.

Considerando que os practicantes deste deporte amosaron a súa preocupación a Esquerda Unida-IU comunicando que se estaba producindo un incremento indesexado de lesións (tendinites, esguinces e até roturas de fibras) non sendo outra a causa de que ausencia dun espazo alternativo en debidas condicións para a práctica desta modalidade deportiva.

Realizamos a seguinte pregunta:

1) Ten previsto o equipo de goberno crear no futuro parque das Brañas do Sar un circuito de terra pisada sen pendentes pronunciadas (un máximo do 3%), sen curvas pechadas, cun amplor de polo menos 3 metros, cunha lonxitude que xira entre os 2.000-2.500 metros e unha axeitada iluminación nocturna para a práctica do atletismo?

Santiago, 16 de abril de 2008

viernes, 11 de abril de 2008

ACTO POLA III REPÚBLICA,


O xoves 17 de abril, ás 19h, terá lugar no salón de actos da Facultade de Ciencias Políticas de Compostela un acto público para reivindicar a III República. No acto intervirán, Herminio Barreiro, vicepresidente do Foro pola Memoria Republicana de Galicia; Javier Navascués, director da Fundación de Investigacións Marxistas (FIM); Carlos Portomeñe, secretario xeral do Partido Comunista de Galicia.

Animamos a todas as persoas a que se acheguen.

viernes, 4 de abril de 2008

Regularización semafórica rúa Pitelos con rúa do Hórreo

MOCIÓN

rexistrada hoxe no Concello de Santiago para o seu sometemento ao Pleno


Regularización semafórica rúa Pitelos con rúa do Hórreo



EXPOSICIÓN DE MOTIVOS


Desde que desapareceu a conexión ao tráfico rodado rúa Olvido con rúa da Ensinanza, a rúa Pitelos sofre, en horas puntuais, unha saturación de vehículos maior do que viña sendo habitual por mor de canalizar por dito vial máis tráfico rodado creando verdadeiros tapóns. Así, ao eliminar a subida de vehículos no último treito da rúa Pexego de Arriba, temos como resultado insufribles retencions do tráfico rodado na rúa Pitelos. Dito tráfico queda sempre en pendente e agardando a poderse incorporar á rúa do Hórreo, pero para facelo con garantías o primeiro vehículo invade normalmente o paso de peóns ocasionando molestias aos peóns que mesmo poden ser perigosas.


Entendendo que a seguridade viaria debe ser unha obriga
, proponse ao Pleno do Concello de Santiago que adopte os seguintes:


ACORDOS


1.
Instalar na rúa do Hórreo, á altura dos nº 19 e nº 28, semáforos con intervalo non coincidente cos que xa hai instalados á altura dos nº 13 e nº 20 e que se traduciría en que os primeiros (nº 19 e 28) pecharan un pouco antes (cuestión de segundos) cos mencionados (nº 13 e 20) para permitir que o fluxo de vehículos que veñen da rúa Pitelos se poidan ir situando nos tres carrís que hai no amplo dese treito de vía (de forma estimativa, permitiría a presenza de nove turismos).

Xunto con esta actuación, na confluencia entre rúa Pitelos e rúa do Hórreo, instalar dous semáforos, un a cada lado da rúa, en situación de intermitencia e tamén co intervalo “verde-bermello”, sendo sincronizados co outro grupo mencionado

  1. Dita actividade semafórica sería discrecional, é dicir, faríase uso da nova regularización cando fose preciso, en horas de moito tráfico rodado.

Santiago, 4 de abril de 2008

jueves, 3 de abril de 2008

Esquerda Unida denuncia o escuremento informativo do Concello de Santiago no tocante ao macrovertedoiro de Grixoa, na vella canteira de Miramontes

No Diario Oficial de Galicia de data 3 de xaneiro de 2007 figuraba un anuncio da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible no que se sometía a información pública a solicitude de autorización ambiental integrada para o proxecto de restauración do espazo natural Canteira Miramontes, lugar de Grixoa, promovido por Edafoloxía e Restauración do Contorno Galego, S.L: (Eyrega) [Clave 2006/0104 AIA / IPPC].

Hai que fixarse nestas datas (nadal de 2006) para saber moi ben que o anuncio dificilmente ía ser divulgado de forma suficiente. Desde ese afastado momento, e ata hoxe, non se soubo basicamente nada máis de forma pública por como se xestiona o acceso á información desde o Concello. Tivemos que agardar a mediados de marzo de 2008 para enterarnos a través da prensa que a solicitude recibía unhha declaración favorable por parte de Joaquín Lucas Buergo del Río, Director Xeral de Calidade e Avaliación Medioambiental (así consta no DOG do 3-01-07).

Esquerda Unida entende que se fixeron as cousas mal desde o Concello:

a) por non ser dilixentes e estar atentos a un proxecto que foi depositado nas Oficinas do Concello o 3 de xaneiro de 2007;

b) porque está demostrado que a comunicación entre a Xunta e o Concello fai augas;

c) por dicir nun primeiro momento, e como escusa defensiva, que non están enterados da existencia de tal proxecto (Marta Álvarez-Santullano sobre todo, xa que Elvira Cienfuegos dedicábase na anterior lexislatura aos asuntos Educativos, se ben non a exime de estar informada de canto afecta ao seu Departamento);

d) polo escurecemento informativo, xa que o Concello non só non convoca os órganos participativos existentes no Concello para dar a coñecer tal proxecto, senón que non responde aos veciños asistentes no Pleno;

e) porque a realización de tal proxecto representa a inutilidade da política de residuos existentes e supón non avanzar na reciclaxe e reutilización dos refugallos construtivos e outros;

f) porque a ampliación do vaso da canteira suporá a presenza do macrovertedoiro deste tipo máis amplo da toda a Comunidade;

g) porque o selado e a rexeneración non deberían ir condicionados a un negocio de dúas décadas, senón pura e simplemente a unha necesidade ecolóxica;

h) porque, no fondo, representa unha continuidade de negocio para ÁRIDOS CNC, empresa que subcontrata a EYREGA SL;

i) porque o alcalde non pode utilizar a existencia deste vertedoiro para avalar o peche doutro: isto vai en contra dunha boa xestión dos residuos non perigosos e en contra dunha boa política medioambiental e, desde logo, en contra do desenvolvemento da Axenda 21 Local;

k) porque converterá a estrada de acceso, a comarcal que leva ao Val do Dubra e Santa Comba, nun ir e vir de camións que dificultará máis a seguridade viaria e a fluidez do tráfico por esa pequena estrada;

l) porque nada garante a inexistencia de contaminación medioambiental e de filtración aos recursos do solo. Todo o contrario.

En síntese, Esquerda Unida está en contra da existencia deste proxecto tal como se concibe desde un primeiro momento e denuncia a ineficacia do Concello e a súa escasa dispoñibilidade por informar de forma veraz á cidadanía.

Santiago
Consello Comarcal
3-abril-2008

martes, 1 de abril de 2008

Sesión preparatoria da III Asemblea do Foro Galego de Inmigración e Emigración de Retorno

O sábado, a partir das 10h30 terá lugar no centro sociocultural de Fontiñas unha nova reunión preparatoria da III Asemblea do Foro Galego de Inmigración e Emigración de Retorno. Este ano celebrarase na cidade herculina, o 25 de maio, entre as 10h e as 17h30 e xa se ten confirmado o Forum metropolitano como lugar para a III Asemblea .

MERCADIÑO DE TROCO o Sábado 5 de abril

MERCADIÑO DETROCO

O sábado 5 de abril, entre as 11h e as 14h terá lugar na Praza da Igrexa da rúa de San Pedro, en Compostela, un Mercadiño de Troco organizado pola Asociación Ecoloxista VERDEGAIA.

En tempos nos que o único valor dominante é o que concede Don Diñeiro, destacan estas accións anticapitalistas e, no fondo, revolucionarias, xa que é poñer na práctica cotiá, na rúa, nas relacións sociais o valor do intercambio do uso, da necesidade.

Segundo nos informa VERDEGAIA haberá unha Sección especial para trocar obxectos de nenos e nenas entre 0 e 6 anos!

O horario previsto é o seguinte:

* De 11 a 13.30 -Recollida e exposición de obxectos
* De 13.30 a 14:00- Troco Máximo de 6 obxectos por persoa.

Os organizadores advirten que "só se admitirán obxectos en bo estado. O troco é un sistema de mercado no que prima o valor real das cousas baseado na súa utilidade, non o seu prezo en moeda. Supón unha reflexión previa sobre o que xa posuímos e as nosas necesidades reais, e pon en cuestión o valor dos cartos e o seu lugarna nosa sociedade, amosando un xeito á marxe do capitalismo para consumir"

Desde Esquerda Unida saudamos esta acción e animamos a todas as persoas concienciadas na necesidade de crear ese OUTRO MUNDO POSIBLE a que asistan a intercambien non só obxectos, senón a experiencia de ir contra o sistema.