martes, 30 de octubre de 2007

Manuel Amor Deus era do Partido e de Esquerda Unida

Os que asistimos á merecida homenaxe a Manuel Amor Deus onte en Santiago tivemos a rara sensación de vivir, unha vez máis, outro desprazamento, análogo ao dunha dura clandestinidade, ao dun esquecemento inmerecido.

Non me quero meter co que alí se dixo: houbo intervencións meritorias (Abuín, Germán, o compañeiro de celda de Amor Deus e o compañeiro italiano...) por apelar á verdade vivida e por lembrar á muller comunista do camarada, Fina; outras, sen dúbida menos (evitaremos dar nomes para non ofender), por apelar a un recurso fácil de proclamar que aquelo era moi malo e que agora todo é moi fermoso.

A loita de clases aínda existe. E o sindicato socio-político que construiu Amor Deus....u-lo? Núñez Feijó estivo un ratiño como testemuña nas primeiras ringleiras. Toda a cohorte do PSOE idem de lienzo...Entón, non me engano si unha interrogante abafante me fai preguntar, de forma inocente, como é que en ningunha ringleira de diante existiu un asento para o Secretario Xeral do PCG, o Partido de Manuel Amor Deus? Como é que nin a este Partido e nin a Esquerda Unida, que era a súa organización, se lle deron palabra e testemuña?

Por simple esquecemento?
Por deliberada desmemoria?
Ou por que non nos queren?
Semella que só servimos para o po da memoria
como se non houbese presente nin futuro.

Engánanse ben. Repito. Aínda hai loita de clases. Aínda precisamos un verdadeiro sindicato socio-político.

Os que seguimos traballando desde o Partido e desde o proxecto de Esquerda Unida estamos xa cansos de sentir o baleiro de todos aqueles que, acto seguido, proclaman e louvan a nosa entrega para que este país coñecese a democracia. Que nos deixen a nós dicilo e reivindicalo....é máis xusto e máis coherente. Máxime se os que o din, agora teñen asentos e poder e xa non viven o Partido.

Quizais, tiña que calar, pero un xa está realmente farto.

Quizais, pero como non quero que a miña voz mude en sentimento pesaroso que permanece dentro coma un cravo ardente, prefiro liberarme, sentir esa liberdade de falar, esa liberdade de non ter medo a dicir simplemente o que hai que dicir, a facer o que hai que facer, "sen denigrar, pero sen lamber o cú", como nos recordaba o luns o camarada Abuín.

Xabier Ron

domingo, 28 de octubre de 2007

HOMENAXE A MANUEL AMOR DEUS

Mañá, no Palacio de Congresos, a partir das 19h30, organizada pola Fundación 10 de marzo, terá lugar unha merecida homenaxe a Amor Deus. Un deses loitadores infatigables do Partido pola liberdade e a democracia neste país e que nos deixou non hai moitos días. É unha obriga moral para todas as persoas acudir, xa que é moito o que lle debemos a persoeiros como Amor Deus.

miércoles, 24 de octubre de 2007

Os deportistas de Compostela seguen sen contar cunha alternativa á Alameda

Esquerda Unida crítica, unha vez máis, o abandono que coñecen as persoas que practican deporte en Compostela. Resulta curioso que, cando se louva unha prestixiosa carreira pedestre –e con toda razón e xustiza-, as persoas que queren correr para manterse en forma ou relaxarse, ou ben que queren adestrarse, só dispoñan aínda do circuito (sic) da Alameda e sigan espoñéndose a lesións de diversa natureza e consideración.

Non pode ser, non é razoable para unha cidade como Santiago, que a Alameda sexa o único circuito para facer un pouco de carreira contínua. Lembremos que non son infrecuentes os sustos que producen os cans ou a aparición de perigosas pedras torce-nocellos. A Alameda, ademais, como se sabe, coñece numerosos e habituais peches por mor da súa utilización para a realización de diversas actividades e actos festivos.

Esquerda Unida quere lembrarlle á cidadanía que xa presentamos o día 29 de marzo de 2007 unha moción para que o Pleno do Concello apostase pola creación dunha alternativa á Alameda para enriquecer as posibilidades da práctica deportiva do atletismo.

E nela avanzabamos que se debían realizar os estudos oportunos con participación cando menos de entidades representativas deste deporte, e coas organizacións ecoloxistas para situar dita instalación nas beiras do Sar, no futuro parque, adecuando unha zona para a práctica do atletismo, aproveitando sinerxías co multiusos do Sar. Hoxe, despois da resaca electoral coas súas promesas, ollamos como o equipo de goberno aínda non ten previsto nada semellante ao que nós demandamos.

Esquerda Unida segue reivindicando polo tanto a existencia dese espazo alternativo: un circuito de terra pisada sen pendentes pronunciadas (un máximo do 3%), sen curvas pechadas, cun amplor de polo menos 3 metros, cunha lonxitude que xira entre os 2.000-2.500 metros e unha axeitada iluminación nocturna.

Lembrámoslle ao señor Alcalde do Consello de Santiago que dita alternativa gozou do aval de máis de 1000 sinaturas tal como consta no rexistro do Concello, todas elas de persoas vencelladas á práctica desta modalidade deportiva.

O Consello Comarcal de Esquerda Unida-IU
24 de outubro de 2007

domingo, 21 de octubre de 2007

Outra forma de comunicar un mundo alternativo


O mércores 24, "Cinema contra a pobreza" con “La larga noche de los 500 años" de Voces contra la globalización, na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago

"BANCA PARA RICOS, BANCA PARA POBRES,", É O DEBATE DESTE XOVES DENTRO DO SIMPOSIO "POBRE MUNDO RICO"

A Conferencia correrá a cargo de Mariano Aguirre, que falará sobre a "Crise de estado, pobreza e violencia"

Santiago, Sábado 20 outubro 07

Coa proxección doutro dos capítulos da serie documental "Voces contra a globalización... ¿outro mundo é posible?", dirixida e guionizada por Carlos Estévez para La2 de TVE, "La larga noche de los 500 años" chega na cuarta semana do Simposio Internacional "Pobre Mundo Rico" a Santiago.

Este capítulo comeza en San Cristóbal de las Casas (México) en xaneiro de 1994, cando o subcomandante Marcos inicia as revoltas contra a globalización precisamente o mesmo día que entra en vigor o Tratado de Libre Comercio entre América do Norte e México, para analizar a través das voces dos indíxenas e dos intelectuais a perda da terra no mundo, a perda da identidade, a uniformidade das culturas, as privatizacións e o novo panorama en América Latina.

... E o xoves, debate e conferencia

O director da área de Paz, Seguridade e Dereitos Humanos de FRIDE (Fundación para as Relacións Internacionais e o Diálogo Exterior) Mariano Aguirre ofrecerá o xoves 25 en Santiago a conferencia "Crise de Estado, Pobreza e Violencia" ás 19.30 h. na Facultade de Ciencias da Comunicación. Previamente, ás 17.00 h. celebrarase a Mesa-Debate "Banca para ricos, Banca para pobres" na que intervirán Guillermo Brea, director da Obra Social de Caixanova; Carlos Bendito, director de Desenvolvemento de Tríodos Bank e Raúl Asegurado, da Asociación de Interese Solidario "O Peto".

A Conferencia

"Crise de estado, pobreza e violencia" é o título da conferencia que ofrecerá Mariano Aguirre. O coordinador de Programas de FRIDE considera que a pobreza é un dos factores centrais que inflúen para que unha sociedade careza dun equilibrio pacífico entre os seus diferentes actores. Para Aguirre a falta de desenvolvemento económico non conduce, necesariamente, a conflitos armados ou guerras abertas, pero nas sociedades nas que hai fortes niveis de pobreza e desigualdade existen graves problemas de violencia social que se manifestan como criminalidade, integración de franxas da sociedades (especialmente os mozos) en prácticas ilícitas e redes mafiosas, enfrontamentos de grupos de identidades adquiridas (as maras de América Central), entre outras.

Na medida en que a pobreza continúa sendo un grave problema e a desigualdade aumenta, a violencia continuará manifestándose. As súas formas fanse, á vez máis complexas o que, en opinión de Mariano Aguirre, obriga análises máis sutís sobre a marxinación e a integración social.

O POBO DE COMPOSTELA PIDE O INDULTO XA

Fomos milleiros. O pobo camiñaba cun desexo: que os esforzos sirvan para algo. E abofé que serviron: o que todas as persoas queríamos alí é que non teñan que cumprir a condea imposta, pero máis aló deste gran desexo está o calor, o cariño e o apoio que Simón, Xesús e Pepe sentiron de toda a cidadanía alí presente. A longa caravana humana berraba diferentes consignas: "son inocentes"; "condea non / indulto xa" e outras máis mentres as palmas acompañaban de forma acompasada os berros de solidariedade.

O pobo xa se manifestou. Agora agardemos que arriba, os que teñen o poder, teñan o poder de revogar a orde de cárcere.

Non son asasinos, como dixo Miguel de Lira; e con eles estamos todos e todas, como afirmou Suso de Toro. O que lles aconteza, acontécenos. Iso é a solidariedade, iso.

Simón, Xesús e Pepe tiveron a forza para saír ao escenario da Quintana e dciri, alto e claro, que eles son inocentes. Os milleiros que alí estabamos, xa o sabiamos á hora de ir apoiar aos nosos tres veciños. Non somos tan cegos.

O pobo é quen máis ordena, que o lembren os nosos representantes.

O PINO E A MUTILACIÓN DO PATRIMONIO

Se un elemento é declarado Patrimonio da Humanidade significa que goza dunha protección especial á hora de resistir os ataques da sociedade capitalista. O Camiño de Santiago, que xa rexistra bastantes alteracións cementeiras ou de chapapote, é, polo tanto, de todos e todas...máis aló da suposta condición relixiosa das persoas que deciden facer o Camiño ata Santiago.

O ataque ao Camiño na zona de O Pino, no Polígono Industrial, non ten sentido. Simplemente. E se as máquinas entran nel, de forma previsiblemente ou supostamente ilegal, isto debe ser denunciado.

Non podemos solicitar das Administracións Públicas que nos serven (Estado, Xunta) diñeiro para mellorar a atención aos peregrinos, porque se vé que deixan algo de diñeiro, e logo, precisamente, ese mesmo demandante de diñeiro....arrasar con parte do trazado do Camiño.

Pensemos o que queremos e sexamos coherentes: un imposible para os gobernantes de O Pino?

MANIFESTACIÓN PARA DEMANDAR INDULTO PARA OS TRES VECIÑOS DE O EIXO

Hoxe é o día en que o pobo de Compostela debe demostrar a súa solidariedade coas tres familias a punto de esnaquizarse. Pasaron 9 anos. O cárcere non ten ningín valor rehabilitador. Todo o contrario. Xa se pagou moito diñeiro, moito. Non queren pedir perdón porque din que son inocentes. Acaso xa se trocou a máxima toda persoa é inocente ata que se demostre o contrario pola outra de que toda persoa é culpable ata que demostre a súa inocencia? O Movemento polos Dereitos Civís afirma que houbo irregularidades xudiciais.

Non é que non entendamos a situación do policía, agora con discapacidade. Entendémola. Pero tamén entendemos que hai néboa á hora de dicir que estes tres veciños foron os causantes directos da situación na que se atopa o policía.

O Cárcere, repetimos, ten unha función social, de rehabilitación, de recuperación para a sociedade das persoas condeadas...tras 9 anos nos que estas persoas estiveron perfectamente inseridos no seu tecido social e vital...ten sentido?

Hoxe domingo, ás 12h30 na Alameda de Santiago deberíamos ser varios milleiros. Ogallá. Mañá o comentaremos.

martes, 16 de octubre de 2007

ESQUERDA UNIDA ORGANIZA O ACTO DE PRESENTACIÓN DA II PLENARIA POLA PAZ EN COLOMBIA

ACTO DE PRESENTACIÓN

II PLENARIA INTERNACIONAL POLA PAZ EN COLOMBIA

(GETAFE, 9-11 NOVEMBRO DE 2007)

SALÓN DE ACTOS DA FACULTADE DE FILOSOFÍA

VENRES 19 DE OUTUBRO DE 2007

ÁS 19H30

INTERVÉN


GILBERTO TORRES, SINDICALISTA COLOMBIANO, VOCEIRO ASEMBLEA PERMANENTE DA SOCIEDADE CIVIL POLA PAZ EN COLOMBIA

PRESENTA

XABIER RON, COORD.COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA



sábado, 13 de octubre de 2007

"Outra forma de comunicar un mundo alternativo

Continúa o Simposio Internacional Pobre Mundo Rico "OUTRA FORMA DE COMUNICAR UN MUNDO ALTERNATIVO": CARLOS ESTÉVEZ E PASCUAL SERRANO, O LUNS 15 EN CC. DA COMUNICACIÓN DE SANTIAGO.

O creador da serie documental de TVE2 "Voces contra a Globalización" e o
fundador de rebelion.org respectivamente, explicarán en senllas
conferencias -con proxeccións-, as razóns que deron vida á serie
documental e á web alternativa. Será ás 17:30 hs

C.I.P. Sábado 13 outubro 2007
A programación de "Pobre Mundo Rico" reúne o luns 15 en Santiago ao
xornalista Pascual Serrano e ao director, realizador de cinema e tamén
xornalista, Carlos Estévez. Ambos os dous ofrecerán senllas conferencias
-a partir das 17.30 hs- sobre a súa experiencia no tratamento da
información tanto na prensa electrónica coma en audiovisual, co
compromiso social como denominador común.

rebelion.org, un proxecto consolidado

En outubro de 1996 Pascual Serrano fundou cun grupo de xornalistas
un medio alternativo en Internet, rebelion.org coa intención de crear
unha proposta informativa global, allea ao mercado e a calquera relación
co diñeiro. Hoxe, once anos despois, é un proxecto consolidado con seis
millóns de páxinas lidas ao mes, relacións coa maioría dos medios
alternativos en castelán e conta cos máis prestixiosos intelectuais entre
os seus colaboradores. Os creadores de rebelion.org foron invitados a
explicar o proxecto en numerosos países de Europa, América e mesmo en
Asia. E continúan fieis aos seus principios de non ter ningunha relación
co diñeiro nin co mercado.

Unha voz contra a manipulación

Carlos Estévez falará de como os medios de comunicación están a
crear sociedades desinformadas, insatisfeitas e agresivas. Xornalista de
investigación, director e guionista de series documentais de televisión,
viaxou por todo o mundo vendo, oíndo e denunciando todo tipo de
situacións inxustas. Na súa última serie, "Voces contra a Globalización"
-os documentais da cal estanse a proxectar no Ciclo de Cinema contra a
Pobreza, dentro das actividades do Simposio- Carlos Estévez fala da perda
do poder político en mans dos grandes poderes financeiros; de como o
diñeiro criminal aflora en todo o mundo; dos paraísos fiscais como
refuxio da corrupción e o crime; de como apenas duascentas empresas
transnacionais dominan o mundo; da perda da economía produtiva en favor
da especulación financeira, da fame e a miseria no mundo, da necesidade
de establecer unha resistencia fronte ao capitalismo global e que o
cidadán deixe de ser consumidor para volver ter dereitos que lle permitan
decidir.

Tampouco pasa por alto a manipulación á que están sometidas
sociedades enteiras polos grandes medios de comunicación que xa caeron en
mans do poder económico mundial para crear unha forma de pensar e de
reaccionar ante os acontecementos acorde aos seus intereses.


Sobre Pascual Serrano

Nacido en Valencia (España) o ano 1964, Pascual Serrano licenciouse
en Periodismo en 1993 na Universidade Complutense de Madrid. Iniciouse no
periodismo traballando no diario español ABC. Foi fundador e redactor
xefe da revista Voces, editada pola organización política Esquerda Unida.
En 1996 fundou xunto cun grupo de xornalistas a publicación electrónica
www.rebelion.org, que hoxe funciona como diario alternativo en Internet.

É membro fundador da Rede de Intelectuais e Artistas en Defensa da
Humanidade, creada en México en 2004. Colabora habitualmente nunha decena
de publicacións latinoamericanas sobre temas de comunicación e política
internacional. Na actualidade é membro do consello de redacción das
revistas Mundo Obrero, El Otro País e Pueblos, onde colabora
habitualmente.

Dende decembro de 2005 é asesor editorial de Telesur, unha canle de
televisión promovida por Venezuela coa participación de Cuba, Arxentina,
Uruguai e Bolivia, que pretende ser un modelo de comunicación contraposto
aos medios dominantes do primeiro mundo.

En febreiro de 2007 foi Primeiro Premio do Concurso Internacional
de ensaio "Pensar a contracorrente", polo seu traballo "Violencia e
medios de comunicación", convocado polo Instituto Cubano do Libro, o
Ministerio de Cultura de Cuba e a Editorial Ciencias Sociais.


Sobre Carlos Estévez

Carlos Estévez, xornalista, realizou numerosos documentais sobre a
transición en España, programas de investigación premiados en certames
internacionais e unha serie documental sobre a globalización.

Comezou escribindo na revista Triunfo, traballou como reporteiro en
RNE e en TVE tendo labores diversos como: correspondente diplomático,
correspondente político, responsable da área de reportaxes dos Servizos
Informativos de TVE, Subdirector de Informativos, Director dos Centros
Territoriais de TVE, Director de Programas de Actualidade de Antena 3 TV,
Director de Organización de Antena 3 TV, Director de Programas de
Investigación de Antena 3 TV, Director Adxunto de Programas de TVE,
Director de Contidos de TVE, Director de RTVE Digital

Escribiu e dirixiu para La2 de TVE a serie documental "Voces contra
la Globalización ¿Otro Mundo es Posible?".

O 14 de outubro, comeza a Semana de Acción Global contra a Pobreza

Mañá 14 de outubro de 2007 comeza a Semana de Acción Global contra a Pobreza. Co gallo desta semana a nosa Agrupación Comarcal tomou a decisión de presentar dúas iniciativas:

1) Presentar unha moción con medidas para erradicar a desigualdade e a pobreza, unha desigualdade que non é tan só unha dimensión vertical, de Norte a Sur, senón que tamén abrangue unha dimensión horizontal e circundante, a do propio bandullo das cidades (o chamado Cuarto Mundo que, en EE.UU, por poñer un exemplo coñecido, afecta a máis de 50 millóns de persoas desasistidas). En España os estudos contribúen a situar un 20% das persoas na soleira da pobreza. No noso Concello non é menos evidente esta porcentaxe, á que deberemos sumar as máis de 5000 persoas que están no desemprego (desigualdade estrutural), as persoas maiores de 65 anos que viven soas (meirande parte, mulleres e con pensións ridículas). De aí que nas demandas nada mellor que solicitar unha defensa do público como patrimonio daquelas persoas que non o teñen,e ntre outras medidas que se poden ler neste mesmo blog.

2) Presentar a II Plenaria Internacional pola Paz en Colombia
Aproveitando unhas conversas co sindicalista colombiano Gilberto Torres, animámonos a divulgar esta II Plenaria, unha iniciativa da Asemblea Permanente da Sociedade Civil pola Paz en Colombia, da que é voceiro Gilberto Torres. En días sucesivos colocaremos o cartaz de presentación do acto, que terá lugar o venres 19 de outubro, ás 19h30 no salón de actos da Facultade de Filosofía (na praza de Mazarelos).
A violencia e a guerra son unha das causas que explican a desigualdade e de pobreza. De aí o noso compromiso coa erradicación desta guerra e de todas as guerras que só provocan, hoxendia, movementos de poboación civil, no mellor dos casos cando poden evitar a morte, entre fronteiras cada vez máis endurecidas á dor humana, cada vez menos acolledoras, cada vez menos humanas.

O martes detallaremos a presentación desta Plenaria.

Un saúdo

Se a u-topía é posible
Outro mundo é probable
Xabier Ron

jueves, 11 de octubre de 2007

Hoxe, xoves 11 de outubro de 2007, presentouse a seguinte moción no rexistro do Concello de Santiago.
MOCIÓN
COMPROMISOS PARA A ERRADICACIÓN DA POBREZA E DA DESIGUALDADE NA “SEMANA DE ACCIÓN GLOBAL CONTRA A POBREZA

Ao igual que en anos anteriores, as diferentes plataformas, organizacións non gobernamentais, asociacións e colectivos convocan a “Semana de Acción Global contra a Pobreza” en denuncia do endebedamento dos países do Sur e a actividade das Institucións Financeiras Internacionais (IFI´s).
Esquerda Unida, como organización comprometida coa xustiza e o desenvolvemento sostible, amosa o seu compromiso coa iniciativa a escala internacional de Acción Global contra a Pobreza, desde o convencemento de que é posible conseguir a erradicación da pobreza.
É necesario seguir con medidas concretas como unha maior e mellor axuda oficial ao desenvolvemento, a abolición do 100% da débeda externa que o Estado español ten cos países do Sur e o cambio das normas de comercio internacional, sobre todo no referente ao dereito á alimentación e aos dereitos sociais e ambientais. Reclamamos un maior compromiso nas relacións económicas internacionais e, en concreto, desde o Fondo Monetario Internacional e o Banco Mundial, posto que máis que loitar contra a pobreza están profundando a pobreza a nivel internacional.
Máis de 3.000 millóns de persoas non teñen acceso a unha vida digna por mor das desigualdades que xera a globalización neoliberal. Esta situación existe de diferentes xeitos ao longo de todo o planeta. A fame, enfermidades como a SIDA, a imposibilidade de acceder á sanidade básica, á educación ou ao auga potable, a discriminación da muller, as guerras ou os desprazamentos de poboación por conflitos son as distintas caras coa que aparece a pobreza e a inxustiza.
Os últimos datos a nivel internacional ofrecen un panorama desolador. O desenvolvemento oficial de asistencia a África de parte de 22 países ricos membros da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (*OCDE) caeu desde 106.000 millóns de dólares en 2005 a 103.000 millóns en 2006, segundo diversos estudos.
Ademais, a axuda monetaria da OCDE caeu desde unha media do 0,33 por cento do Produto Interior Bruto en 2005 ao 0,3 por cento en 2006, a pesar das promesas do G8 de aumentar os orzamentos de asistencia para o desenvolvemento a 0,7 por cento do PIB de cada país para 2015. O 55% da axuda global a África foi destinado só a 10 países, motivado por intereses estratéxicos máis que humanitarios de parte de Occidente.
No ano 2000 os Xefes e Xefas de Estado e de Goberno de 189 países acordaron oito Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio en todos os países do mundo para o 2015. Segundo os informes, e se non se reforzan as accións de loita contra a pobreza, serán 800 millóns de persoas as que vivan con menos dun dólar ao día, mentres que o compromiso internacional cifraba en 420 millóns a meta exposta polos Obxectivos do Milenio (*ODM). Sete anos logo desta firma atopámonos con moi poucos avances e lonxe de cumprir os obxectivos debido ás incoherencias que se están producindo desde os ámbitos institucionais e políticos.

As diferenzas entre os países continúan aumentando e, xa que logo, os parámetros de desigualdade. Os grandes procesos de internacionalización do capitalismo incrementaron aínda máis a brecha entre os países. O 20% máis rico do planeta conta co 85% da riqueza, mentres o 20% máis pobre dispón do 1,1%. O crecemento económico dos últimos anos non permitiu unha mellora das condicións de vida da maioría da poboación, nin contribuíu a garantir os dereitos humanos.

Con respecto á toma de medidas para garantir a sustentabilidade ambiental é urxente a loita contra a pobreza. Loitar contra o cambio climático para erradicar a pobreza esixe optar por un novo modelo económico e enerxético de desenvolvemento sostible, baseado nos dereitos humanos. España incrementou o seu consumo enerxético un 90% en tan só 20 anos e tamén se atopa entre os países mediterráneos de maior consumo de auga. Os países ricos utilizan 250 litros de auga por persoa ao día, mentres as persoas pobres 10 litros. En menos dun cuarto de século, calcúlase que dous terzos da poboación mundial non terán acceso adecuado ás subministracións de auga doce.
Mentres non se aposte pola cooperación ao desenvolvemento e por unhas relacións máis xustas entre os países do norte e do sur, o drama da inmigración que estamos vivindo non vai diminuír por moito control de fronteiras que se aumente, e por moito endurecemento de leis de estranxeiría se proxecten. Neste sentido desde Esquerda Unida pensamos que é insostible un modelo económico que impide a 3.000 millóns de persoas o acceso a unha vida digna, que enriquecen a uns poucos e condena á maioría á pobreza.
Desde Esquerda Unida, seguimos expoñendo o noso compromiso co 0,7% do PIB para Axuda Oficial ao Desenvolvemento. Este é un compromiso internacional asumido por España e polo conxunto dos países da *OCDE, desde o Cume de Estocolmo de 1972 e que o sistemático incumprimento dos compromisos en materia de cooperación ao desenvolvemento ao longo de moitos anos está producindo máis diferenzas sociais, máis fame negra, máis refuxiados, máis pobres.

Fronte a esta realidade que empuxa a centos de miles de persoas a emigrar dos seus países, os países ricos continúan coas súas políticas neoliberais que impiden o desenvolvemento xusto e equitativo destes, e cada vez gastan máis diñeiro en facer máis altos os valos, máis extensos os muros que esnaquizan vidas ou en mellorar a vixianza das fronteiras. Pero mentres persista a desigualdade, non haberá fronteira que pare os movementos dos e as migrantes, a non ser, claro está, mantendo unha persistente insistencia na retención de persoas en aeroportos convertidos en improvisados cárceres, na negación de visados, en definitiva na negación dos dereitos máis consubstanciais á condición humana: vivir con dignidade.
Pero a pobreza e a desigualdade tamén estenden o seu raio de acción cada vez máis no seo dos países ricos creando o que xa se dá en chamar Cuarto Mundo, isto é, o universo dos que viven na soleira da pobreza por mor de, entre outros factores, empregos precarios e mal remunerados a cambio de xornadas abafantes, e no mundo das persoas maiores, maiormente na poboación feminina, unhas xubilacións e pensións que a duras penas dan para chegar a fin de mes. Nese sentido, estudos de diversas organizacións afirman que o 20% das familias compostelás vive nesas condicións. Para estas persoas unha das formas máis eficaces de loitar contra a desigualdade e a pobreza e situalas en condicións de igualdade son a defensa dos servizos públicos dos procesos de privatización. Dignificar os servizos públicos, estender o seu raio de acción e a súa eficacia e eficiencia conlevarán, necesariamente, a mellora da calidade de vida para as persoas que non teñen patrimonio. Ao mesmo tempo, apostar por un emprego digno e con dereitos é apostar contra a erradicación da pobreza e das desigualdades tanto no eido supralocal coma local (de feito, no contorno máis inmediato, en Compostela hai máis de 5200 persoas desempregadas, un 20% da poboación non chega aos 6000 euros anuais, e máis 2000 persoas maiores viven soas).
Por todo isto, o grupo de Esquerda Unida do Concello de.Santiago de Compostela fai un chamamento á cidadanía a participar nas actividades que organizan os diversos colectivos entre o 14 e o 21 de outubro, contra a pobreza.
En base ao anterior proponse ao Pleno do Concello de Santiago que adopte o seguinte:
ACORDO

A.- O Concello de Santiago comprométese coa erradicación da pobreza. Para o que é fundamental:
1. Cumprir o compromiso asinado en 1972 na ONU de alcanzar o 0,7% do PIB para Axuda Oficial ao Desenvolvemento.
2. Esixir o establecemento de taxas e mecanismos de control sobre as transaccións financeiras con carácter especulativo para contribuír ao financiamento do desenvolvemento (Taxa Tobin).
3. Esixir a cancelación da débeda aos países máis pobres, así como comprometer o investimento dos recursos liberados na consecución dos Obxectivos do Milenio.
4. Defender os servizos públicos dos procesos de privatización, co fin de asegurar que a educación, atención sanitaria, servizos sociais, recursos naturais, medicamentos, auga potable sigan sendo dereitos inalienables de todas as persoas.
5. Apostar polo emprego digno e con dereitos como unha das formas máis útiles de erradicación da pobreza e loita contra as desigualdades.

B.- Facemos un chamamento á cidadanía para participar activamente contra a pobreza e en cantas accións sexan convocadas con este obxecto.
Santiago, 10 de outubro de 2007

sábado, 6 de octubre de 2007

Esquerda Unida valora de forma positiva o ditame da Xunta con respecto aos terreos de Bando

Esquerda Unida xa denunciara, nun comunicado dado a coñecer no mes de xaneiro de 2007, que a operación urbanística prevista polo Concello de Santiago en Bando era un auténtico despropósito. A Xunta, 9 meses despois, vén de dar pleno sentido e validez á nosa crítica.

A construción de 308 chalés en Bando e a do famoso campo de golf supoñen de todo menos contribuír a unha ordenación racional do territorio, respectuosa cos parámetros da sustentabilidade medioambiental. A dispersión urbanística só pode contribuir a un incremento dos parámetros de insustentabilidade. Pero é que, ademais, os terreos desafectados do ministerio de Defensa deberían ter un destino, unha finalidade e un uso social. Está claro que os 300 chalés non van responder a esta finalidade. E o campo de golf…moito menos.

E claro, nestas condicións, e tendo en conta que o Concello entregou máis de 200 000 euros para a elaboración do proxecto técnico do campo de golf, moito nos tememos que os grupos que nos gobernan no Concello farán todo o inimaxinable para xustificar –ao igual que o fan co enxendro da Cidade da Cultura- que 308 chalés en Bando son vivendas sociais para familias de escasos recursos e que a súa construción favorecerá a creación da cidade compacta e a prestación equilibrada e redistributiva de servizos públicos, asemade dirán que o campo de golf fai un uso da auga moi respectuoso coa ecoloxía e que responde a unha necesidade social longamente demandada en Compostela.

Santiago, 6 de outubro de 2007

Consello Comarcal de Esquerda Unida

Esquerda Unida súmase á petición de indulto para os tres veciños de O Eixo

Na Asemblea Comarcal mantida onte en Compostela, Esquerda Unida adoptou por unanimidade a decisión de apoiar a petición de indulto para os tres veciños de O Eixo condeados a 7 anos de cárcere e ao pagamento dunha sanción económica de 156 000 euros. Sobran as medias tintas, non só pasaron xa 9 longos anos desde que sucederan os incidentes do 14 de xullo de 1998, logo da manifestación reivindicando seguridade na N 525, senón que non está probada culpabilidade nas lesións sufridas por un policía. Isto é, 3 persoas inocentes ingresarán en prisión de non mediar o indulto.

Por iso, para Esquerda Unida o mellor que pode acontecer o 31 de outubro é que Simón Márquez, José Moreira e Jesús Montoiro non ingresen en prisión. Por iso, pedimos a liberdade para estes nosos veciños. E esa liberdade debe vir desde un posicionamento social que non pode deixar sós a estes veciños. Sós non están: teñen o amparo e axuda dos seus veciños e veciñas. Pero cómpre un apoio global. Por iso, animamos ao conxunto da poboación compostelá a que secunde a petición de indulto, que remata este mércores 10 de outubro. Agardemos que o 31 de outubro tres familias non sufran o desmembramento e separación de tres seres queridos.

viernes, 5 de octubre de 2007

COMUNICADO DE PRENSA VALORANDO OS DATOS DE DESEMPREGO DO MES DE SETEMBRO. AS MULLERES COMPOSTELÁS SON AS MÁIS EXPOSTAS AO DESEMPREGO.

Despois do desastroso mes de agosto en canto aos índices de
desemprego, o mes de
setembro non se presenta moito mellor para as persoas de Compostela. A
pesar da mellora nalgúns sectores, o desemprego segue focándose nos
colectivos de menores de 25 anos e, en xeral, nas mulleres compostelás.
O paro unicamente baixa, en datos xerais, en dúas persoas con respecto
ao mes anterior, o que non é, realmente, un dato para tirar foguetes
triunfais.
O dato que realmente preocupa a Esquerda Unida, como diciamos
máis arriba,é que o desemprego segue marcando ás mulleres tanto
menores de 25 anos coma no resto de idades.
Así, no sector de menores de 25 anos, se ben hai 15 parados menos
en homes (200 fronte a 215 en agosto), rexistramos unha cifra de 27
mulleres máis en situación de desemprego (265 fronte a 238). En total,
neste sector de poboación, o paro sube
en 12 persoas (465 fronte a 453), o que supón o 2,6% máis respecto
ao mes de agosto.
No resto de idades, das 4747 persoas desempregadas (4761 en agosto),
3115 eran mulleres (en agosto eran 3107), o que nos dá un incremento
total na poboación feminina de 35 persoas en situación de desemprego
con respecto ao mes de agosto, isto
é un 1%.
A pesar de que os gurús do sector inmobiliario seguen na nube do optimismo,
cómpre non deixarse enganar e traballar para diversificar o tipo de traballo que se desenvolve
en Compostela, en previsión dunha ralentización do sector construtivo moito máis acusada do
que se poda pensar. Prever é traballar para o futuro.
Seguir coas contas da leiteira é querer xogar con el.