viernes, 31 de mayo de 2013

Valoración Pleno maio



VALORACIÓN PLENO ORDINARIO DO 30 DE MAIO DE 2013.


Unha vez máis o representante do Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, Vicente Vázquez, tivo problemas para exercer o seu dereito de asistencia ao Pleno para valorar o que alí se faga ou diga.

Nun primeiro momento a policía impedía a entrada do noso representante aducindo falta de aforo, como así llo indicou o policía número de placa 259067, mais coas peticións exercidas de documentación por escrito que acreditase tal impedimento, sorpresivamente, a policía indicou ao noso representante que si podía asistir ao Pleno.

Dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela denunciamos que cando entrou o noso representate, co Pleno xa comezado facía máis de cinco minutos, ten foto que acreditan que nese momento había polo menos cinco asentos baleiros no salón de Plenos.

Que lei xustifica que o Partido Popular vete a entrada da cidadanía no Pleno se o aforo non está completo?

No tocante ao transcurso do Pleno ordinario, resaltar que as investigacións xudiciais que padece o equipo de goberno está a levar a unha situación inasumible de crispación, que acreditan que a situación non pode continuar así, ou a Democracia co adianto de eleccións rexenera o Concello, ou o PP e PSdeG conseguirán que sexa unha xestora ou troica a que “goberne” na cidade.

Dos temas tratados salientar que a proposta do BNG dun programa de loita contra a pobreza, foi rexeitada grazas aos votos do PP, dende o Consello Comarcal de EU demandamos a necesidade de medidas serias e reais, e non os debates superfluos aos que non teñen acostumados no Pleno, para loitar contra a pobreza, na que o Concello debe ter un papel predominante, de colaboración nunha delegando coas distintas organizacións da cidade.

Neste Pleno, entre outras cuestións, aprobouse por unanimidade unha proposición de defensa do partido xudicial de Santiago, un crédito para a reposición de cableado do alumeado público como consecuencia dos furtos.

O Pleno rematou con varios rogos do BNG, e con varias mocións que o PP non quixo debater votando en contra da súa urxencia, entre as que queremos destacar as mocións presentadas tanto polo PSdeG e BNG respecto ao aborto, lamentamos profundamente que o Partido Popular se agoche e non queira argumentar, se é que son capaces, os motivos que xustificaría para eles a retrógrada, nefasta e inadmisible volta a longa noite de pedra da ditadura que supón a reforma da lei do aborto que quere levar a cabo Gallardón.


Por último criticamos a hipocrisía ofrecida polo PP no debate da moción sobre Salvemos a Hospitalidade, ao defender unha lei de estranxeiría racista que debe ser derrogada de inmediato

miércoles, 29 de mayo de 2013

Moción Rocha Forte



O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela considera positivo o comezo da posta en valor do xacemento do Castelo de Rocha Forte, posto que a defensa do patrimonio galego é unha loita que o Partido popular está a deixar de lado.

Para a protección e estudo deste tesouro compostelán, o Concello recibiu do Ministerio de Cultura unha cantidade de 1.000.000€, ademais dun límite de tempo para realizalo, límite que foi prorrogado ata finais de ano.

Tendo en conta a importancia do xacemento e a oportunidade que significa para carreiras universitarias como a de Historia, o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela preguntou ao Concello o 8 de Xaneiro de 2013 se o Concello pensaba contar coa participación da USC, axudando á formación dos futuros profesionais da profesión e minguando a precariedade que a Universidade histórica da cidade está a pasar.

Dende entón, seguimos a esperar unha resposta dende o Concello, quen, ao parecer, está a empregar os recursos económicos na contratación de “persoal especializado”, segundo a empresa galega.

Ademais do feito de non contar coa participación dunha institución fundamentable da cidade como a USC, o Concello non está a ser transparente no que ao uso deses cartos se refire, o que, dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, consideramos como unha vergoña

Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao Pleno do concello de Santiago a seguinte proposta de

ACORDOS

Primeiro. Que se solicite a colaboración da USC para o estudo, reparación, protección e posta en coñecemento do xacemento de Rocha Forte.

Segundo. Que o Concello faga pública a xestión dos cartos concedidos polo Ministerio de Cultura

martes, 28 de mayo de 2013

Día Internacional de Acción pola Saúde das Mulleres

A ÁREA DE MULLERES DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA RECLAMA UNHA ATENCIÓN SANITARIA PÚBLICA E DE CALIDADE PARA AS MULLERES, INCLUÍNDO O DEREITO AO ABORTO.

A ÁREA DE MULLERES DE EU COMPOSTELA DEMANDA UNHA ATENCIÓN AO PARTO NO QUE SE RESPECTEN OS DEREITOS DAS MULLERES, SE PROPORCIONE INFORMACIÓN SOBRE OS DIFERENTES TRATAMENTOS E SE EVITE UTILIZAR PROCEDEMENTOS CONTRAINDICADOS POLAS ORGANIZACIÓNS SANITARIAS.
 
No 28 de Maio,  día Internacional de Acción pola saúde das mulleres, a Área de Mulleres de Esquerda Unida Compostela únese ás reivindicacións da Rede mundial de mulleres polos dereitos reprodutivos, recordando que millóns de mulleres no mundo non teñen acceso a servizos de saúde reprodutiva o cal supón unha violación sistemática dos dereitos humanos.

Dende a Área de Mulleres de EU Compostela queremos lembrar que no noso País os recortes en Sanidade e as estratexias privatizadoras da sanidade pública provocaran vítimas, e suporán tamén unha degradación na calidade da asistencia nos aspectos relacionados coa saúde reprodutiva e sexual que afecta especificamente ás mulleres

Queremos recordar que na actualidade na atención ao parto proporcionada no hospital Clínico Santiago non se están a cumprir as directrices marcadas polas organizacións sanitarias mundiais en materia de obstetricia. Séguense a realizar de forma habitual intervencións innecesarias, obsoletas, molestas e incluso contraindicadas para a saúde da nai máis da crianza, como, entre outras, non permitir que a xestante teña liberdade de movemento durante a dilatación, a episiotomía por sistema, o emprego abusivo da oxitocina, a maniobra de Kristeller e a imposición da posición materna durante o período expulsivo. A Organización Mundial da Saúde, dende 1985,  e o Ministerio de Sanidade, recomendan evitar estas prácticas que poñen en perigo a saúde das mulleres e das súas crianzas.

Solicitamos que se forme aos profesionais sanitarios do CHUS para que sigan as directrices marcadas pola OMS para a atención ao parto, como xa se fai noutros hospitais galegos (O Salnés, Cee, etc) como tamén nos novos métodos para realizar cesáreas máis seguras e menos cruentas que as tradicionais (método Misgav Ladach). A escusa da crise e os recortes non teñen cabida. É máis barata a atención ao parto seguindo os protocolos da OMS, que requiren dunha menor intervención e medicalización, que un parto instrumentalizado.

Dende a Área de Mulleres de EU Compostela tamén manifestamos a nosa preocupación pola atención que se está a prestar na UCI de neonatos do CHUS, onde se restrinxe a presenza dos pais, o contacto físico da familia cos bebés, e a lactancia materna. Recordamos que a Carta Europea do Dereitos dos Nenos e Nenas Hospitalizados recolle o dereito das crianzas a estar acampañadas polos seus pais e a OMS sinala a imporantcia do contacto físico. Por todo isto solicitamos, como xa se fai en numerosos hospitais, unha unidade neonatal aberta aos pais as 24 horas do día, na cal non se restrinxa o contacto entre nai e a crianza e no que se fomente, en vez de limitala, a lactancia materna, os beneficios da cal están máis que demostrados pola comunidade médica.


Así mesmo, neste 28 de Maio queremos recordarlle ao Ministro de Xustiza Alberto Ruíz Gallardón e ao goberno do Partido Popular que non se defende a vida recortando dereitos e que, segundo a OMS, preto de 47.000 mulleres  morren anualmente no mundo por abortos inseguros realizados de xeito clandestino, debido á imposibilidade de acceso aos servizos de aborto seguro e legal, e á negación  da autonomía das mulleres sobre os seus corpos e as súas vidas.

Rexeitamos a contrarreforma da lei do aborto que prevé impulsar o Goberno  e esiximos a aplicación efectiva dos nosos dereitos sexuais e reprodutivos. Por iso, defendemos o dereito inalienable das mulleres a decidir e a que as institucións públicas garantan as condicións para que este dereito fágase efectivo  e demandamos políticas integrais en materia de educación sexual que doten de ferramentas á poboación máis nova para que poidan decidir consecuentemente sobre as súa sexualidade e as súas vidas.

Por todo isto dende a Área de Mulleres de Esquerda Unida Compostela traballamos activamente na Plataforma Galega pola Defensa do Dereito ao Aborto, e animamos á cidadanía a participar nas distintas mobilizacións que leve a cabo esta Plataforma