viernes, 28 de diciembre de 2012

A "democracia" do PP



O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA CRITICA A DESPÓTICA ACTITUDE DO PP LOCAL E AS SÚAS MEDIDAS ANTIDEMOCRÁTICAS

O CONSELLO COMARCAL DE EU ESIXE DESCULPAS PÚBLICAS DO ALCALDE POR PROHIBIR A ENTRADA ÁS PERSOAS NO PLENO DO CONCELLO

Un representante do Consello Comarcal de EU Compostela, como vén sendo habitual, acudiu ó Pleno público do Concello, mais nesta ocasión a policía local, seguindo segundo ela ordes do alcalde, impedía a entrada a todas as persoas que desexaban asistir á sesión plenaria.

É inadmisible a deplorable actitude antidemocrática do goberno do Partido Popular, pois sabedor de que persoas estafadas polas preferentes desexaban acudir ó Pleno, optou, como claramente espuxeron os policías apostados na porta de entrada, por prohibir a entrada de calquera persoa á sesión plenaria ordinaria que ía ter lugar, como sempre, o último xoves de cada mes.

Tanto medo ten o PP á liberdade democrática que, ademais do concelleiro do Bloque Rafa Vilar, até os medios de comunicación tiveron serios atrancos para poder entrar no Concello.

A parte de totalitaria e desprezable, a decisión do alcalde Currás é ilegal posto que, como claramente se especifica no regulamento, as sesións do Pleno son públicas até completar aforo, como se veu na obriga de recordarlle o secretario en plena sesión, polo que, para evitar problemas, o PP local viuse na obriga de facer o ridículo aínda máis permitindo a entrada de só cinco persoas afectadas polas preferentes, cando, segundo persoas asistentes a este Pleno había polo menos sete sitios baleiros que poderían ter sido ocupados pola cidadanía que desexaba estar presente.

Por todo isto dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela manifestamos a nosa total repulsa no tocante ao trato ditatorial demostrado polo alcalde de Compostela, moi acorde co seu talante ultraliberal, pois nin por decencia, despois de ter denigrado ás persoas que non puideron entrar ó Pleno, decidiu debater unha moción presentada polo Bloque sobre a estafa das preferentes.

Por último o Consello Comarcal de EU mantén firme o seu compromiso coas persoas que depositaron a súa confianza nesta organización e proseguirá co seu traballo municipal, con mocións, xuntanzas e outras medidas. Agardamos poder contalo directamente o vindeiro 31 de xaneiro desde o salón de plenos do Concello, sempre, claro está, que o señor Currás non volva a aplicar receitas propias da longa noite de pedra franquista que silenciaba calquera voz disonante ou discordante.

jueves, 20 de diciembre de 2012

Moción apoio comités antisida



O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela considera que as administracións públicas deben levar a cabo todas as medidas necesarias para velar polo benestar da cidadanía.

Pero é lamentable que en moitas ocasións as actuacións que se realizan para satisfacer as demandas das persoas, teñen que ver máis con actuacións cosméticas dado a repercusión mediática que pode ter un tema que pola intención de manter actuacións estables e eficaces para dar solución real os problemas da cidadanía.

Claro exemplo está a ser a loita contra o SIDA, que se ben grazas os tratamentos antirretrovirais esta diminuíndo os seu casos, non así as infeccións por VIH que se están a incrementar, pero ó non ser un problema sanitario que na actualidade provoque gran repercusión mediática, é aproveitado polo PP para, na práctica, suprimir o “Plan Nacional sobre el Sida” por parte do Goberno Central.

Tamén na nosa cidade o Partido Popular conseguiu coas súas medidas a desaparición, pese a súa gran labor, dos comités antisida que, contando con traballo voluntario, dispoñían do necesario persoal técnico especializado, para abordar esta enfermidade dende unha perspectiva global e integral, encamiñando a súa labor a prevención en persoas que non están infectadas, e non pór meros “parches” asistenciais.

Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao Pleno do concello de Santiago a seguinte proposta de

ACORDOS

Primeiro. Que o Concello volva a presupostar a pertinente partida orzamentaria para que os comités antisida volvan realizar o seu traballo na nosa cidade

Segundo. Instar á Xunta de Galicia a retomar a concesión de axudas a este tipo de organizacións, xa que realizan unha tarefa de saúde pública moi importante

miércoles, 12 de diciembre de 2012

Pregunta aparcamento persoas con discapacidade



Para o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela as prazas de aparcamento na vía pública para as persoas con discapacidade física non son un favor das administracións públicas, senón un dereito recoñecido por lei.

Por ese motivo presentáramos unha moción, o pasado 25 de abril de 2011, na que expoñiamos a distinta normativa que obriga a certas características, tanto na súa sinalización como dimensións, destas prazas de aparcamento.

Dentro destas características para estas prazas de aparcamento, queremos destacar que se debe sinalizar 1 praza por cada 40 ou fracción, aínda que o SUA o eleva a 1/33 en caso de pública concorrencia (art. 1.2.3), Se se vai sinalizar unha única praza, o mellor é, en base o 1.3 do Decreto 35/2000:
350 x 500cm máis un pasillo de 90cm entre praza e beirarrúa.
Se hai desnivel entre estrada e beirarrúa, a conexión entre pasillo e beirarrúa farase cunha rampa con pendente máxima do 12% (preferible 6%) e 90cm de ancho.
A praza sinalizarase en vertical e horizontal. En vertical co símbolo internacional de accesibilidade (SIA) e a pertinente lenda que indique a súa reserva para persoas con mobilidade reducida, e en horizontal delimitando o perímetro e pintando o SIA no centro da praza.

Se van a sinalizarse dúas ou máis prazas, é preferible o artigo 35 da Orden 561/2010, que permite aforrar espazo indicando un perímetro de 220 x 500cm cun pasillo intermedio compartido de 150cm.

Transcorrido máis dun ano da presentación desta moción seguemos comprobando que en Santiago estas prazas presentan un déficit de espazo e en moitos casos a súa ubicación non se indica correctamente.

Unha vez máis pedimos ó Concello que conte coa participación das distintas asociacións de persoas con discapacidade do municipio, abrindo o debate participativo pertinente co fin de acadar as solucións necesarias que permitan acometer actuacións eficaces e eficientes

Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida realiza as seguintes preguntas para a súa resposta por escrito:

1)      Ten previsto o Concello planificar, de forma participada coas asociacións de persoas con discapacidade do municipio, as prazas de aparcamento facendo que cumpran a normativa sobre dimensións, ubicación e sinalización?

martes, 4 de diciembre de 2012

Pregunta adecuación bordos nos pasos de peóns



Para o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela o Concello debe contribuír e velar pola autonomía das persoas con diversidade funcional ou con mobilidade reducida para que poidan desprazarse pola cidade.

Por ese motivo presentáramos, o pasado 12 de novembro de 2010, unha moción na que pedíamos ó anterior equipo de goberno que eliminara todos os bordos elevados que houbera nos pasos de peóns, pois posto que son os lugares especificamente ubicados para cruzar dunha beirarrúa a outra, non pode haber atranco algún que os impida utilizar ás persoas que o desexen.

Transcorridos máis de dous anos desta moción, e máis de un dende que o PP goberna na cidade, seguimos a comprobar que segue habendo pasos de peóns que non están adaptados ás normas de mobilidade.

Entendemos que a labor fundamental que deber rexer as actuacións de todas as administracións públicas é a de garantir o benestar da cidadanía, polo que consideramos inadmisible que na nosa cidade sega habendo espazos públicos, tan importantes como os pasos de peóns, que limitan ese benestar ó impedir que persoas coa súa capacidade de moverse reducida, polo motivo que sexa, poidan transitar libremente pola cidade.

Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida realiza as seguintes preguntas para a súa resposta por escrito:


1)      Fará o Concello un exhaustivo estudo de todos os pasos de peóns da cidade para comprobar cantos incumpren coa normativa de mobilidade e accesibilidade?

2)      Levará a cabo o equipo de goberno as actuacións necesarias para corrixir esta grave deficiencia?

lunes, 3 de diciembre de 2012

Valoración Pleno novembro



VALORACIÓN DO PLENO DO 29 DE NOVEMBRO DE 2012

O representante do Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, Vicente Vázquez, proseguindo co traballo municipal de EU, acudiu ó Pleno para valorar o que alí se faga ou diga.

Os cinco primeiros puntos da orde do día foron protocolarios trámites de aprobación de actas, lecturas de declaracións institucionais sobre o 25N e o manifesto FAPE en defensa do xornalismo e unha corrección na ordenanza de terrazas.

O sexto punto da orde do día, aprobado cos votos a favor do PP e as abstencións do PSdeG e o BNG, versou sobre 5 modificacións orzamentarias, que servirían dende pagar mobiliario para o novo CSC de Santa Marta até pagar as horas extras dos funcionarios municipais dos últimos meses do ano 2011.

Sen entrar en maiores valoracións, salvo as tamén expresadas por BNG e PSdeG, de que o PP mostra unha vez máis a improvisación que o caracteriza o ter que modificar un orzamento que aprobou fai escasos catro meses, dende o Consello Comarcal de EU Compostela urximos ó equipo de goberno a que presente o antes posible os orzamentos para o 2013, xa que non pode, como prometera, o 31 de outubro, polo menos que non oculte as regresivas contas municipais moito tempo para poder saber a que se debe atener a cidadanía compostelán.

O punto 7 da orde do día, aprobado cos votos a favor do PP, era unha declaración de indispoñibilidade de créditos do plan de axuste, neste caso nos unimos o voto contrario do PSdeG e BNG, dado que nunca compartiremos calquera medida que veña imposta polo nefasto plan de axuste que hipoteca o futuro deste concello por 10 anos.

Dos seguintes puntos da orde do día do Pleno so compre destacar, pois o resto eran meros trámites, o puntos que versaron sobre o regulamento de venda ambulante, sobre as taxas xudiciais e sobre os desafiuzamentos.

No tocante o regulamento de venda ambulante, dende o Consello Comarcal de EU ratificámonos, unha vez máis, que é necesaria a participación cidadá para conseguir texto operativos e satisfagan as necesidades dos veciños e veciñas, e evitar que o Pleno se converta, como ocorreu neste caso, en un estéril debate de propostas da oposición que se poderían engadir a esta ordenanza para mellorala.

No tocante á proposta do PSdeG contra as taxas xudiciais, desestimada polo votos en contra do PP, e a do BNG, sobre a modificación da Lei Hipotecaria, aprobada, tras unha emenda do PP, por unanimidade, dende o Consello Comarcal de EU Compostela manifestamos a nosa oposición as taxas xudiciais anunciadas por Gallardón e criticamos puerís actos de unidade como a aprobación unánime da moción do BNG, cando ese mesmo día se aprobaba no congreso dos deputados medidas cosméticas que non solucionan o espolio que a clase traballadora está a sufrir por parte dos bancos.

O Pleno rematou con dous rogos do BNG e varias mocións sobre diversos temas presentadas polo PSdeG e o BNG.