miércoles, 28 de enero de 2015

Petición de asilo político para Hassanna Aalia



O pasado 19 de xaneiro fíxose público o auto de resolución da solicitude de asilo político en España do mozo activista saharaui Hassanna Aalia, no que se lle comunica a denegación da protección e anúnciaselle a saída obrigatoria do territorio español, dándolle un prazo de 15 días para abandonar o Estado español, pese ao castigo que lle espera e o risco real de ser torturado si regresa ao Sahara Occidental baixo ocupación de Marrocos.

Hassanna é un mozo saharaui de 26 anos nado no Aaiún que solicitou o asilo político en xaneiro de 2012, tras decatarse que o seu nome figuraba na relación de acusados que ían ser xulgados en Rabat por un Tribunal Militar polos feitos do Gdeim Izik. Hassanna estaba nese momento en España, non por estar perseguido polo seu activismo en favor da causa saharaui, senón para estudar cunha beca que lle foi concedida para aprender español. A lei española que regula as condicións para a solicitude de asilo político establece cláusulas e prazos excepcionais cando as circunstancias que xustifican a petición débanse a causa sobrevida no país de orixe, como sucedeu neste caso.

Hassanna Aalia figura no Sumario de Instrución do Tribunal Militar Permanente para a Forza Armada do Reino de Marrocos, xunto con outros 24 acusados, todos civís. Foi xulgado en rebeldía e a tenor da súa condena a cadea perpetua nunha sentenza que foi lida ante observadores de Human Rights Watch e Amnistía Internacional, entre outros, existen sobrados motivos para determinar que o retorno de Hassanna ao Sahara Occidental suporía un risco real para a súa integridade física.

martes, 27 de enero de 2015

Xuntanza coa AV Pontepedriña



ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA REÚNESE COA A.V. PONTEPEDRIÑA PARA A ELABORACIÓN COLECTIVA DO PROGRAMA POLÍTICO DAS MUNICIPAIS

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA DEFENDERÁ UNHA MELLOR PLANIFICACIÓN DOS USOS DOS ESPAZOS PÚBLICOS E UNHA POLÍTICA  DE CALIDADE DA MOBILIDADE E DA ACCESIBILIDADE DO BARRIO.

Os representantes do Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, Xabier Ron e Vicente Vázquez, mantiveron un encontro coa AV Pontepedriña, dentro do programa de visitas ao tecido asociativo da cidade para coñecer de primeira man as necesidades do barrio e facelo partícipe no proceso de elaboración colectiva do programa das municipais de maio do 2015 .

Son numerosas as eivas do barrio que seguen manifestándose ano tras anos, debido a un concello ineficaz, distanciado dos barrios tradicionais. O Concello semella ollar os resultados das pasadas eleccións municipais á hora de facer política municipal. Os veciños e veciñas do barrio non merecen esta actitude electoralista.

Beirarrúas non axeitadas, non accesibles, que dificultan o transito de persoas maiores ou con problemas de mobilidade; problemas de mobilidade e accesibilidade que se repiten en rúas pechadas, con promesas de accesos peonís a través da estación de tren que nunca se levan a cabo; idéntica mala conectividade coas Brañas do Sar, unha fallida ruta de sendeirismo; alumeado público deficiente en varios puntos do barrio; limpeza das beirarrúas igualmente inaxeitada e deficitaria; problemas de seguridade viaria en Clara Campoamor, Amor Ruibal e Camilo Otero; actuar na rúa Xoan Nogueira conforme aos resultados do referendo veciñal que tivo lugar hai máis de un ano; mala xestión do espazo coñecido como a Lagoa; escombreiras improvisadas como na rúa Boqueixón; problemas de contaminación do rio Sar por unha mala praxe depurativa; situacións de feísmo e de seguridade coas casas abandonadas presentes no barrio.

viernes, 23 de enero de 2015

Iniciativas Urbana Norte e igrexa da Pastoriza



ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA REXISTRA, A TRAVÉS DE AGE, DÚAS INICIATIVAS NO PARLAMENTO DE GALICIA INTERESÁNDOSE POLOS INVESTIMENTOS A CARGO DO PROXECTO “SANTIAGO NORTE”, DENTRO DO PROGRAMA INICIATIVA URBANA, FINANCIADO CON FONDOS EUROPEOS.

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA AGARDARÁ Á DEFENSA DAS INICIATIVAS PARA RECLAMAR QUE SE REALICEN AS OBRAS PROMETIDAS NO BARRIO DA ALMÁCIGA E BASQUIÑOS

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, trala xuntanza mantida coa AV Francisco Asorey da Almáciga, rexistrou no Parlamento de Galicia, a través de AGE, dúas iniciativas interesándose polos investimentos a cargo do Proxecto “Santiago Norte”, incorporado no Programa Iniciativa Urbana.

Atendendo precisamente a unha demanda de membros da Xunta Directiva da Asociación Veciñal, AGE presenta unha Proposición Non de Lei para coñecer de forma expresa o detalle dos procedementos de auditoría externa previstos nos mecanismos de xestión e control das obras previstos na Memoria do Proxecto “Santiago Norte, e a elaboración dunha memoria exahustiva dos investimentos que se realizaron no barrio da Almáciga, sinalando especialmente o seu  estado de execución, o seu mantemento e o custo real dos investimentos.

Non pode ser que un Proxecto que nacera para loitar contra a “carencia e baixa calidade da urbanización” dos barrios afectados, contribúa, precisamente, a manter ditos parámetros de carencia e baixa calidade. Desinformación, obras mal planificadas e mal xestionadas, sen participación real da veciñanza, o estado actual das obras 6 anos despois da posta en marcha do Proxecto, é o dunha promesa incumprida: son moitos os proxectos comprometidos que ou non se fixeron ou ben están incompletos ou mostran deficiencias. Por exemplo, o parque da Almáciga ofrece un aspecto lamentable e os accesos ofrecen unha elevada perigosidade para as persoas usuarias, incluso hai zonas sen iluminación. Tamén o edificio da Casa depósito considerado ben de interese patrimonial, non é a casa-museo que se cita na Memoria do Proxecto, ou  non se construíu o Centro Cívico Integrado. E poderíamos seguir.

jueves, 22 de enero de 2015

Moción en defensa das persoas afectadas pola Hepatite C



O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela manifesta o seu apoio á loita das persoas afectadas pola infección do virus da Hepatite C.

Levan meses esixindo ao Goberno o financiamento dun fármaco de recente comercialización (Sofosbuvir), extraordinariamente eficaz na erradicación desta enfermidade. A multinacional que o comercializa, Gilead, impón un prezo abusivo por cada uno dos tratamentos. O Ministerio de Sanidade non está financiando este tratamento e desde a aprobación do mesmo por parte da Axencia Europea de Medicamentos rexistráronse uns 4.000 falecementos de pacientes que poderían terse beneficiado do seu uso.

Denunciamos que o Goberno non actúa debidamente para garantir este tratamento. Aduce problemas de financiamento, debido ao elevado custe do tratamento individual, pero non fai uso das ferramentas que ten o seu alcance, e que poden permitir abaratar o prezo do medicamento e garantir o dereito á asistencia sanitaria e á vida destas persoas.

martes, 20 de enero de 2015

Xuntanza coa AVV do Castiñeiriño



REPRESENTANTES DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA REÚNENSE COA A.VV. O CASTIÑEIRO DO CASTIÑEIRIÑO PARA A ELABORACIÓN COLECTIVA DO PROGRAMA ELECTORAL DAS MUNICIPAIS

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA DENUNCIA REITERA A NECESIDADE, MEDIANTE A DEMOCRACIA PARTICIPATIVA, DE QUE AS VECIÑAS E VECIÑOS POIDAN COLABORAR PARA SOLUCIONAR OS PROBLEMAS DA SÚA RÚA, DO SEU BARRIO, DA CIDADE

Os representantes do Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, Xabier Ron e Vicente Vázquez, mantiveron un encontro coa AVV do Castiñeiriño, dentro do programa de visitas ao tecido asociativo da cidade para coñecer de primeira man as necesidades do barrio e facelo partícipe no proceso de elaboración colectiva do programa das municipais de maio do 2015 .

Unha vez máis comprobamos que o goberno local do PP, do dedocrático alcalde Agustín Hernández, non escoita as veciñas e veciños, non fai partícipe ao barrio na toma de decisións. Desde que chegou ao goberno local, o Alcalde adoptou unha actitude de desleixo para cos barrios e parroquias tradicionais da cidade.

As veciñas e veciños deben ser partícipes do día a día da cidade, na toma das decisións que máis lle afectan no día a día. E, tal como acontecía coa AV Escultor Francisco Asorei, a AV do Castiñeiriño amosou a súa preocupación pola actual política dun Alcalde decidido a levantar toda a cidade e sitiala de obras, con tal de vencer a memoria da veciñanza sobre os 3 primeiros anos de corrupción e parálise. Mais a veciñanza non é tan desmemoriada como quere o Alcalde, e o DOG e co BOE non poden silenciar tantos anos de deriva e naufraxio da democracia.

jueves, 15 de enero de 2015

Crítica á xestión do PP en Carreira do Conde



ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA REITERA, UNHA VEZ MÁIS, QUE A DEMOCRACIA PARTICIPATIVA TEN QUE SER UNHA REALIDADE PARA FACER PARTÍCIPE AS VECIÑAS E VECIÑOS DAS ACTUACIÓNS QUE ACOMETE O CONCELLO

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA DENUNCIA A NEFASTA XESTIÓN DO PARTIDO POPULAR NAS OBRAS DE CARREIRA DO CONDE.

Para o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela a incompetencia mostrada polo goberno local do Partido Popular nas obras de Carreira do Conde, demostra, unha vez máis, a execrable xestión do dedocrático alcalde Agustín Hernández, que tanto dano fai a Santiago.

En primeiro lugar, é inadmisible, como xa ten ocorrido en outros moitos barrios da cidade, a falta de información coa que actúa o PP nas medidas que toma. As veciñas e veciños teñen o dereito a que o Concello, como mínimo, avise en tempo e forma, por exemplo, das obras que se van acometer no seu barrio.

Por suposto, para Esquerda Unida é necesario ir moito máis aló, e facer real a Democracia Participativa, coa que conseguir, non so que a xente teña a información que demanda, se non que sexa partícipe das medidas que se acometan, colaborando activamente para achar as mellores solucións ante as eivas que poidan existir na súa rúa, no seu barrio, na cidade.

miércoles, 14 de enero de 2015

Xuntanza coa AVV Francisco Asorey da Almáciga



ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA REÚNESE COA A.VV. FRANCISCO ASOREY DA ALMÁCIGA PARA A ELABORACIÓN COLECTIVA DO PROGRAMA ELECTORAL DAS MUNICIPAIS

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA DENUNCIA QUE O GOBERNO LOCAL DO PP COVIRTE A ALMÁCIGA NUN BARRIO DE OBRAS ABANDONADAS OU ESQUECIDAS

Os representantes do Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, Xabier Ron e Vicente Vázquez, mantiveron un encontro coa AVV Francisco Asorey da Almáciga, dentro do programa de visitas ao tecido asociativo da cidade para coñecer de primeira man as necesidades do barrio e facelo partícipe no proceso de elaboración colectiva do programa das municipais de maio do 2015 .

A xestión do equipo de goberno de local do PP neste barrio é nefasta e totalmente lesiva para cos intereses da veciñanza. É inaceptable que, sen informar debidamente á veciñanza, se paren as obras de acondicionamento do Parque da Almáciga. O parque, agora mesmo, ofrece un estado lamentable que, de non realizarse as obras precisas, empeorará e farán inútil o traballo realizado ate o de agora. Xa leva dous meses sen iluminación. E o Alcalde, en vez de asumir o goberno, dilles aos veciños e veciñas que falen coa empresa que realiza as obras.

Os accesos do Parque son perigosísimos para a saúde das persoas. Nun só día de choiva o parque converteuse nunha lodeira que correu cara abaixo por non existir ningunha obra axeitada de canalización de augas. As árbores non se podan desde hai anos: algunha delas déitase enriba do tellado do local da asociación veciñal.

miércoles, 7 de enero de 2015

Moción contra o TTIP



O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela únese á denuncia de que a Unión Europea (UE) e os Estados Unidos de América (EUA) están a negociar, de costas á cidadanía e aos seus representantes políticos (parlamentos nacionais e europeo), un amplo acordo de liberalización de comercio e investimentos, que representa un serio perigo para a democracia e a debida protección dos dereitos laborais, ambientais e de saúde, antepoñendo o interese comercial dos investidores e empresas transnacionais (ETN) ao interese xeral.

O TTIP, ao perseguir a liberalización total dos servizos públicos e a apertura de prestación destes ás ETN, así como ás compras e licitacións de bens e servizos das Administracións Públicas, pon en perigo todos os servizos públicos e as compras públicas, en todos os niveis de poder, e compromete a habilidade dos representantes elixidos para administrar libremente as súas comunidades locais e promover a industria, emprego e iniciativas locais.

Deste modo, as leis do comercio priman sobre calquera outra consideración social, e ignoran calquera lexislación continental, estatal, autonómica ou local. As comunidades locais encóntranse elas mesmas dominadas por axustes estruturais restritivos debidos aos acordos e as políticas de libre comercio e de protección do investidor. Esta lóxica desmantela os servizos públicos e suprime a liberdade dos poderes locais para subministrar os servizos públicos e satisfacer as necesidades sociais das súas poboacións, atendendo a políticas e plans de desenvolvemento industrial e de fomento da industria e emprego locais.