ESQUERDA
UNIDA COMPOSTELA REXISTRA, A TRAVÉS DE AGE, DÚAS INICIATIVAS NO PARLAMENTO DE
GALICIA INTERESÁNDOSE POLOS INVESTIMENTOS A CARGO DO PROXECTO “SANTIAGO NORTE”,
DENTRO DO PROGRAMA INICIATIVA URBANA, FINANCIADO CON FONDOS EUROPEOS.
O
CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA AGARDARÁ Á DEFENSA DAS INICIATIVAS PARA
RECLAMAR QUE SE REALICEN AS OBRAS PROMETIDAS NO BARRIO DA ALMÁCIGA E BASQUIÑOS
O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela,
trala xuntanza mantida coa AV Francisco Asorey da Almáciga, rexistrou no
Parlamento de Galicia, a través de AGE, dúas iniciativas interesándose polos
investimentos a cargo do Proxecto “Santiago Norte”, incorporado no Programa
Iniciativa Urbana.
Atendendo precisamente a unha demanda de membros
da Xunta Directiva da Asociación Veciñal, AGE presenta unha Proposición Non de
Lei para coñecer de forma expresa o detalle dos procedementos de auditoría
externa previstos nos mecanismos de xestión e control das obras previstos na
Memoria do Proxecto “Santiago Norte, e a elaboración dunha memoria exahustiva
dos investimentos que se realizaron no barrio da Almáciga, sinalando
especialmente o seu estado de execución,
o seu mantemento e o custo real dos investimentos.
Non pode ser que un Proxecto que nacera para loitar
contra a “carencia e baixa calidade da urbanización” dos barrios afectados,
contribúa, precisamente, a manter ditos parámetros de carencia e baixa
calidade. Desinformación, obras mal planificadas e mal xestionadas, sen
participación real da veciñanza, o estado actual das obras 6 anos despois da
posta en marcha do Proxecto, é o dunha promesa incumprida: son moitos os
proxectos comprometidos que ou non se fixeron ou ben están incompletos ou
mostran deficiencias. Por exemplo, o parque da Almáciga ofrece un aspecto
lamentable e os accesos ofrecen unha elevada perigosidade para as persoas
usuarias, incluso hai zonas sen iluminación. Tamén o edificio da Casa depósito
considerado ben de interese patrimonial, non é a casa-museo que se cita na Memoria
do Proxecto, ou non se construíu o
Centro Cívico Integrado. E poderíamos seguir.
Por estas cuestións esiximos desde EU Compostela,
uníndonos ás demandas veciñais, sabermos de forma clara onde foi o diñeiro
público comprometido nas obras do Proxecto “Santiago Norte” destinadas a
resolver as “carencias e baixa calidade da urbanización” dos barrios da
Almáciga e Basquiños.
Dentro das preocupacións de EU Compostela está
tamén a defensa e preservación do noso patrimonio histórico e cultural. Un
aspecto que o propio Proxecto “Santiago Norte” considera un eixo prioritario de
acción. Pois ben, as obras realizadas na contorna da capela da Pastoriza, no
barrio de Basquiños, demostran que dito eixo foi desatendido. De aí que AGE
reclame unha resposta oral á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural sobre a
destrución da vella escalinata de acceso á capela da Patoriza asi como sobre a vulneración
do equilibrio arquitectónico e patrimonial das obras que se realizan na
contorna coa fachada neoclásica.
No hay comentarios:
Publicar un comentario