O Consello Comarcal
de Esquerda Unida Compostela únese á denuncia de que a Unión Europea (UE) e os
Estados Unidos de América (EUA) están a negociar, de costas á cidadanía e aos
seus representantes políticos (parlamentos nacionais e europeo), un amplo
acordo de liberalización de comercio e investimentos, que representa un serio
perigo para a democracia e a debida protección dos dereitos laborais,
ambientais e de saúde, antepoñendo o interese comercial dos investidores e
empresas transnacionais (ETN) ao interese xeral.
O TTIP, ao
perseguir a liberalización total dos servizos públicos e a apertura de
prestación destes ás ETN, así como ás compras e licitacións de bens e servizos
das Administracións Públicas, pon en perigo todos os servizos públicos e as
compras públicas, en todos os niveis de poder, e compromete a habilidade dos
representantes elixidos para administrar libremente as súas comunidades locais
e promover a industria, emprego e iniciativas locais.
Deste modo, as leis
do comercio priman sobre calquera outra consideración social, e ignoran
calquera lexislación continental, estatal, autonómica ou local. As comunidades
locais encóntranse elas mesmas dominadas por axustes estruturais restritivos
debidos aos acordos e as políticas de libre comercio e de protección do
investidor. Esta lóxica desmantela os servizos públicos e suprime a liberdade
dos poderes locais para subministrar os servizos públicos e satisfacer as
necesidades sociais das súas poboacións, atendendo a políticas e plans de
desenvolvemento industrial e de fomento da industria e emprego locais.
As Administracións
Locais, ao estar preto das necesidades dos seus pobos, teñen o deber de
inxerencia respecto ao que trama o TTIP, e un deber de resposta, se non queren
verse acusadas de non axudar á poboación e ao planeta en perigo. Deben ser as
canles axeitadas para promover os servizos públicos e a industria e emprego
locais. Están obrigadas a resolver os retos sociais, económicos e ambientais e,
conseguintemente, a defender a universalidade dos servizos públicos e a
protección da cidadanía.
As entidades locais
desexan ampliar o debate público e democrático sobre o que está verdadeiramente
en xogo tras este acordo e a sorte que correrán os servizos e compras públicos:
• O comercio e o investimento soamente
poden conducir a intercambios económica e socialmente beneficiosos se respecta
as necesidades humanas en todo lugar, e non se basea unicamente no beneficio
dos especuladores financeiros e das empresas multinacionais.
• A eliminación programada e progresiva
dos servizos públicos é ao mesmo tempo a eliminación programada e progresiva da
solidariedade e a democracia.
• A apertura máxima dos servizos e as
compras públicas á competencia produce efectos contraproducentes en canto á súa
accesibilidade, a súa calidade e o seu custo.
• Os dereitos sociais son dereitos
inalienables, polo que non poden depender exclusivamente da lóxica do mercado.
• Só a existencia diversificada de
servizos públicos socialmente útiles, permite asegurar unha calidade de vida
digna para todos e en todas as partes, en estreito nexo co exercicio real da
democracia.
• O control público debe preservarse
para garantir o acceso aos bens comúns e á creación de novos servizos públicos,
así como para favorecer a industria e emprego locais.
Por todo isto o
Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao Pleno do concello de
Santiago a seguinte proposta de
ACORDOS
Primeiro. Declarar a Santiago de Compostela
como Concello insubmiso e oposto ao TTIP, defendendo os servizos públicos
básicos para a solidariedade e redistribución social
Segundo. Solicitar do Ministerio de
Administracións Públicas o seu apoio a todas as iniciativas dirixidas a manter
o carácter público dos chamados servizos socialmente útiles
Terceiro. Solicitar do Ministerio de Economía a
suspensión das negociacións do TTIP.
No hay comentarios:
Publicar un comentario