viernes, 27 de julio de 2012

Valoración Pleno xullo


VALORACIÓN DO PLENO DO 26 DE XULLO DE 2012

O representante do Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, Vicente Vázquez, acudiu ó Pleno para valorar o que alí se faga ou diga.

Como é habitual o Pleno comezou coa protocolaria aprobación de actas: foron catro e nunha delas o PSdeG instou a pequenas modificacións aceptadas sen maior problema.

O punto quinto da orde do día, aprobado cos votos a favor do PP e o PSdeG e a abstención do BNG, versou sobre unha modificación puntual urbanística na rúa San Miguel dos Agros, núm. 5 debido ó novo museo das peregrinacións.

Pero, unha vez máis, un punto no que se manifestaron posturas a favor desta modificación, serviu para que Mercedes Rosón, polo PSdeG, e María Pardo, polo PP, aproveitaran para utilizar o seu tempo de intervencións para criticar a xestión urbanística, pasada e actual, baixo os argumentos, novamente, de e ti máis e ti peor.

Por iso, o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela considera que un tema tan importante como o da vivenda precisa dunha fonda reflexión colectiva, para evitarmos os graves erros producidos durante os anos do bipartito ou as actuais intencións especulativas do PP, para acadarmos un novo modelo de urbanismo sustentable, en que a cultura da non propiedade sexa impulsada coa creación da axencia pública municipal de aluguer social.

O pleno proseguiu coa proposta do alcalde de medallas de ouro da cidade, aprobada cos votos a favor do PP e PSdeG e a abstención do Bloque, habendo a continuación varios puntos de dar conta.

No décimo punto da orde do día, a petición do BNG, tivo lugar a comparecencia da concelleira de urbanismo, María Pardo, para falar sobre a Finca do Espiño.

Non obstante, unha comparecencia que debera servir para clarexar en que punto se encontra a situación desta finca municipal, non serviu para tal fin pois, unha vez máis, sobre todo o PP e o PSdeG empregaron os seus tempos de intervención para acusarse mutuamente de nefastas actuacións urbanísticas.

Para o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela o posicionamento sobre esta finca é claro: de ningunha maneira é aceptable a intención do PP de especular para facer pisos de luxo, como tampouco é óptima a proposta que levou a cabo o bipartito do BNG e PSdeG, a residencia de maiores que proxectaron facer na Finca do Espiño, privada e de luxo, cando so é lexítimo, neste espazo municipal, facer una residencia para maiores totalmente pública.

O Pleno rematou con 3 rogos do BNG e 4 do PSdeG, catro mocións do PSdeG, da que só se debateu, e aprobou por unanimidade, a de facer as pertinentes alegacións á proposta da Xunta de aparcadoiros disuasorios, e seis mocións do BNG, da que só se debateu e aprobou, a que trataba de emprego xuvenil.

viernes, 20 de julio de 2012

Éxito mobilización 19X

Unha vez máis Esquerda Unida Compostela saiu ás rúas da cidade para manifestarse contra os ataques ós dereitos laborais e sociais, comezados polo PSOE, e acelerados polo Partido Popular.

Foron milleiros, outra vez máis, as persoas que mostraron o seu enoxo contra as políticas neoliberais ditadas pola Comisión Europea, que como único fin teñen o desexo de calmar ós mercados, e que o goberno de Rajoy acata sumisamente pese a que está demostrado que non fan máis que empobrecer a clase traballadora.

O éxito desta convocatoria, como o de todas as anteriores, acredita que a cidadanía esta farta de pagar por unha crise que non provocaron, manifestando cos seu berros que outra política é posible e necesaria para mudar este sistema depredador e especulador.

Por todo isto o Consello Comarcal de EU Compostela mantén firme o seu apoio as distintas actuacións que se leven a cabo na loita contra estes recortes que merman os nosos dereitos e precarizan o noso futuro.

miércoles, 18 de julio de 2012

19 de xullo, mobilización sindical unitaria

Dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela animamos a cidadanía a participar nas distintas manifestacións que percorrerán distintas cidades de Galicia este xoves, 19 de xullo, baixo o lema "Non ó saqueo do pobo. Hai que impedir que nos arruínen"

En Santiago esta manifestación terá lugar a partir das 20:00 con saída dende a Alameda.



lunes, 16 de julio de 2012

Moción apoio a persoas celíacas

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela presentou unha nova moción, nesta ocasión pedimos medidas de apoio a persoas con enfermidade celíaca.


 Aquí tedes o texto da moción:


O Consello Comarcal de Esquerda Unida demanda medidas de apoio para os veciños e veciñas de Compostela que sofren da enfermidade celíaca.

Calcúlase que as persoas afectadas por esta enfermidade son unha de cada 100, cun número moi elevado de casos sen diagnosticar.  Trátase da enfermidade intestinal crónica máis frecuente no noso país.

A enfermidade celíaca é unha intolerancia permanente ao gluten que produce trastornos e alteracións importantes no organismo, sendo o seu único tratamento o seguimento dunha dieta estrita sen gluten de por vida.

Segundo indican a Asociación de Celíacos de Galicia (ACEGA) e a Federación de Asociacións de Celíacos de España (FACE) o non seguimento estrito da dieta sen gluten supón un grave prexuízo para a saúde do celíaco, aumentando o risco de desenvolver outras enfermidades.

O uso de determinados cereais como trigo, cebada ou centeo na elaboración de produtos de consumo xeral atópanse  no 70% dos alimentos comercializados na Unión Europea. Porén, os enfermos celíacos deben substituír estes alimentos por produtos especiais sen gluten,  de custo moi superior. O seguimento dunha dieta sen gluten produce un gasto extra que, segundo os estudos, é de en torno aos 1500 euros por ano.

O Consello Comarcal de Esquerda Unida considera necesario proporcionar axudas aos enfermos celíacos para afrontar este custo, como xa se fai na maioría dos países da Unión Europea. Outro dos problemas fundamentais cos que se atopan os enfermos celíacos e o grande descoñecemento da enfermidade nas escolas, restaurantes, comedores, etc.

Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao Pleno do concello de Santiago a seguinte proposta de

ACORDOS

Primeiro.- Aprobación de axudas económicas, en función da renda, para a compra de produtos alimenticios por parte das persoas afectadas pola enfermidade celíaca.

Segundo.- Que nos comedores escolares se proporcionen menús sen gluten para os nenos  celíacos.

Terceiro.- Realización de campañas de información e concienciación para a diagnose temperá da enfermidade e para divulgar o coñecemento da mesma por parte da poboación en xeral.

jueves, 12 de julio de 2012

Alegacións á ordenanza ocupación da vía pública


Con data 15 de xuño de 2012 publícase no Boletín Oficial da Provincia de A Coruña, nº 113 a aprobación inicial da A ORDENANZA REGULADORA DE ACTIVIDADES, INSTALACIÓNS E OCUPACIÓNS DA VÍA PÚBLICA DO CONCELLO DE SANTIAGO.
.
Que dentro do prazo conferido, polo medio do presente escrito e en base ao contido do artigo 49 letra b) da Lei de Bases de Réxime Local,

EXPOÑO

PRIMEIRO.- Que a ordenanza reguladora de actividades, instalacións e ocupacións da vía pública do Concello de Santiago contén, no seu lóxico desexo de poñer orde na ocupación da via pública, artigos que denotan un exceso de celo, rigorismo burocrático, afán de recadación e que, tal como se fai constar nestas alegacións, atentan contra os dereitos esenciais da cidadanía que son os consagrados na Constitución Española, e noutras normas de rango superior ao dunha Ordenanza Municipal.

SEGUNDO.- Tal e como manifestou a nosa organización política no momento de coñecerse a existencia desta Ordenanza, as rúas e as prazas do noso concello son o espazo relacional e convivencial onde a cidadanía adquire coñecementos e información aos que non pode acceder por vías convencionais. A Ordenanza aprobada no Pleno do Concello do 31 de maio de 2012, mediante a imposición de mecanismos burocráticos e o establecemento do abono de taxas, limita, coarta e vulnera as liberdades de expresión, de información, de reunión e asociación, amais de atentar contra a liberdade ideolóxica (que outra substancia que a ideoloxía pode explicar a suspensión dunha actividade concedida en precario?).

TERCEIRO. Non se pode confundir a presenza nas rúas e prazas públicas dunha mesa informativa, dun acto cultural, de organizacións sen afán de lucro, e que sempre serán puntuais, coa ocupación permanente, intensiva, por exemplo, dun caixeiro de fachada, que, ademais, como claro representante da actividade mercantil, teñen un claro afán de lucro.

CUARTO. Tal como vén insistindo a nosa organización política, as normas que afectan á cidadanía deberan ser froito da elaboración colectiva e contando coa participación da cidadanía. É unha pena que só se deixe participar á cidadanía no momento de formular alegacións e non na elaboración dunha norma tan importante como a da ocupación da vía pública e das actividades que nela se poden realizar.

Por todo isto, formulo as seguintes
ALEGACIÓNS

martes, 10 de julio de 2012

Alegacións ós orzamentos


Na sesión extraordinaria do pleno do Concello de Santiago de Compostela, celebrada o día 22 de Xuño de 2012, foi aprobado inicialmente o orzamento xeral do ano 2012.

O día 26 de Xuño publicouse o anuncio de aprobación do orzamento xeral do ano 2012 do Concello de Santiago de Compostela no Boletín Oficial da Provincia de Coruña, establecéndose un período de 15 días, a partir da publicación de dito anuncio para presentar reclamacións.

O artigo 169 do Real Decreto lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da lei reguladora das facendas locais, establece que finalizado o período de exposición pública, as corporacións locais adoptarán os acordos definitivos que procedan, resolvendo as reclamacións que se presentaran.

Unha vez examinado o Orzamento, o Consello Comarcal de Esquerda Unida de Santiago de Compostela presenta as seguintes alegacións ao orzamento do ano 2012.

Exposición de Motivos:

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela considera que na situación actual de crise, con altos niveis de desemprego na cidade, familias que teñen severas dificultades para chegar a fin de mes, e o incremento de desafiuzamentos, o orzamento debe enfocarse a paliar as inxustizas sociais que están a suceder. O orzamento deste ano debe investir en benestar social, en axudas aos máis desfavorecidos, e a promover o emprego, fronte a gastos superfluos ou grandes investimentos de dubidosa prioridade.

Pola contra, as contías destinadas aos programas de Festas son máis do dobre que as dos programas de Fomento de Emprego. A reforma do parque de Ramírez supón un investimento maior ao global nas áreas de Muller ou Mocidade.  Os gastos destinados ás partidas de Educación vense reducidos un 14,7 con respecto ao orzamento do ano 2011.

A veciñanza de Compostela non só terá este ano menos políticas sociais, senón que ademais sufrirá un aumento da presión fiscal. As políticas de axuste do Concello para facer fronte á débeda  polas facturas pendentes de pago sairán dos petos da veciñanza de Santiago que terá que pagar un 8% máis en impostos.

En vez de avogar por unha política fiscal progresiva, nos orzamentos para o ano 2012 realízase unha suba do IBI dun 13,2% sobre o do ano anterior. Increméntase tamén a presión sobre a recadación tributaria, multas e sancións, sendo unha vez máis os de sempre os prexudicados.

O Consello Comarcal de EU Compostela considera que en vez de gravar máis ás familias de Santiago, moitas das cales teñen severas dificultades para chegar a fin de mes, uns orzamentos que se pretenden sociais deberían aplicar máis taxas ás entidades bancarias ou ás grandes empresas.

O Concello de Santiago de Compostela é o máis endebedado das cidades de Galiza, destinando case un 12% do seu orzamento a amortización de débeda máis ao pago dos  correspondentes xuros. 

O Consello Comarcal de Esquerda Unida considera que é necesario retomar o desempeño de certos servizos do Concello que foron externalizados e que na actualidade son xestionados por empresas privadas. O custo dos traballos realizados por outras empresas na parte destinada a Limpeza de Vías Públicas e de Centros Públicos é o 35% do capítulo destinado a Gastos Correntes en Bens e Servizos, e os realizados no mantemento de parques e xardíns un 15%.

Pola seguinte o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela fai as seguintes alegacións ao Orzamento do ano 2012. 

sábado, 7 de julio de 2012

O PP e a devolución do Codex Calixtinus

O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA COMPARTE A SATISFACCIÓN POLA RECUPERACIÓN DO CÓDICE CALIXTINO.

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA CRITICA O CIRCO MEDIÁTICO QUE O PP ESTÁ A FORMAR PARA A DEVOLUCIÓN DO CÓDICE CALIXTINO.

Para o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela a política do absurdo apodérase do escenario político galego e español. Porque absurdo –e lexitimamente aldraxante e insultante para quen a duras penas chega a fin de mes- é que o presidente do estado gaste diñeiro público en desprazarse para facer entrega do recuperado Codex Calixtinus.

E absurdo é escoitar ao presidente da Xunta xustificar, unha vez máis, o inxustificable. O desprazamento de Rajoy implica toda unha parafernalia (seguridade, séquito de aduladores e outros empregados da corte, etc.), financiada desde as –din eles cando aplican a tesoira nos eidos da educación, da sanidade e dos servizos sociais- secas arcas públicas.

Acaso non se consultou ao perito especializado para confirmar que non padeceu danos? Acaso non se practicaron interrogatorios e detencións? Non fixo seu traballo a policía? Pois con que se achegase a propia policía, ou se o prefiren, e xa como cumio da publicitaria fotografía, que fose o conselleiro de educación e cultura, o peor da historia, dito sexa de paso, quen fixese entrega do Codex aos responsables do arquivo catedralicio, abondaba.

Pero non. Os políticos do absurdo queren desviar a atención do importante para deterse nos supostos símbolos que –pensan eles- máis afectan á poboación. De paso, aproveitarán que teñen aos medios de comunicación aos seus pés, para fachendear e meter unha pica electoralista, como as que Feijóo leva nas súas viaxes a Latinoamérica.

Para o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela estes son os tempos dunha traxedia que queren disfrazar de comedia. É insultante. Así, en tempos en que Rajoy nos ameaza cos “venres de paixón”, anunciando novas, duras e inxustas medidas de recortes en materia de dereitos, que só cercenan as posibilidades de vivirmos con dignidade, en tempos en que nin se digna en saír de forma directa a explicarlle ao seu pobo as condicións da entrega do futuro do país aos intereses financeiros (dándose o lóxico ‘cabreo’ de países europeos que non entenden a nosa política do absurdo que impulsa a amnistía fiscal e perdoa a banqueiros e políticos sen escrúpulos), a súa señoría converte en esperpento, en espectáculo cabareteiro –con todo o noso respecto para o teatro do cabaret- o que debera ser integridade política e coherencia ética.

E así a austeridade neoliberal, que é a que abafa á cidadanía, vólvese desbaldimento de recursos públicos para solaz dunha caste política que vive de cóstas ás necesidades reais do pobo.

jueves, 5 de julio de 2012

Valoración Pleno extraordinario


VALORACIÓN DO PLENO EXTRAORDINARIO DO 5 DE XULLO DE 2012

O representante do Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, Vicente Vázquez, acudiu ó Pleno extraordinario onde se aprobou a ampliación dos prazos de devolución das liquidacións do PIE (participación nos ingresos do Estado).

Este Pleno extraordinario, simple burocratización legal do PP para normalizar legalmente recortes, plans de axuste e outras barbaridades neoliberais, serviu para que a hipoteca da estabilidade orzamentaria pase, neste caso, de cinco a dez anos.

En primeiro lugar dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela reiteramos, unha vez máis, o noso total desacordo con plan de axuste que o PP aprobou que non é mais que suba de impostos a cidadanía e recortes no persoal do Concello.

No tocante á medida aprobada hoxe queremos remarcar o noso posicionamento totalmente en contra, pois, ademais de quedar supeditado o Concello a calquera imposición neoliberal que o ministerio de Facenda e Administracións Públicas decida, supón unha hipoteca máis, e xa van unhas cantas, para futuras corporacións municipais, pois supón aumentar os prazos de devolución de 5 a 10 anos da liquidación da participación nos ingresos do Estado.

Por todos isto dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela reiteramos, unha vez máis, a necesidade de mudar as políticas neoliberais causantes desta crise, e potenciar as medidas necesarias para abandonar este sistema económico depredador de recursos humanos e naturais.

lunes, 2 de julio de 2012

Valoración Pleno xuño


VALORACIÓN DO PLENO DO 28 DE XUÑO DE 2012

O representante do Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, Vicente Vázquez, proseguindo co traballo municipal que os votos acadados esixen a esta organización, acudiu ó Pleno para valorar o que alí se faga ou diga.

O Pleno comezou, como é habitual, coa protocolaria aprobación da acta anterior, e coa unión dos puntos da orde do día 2, 4 e 5 sobre cuestións urbanísticas que foron aprobadas por unanimidade sen apenas debate, máis aló de pequenas cuestións técnicas.

Sobre os temas tratados nestes puntos dende o Consello Comarcal de EU queremos remarcar, outra vez, o noso posicionamento sobre a aprobación do derrubo da Casa da Mocidade, que apoiamos pero con dúas condicións.

A primeira é obvia, antes de levar a cabo este derrubo todos os servizos que se prestaban nela deberán ser ubicados noutro lugar e, por suposto, sen merma na calidade. O segundo condicionante é que apoiamos o derrubo deste edificio, pero non toleraremos que se utilice o feito de dar unha nova entrada ó parque de Belvís,  para ter unha nova escusa para voltar á tolemia de periféricos ou pasarelas que unan o parque coa CdC. xa que suporía un auténtico disparate que, por riba, tal como lle aconteceu a Zaragoza, onde o servizo de teleférico xa se suspendeu, significaría unha constante perda de diñeiro que a veciñanza compostelá non se pode permitir.

A continuación se tratou o punto 3 da orde do día, sobre a aprobación inicial da modificación puntual do PXOM, que basicamente se utilizou para que comezase o ataque dialéctico entre PP e PSdeG, sen maior transcendencia que saír aprobado polos votos a favor do PP, en contra do PSdeG e a abstención do BNG.

Tras cumprir o trámite do punto sexto da orde do día, no punto sétimo aprobouse a petición do BNG para que no próximo Pleno comparecera a concelleira María Pardo para tratar o asunto da Finca do Espiño, sobre o cal o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela mantén firme o seu posicionamento de que nunca se deberá permitir a especulación urbanística nesta finca coa construción de pisos de luxo.

Por enésima vez nun Pleno, un dos puntos da orde do día, neste caso o oitavo, tratou sobre o aeroporto de Lavacolla a proposta do PSdeG, no que foi aprobado por unanimidade a petición de convocar a comisión especial do aeroporto.

Se ben se podería considerar que un punto aprobado por unanimidade non debería suscitar maior debate que marcar as posicións de cada grupo municipal, isto parece totalmente imposible cando a concelleira do PP Reyes Leis -como é case norma habitual nas súas intervencións- confunde a lexítima belixerancia para defender unha postura co uso dun ton e palabras fóra de lugar, totalmente inaceptable cando interrumpe a súa propia intervención para chamar a atención a concelleira do PSdeG Marisa del Río en vez de, no caso de ser necesario, dirixirse ó alcalde para que chame á orde como considere oportuno.

No tocante a este punto, dende o Consello Comarcal de EU Compostela remarcamos que, sobre todo, unha vez feito o dispendio no novo aeroporto se debe buscar solucións, debatidas coas institucións e axentes sociais, que por suposto non deben pasar por subvencionar aerolíneas.

O punto 9 da orde do día, desestimado polos votos en contra do PP, a favor do PSdeG e a abstención do BNG foi a proposta do PSdeG sobre o mantemento da feira de gando, sendo o noso posicionamento, feito xa público, que a feira debe quedar en Santiago, elaborando por escrito as condicións que fagan posible un acordo estable e duradeiro.

No décimo punto o BNG propuxo a contratación de grupos de Santiago e Galicia para a programación cultural e de festas, que foi desestimado polos votos en contra do PP e a favor do PSdeG e BNG, tras un debate bastante lamentable con chascarrillos sobre fotos con Luis Tosar ou Ivonne Reyes, entroutros argumentos.

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela comparte que se incentive a contratación de grupos locais ou galegos para moitas das actividades que se levan a cabo no Concello, pero sen que supoña un impedimento para que a cultura do resto do Estado, europea ou mundial poida chegar á nosa cidade.

O Pleno rematou con varios puntos protocolarios de dar conta, unha pregunta do BNG e con tres mocións do BNG e dúas do PSdeG que non foron debatidas pois non pasaron o trámite de urxencia polos votos negativos do PP.