viernes, 27 de julio de 2012

Valoración Pleno xullo


VALORACIÓN DO PLENO DO 26 DE XULLO DE 2012

O representante do Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, Vicente Vázquez, acudiu ó Pleno para valorar o que alí se faga ou diga.

Como é habitual o Pleno comezou coa protocolaria aprobación de actas: foron catro e nunha delas o PSdeG instou a pequenas modificacións aceptadas sen maior problema.

O punto quinto da orde do día, aprobado cos votos a favor do PP e o PSdeG e a abstención do BNG, versou sobre unha modificación puntual urbanística na rúa San Miguel dos Agros, núm. 5 debido ó novo museo das peregrinacións.

Pero, unha vez máis, un punto no que se manifestaron posturas a favor desta modificación, serviu para que Mercedes Rosón, polo PSdeG, e María Pardo, polo PP, aproveitaran para utilizar o seu tempo de intervencións para criticar a xestión urbanística, pasada e actual, baixo os argumentos, novamente, de e ti máis e ti peor.

Por iso, o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela considera que un tema tan importante como o da vivenda precisa dunha fonda reflexión colectiva, para evitarmos os graves erros producidos durante os anos do bipartito ou as actuais intencións especulativas do PP, para acadarmos un novo modelo de urbanismo sustentable, en que a cultura da non propiedade sexa impulsada coa creación da axencia pública municipal de aluguer social.

O pleno proseguiu coa proposta do alcalde de medallas de ouro da cidade, aprobada cos votos a favor do PP e PSdeG e a abstención do Bloque, habendo a continuación varios puntos de dar conta.

No décimo punto da orde do día, a petición do BNG, tivo lugar a comparecencia da concelleira de urbanismo, María Pardo, para falar sobre a Finca do Espiño.

Non obstante, unha comparecencia que debera servir para clarexar en que punto se encontra a situación desta finca municipal, non serviu para tal fin pois, unha vez máis, sobre todo o PP e o PSdeG empregaron os seus tempos de intervención para acusarse mutuamente de nefastas actuacións urbanísticas.

Para o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela o posicionamento sobre esta finca é claro: de ningunha maneira é aceptable a intención do PP de especular para facer pisos de luxo, como tampouco é óptima a proposta que levou a cabo o bipartito do BNG e PSdeG, a residencia de maiores que proxectaron facer na Finca do Espiño, privada e de luxo, cando so é lexítimo, neste espazo municipal, facer una residencia para maiores totalmente pública.

O Pleno rematou con 3 rogos do BNG e 4 do PSdeG, catro mocións do PSdeG, da que só se debateu, e aprobou por unanimidade, a de facer as pertinentes alegacións á proposta da Xunta de aparcadoiros disuasorios, e seis mocións do BNG, da que só se debateu e aprobou, a que trataba de emprego xuvenil.

No hay comentarios: