Mostrando entradas con la etiqueta solidariedade. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta solidariedade. Mostrar todas las entradas

miércoles, 28 de enero de 2015

Petición de asilo político para Hassanna Aalia



O pasado 19 de xaneiro fíxose público o auto de resolución da solicitude de asilo político en España do mozo activista saharaui Hassanna Aalia, no que se lle comunica a denegación da protección e anúnciaselle a saída obrigatoria do territorio español, dándolle un prazo de 15 días para abandonar o Estado español, pese ao castigo que lle espera e o risco real de ser torturado si regresa ao Sahara Occidental baixo ocupación de Marrocos.

Hassanna é un mozo saharaui de 26 anos nado no Aaiún que solicitou o asilo político en xaneiro de 2012, tras decatarse que o seu nome figuraba na relación de acusados que ían ser xulgados en Rabat por un Tribunal Militar polos feitos do Gdeim Izik. Hassanna estaba nese momento en España, non por estar perseguido polo seu activismo en favor da causa saharaui, senón para estudar cunha beca que lle foi concedida para aprender español. A lei española que regula as condicións para a solicitude de asilo político establece cláusulas e prazos excepcionais cando as circunstancias que xustifican a petición débanse a causa sobrevida no país de orixe, como sucedeu neste caso.

Hassanna Aalia figura no Sumario de Instrución do Tribunal Militar Permanente para a Forza Armada do Reino de Marrocos, xunto con outros 24 acusados, todos civís. Foi xulgado en rebeldía e a tenor da súa condena a cadea perpetua nunha sentenza que foi lida ante observadores de Human Rights Watch e Amnistía Internacional, entre outros, existen sobrados motivos para determinar que o retorno de Hassanna ao Sahara Occidental suporía un risco real para a súa integridade física.

martes, 22 de julio de 2014

Moción apoio ao pobo palestino



O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela reitera, unha vez máis, o seu apoio ao pobo palestino.

Co pretexto do secuestro e do asasinato non aclarado de tres novos estudantes israelís das colonias en Cisxordania ocorridos o 12 de xuño, o goberno Israelí lanzou unha vez máis outra das súas operacións de castigo sobre a poboación palestina encerrada na Franxa de Gaza. Mentres o goberno israelí incitou ás represalias, os lemas racistas e ataques contra a poboación palestina estendéronse nos medios e nas rúas de Israel, o que resultou no asasinato dun adolescente palestino que foi queimado vivo en Xerusalén por uns israelís ultras o pasado 1 de xullo.

O martes 7 de xullo, Netanyahu iniciou unha operación militar de gran envergadura contra a Franxa de Gaza, satisfacendo así as esixencias do seu Ministro de Exteriores.

jueves, 12 de diciembre de 2013

Moción cláusulas sociais



O grupo de políticas sociais de Esquerda Unida Compostela considera que o Concello debe prestar os servizos públicos que a cidadanía demanda.

Por suposto consideramos que este servizos teñen que ser de titularidade e xestión pública, posto que así se garante a calidade do servizo, asegúranse as condicións laborais das empregadas e empregados e respectase o medio ambiente.

Mais nesta crise-estafa que padecemos son levadas a cabo nefastas privatizacións que precarizan as condicións laborais e provocan a merma de calidade no servizo prestado, co único fin de alimentar o lucro privado en detrimento das necesidades da maioría social.

martes, 10 de diciembre de 2013

Xuntanza con Cáritas



O COORDINADOR COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA REÚNESE CON REPRESENTANTES DE CÁRITAS.

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA RECLAMA QUE O CONCELLO PRESTE OS SERVIZOS SOCIAIS NECESARIOS PARA SATISFACER AS DEMANDAS DA CIDADANÍA.

O coordinador comarcal de Esquerda Unida Compostela, Vicente Vázquez, mantivo unha xuntanza con representantes de Cáritas.

Durante a xuntanza dende Cáritas manifestaron a súa preocupación por esta crise-estafa que padecemos. Indicaron que comproban que moitas persoas que antes da crise conseguiran saír do risco de exclusión social, agora volven a esta situación pola perda de traballo, acumulación de débedas e outras consecuencias da situación económica e social que sufre a maioría social.

jueves, 28 de noviembre de 2013

Priorizar uso diñeiro público



O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA ESIXE QUE SE PRIORICEN OS INVESTIMENTOS  OU OS GASTOS NO CONCELLO, CONSIDERANDO URXENTE APLICAR AS POLÍTICAS SOCIAIS QUE DEMANDA A CIDADANÍA

O CONSELLO COMARCAL  DE EU COMPOSTELA CREE NECESARIO, POR SUPOSTO, MANTER EN BOAS CONDICIÓNS OS ESPAZOS PÚBLICOS DA CIDADE PERO SEN REALIZAR GASTOS SUPERFLUOS.

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela demanda que o Concello, como servizo público que é, leve a cabo a súa labor e, tralo pertinente debate e participación cidadá, poña en marcha as políticas sociais que as veciñas e veciños necesitan.

Consideramos máis que evidente, tras reunirnos con diferentes organizacións, como por exemplo a Cociña Económica ou o Albergue de Xoán XXIII, que Santiago precisa un Concello que actúe para solucionar os problemas desta crise-estafa que padecemos a maioría social. Por iso, entre outras medidas, pedimos a creación dun Servizo Municipal de Atención Integral a Persoas sen Fogar ou o Teléfono de Emerxencias Sociais e o Censo Voluntario de Persoas en Risco de Exclusión Social.

miércoles, 20 de noviembre de 2013

Xuntanza co Albergue Xoán XXIII



REPRESENTANTES DO CONSELLO COMARCAL  DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA REÚNENSE CO ALBERGUE XOÁN XXIII.

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA RECLAMA MAIOR APOIO DO CONCELLO A ESTA INSTITUCIÓN E, SOBRE TODO, DEMANDA QUE CUMPRA COA SÚA OBRIGA E LEVE A CABO AS POLÍTICAS SOCIAIS QUE SEXAN NECESARIAS.

Os membros do Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, Sara García e Vicente Vázquez, mantiveron unha xuntanza co representante do Centro Social “Albergue Xoán XXIII”.

Según os datos ofrecidos o albergue da servizo anualmente a unhas 1.200 persoas, sendo a inmensa maioría varóns. Ademais de proseguir atendendo a persoas sen fogar que se poderían calificar de transeúntes, posto que varían con frecuencia de cidade, e incluso, da comunidade, dende o comezo desta crise-estafa que padecemos, dende o Albergue notaron un forte incremento de persoas residentes en Santiago que por diferentes motivos vense na necesidade de demandar os servizos que presta esa institución.

jueves, 7 de noviembre de 2013

Creación teléfono emerxencias sociais e censo voluntario de persoas en risco de exclusión social



O grupo de traballo de políticas sociais de Esquerda Unida Compostela demanda que o Concello ten que velar pola prestación de servizos, de titularidade e xestión pública, que atenda ás demandas das veciñas e veciños

Como é obvio, o primeiro paso para poder prestar, con calidade e eficiencia, estes servizos públicos para o benestar da cidadanía, é necesario coñecer as necesidades que ten a sociedade compostelá para poder actuar en consecuencia.

Un dos medios para poder acadar este obxectivo de saber a realidade da veciñanza de Santiago, sería a creación dun teléfono municipal de emerxencias sociais nas que persoas que coñezan ou padezan unha situación de vulnerabilidade (física, psíquica,económica ou social) a poidan expoñer.

Por suposto para o grupo de políticas sociais de EU Compostela esta, como calquera medida que se propoña, ten que contar co pertinente debate e participación do tecido social da cidade que teña interese en colaborar, e, por suposto, este teléfono municipal é de carácter informativo onde as veciñas e veciños poidan indicar os problemas que detectan, en ningún caso se trata dun mecanismo de denuncia, vixilancia ou control da cidadanía.

Mais non so acadar a información necesaria da realidade social da cidade é suficiente, faise preciso que de cara a conseguir unha maior xustiza social en relación coas políticas sociais que dende o concello se aplican, este se dote dun instrumento que permita unha redistribución o máis xusta e equitativa posible de devanditos recursos, mediante un censo voluntario que, avalado por un estudo socio-económico realizado por persoal municipal e polos axentes sociais que na localidade traballan no campo da axuda social, impida calquera tipo de discrecionalidade na aplicación destas políticas.

Os obxectivos deste censo de carácter voluntario, ademais dos que poidan decidirse a través da participación cidadá para a súa creación, serían poder actuar con rapidez e concreción en cada caso estudado, posto que ao coñecer a realidade concreta da persoa que necesita axuda pódese, mediante os protocolos establecidos, encamiñala cara o servizo público ou axente social que poida satisfacer as súas demandas.

Outro obxectivo sería poder utilizar a información obtida para avaliar as necesidades de mellora ou creación que se deben ter en conta para mellorar os servizos públicos que presta este Concello.

Por todo isto o grupo de traballo de políticas sociais de Esquerda Unida Compostela propón ao Pleno do concello de Santiago a seguinte proposta de

ACORDOS

Primeiro. Que, tralo pertinente debate e participación, se cree o teléfono municipal de emerxencias sociais.

Segundo. Que se se leve a cabo o pertinente traballo de campo por parte dos servizos sociais, en colaboración con outras institucións sociais da cidade, co fin de elaborar un censo de persoas en situación de vulnerabilidade (física, psíquica, económica ou social), que voluntariamente se presten a formar parte deste servizo municipal.

miércoles, 16 de octubre de 2013

Creación Servizo Municipal de Atención Integral a Persoas sen Fogar



O grupo de traballo de políticas sociais de Esquerda Unida Compostela esixe do goberno local, ao ser unha das súas funcións fundamentais, que  garanta que se ofrezan servizos, de titularidade e xestión pública, que satisfagan as necesidades da cidadanía.

Consideramos necesario que o Concello cumpra coa súa obriga e leve a cabo iniciativas de apoio para persoas sen fogar que na actualidade se ven obrigadas a pasar a noite no espazo público, en construcións que non cumpren criterios de habitabilidade ou que non están destinadas á vivenda, ou a aloxarse en vivendas de persoas achegadas ou familiares. Así, hai persoas que temporalmente dispoñen dun teito, pero non dunhas relacións sociais, laborais e familiares que, en xeral, se asocian á inclusión social; o concepto de persoa sen fogar, a diferenza doutras denominacións como “sen teito” ou “sen vivenda”, non só implica a carencia dunha vivenda que cumpra cuns criterios mínimos de habitabilidade, senón que tamén alude á ausencia de relación sociais e familiares sólidas e do resto de atributos asociados ó concepto de fogar.

Por iso, dende o grupo de traballo de políticas sociais de EU Compostela, propoñemos a creación dun servizo municipal de atención integral a persoas sen fogar, dirixido a persoas en situación de alta exclusión, sen fogar e con alta vulnerabilidade social. Debe integrar un conxunto de servizos destinados non só a ofrecerlles un aloxamento puntual, senón tamén a favorecer a inserción social das persoas usuarias, ofrecendo unha atención integral e individualizada.

viernes, 10 de mayo de 2013

Comunicado polo Día Mundial do Comercio Xusto



O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA CONMEMORA O DÍA MUNDIAL DO COMERCIO XUSTO REIVINDICANDO INICIATIVAS ECONÓMICAS XUSTAS E SOLIDARIAS.

PARA O CONSELLO COMARCAL DE EU AS INICIATIVAS LIGADAS AO COMERCIO XUSTO DEMOSTRAN QUE OUTRO TIPO DE ECONOMÍA É POSIBLE E QUE COMPRE REBELÁRMONOS FRONTE A UN SISTEMA QUE PERPETÚA A INXUSTIZA SOCIAL E A DESTRUCIÓN DO MEDIO AMBIENTE.

O 11 de maio celébrase o Día Mundial do Comercio Xusto e o Consello Comarcal de Esquerda Unida considera función indispensable do Concello promover  medidas que cambien as profundas inxustizas derivadas do actual sistema económico de produción, distribución e consumo.

Unha das terribles consecuencias do sistema económico imperante é a fame. É inmoral que nun  no mundo se producen máis alimentos que nunca antes na historia 900 millóns de persoas sigan hoxe a pasar fame (segundo os últimos datos da FAO).  A globalización neoliberal ten privatizado moitos aspectos das nosas vidas,  incluso o acceso aos recursos naturais como a terra e a propia agricultura. Unhas poucas multinacionais someten aos seus intereses privados a produción, distribución e consumo facendo da alimentación un mero negocio e impedindo o acceso aos alimentos das persoas máis pobres.

Pero non so a fame é consecuencia do sistema económico imperante. As persoas perdemos en xeral o nosa soberanía como consumidoras. Por exemplo a nosa soberanía alimentaria: aquela  que nos permite saber que é o que comemos, a quen lle compramos realmente os alimentos e como se produce todo o que nos levamos á boca. Moitos labregos e labregas non teñen acceso aos bens fundamentais da produción agrícola (auga, sementes, terras) e os propios estados non son soberanos a hora de decidir as súas políticas agrícolas. Isto non acontece unicamente no ámbito da industria alimentaria, a morte, o pasado 24 de Abril,  de máis de 1.000 traballadoras e traballadores de Bangladesh que producían roupa para as grandes marcas internacionais, son triste proba disto.

Baixo o actual sistema todos os dereitos humanos son sometidos aos intereses privados dunhas poucas multinacionais. E nestas circunstancias non se pode falar de Comercio Xusto.

O Concello debe servir de exemplo e apostar pola contratación pública responsable. Aquela que ten en conta criterio ambientais, sociais e éticos á hora de comprar ou contratar.  Ademais o goberno galego está na obriga de promover e fomentar o Comercio Xusto. E en xeral todas aquelas iniciativas directamente vinculadas a unha economía solidaria que sitúan os dereitos das persoas por riba dos réditos económicos  (banca ética,tendas de comercio xusto, entidades que defenden o software libre, cooperativas de consumo e produción,…).

jueves, 9 de mayo de 2013

Moción apoio ao Comercio Xusto



O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela considera función indispensable do Concello levar a cabo todas as medidas precisas na procura da xustiza e igualdade social.

O 11 de maio celébrase o Día Mundial do Comercio Xusto, e consideramos que o Concello de Santiago debe acometer iniciativas que promovan na cidade un cambio de modelo na distribución e comercialización, que a día de hoxe perpetúan un sistema económico e social sustentado na explotación laboral de persoas e na destrución do medio ambiente.

Unha das terribles consecuencias do sistema económico imperante é a fame. É inmoral que nun  no mundo se producen máis alimentos que nunca antes na historia 900 millóns de persoas sigan hoxe a pasar fame (segundo os últimos datos da FAO).  A globalización neoliberal ten privatizado moitos dos aspectos da nosa existencia, incluso o acceso aos recursos naturais como a terra, e a propia agricultura. Unhas poucas multinacionais someten aos seus intereses privados a produción, distribución e consumo facendo da alimentación un mero negocio e provocando que  millóns de persoas pasen fame e vivan en circunstancias de  pobreza, violando en fin, un dereito tan fundamental como o dereito á alimentación.

Pero non so a fame é consecuencia do sistema económico imperante. As persoas perdemos en xeral o nosa soberanía como consumidores, por exemplo a nosa soberanía alimentaria: aquela  que nos permite saber que é o que comemos, a quen lle compramos realmente os alimentos e como se produce todo o que nos levamos á boca. Moitos labregos e labregas non teñen acceso aos bens fundamentais da produción agrícola (auga, sementes, terras) e os propios estados non son soberanos a hora de decidir as súas políticas agrícolas. Isto non acontece unicamente no ámbito da industria alimentaria, a morte, o pasado 24 de Abril, de 660 traballadoras e traballadores de Bangladesh que producían roupa para as grandes marcas internacionais son triste proba disto disto.

Baixo o actual sistema, todos os intereses humanos son sometidos aos intereses privados dunhas poucas multinacionais, e nestas circunstancias non se pode falar de comercio xusto.

É evidente que os principios do Comercio Xusto, estándares internacionalmente definidos pola IFAT, a Asociación Internacional do Comercio Xusto, son totalmente consecuentes co obxectivo que as Administración Públicas deben fixar para mudar este sistema depredador de dereitos humanos, principios, entre outros, como son:

- Creación de oportunidades para grupos produtores desfavorecidos.
- Transparencia e funcionamento democrático para beneficiar as necesidades básicas das
comunidades produtoras e de consumidores e consumidoras.
- Relación comercial equitativa e a longo prazo.
- Prezo Xusto para os produtores e as produtoras.
- Loita contra a explotación laboral infantil.
- Equidade de xénero.
- Condicións laborais dignas.
- Fortalecemento de capacidades e asistencia para os grupos produtores desfavorecidos.
- Información e sensibilización sobre Comercio Xusto.
- Coidado do Medio Ambiente.

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela considera necesario abrir o debate  entre os distintos colectivos da cidade con recoñecida experiencia neste eido, para consensuar as medidas efectivas que o Concello pode levar a cabo dende a institución para fomentar e sensibilizar sobre o Comercio Xusto na cidade.

O Día Mundial do Comercio Xusto é unha ocasión máis para reivindicar sistemas económicos  alternativos, socialmente máis xustos e éticos e máis respectuosos co medio, non so na comercialización senón en toda a cadea de produción, distribución e consumo.

O Concello de Santiago debe por unha parte, apostar pola contratación pública responsable, aquela que ten en conta criterio ambientais, sociais e éticos á hora de comprar ou contratar. Esta obriga debería ser común a todos os organismos e administracións non so polo seu poder económico, senón e sobre todo  polo seu efecto exemplificador no uso dos recursos públicos

O Concello de Santiago debe ademais promover e fomentar iniciativas do comercio xusto, e en xeral todas aquelas iniciativas directamente vinculadas a unha economía social ou alternativa  (banca ética, software libre, cooperativas de consumo e produción,…)

Por exemplo apoiamos, entre outras moitas medidas que poidan saír da necesaria participación cidadá, a posibilidade de que nos comedores escolares que dispoñan de cociña propia se consiga que os produtos consumidos sexan de agroecoloxía de proximidade e de Comercio Xusto, facendo ademais a pertinente sensibilización entre o alumnado e as nais e pais.

Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao Pleno do concello de Santiago a seguinte proposta de

ACORDOS

Primeiro. Que o Concello, a través do debate e participación cidadá, elabore un plan de actuación na cidade para o fomento real e efectivo do Comercio Xusto.

Segundo. Que o Concello leve a cabo durante todo ano diferentes campañas de concienciación e sensibilización do que supón o Comercio Xusto

jueves, 7 de marzo de 2013

Xuntanza coa Coordinadora Galega de ONGD



REPRESENTANTES DO CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA REÚNENSE COA COORDINADORA GALEGA DE ONGD.

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA APOIA AS DEMANDAS DA COORDINADORA SOBRE POLÍTICAS ESTABLES DE COOPERACIÓN E EDUCACIÓN PARA O DESENVOLVEMENTO, COMPRA PÚBLICA ÉTICA E A PETICIÓN DUN LOCAL.

Os representantes do Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, María Rozas e Vicente Vázquez, mantiveron unha xuntanza coa Coordinadora Galega de ONGD.

En primeiro lugar lamentamos o escaso apoio que, dende fai anos, o Concello de Santiago mostra para a cooperación e educación para o desenvolvemento, manifestando que consideramos necesario, dunha vez, unha política estable neste eido a través dun plan global de actuación, elaborado participativamente co tecido asociativo da cidade.

Son moitos os eidos nos que este plan debería marcar o camiño que o Concello debe seguir, dende a estabilidade e correcta dotación nas subvencións para as organización que traballan no campo da cooperación, ata a concienciación e educación para a cooperación nas escolas e institutos da cidade.

Outro dos temas tratados nesta xuntanza, e que conta co apoio do Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, é a proposta de fomentar e implementar a compra pública ética en todas as súas vertentes, por exemplo, dende conseguir que os comedores escolares se abastezan de produtos de agroecoloxía de proximidade e comercio xusto, ate a utilización da Banca Ética.

O que tamén apoiamos, e esiximos que o Concello acometa o antes posible é facilitar a demanda da Coordinadora dun local, xa sexa coa cesión dun baixo do Concello, aportando economicamente para o pago de aluguer ou intermediando coas caixas nacionalizadas para utilizar algún das súas instalacións de obra social agora abandonadas

Local o suficientemente amplo para cubrir as lexítimas demandas da Coordinadora, que desexa lograr un espazo para a solidariedade onde se habiliten despachos para diversas ONGs, salas para diversas actividades e outras cuestións.

O que tamén se manifestou nesta xuntanza é a na necesidade de avanzar na Democracia Participativa que a cidadanía demanda, conseguir un Concello que aposte polos sectores produtivos da economía social, e que faga da concienciación e educación para a cooperación para o desenvolvemento un do eixos de xestión política e social.

Tamén se manifestou por ambas partes o total rexeitamento a ordenanza aprobada polo PP de uso da vía pública, que como xa manifestaramos dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, pese aos trocos sufridos, é unha ordenanza que privatiza a rúa.