lunes, 31 de marzo de 2008

LEILA KHALED, EMBLEMA DA LOITA DO POBO PALESTINO EN COMPOSTELA


O xoves 3 de abril, ás 20’00 h,
terá lugar no Paraninfo da
Universidade de Santiago de
Compostela unha charla a cargo
de Leila Khaled, unha
infatigable loitadora pola
liberdade do pobo palestino,
do seu pobo.

O acto está organizado por:
Galiza por Palestina,
Universidade de Santiago de
Compostela e Deputación da
Coruña.

Animamos a todas as persoas desexosas de coñecer de forma
non mediada o que acontece en Palestina a que se acheguen ao
Paraninfo.

Santiago, 29 de marzo de 2008

viernes, 28 de marzo de 2008

Moción "Creación dun Servizo de Mediación da Veciñanza

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
 En ocasións, os ritmos da vida cotiá conlevan a aparición
de conflitos de pequena intensidade entre veciños que se
poderían xestionar de forma civilizada e racional, impedindo
que se enquisten de forma negativa no xeito de percibir
tal relación e a propia convivencia.

Sendo esta unha cidade universitaria é moi habitual
que xurdan problemas relacionados co ruido. A canalización,
as máis das veces, faise de forma cáseque exclusiva a través
da denuncia policial, sen que se produza un diálogo entre as
partes confrontadas e sen que, no fondo, se chegue
á resolución do conflito.

Por iso, Esquerda Unida entende que é preciso un espazo
dirixido aos veciños da cidade, de carácter gratuíto, para a
resolución pacífica de conflitos. Trátase de fomentar o compromiso
cívico cidadán e reforzar a convivencia cun novo modelo para xestionar
as situacións conflitivas.

A mediación é un proceso de resolución de conflitos onde un
terceiro imparcial (o mediador) axuda aos implicados a buscar
alternativas para resolver o problema formulado, baseándose na
comunicación, o respecto e a colaboración das partes implicadas.

Os obxectivos deste novo servizo serán:
a) Prevención de conflictos;
b) Resolución antes do agravamento de conflictos entre veciños;
c) Resolución extraxudicial de problemas entre veciños;
d) Establecemento dun sistema público, universal, permanente e
gradual para a resolución de conflictos.


A tipoloxía de conflito á que se dedicará serán:
a) Conflitos veciñais relativos á utilización de espazos e mobiliario público;
b) Conflitos de convivencia entre veciños;
c) conflitos de convivencia entre comunidades de veciños.


Quedarían excluídos deste servizo de mediación
os seguintes conflitos:
a) Conflitos intrafamiliares;
b) conflitos onde unha das partes sexa o Concello;
c) conflictos escolares.
As súas principais características sendo a gratuidade do servizo;
a rapidez; o carácter voluntario polas partes confrontadas;
a imparcialidade e a confidencialidade.
O Equipo profesional
Estará formado por avogados, sicólogos e traballadores sociais
especializados en técnicas de comunicación e xestión de conflitos
que axudarán guiando a negociación para chegar a un acordo sen
tomar decisións, sempre velando polo equilibrio.
Entre as súas funcións estará a de emitir un informe de carácter
anual sobre o funcionamento de dito servizo, onde consten datos
cuantitativos e cualitativos sobre o seguemento das distintas
resolucións adoptadas
Solicitude do servizo de mediación
Para o coñecemento do conflito habilitarase un teléfono gratuito
para que unha ou ambas partes opten polo servizo de mediación.
Outras vías de solicitude serán: o informe de incidencia policial
co consentemento informado de ambas partes; a solicitude vía
enderezo electrónico dunha ou das dúas partes confrontadas.
 A opción da mediación non implica a imposibilidade de apelar
a outros recursos como a xustiza. Unicamente trátase de intentar
solucionar aquelo que nos preocupa e molesta dunha forma razoable,
próxima e estable.
Nunha segunda fase, unha vez que o servizo de mediación xa teña
consolidada a súa funcionalidade, e co fin de que a cidadanía poda
participar na observación e mesmo na conformación efectiva do servizo
de mediación, o Concello poñerá en marcha Talleres de Formación en
resolución de conflitos para que as persoas que o desexen poidan
achegar a súa axuda ao propio servizo de mediación.

En base ao anterior proponse ao Pleno do Concello de Santiago
que adopte o seguinte:

ACORDO

1.
Creación dun Servizo de Mediación Veciñal coas características
enumeradas e descritas na exposición de motivos.

Santiago, 28 de marzo de 2008





lunes, 10 de marzo de 2008

Valoración inicial sobre os resultados en Terras de Compostela

Remataron as eleccións máis polarizadas dos últimos anos. Polarizadas en primeiro lugar polos 4 anos de lexislatura, onde os logros acadados por IU foron silenciados e acaparados polo PSOE. Ese foi o primeiro punto feble na política cotiá. Pero, se é certo que a meirande parte dos nosos votos foron para PSOE, o maldito e noxento "voto útil" (que utilidade pode haber en negar a conciencia e destruir un proxecto de esquerdas), estas persoas non tiveron en conta esa febleza. A polarización segue no 4 PODER, os medios de comunicación que foron os verdadeiros creadores de opinión e instrutores do voto nestas eleccións ao negar espazo e visibilidade ao traballo -enorme traballo- que realizamos en toda Galicia. E resulta mesmo que en conversas mantidas con membros directivos deses medios recoñecían a dita polarización.....pois que a solucionaran. Está nas súas mans a destrución da pluralidade democrática e a consolidación dun bipartidismo á americana que dá medo. U-la esquerda en todo este proceso?

Nalgúns concellos de Terras de Compostela as cousas foron mellor para nós e por iso, este coordinador comarcal quere agradecer a todas as persoas que apoiaron o noso programa de esquerdas, realmente transformador.

  • Na propia Compostela conseguimos 1263 votos (un 2,17%) máis menos o mesmo resultado que hai 4 anos e consolidando o resultado das municipais (1119 votos).
  • En Ames 317 votos (2,17% tamén) 15 votos máis que hai 4 anos.
  • En Brión, 63 votos (1,51 %), 13 votos máis.
  • En Negreira 30 (0,68%) 3 máis
Noutros concellos como O Pino e Teo baixamos. En calquera caso, nesta zona foi unha das zonas onde mellor mantivemos o tipo fronte ao "tsunami" bipartidista.

Por iso, graciñas a todas as persoas porque a pesar de caer en Galicia e no Estado sabemos que temos un pequeno espazo e que debemos traballar para facelo máis grande para podermos denunciar os atropelos en materia social e medioambiental.

Mércores 12 de marzo, ás 20 h na Librería Couceiro

O vindeiro mércores 12 de marzo, facemos un debate sobre a Cidade da Cultura, na Libreria Couceiro de Compostela (Na Praza de Cervantes ou mellor dito Praza do Pan). É as 20.00 horas e falarán Sechu Sende,Bermejo e Redondo Abuín.

organiza a Plataforma Cultura Si,Mausoleo Non.

Cómpre que as persoas que aínda pensamos -a pesar da máquina bi(tri)partidista- na rectitude e na transparencia e que desexamos que se establezan mecanismos cidadáns de control do gasto público, que nos acheguemos á charla.