viernes, 30 de mayo de 2008

Moción para mellorar a seguridade viaria na rúa Touro (barrio da Almáciga)

Hoxe rexistramos a seguinte moción no Concello, para que sexa tratada no Pleno do mes de xuño, e se non é tratada polo menos para que se tela en conta e se faga algo ao respecto:

MOCION

Instalación de sinalización vertical na rúa Touro no barrio da Almáciga

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Desde hai uns anos o barrio da Almáciga coñece un constante incremento de tráfico rodado que, tendo en conta a fisionomía de certas rúas, caracterizadas nalgún caso por pendentes moi acusadas, eleva a inseguridade viaria no barrio, tal como deixan constancia os veciños e veciñas.

En días de choiva, os pasos de peóns, ao non estar o suficientemente ben sinalados, pasan desapercibidos para o tráfico rodado, ocasionando situacións de risco ás que cómpre dar unha solución que faga da seguridade viaria a súa máxima.

Esta situación é a que se dá na rúa Touro. Cando escurece ou cando a climatoloxía é adversa para a visibilidade dos condutores, estes pasos de peóns indebidamente sinalados constitúen, en realidade, un perigo para os peóns.

Na mesma rúa Touro, na súa confluencia coa Travesa da Pastoriza, dáse unha situación de elevada perigosidade, xa que esta Travesa se caracteriza por un desnivel moi pronunciado e cun firme moi irregular e a incorporación á rúa Touro faise nunha situación de dúbida para os condutores ante a ausencia de sinal orientador.

En base a todo o anterior, proponse ao Pleno do Concello de Santiago que adopte o seguinte:

ACORDO

1) A instalación de sinais verticais con luminosidade para os pasos de peóns para favorecer a visibilidade dos condutores e mellorar a seguridade dos peóns cando as condicións son adversas.

2) A instalación dun sinal de ceda o paso á altura do nº 11 da rúa de Touro para favorecer a fluidez circulatoria e disipar as dúbidas dos condutores que se incorporan á mesma desde a Travesa da Pastoriza minimizando deste xeito o risco de accidentes (adxuntamos mapa).

A moción foi acompañada cun mapa da zona sinalando a colocación exacta do ceda o paso.

Santiago, 30 de maio de 2008

miércoles, 28 de mayo de 2008

Ante o que consideramos unha falta de respecto polas persoas migrantes

O domingo 25 de maio, ás 9h30, diante de San Roque debía estar o autobús fletado polo Concello de Santiago para ir a Coruña, lugar onde se desenvolveu, e con moito éxito político, social e cultural, a III Asemblea Xeral do Foro Galego de Inmigración e Emigración de Retorno. Dito autobús non apareceu. Tivemos que imporvisar desde o Foro as solucións. O outro autobús, fletado por unha das asociacións integrantes do Foro Galego, xa estaba cheo e na rúa estaban preto de 50 persoas desesperadas.

Este e o escrito que se presentou no Concello:

FORO DE INMIGRACIÓN

Concellería Responsable de Inmigración e Emigración

Att. Sra Dona Mar Martín

Concello de Santiago

Pazo de Raxoi

Santiago 26 de Maio de 2008

Estimada Señora:

Este Foro solicitoullle formalmente e por escrito no seu momento que facilitara con dous autobuses postos polo Concello, a posibilidade de participación das persoas e asociacións de inmigrantes de Santiago de Compostela na III Asemblea Galega de Inmigración e Emigración de Retorno que se celebrou onte día 25 de Maio na cidade de A Coruña.

Despois da solicitude, a técnica do Concello, Carme Peñamaría, púxose en contacto telefónico conmigo para indicarme que estaba concedido 1 autobus para ese fin.

Con posteriorioridade a esa primeira comunicación houbo outras, nas que quedamos con esa técnica en que o propio Concello facia a contratación do autobús e que éste sairía ás 8:30 H da mañá do día 25 de Maio dende San Roque, enfronte do Colexio La Salle no espazo habilitado para aparcamento de autobuses na actualidade polas obras da Rúa Valle-Inclan. Mesmamente, unha compañeira miña do Foro contactou con Carme o mércores día 21 de Maio para recordalle o tema, porque xa pasara algún tempo dende a confirmación definitiva de que estaba concedido o autobús para a hora, día e lugar antes indicado.

Dada a importante afluencia de persoas inmigrantes e asociacións interesadas na participación na Asemblea de A Coruña, dende o propio Foro encargamos outro autobús para o mesmo cometido.

O día 25 de Maio, onte, o autobús encargado polo Concello non se presentou. Non dimos contactado con ningunha empresa da cidade que nos dixera que estaba reservado. Resultounos moi complicado atopar outro autobús e case 50 persoas tiveron que esperar con paciencia máis de dúas horas no citado lugar de saída.

FORO DE INMIGRACIÓN

Máis ala da espera a situación foi de certa tensión e enfrontamento entre asociacións, porque non todos podían ir no único autobús que había.

Solicitamos, que formalmente e por escrito remita resposta a esta Reclamación, o antes posible, para clarexar as dúbidas e reticencias xurdidas, se pode ser facendo constar desculpa expresa para as persoas que tiveron que agradar tanto tempo polo autobús que ese departamento do Concello comprometerase a enviar e non chegou.

Miguel Fernández Blanco

Portavoz do Foro de Inmigración- Tel: 981-576142/ Faxs: 981-580506/Enderezo: Rúa San Roque nº 6 Bis 15704-Santiago de Compostela/ Email: foroinmigracionsantiago@yahoo.es

Organizacións que conforman o Foro de Inmigración: Asociación Amarante, Asociaciación Amani-Galiza, Asociación Chambo, Asociación Galicia Acolle, Asociación de inmigrantes Gondwana, Asociación de Argentinos en el Exterior, Asociación Plataforma polo Emprego, Asociación Puente Cultural Rumano-Gallego, Asociación Universia, Attac Compostela, Asociación de inmigrantes Casa Latinoamericana en Galicia, Cáritas Interparroquial Santiago, Cáritas Milladoiro, Cite-CCOO, Colectivo Brasileiro, Colexio Oficial de Educadores Sociais de Galicia, Comisión de Migración do BNG, Comité Óscar Romero de Santiago de Compostela, Coordenadora Diocesá de Acción Católica,, CUT, Esquerda Unida-izquierda Unida, Foro Debate e Acción, Inzar, Juventudes Marianas Vicencianas, Mans Unidas, Misioneros Combonianos, Mulleres Cristiás Galegas, Oficina de Cooperación e Voluntariado da Universidade de A Coruña, PsdeG-PSOE-Santiago, Seminario Galego de Educación para a Paz; Voluntariado Rogas, Asociación Banda Oriental, Asociación de Emigrantes Retornados da Mahía. Asociación de Venezolanos de Santiago de Compostela, Asociación de Ecuatorianos de Santiago, Médicos do Mundo, Asociación Nañe-Reta Paraguay.

Esquerda Unida de Ames reuniuse coas ANPAS do Concello

COMUNICADO DE PRENSA

O pasado 23 de maio, na casa da cultura de Milladoiro, Esquerda Unida de Ames convocou a todas as ANPAS de centros públicos do concello de Ames. Acudiron a dita convocatoria representantes de todas as ANPAS e os integrantes do consello local de Esquerda Unida Ames.

Iago Patiño, coordinador local de Ames, realizou unha exposición das diferentes reunións individuais que se mantiveran coas directivas e as conclusións ás que se chegara. De seguido, cada unha das ANPAS expuxo con detalle as problemáticas dos centros.

Todas estas intervencións coincidiron en sinalar a necesidade de crear un organismo independente do MALOGRADO consello escolar municipal que, a data de hoxe, non está en vigor. O devandito consello só se reuniu unha vez desde a súa creación hai xa 4 anos, e iso a pesares de que nos seus estatutos se estipula unha reunión cuadrimestral obrigatoria.

Queremos destacar tamén a alarmante falta de comunicación das ANPAS cos organismos oficiais. Estes obstínanse en que as ANPAS se manteñan separadas e sen comunicación entre elas. A información é nula ou deficitaria. Deste xeito, a información resultante non resulta molesta. Estas tácticas amosan que a forma de gobernar está totalmente distanciada dos discursos electoralistas, que se revelan populistas, sen rigor e sen vergoña.

Catro foron os aspectos de urxencia destacados:

1- A creación dunha comisión que represente e xestione as demandas de todas as ANPAS do concello de Ames, independente do Concello escolar municipal . Esquerda Unida ofrécese como organizador de dita comisión. Acéptase a proposta.
2- A creación dun reclamado e urxente CEIP no núcleo urbán de Milladoiro.

3- A ampliación dos ciclos do futuro instituto de Milladoiro, no cal terán que entrar por lei o Bacharelato e Ciclos formativos

4- O apoio incondicional de todas as ANPAS á demanda da de Ventin de non crear unha cuarta liña, que masificaría aínda máis o centro educativo, ata que se realice un estudo previo de todas as necesidades (espaciais, materiais, humanas, etc.), para logo proceder á licitación e execución das necesidades observadas.

Como conclusión final reiteramos o noso apoio ao asociacionismo cidadán e por que cremos que a participación cidadá e o fomento do asociacionismo é un dereito constitucional que enriquece o noso Concello.

Sobre esta conclusión destacamos a intervención critica do noso coordinador no área de Mocidade Daniel Amador, que informou da escaseza de recursos para esta área no Concello. De feito, a última adxudicación do concello para a creación de desenvolvemento en actividades xuvenís e asociacionismo é de 9000 euros que, desde EU-EU estimamos, como pouco, INSULTANTE.

A próxima reunión da comisión iniciada en venres será dentro de dúas semanas, onde se abordarán e concretarán os temas anteriormente expostos e novas demandas que poidan xurdir.

Un saúdo cordial

Iago Patiño

Coordinador Local de *EU-EU Ames

miércoles, 21 de mayo de 2008

Esquerda Unida coa sección de patinaxe do CD Fontiñas

Esquerda Unida, a través do responsable da área de deportes, Anxo Rodríguez,
púxose en contacto coa sección de patinaxe do Club Deportivo Fontiñas para
transmitirlle o apoio da nosa organización e para ofrecer a nosa axuda en
todo o que poidamos levar a cabo.

En comunicación que nos envía Celia Tojo, os días 4,5 e 6 de xullo de 2008
as patinadoras do CD Fontiñas participarán na 3ª edición do Trofeo
Internacional de Skate que se celebrará en Riccione (Rimmini) en Italia.
Participarán na modalidade de Grupos de Show Grande, na que se valora
vestiario, música, interpretación artística, orixinalidade, técnica
e velocidade. As patinadoras conseguiron chegar a este Europeo-B pola
clasificación do Campeonato Nacional de Patinaxe de Show no que obtiveron
o 5º posto. Como di Celia Tojo, "somos el club gallego que representará
a España en el campeonato de Grupo Grande".
Os atrancos económicos non deberían ser obstáculo para que unha modalidade
do deporte base da nosa cidade poda representala. O traballo cotián,
os adestramentos, o voluntarismo deben atopar un refrendo na colaboración
de todas as forzas vivas da cidade de Compostela.

Esquerda Unida ofrece o seu traballo e colaboración para que así sexa.



lunes, 19 de mayo de 2008

Rolda de Prensa para presentar a III Asemblea Xeral do Foro Galego de Inmigración e Emigración de Retorno

Mañá, na Galería Sargadelos de Compostela, presentarase en rolda de prensa a III Asemblea Xeral do Foro Galego de Inmigración e Emigración de Retorno que terá lugar o domingo 25 de maio en Coruña, entre as 10h e as 17h.

Mañá, colgaremos información sobre o evento, importante nestes tempos de racismo institucional, intelectual e social.

Pascual Serrano en Compostela

Despois do seu paso, relativamente recente, polo Simposio "Pobre Mundo Rico" -que tan ben conduciu Carmen Carballo responsable do Club Internacional de Prensa-, Pascual Serrano, director da páxina de información alternativa Rebelión, estará o mércores 21 en Compostela para impartir a charla: "MEDIOS VIOLENTOS. PALABRAS E IMAXES PARA O ODIO E A GUERRA".
A charla terá lugar na Sede da Fundación caixa Galicia (rúa do Vilar, 19).

Non é preciso insistir no importante que é escoitar a quen desenvolve un labor informativo alternativo, que ten o dificil obxectivo de informar de forma veraz nun universo dominado polo pensamento globalizador do neoliberalismo.

Xornada de Atención Primaria na Galería Sargadelos

A todas as persoas interesadas e que desexen e queiran escoitar de boca dos seus protagonistas como está a situación da Atención Primaria, recomendamos asistir a esta xornada que terá lugarañá na Galería Sargadelos, a partir das 16h30 e con protagonismo para a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública e da Federación de Asociaciones para la Defensa de la Sanidad Pública. O tema, grosso modo, estrutúrase en base a tres mesas de debate:

1ª mesa: 16h30-18h: análise da situación da Atención Primaria no Estado e en Galicia

2ª mesa: 18h-19h desenvolvemento do Plan de Mellora do Desenvolvemento da Atención Primaria: avances e atrancos

3ª mesa: o papel dos profesionais

O tema é de interese, tendo en conta o que acontece en comunidades como Madrid, onde a privatización avanza a pasos axigantados. Para tomar nota do que se debe facer: potenciar e investir en recursos humanos e materiais na Sanidade Pública e potenciar a Atención Primaria como se merece.

Agardamos que se anime a xente a asistir.

Un ano despois, o barrio da Almáciga padece a mesma situación de desleixe

Representantes de Esquerda Unida, entre os que estaba o seu coordinador comarcal, Xabier Ron, mantiveron unha xuntanza coa Asociación de Veciños Francisco Asorey do barrio da Almáciga. Este encontro encádrase dentro da rolda de encontros que vai manter Esquerda Unida para coñecer a situación dos barrios composteláns, cáseque un ano despois desta nova lexislatura municipal.

Pois ben, despois de case un ano de goberno, o barrio da Almáciga segue na mesma situación de desleixe. Cando Esquerda Unida lle preguntou aos veciños, “que cambios notáchedes no barrio? Mellorou?”, a resposta dos representantes veciñais foi clara: “Nada. Todo segue igual ca antes”.

Somos sabedores que o Concello xoga todo a unha carta para con este barrio, o Plan Urbana, como se este fose un maná caído do ceo. Coidamos que hai actuacións que o Concello –repetimos o Concello- pode ir acometendo sen o desbaldimento de cartos públicos observables nalgunha actuación do Concello en certas rúas de Compostela.

E mentres os orzamentos agardaron ata o mes de maio para seren consensuados, mentres se anuncian plans de teleféricos surrealistas cun custo de 20 millóns de euros, os barrios de Compostela, os de vello, seguen o seu paseniño proceso de degradación. No da Almáciga, entre outros aspectos:

- situacións caóticas de aparcadoiro;

- certas rúas precisan paneis de sinalización vertical para regular con seguridade o tráfico;

- as rúas de Arzúa e Enfesta requiren un urxente proceso de acondicionamento e humanización; a de Pastoriza precisa que se repoña o seu firme;

- o principal acceso ao parque segue sendo privado e dificultoso para os veciños e veciñas con problemas de mobilidade;

- cando chove o fin da r/ Basquiños convértese nunha piscina por non esteren canalizadas as augas pluviais;

- o transporte público non chega á parte alta do barrio; ...

Esquerda Unida apoia as demandas do barrio, demandas que, como afirman os veciños, “levamos reivindicando dende hai tempo” e esixe do equipo de goberno unha planificación equilibrada das necesidades dos barrios de Compostela, incluídos os barrios de vello. Antes de elevar a vista ás alturas do cumio do Gaiás, a pé de rúa hai necesidades que os veciños e veciñas queren ver colmadas.

Compostela, 19-maio-2008