martes, 22 de febrero de 2011

Comunicado polo mal estado do firme no periférico

ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA CRITICA O DEFICIENTE MANTEMENTO QUE O EQUIPO DE GOBERNO REALIZA NAS ESTRADAS DA CIDADE.

O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA, NA SÚA FIRME CONVICCIÓN DE QUE AS SOLUCIÓNS SON GLOBAIS, DEFENDE A NECESIDADE DE DIMINUÍR O TRÁFICO RODADO APOIANDO A REALIZACIÓN DUN PLAN DE MOBILIDADE SUSTENTABLE.

Esquerda Unida Compostela ratifícase, unha vez máis, en que unha das principais labores dos concellos e a de velar pola seguridade viaria, realizando, por exemplo, un exhaustivo mantemento das estradas e beirarrúas.

Opinión que o equipo de goberno, sobre o papel, comparte posto que, por exemplo, no punto 14 das medidas de goberno que, tanto o PSdG como o BNG, asinaron o 19 de xuño de 2007 pódese ler: “Mellorar a rede local de estradas e pistas de comunicación…”, pero unha vez máis, polas queixas que recibimos e polas novas aparecidas nos medios de comunicación, compróbase que as promesas deste equipo de goberno son meras palabras escritas nun papel.

Nesta ocasión é o periférico de Santiago o que demostra a mala xestión do equipo de goberno, posto que nin catro anos despois da reforma integral deste periférico, no que supostamente se adecuou o asfalto dos seus case 11 Km ás necesidades da cidade, compróbase que en moitos lugares o firme do asfalto é irregular ou case inexistente, por suposto, hai zonas onde non é o concello quen pode levar a cabo as obras necesarias, o que non lle exime da obriga de instar, exixir, por exemplo, a Fomento, que faga o necesario para velar pola seguridade viaria en Santiago, sobretodo, en moitos casos, dos motoristas.

Dende EU Compostela sempre se criticou a tan nefasta obsolescencia programada do capitalismo que busca, por exemplo, que a vida útil dos bens privados sexa a menor posible para fomentar o consumismo. Obsolescencia que xa é nefasta no ámbito privado, e que obviamente non pode rexer as medidas que se leven a cabo desde calquera administración pública, porque o Consello Comarcal de EU Compostela non comprende que en so catro anos poida haber estas graves deficiencias no firme deste periférico, se as obras realizadas por aquel entonces foron as adecuadas tanto nos materiais empregados como nos tempos de execución, e non un mero parche temporal para cubrir o expediente coas graves consecuencias que hoxe se poden ver, provocando que sexa necesario unha nova actuación que, se así se desexa, poder publicitar en esta época pre electoral.

Por último, por ser o máis importante, Esquerda Unida Compostela defende que en materia de tráfico rodado metropolitano calquera medida que se realice ten que ter como premisa primordial a redución dos vehículos que diariamente transitan polas distintas estradas da cidade, defendendo, unha vez máis, a elaboración de un Plan de Mobilidade Global e Sustentable económica e medioambientalmente que axude, non so a frear o deterioro do firme, se non a crear unha cidade máis habitable e cohesionada, e por suposto máis ecolóxica e con menor contaminación acústica

lunes, 21 de febrero de 2011

Moción derrogación de Lei de augas de Galicia

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela presenta unha nova moción, nesta ocasión esiximos a Derrogación da Lei de augas de Galicia, propoñendo ó Pleno que acorde instar á Xunta de Galicia a derrogar a Lei 9/2010, do 4 de novembro, de Augas de Galicia, norma recadatoria e privatizadora dun ben público fundamental. En particular instamos a eliminación dos artigos 8 e 9 da lei e o título IV da presente Lei.

viernes, 18 de febrero de 2011

Moción Herminio Barreiro

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela presentou hoxe unha nova moción, nesta ocasión pedimos que se adxudique unha rúa o praza a Herminio Barreiro. Iniciativa que conta co apoio do S.N. de CCOO e da Fundación 10 de Marzo.

jueves, 17 de febrero de 2011

Comunicado sobre o urbanismo de Santiago

ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA DENUNCIA A POLÍTICA DO LADRILLO, UNHA DAS CAUSAS DA CRISE, SENDO SANTIAGO ÚNICA CIDADE DE GALICIA ONDE OS PREZOS AUMENTAN.

EU MANIFESTA A SÚA OPOSICIÓN Á MODIFICACIÓN DO PXOM QUE SUPÓN MÁIS AUMENTO DE VIVENDAS NA CONTORNA RURAL DO CONCELLO .


Esquerda Unida Compostela sempre defenderá o dereito constitucional de cada persoa a unha vivenda digna. Unha das maiores obrigas que han de rexer as actuacións que leven a cabo os concellos, como poder público que son, é promover as condicións e as normas precisas para facer efectivo ese dereito, tal como di o artigo 47 da Constitución Española.

Para que este dereito sexa real, desde Esquerda Unida Compostela levamos propoñendo con insistencia desde hai anos que o concello de Compostela poña en marcha políticas activas de vivendas sociais. Entre outras moitas medidas posibles, é prioritaria a creación dun parque público de vivendas en réxime de aluguer cun prezo xusto, isto é, cun prezo non ditado polo mercado que só quere maximizar a toda costa a marxe de beneficios. Outra medida, que xa rexistramos como moción no concello, é a elaboración dun censo de vivendas baleiras, practicando a estas vivendas unha recarga no IBI até o máximo que permita a lei, co fin de “incentivar” a súa incorporación a ese parque público.

O que provoca e provocará sempre o maior rexeitamento por parte do Consello Comarcal de EU, é o modelo urbanístico do actual equipo de goberno que só beneficia aos axentes do capital (promotores inmobiliario, empresas construtoras, mediadores, bancos e entidades financeiras, taxadores, etc.) que especularon co valor do solo e a construción e encareceron até a imposibilidade o acceso a unha vivenda digna. Sirvan de proba os datos que certifican que Compostela é a única cidade galega onde aumenta o prezo da vivenda nova e onde se rexistran os prezos de aluguer máis elevados, e iso a pesar de que a meirande parte do construido na cidade foi vivenda de protección oficial...pero claro, cuns prezos acordes ao mercado e aos seus axentes capitalistas. O concello como poder público debe, por imperativo constitucional, exercer de forma activa un control da especulación para freala e limitala ao máximo posible.

Temos serias dúbidas de que o anuncio realizado desde o concello de aumentar a densidade de vivendas en 18 solos urbanizables non delimitados de Compostela responda a ese imperativo constitucional. O argumento empregado para xustificar dito aumento non o podemos compartir, xa que o problema real non é a porcentaxe (40%) de vivendas de protección oficial que os construtores teñen que reservar e ofrecer, senón a propia compra-venda especulativa sobre o solo e a propia construción, que considera a vivenda non un valor de uso senón de cambio. Os prezos resultantes son os do lucro, non os da xustiza social. Así, nestes tempos de crise e naufraxio, non pode resultar abraiante que aumente o número de persoas que se ven “expulsadas” do acceso a unha vivenda digna, sexa en réxime de propiedade, sexa de aluguer.

Por riba, o anuncio do concello vai contra a racionalidade pública e ecolóxica. Insístese no modelo de cidade difusa, con todos os problemas que xera en cuestión de provisión de servizos e aumenta o deterioro medioambiental.

Dende Esquerda Unida Compostela queremos recordarlle ao equipo de goberno do Concello que a súa función non é velar polos beneficios privados de promotoras e construtoras, senón que debe actuar en beneficio do interés xeral das persoas, exercer de poder público para controlar a especulación e desenvolver políticas activas de vivendas sociais para cumprir co artigo 47 da Constitución Española.

Febreiro 2011.

miércoles, 16 de febrero de 2011

Comunicado sobre o estudo tren de proximidade

COMUNICADO DE PRENSA .

O CONSELLO COMARCAL DE EU AGARDA QUE O ESTUDO ADXUDICADO PARA VER A VIABILIDADE DO PROXECTO SEXA UN COMPROMISO PARA LEVAR A CABO AS OBRAS PERTINENTES, E NON MERO GASTO DE CARTOS PÚBLICOS CON FINS ELECTORALISTAS.

ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA REITERA, UNHA VEZ MÁIS, A SÚA DEFENSA DO TREN DE PROXIMIDADE COMO UNHA IMPORTANTE MEDIDA PARA MELLORAR O TRANSPORTE PÚBLICO .


Esquerda Unida Compostela recibe con agrado, pero con prudencia, as novas aparecidas nas que o Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, informa que se adxudicou con carácter definitivo o estudo de viabilidade para o tren de proximidade para a área de transporte metropolitano de Santiago.

A prudencia que manifestamos débese, en primeiro lugar, á enorme cantidade de diñeiro que lle vai custar ao erario público, case 500.000 euros, e coñecemos de viva voz a realización de estudos técnicos na nosa cidade que custaron moito diñeiro público e que logo non se levaron a cabo e morreron esquecidos; en segundo lugar, as datas nas que se anuncia a adxudicación do estudo son sospeitosamente electoralistas, e todo pode quedar en mera publicidade, nunha nova promesa que logo se volve fume e vento.

Desde Esquerda Unida Compostela agardamos que esta enorme carga de diñeiro público sexa efectiva e que o próximo equipo de goberno da nosa cidade sexa quen de converter en realidade a existencia dun tren de proximidade en Compostela. Só agardamos que ese proxecto non se realice poñendo énfase na intencionalidade de rendibilizar a conectividade coa Cidade da Cultura, xa que entendemos que os problemas de mobilidade son moito máis amplos. Por iso, consideramos imprescindible que o estudo se conecte cun Plan de Mobilidade global.

Esquerda Unida Compostela manifesta, unha vez máis, que un transporte público eficiente e que satisfaga as necesidades da sociedade é unha das mellores medidas para lograr unha cidade máis habitable, máis saudable, máis ecolóxica e cohesionada socialmente.


Febreiro de 2011

martes, 15 de febrero de 2011

Homenaxe a Herminio Barreiro

Dende Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela animámosvos a acudir a Homenaxe ó compañeiro Herminio Barreiro, que se levará a cabo o vindeiro xoves, día 17 de febreiro, ás 20:00 no Paraninfo da Universidade de Santiago (Facultade de Xeografía e Historia).

lunes, 14 de febrero de 2011

Moción Refuxio de Bando

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, ante as queixas recibidas e as últimas novas aparecidas sobre o Refuxio de Animais de Bando, presentamos a seguinte moción na que pedimos a mellora do funcionamento deste Refuxio, evitando sacrificios innecesarios de animais, pedindo tamén que Santiago prohiba dar morte a calquera animal doméstico ou salvaxe que non supoña ningún perigo grave para a saúde pública, exceptuando algúns tipos de eutanasia que teñen como fin acabar co sufrimento de animais enfermos e, por suposto, a realización das oportunas campañas de concienciación.

jueves, 10 de febrero de 2011

Xuntanza coa AVV A Xuntanza

COMUNICADO DE PRENSA .

ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA REÚNESE COA ASOCIACIÓN DE VECIÑOS E VECIÑAS “A XUNTANZA” DO BARRIO DE SAN PEDRO.

A ASOCIACIÓN MANIFESTA O SEU CONVENCEMENTO, QUE EU COMPOSTELA COMPARTE, DE QUE A SOLUCION AO PROBLEMA DO TRAFICO NA CIDADE TEN QUE SER GLOBAL, E NON MEROS PARCHES POR BARRIOS.


Unha delegación de Esquerda Unida Compostela, encabezados polo coordinador comarcal Xabier Ron, reuníronse o mércores 9 de febreiro coa directiva da asociación de veciños e veciñas “A Xuntanza” do barrio de San Pedro, dentro do programa de visitas ao tecido do movemento asociativo e veciñal de Compostela, co fin non só de pulsar as distintas opinións sobre a situación da cidade, e coñecer de primeira man as súas eivas e tamén as posibles solucións, senón tamén de facelos partícipes na conformación do programa político e social de cara ás vindeiras eleccións municipais.

Durante a reunión os directivos e directivas da asociación manifestaron as súas queixas pola deficiente maneira de levar a cabo o Concello as distintas xestións do proxecto Urbana Norte, crítica que Esquerda Unida Compostela comparte tanto pola deficiente e escasa información que da o equipo de goberno como pola reticencias, unha vez máis, de facer real e efectiva a participación cidadá neste proxecto.

Un dos principais temas abordados neste encontro foron os problemas de mobilidade, que van máis aló dun problema de tráfico, as súas consecuencias e a búsqueda de solucións. A Xuntanza expuxo que calquera actuación que se realice neste ámbito, ten que estar enmarcada na realización dun Plan de Mobilidade global que axude a atopar medidas concretas e efectivas, e non o continuísmo da política de meros parches por barrios.

EU Compostela concorda completamente con esta proposta, incidindo, unha vez máis, que calquera plan de mobilidade sostible economica e medioambientalmente ten que ter como premisa indiscutible a redución do tráfico rodado na cidade amais de integrar un plan director da bici, un estudo da accesibilidade, unha planificación do transporte público en todas as súas variables, e, por suposto, debe realizarse contando coa participación dos veciños e veciñas de todos os barrios de Compostela.

Febreiro 2011

martes, 8 de febrero de 2011

Moción creación Casa das Mulleres

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, como xa fixera o 25 de novembro pasado o presentar unha moción pedindo unha casa de acollida para mulleres maltratadas, prosegue a súa defensa pola igualdade de xénero, nesta ocasión presentado unha nova moción, na que pedimos que se promova o proxecto, xa existente noutras cidades, da Casa das Mulleres, un espazo de participación colectiva e non institucionalizado que axude na loita contra esta lacra machista.

martes, 1 de febrero de 2011

Moción beirarrúas en Divina Pastora

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela presenta unha nova moción, nesta ocasión pedimos a construción de beirarrúas en Divina Pastora.