sábado, 31 de diciembre de 2011

Valoración Pleno decembro

Proseguindo co seu compromiso coa cidadanía que deposita a súa confianza nesta organización, o representante do Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, Vicente Vázquez acudiu ó Pleno para valorar o que alí se faga ou diga.

Nesta ocasión cabe destacar que o Pleno comezou coa novidade, grazas a este goberno que se farta de pregoar a súa austeridade, dun gasto de 8.000 euros en sendos retratos dos xefes do Estado.

O Pleno comezou, como en outras ocasións, coa protocolaria aprobación dos primeiros puntos da orde do día sen maior debate que ratificar por asentimento a unanimidade nestes puntos.

Foi a partir do terceiro punto da orde do día onde se empezou a producir o debate entre as distintas organizacións políticas. Este punto era sobre a ordenanza reguladora da publicidade e rotulación, finalmente aprobada cos votos a favor do PP e en contra do PSdG e o BNG.

No debate, profundamente técnico no tocante a multitudes de normas ou leis nomeadas para a defensa das distintas posicións, quedou constancia da premura coa que foi presentada esta ordenanza, que impediu facer achegas, facendo necesario que a representante do PP se vira no obriga de recoñecer que non é unha ordenanza pechada.

EU Compostela quere recalcar, no tocante a este punto, que de ningunha maneira se apoiaría unha norma liberalizadora da publicidade que permitira o uso abusivo de certos soportes publicitarios como, por exemplo, os luminosos que dende o Consello Comarcal de EU Compostela consideramos que só se deberían utilizar en edificios públicos, tales como hospitais ou centros de saúde, que axuden visibilizar a súa ubicación pero que consideramos un dispendio inútil de enerxía se se utilizan, entre outros usos, para facer rechamantes fachadas de centros comerciais.
Tamén queremos recalcar que neste punto coincidimos coa postura do BNG, que remarcou que no caso de levar a cabo esta ordenanza sería o lóxico que as multas polo seu incumprimento foran o suficientemente altas como para no ser rentable imcumprir dita ordenanza, tendo como respostas un asentimento pola representante do PP a micrófono pechado.

Por último dende o Consello Comarcal de EU Compostela queremos mostrar que no relativo a rotulación no Casco Histórico, coincidimos por unha vez coa postura mostrada co alcalde Conde Roa, ratificando a necesidade de regular o tipo de letreiros que nesta parte da cidade, e evitar tal como expuxo o Alcalde rotulacións tan inapropiadas como a dunha franquicia de pizzas na rúa das Orfas.

Proseguiu o Pleno cunha proposición do PP para crear unha comisión de estudo de accesibilidade, aprobada por unanimidade. Por suposto EU Compostela está totalmente a favor desta comisión, sempre que sexa eficaz e efectiva e non un mero fogo de artificio retórico. Normas sobre accesibilidade universal, hainas, só hai que aplicalas conforme a unha planificación real, por iso, consideramos imprescindible que este estudo se articule en torno a un Plan Local para a Inclusión Social. Para avanzarmos neste eido e termos un Concello Inclusivo, é preciso que as decisións a este respecto se tomen contando coa participación dos diferentes axentes sociais implicados no proceso da accesibilidade universal, tal como propoñía Esquerda Unida no seu programa político das municipais 2010.

Por iso, agardamos que o posicionamento do PP sexa real e que esta comisión sexa aberta á participación, sobretodo, das entidades que traballan por e para as persoas con mobilidade reducida, e que a redacción do proxecto de cidade accesible, finalidade de tal comisión, sexa froito dunha elaboración conxunta e sometida ao necesario de debate.

No tocante a este punto EU Compostela quere remarcar o seu claro posicionamento por unha cidade accesible demostrado nas distintas mocións presentadas como, por exemplo, a que se rexistrou o pasado 25 de abril de 2011 na que se pedía a correcta sinalización e coas dimensións pertinentes das prazas de aparcamento para persoas con discapacidade na vía pública ou a moción rexistrada o pasado 12 de novembro de 2010 na que se esixía a adecuación das beirarrúas nos pasos de peóns ás persoas con mobilidade reducida.

O seguinte punto da orde do día foi unha proposición do PSdG sobre a actividade turística que foi desestimada cos votos en contra do PP, a favor do PSdG e a abstención do BNG.

Sobre o debate deste punto o Consello Comarcal de EU Compostela critica a actitude belixerante mostrada pola representante do PP, Reyes Leis, que sen ningunha motivación, pois os demais grupos municipais defenderon a súa posición sen recurrir a violencia verbal mostrada por esta concelleira, provocou certa crispación no Pleno que “curiosamente” rematou cunha chamada de atención ao representante do PSOE, Bugallo, que contestou airadamente, e até certo punto comprensiblemente, a unha recriminación por parte da representante do PP que non tiña por que se ter producido.

Sobre os argumentos escoitados o Consello Comarcal de EU Compostela preocúpase de que ningún dos grupos municipais expuxo medidas para un turismo alternativo ao xa existente centrándose case por completo o debate no aeroporto da cidade e na súa centralidade, é dicir, o perpetuo debate de sempre que nin PP, PSdG e BNG queren solucionar dende o Parlamento de Galicia, fomentando os nefastos localismos entre Coruña, Vigo e Santiago.

Proseguiu o transcorrer do Pleno coa proposición do BNG de instar a Fomento abaratar as tarifas do AVANT, que foi aprobada por unanimidade despois de aceptar o BNG as modificacións propostas polo PP, como que a quen se debe instar a abaratar as tarifas do AVANT é a RENFE e non a Fomento.

Como xa é habitual o grupos políticos centraron o debate nas sempiternas críticas entre partidos polos retrasos neste dispendio que supón o AVE, mantendo dende EU Compostela o posicionamento, ratificado unha e outra vez publicamente, na defensa, fomento e habilitación do tren de proximidade ou o de media distancia para vertebrar e cohesionar o territorio tanto a nivel comarcal como autonómico.
Por puro protocolo cumpriuse o trámite de dar conta de distintos informes, resolucións... sen maior debate que mencionar en voz alto o exposto na orde do día.

O decimosegundo punto da orde do día foi a comparecencia de Reyes Leis para definir con claridade o posicionamento do actual equipo de goberno do PP sobre a feira de gando de Amio.

A priori EU Compostela valora positivamente a actitude mostrada polo PP de manter as negociacións cos gandeiros e tratantes para que a feira de gando se quede na cidade. Dende o Consello Comarcal de EU Compostela queremos manifestar que se a feira se mantén por agora en Santiago é pola mobilización e traballo realizado pola plataforma cidadá en defensa do mercado de Amio, da que Esquerda Unida forma parte. EU Compostela proseguirá seu traballo para que o cambio mostrado sexa real e se evita a maxadería que supuña a ocorrencia do señor Rueda acatada polo señor Conde Roa.
O Pleno concluíu cun rogo e 3 mocións. O rogo foi do BNG sobre o uso do galego e tamén unha das mocións, que versaba sobre a tarxeta sanitaria, similar a presentada por Esquerda Unida o 2 de decembro, que foi rexeitada polos votos do PP.
Tamén foi rexeitada cos votos do PP a moción do PSdG para instar a cubrir o antes posible as prazas dos profesores de baixa, e unicamente se aprobou cos votos do PP e PSdG , e a abstención do BNG, a moción para intentar acoller un cumio da UE.

lunes, 26 de diciembre de 2011

Mesa Redonda Amio

A plataforma cidadá en defensa da feira de Amio, da que EU Compostela forma parte, levará a cabo unha mesa redonda á que están convidados o alcalde Conde Roa ou algún representante do seu equipo de goberno, a Cámara de Comercio, a asociación de hostalería, a concesionaria actual da feira e diferentes membros da plataforma.
Esta mesa redonda sobre Amio terá lugar o luns, día 26 de decembro, ás 20:15 na Aula de Cultura do Centro Social Novacaixagalicia sito na Pza. de Cervantes, 17.
Dende o Consello Comarcal de EU Compotela animámosvos a acudir. 

martes, 20 de diciembre de 2011

Xuntanza coa AVV Francisco Asorey da Almáciga

O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA PROSEGUE COAS XUNTANZAS CO TECIDO ASOCIATIVO DA CIDADE REUNÍNDOSE COA AVV FRANCISCO ASOREY DA ALMÁCIGA.

EU COMPOSTELA REITERA O SEU POSICIONAMENTO A FAVOR DUN TRANSPORTE PÚBLICO QUE CUMPLA AS REIVINDICACIÓNS VECIÑAIS E CO ARRANXO DE BEIRARRÚAS E ESTRADAS.

Os representantes do Consello Comarcal de EU Compostela, María Rozas, René Gamborino e Vicente Vázquez, mantiveron unha xuntanza coa directiva da AVV Francisco Asorey da Almáciga, dentro programa de visitas ó tecido do movemento asociativo da cidade co fin de pulsar as distintas opinións sobre a situación da cidade, e coñecer de primeira man as súas eivas e tamén as posibles solucións.

No referente ó barrio da Almáciga, Esquerda Unida Compostela sempre defendeu que a mellor maneira de dar resposta á antiga reivindicación veciñal de facilitar o acceso até a zona máis alta do barrio, de certa dificultade para moitas persoas dada a gran pendente existente, era, e o sigue sendo, que a liña ou liñas pertinentes do transporte público fagan este servizo.

Por iso compartimos a decisión tomada pola asociación de veciños Francisco Asorey da Almáciga de aceptar a proposta do actual equipo de goberno do PP de que, a cambio de non levar a cabo a construción do elevador proxectado, sería o autobús urbano o encargado de prestar este servizo a cidadanía.

Por suposto o Consello Comarcal de EU Compostela considera moi acertada a decisión da AVV de aproveitar os 700.000 euros orzamentados para o elevador para, tal e como se acredita no proxecto presentado ó alcalde Conde Roa, realizar os arranxos necesarios en beirarrúas e estradas, dende pasamáns para facilitar o ascenso nas pronunciadas costas até a obra necesaria para facilitar o acceso do autobús urbano.

Por último dende Esquerda Unida criticamos que en moitos casos, aínda a día de hoxe, a zona de residentes para aparcar neste barrio non son máis que liñas pintadas no asfalto e sinais verticais, que non solucionaron os problemas sobretodo pola noite, acreditando unha vez máis que o anterior equipo de goberno fixo moitas actuacións sen maior intención que a electoralista.

viernes, 16 de diciembre de 2011

Acto Foro Galego de Inmigración

O Foro Galego de Inmigración, do que Esquerda Unida forma parte, desenvolverá, en relación coa celebración do Día Mundial das Persoas Migrantes, un acto lúdico-reivindicativo que terá lugar no salón de actos do Museo do Pobo Galego e na Praza do 8 de Marzo entre as 11:00h e as 14:00h do domingo día 18 de decembro, que incluirá actuacións musicais e lúdicas. No transcurso do mesmo diferentes persoas de diferentes colectivos de migrantes afincados na cidade lerán o Manifesto Revindicativo. Este Acto conta co apoio e colaboración de colectivos veciñais e sociais do Barrio de San Pedro. 
Dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela animámosvos a participar.

viernes, 2 de diciembre de 2011

Moción defensa cobertura sanitaria universal

O Consello Comarcal de EU Compostela presentou unha nova moción, nesta ocasión esiximos, dentro das súas posibilidades, que o Concello de Santiago defenda a sanidade pública gratuita e universal, tralas recentes actuacións da Xunta de Galicia.


 Aquí tedes o texto da moción:

Todas as Administracións Públicas deben velar, dende as súas competencias, polo respecto e defensa dos dereitos básicos da cidadanía.

En Galicia, debido á Orde de 5 de setembro de 2011, estase producindo unha situación de desamparo para as persoas sen recursos económicos suficientes, para as persoas que en situación de desemprego de longa duración, asi como tamén discrimina ás persoas extranxeiras; estase xerando unha vulneración no seu dereito básico á saúde e causa unha grave eiva na universalidade e equidade da sanidade pública.

Resulta inconcebible que unha persoa quede, o tempo que sexa, sen cobertura sanitaria e farmacolóxica, e, non obstante, debido á aplicación da Orde xa referida, as persoas sen recursos ou que esgotaran a súa prestación por desemprego, que non foron informadas de forma axeitada sobre este feito, son dadas de baixa no sistema da seguridade social e vénse privadas do dereito á atención médica e farmacolóxica habitual, producíndose verdadeiros casos abraiantes de persoas con necesidades de tratamento oncolóxico, e que se viron igualmente afectadas.

O proceso de tramitación da nova tarxeta (chamada Código 29, que é no fondo unha especie de lista B e que debería darnos vergoña en tanto que etiqueta ás persoas en base á súa condición laboral), amais de que xa non debera nin existir, resulta farragoso, e tarda máis do que se pode permitir unha persoa enferma. E, por riba, nese tempo de baleiro están na obriga de abonar o custo das consultas que realicen. E, desde logo, dicir que vaian todos a urxencias é un despropósito funcional e operativo. E, no tocante ás persoas migrantes esíxelle unha antigüidade mínima no padrón de 183 días para poder solicitar a tarxeta sanitaria, o que contradí claramente a Lei Orgánica sobre Dereitos e Liberdades dos Estranxeiros en España e a súa Integración Social, que en ningún momento esixe prazo algún para equipar os dereitos sanitarios dos españois e estranxeiros.

Polo tanto, debido aos distintos trámites burocráticos que estas persoas teñen que realizar para contar cunha prestación sanitaria acorde a lei, deberán ter o gasto económico que supón abonar os importes establecidos no Decreto 209/2011 do 27 de outubro.

Por outra banda, segundo datos do Defensor do Pobo e do estudo que o Ministerio de Sanidade realizou a instancias do grupo parlamentario de Izquierda Unida no Congreso dos Deputados, entre 90.000 e 180.000 persoas carecen actualmente en España de cobertura sanitaria.

Dende Esquerda Unida entendemos a sanidade como un servizo universal e gratuíto ao que ten dereito toda a cidadanía sen excepcións.

Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao Pleno do concello de Santiago a seguinte proposta de

ACORDOS

Primeiro.- O Pleno do Concello de Santiago de Compostela manifesta a necesidade de reformar a Constitución Española para que de maneira explícita se garanta a cobertura sanitaria e farmacéutica en tanto que dereito esencial para toda a cidadanía.

Segundo.- O Pleno do Concello de Santiago de Compostela, mentres non se produza a citada reforma constitucional, insta ao Goberno central e a Administración autonómica a que modifiquen as normas legais necesarias para garantir que ningún cidadán neste país quede en ningún momento sen cobertura sanitaria e farmacéutica.

Terceiro.- O Pleno do Concello de Santiago de Compostela, insta ao Presidente da Xunta de Galicia, D. Alberto Núñez Feijoo a modificar con carácter de urxencia o procedemento de funcionamento vixente, e que se evite que ningún cidadán quede sen cobertura sanitaria e farmacéutica baixo ningunha circunstancia.

jueves, 1 de diciembre de 2011

Moción axudas pago hipoteca ou aluguer

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela presentou hoxe unha nova moción, nesta ocasión pedimos que nos orzamentos municipais se reserve, todos os anos, a partida pertinente para axudar no pago total ou parcial da cota da hipoteca ou aluguer a persoas en situación de emerxencia social, con grave risco de perder o seu dereito constituacional a unha vivenda digna.










Aquí tedes o texto da moción:
 
Esquerda Unida Compostela considera que todas as Administracións Públicas teñen a obriga de cumprir co rol fundamental de prestar servizos públicos permanentes e de calidade que axuden á cidadanía tanto en tempos de grave crise coma os actuais coma no de supostas épocas de bonanza.

Os axentes sociais do noso Concello alertan que a situación de abafo está afectando a cada vez máis persoas que, sen emprego e sen coberturas, corren o risco de perder a súa vivenda habitual para a que destinan case todo o seu salario (en réxime de alugueiro ou en réxime de propiedade), quedándolles moi pouco para satisfacer outras necesidades básicas (alimentación, roupa...). Ademais de perderen o seu dereito constitucional a unha vivenda digna, estas persoas poderían encamiñarse cara a unha situación de risco de exclusión social.

Por iso, entendemos prioritario que o Concello asuma, despois de reunirse cos axentes sociais, destinar unha determinada porcentaxe dos vindeiros orzamentos –e con criterio de continuidade nos vindeiros exercicios orzamentarios- para facerlle fronte a esta situación de emerxencia social. En dito encontro deberían formalizarse os requisitos da convocatoria anual para acceder á axuda, especificar os tramos e as contías a percibir de forma clara, asi como os criterios de exclusión.

En boa lóxica, e en unión cos axentes sociais do municipio, coordinados polo departamento de servizos sociais, debe conformarse un órgano de supervisión e xestión que vele polo bo uso das axudas e que, de forma previa, realice un estudo que certifique as persoas demandantes cumpren cos criterios de acceso que se fixen, que controle que a axuda se destina para permitir o mantemento do pago da hipoteca da vivenda habitual. Semella innecesario dicir que esta axuda desaparece en canto a causa que provoca a súa concesión desaparece. E, ao mesmo, debe garantirse que se cumpren os criterios de confidencialidade necesarios.

Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao Pleno do concello de Santiago a seguinte proposta de

ACORDOS

Primeiro.- Crear unha convocatoria anual, a cargo dos orzamentos do Concello, de axudas para o pago da hipoteca ou alugueiro en situacións de emerxencia social.

Segundo.- Manter un encontro cos axentes sociais do municipio para conformar as bases que regularían dita convocatoria, con criterios claros á hora da concesión ou á hora da denegación.

Terceiro.- Articular un órgano de xestión e supervisión, con participación dos axentes sociais, para garantir que as demandas e as axudas se destinan ao fin da convocatoria.

Cuarto.- Desenvolver unha campaña informativa para dar a coñecer a súa existencia.

viernes, 25 de noviembre de 2011

Valoración Pleno de novembro

Proseguindo co seu compromiso coa cidadanía que deposita a súa confianza nesta organización, ratificados co excelente resultado electoral tanto en maio, no que unha lei electoral inxusta impediu que Xabier Ron representara a EU no Concello, coma os máis recentes do 20N con máis do 5% de votos, representantes do Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela acudirán ós Plenos para valorar o que alí se faga ou diga.

Nesta ocasión cabe destacar que o Pleno comezou con retraso, e cando comezou non foi presidido polo actual alcalde, posto que chegou con máis retraso todavía, sendo a explicación máis plausible, aínda que non confirmada, que se esquecera do cambio de horario do Pleno das seis da tarde ás cinco e media.

No tocante ao transcurso do Pleno comezou con consenso unánime nos primeiros puntos da orde do día, sen maior debate que ratificar o posicionamento a favor dos distintos grupos municipais en temas protocolarios de actas, modificacións urbanísticas no SUP5 e desestimación de recursos de reposición.

O máis relevante do que aconteceu no resto do Pleno foi en primeiro lugar o debate da proposición do PSdG sobre a creación da comisión municipal de absentismo escolar, sendo desestimada cos votos en contra do PP, a abstención do BNG e a favor do PSdG.

Dende EU Compostela consideramos que o decrecemento que se está obter no tema do absentismo é, sobretodo, grazas a vontade do profesorado, e en relación a proposta do PSdG cremos que, existindo órganos educativos xa creados, coma o Consello Municipal de Educación, sería preciso canalizar desde este Consello os traballos de seguemento sobre o tema do absentismo e sobre outros relacionados co ensino público. Diríamos que é preferible dinamizar e poñer a funcionar ben o xa existente que crear novas estruturas.

O punto que máis controversia suscitou foi a proposta do PSdG sobre celebrar vodas civís os sábados pola tarde, proposta que contaba co apoio do BNG, pero que foi desestimada cos votos en contra do PP.

Sobre este punto dende EU Compostela queremos reflictir que no debate realizado o PP recorreu á demagoxia ao utilizar o argumento de non ter cartos para pagar as horas extras, mencionando expresamente a unha traballadora alí presente para cimentar o seu argumento, obviamente acusando ao anterior equipo de goberno de deixar o orzamento para horas extras totalmente esgotado. Concluíndo a súa argumentación coa pueril escusa de que se realizaban vodas un sábado pola tarde tamén habería que abrir o rexistro por se alguén quería consultar planos...
Dende EU Compostela consideramos que, dado a vida laboral da maioría da veciñanza, o sábado pola tarde é unha data concorrida para poder levar a cabo o casamento, e posto que unha labor do Concello debe ser prestar un servizo que a cidadanía reclama, consideramos que como mínimo o sábado pola tarde debería darse este servizo, excluíndo se non é posible domingos e festivos, por suposto, acorde á capacidade económica de cada parella, facer unha progresividade nas taxas a pagar.

O punto que espertou máis coincidencias, aprobado por unanimidade, foi a proposta de derrubo da Casa da Xuventude, que EU Compostela tamén apoia, sempre que antes deste derrubo todos os servizos que alí se prestaban teñan outra ubicación operativa, que, segundo verbas do alcalde, parece estar entre dous emprazamentos preto do Campus Sur. Dende o Consello Comarcal de EU Compostela tamén queremos remarcar que unha mellor planificación das actuacións urbanísticas por parte do Concello evitaría recorrer a este tipo de medidas.

Onde EU Compostela se mostra totalmente contraria a decisión tomada polo Pleno do Concello, cos votos a favor do PSdG e PP e a abstención do BNG, é coa petición que o Concello de Santiago fará a Xunta de Galicia para que no 2014 se retome a construción dos edificios da CdC que aínda quedan por construír. A postura de EU Compostela é que NON se debe proseguir coa edificación de ningún edificio máis. O xa existente debe servir para aforrar gastos en dispersión administrativa. Remarcamos que a cultura non debe estar enlousada en grandes mausoleos e si na rúa ou en pequenos espazos achegados á cidadanía, polo que a argumentación do BNG de planificación cultural da CdC, mencionando unha pinacoteta, parécenos unha mera excusa para xustificar o desbaldimento de recursos que supón a Cidade da Cultura e tamén para non se posicionar sobre este aspecto. Pensar en rematar o mausoleo, precisamente cando lles escoitamos de forma permanente que non hai diñeiro e que hai que recurtar, cando apretan o cinto da cidadanía con políticas de axuste, seméllanos unha enorme aberración insistir no remate dos edificios que restan. Estase xustificando o inxustificable. A CdC, xa desbalde recursos inxentes, pero, de rematarse, esta partida sería cáseque letal para os axentes da cultura de base que ollan como os seus proxectos esmorecen por falla de recursos...precisamente por parte das administracións públicas...que prefiren xogar a seren “deuses” no cumio do desbaldimento a seren xustos e redistribuir o “pouco” que din ter de forma equitativa. Fronte a unha CdC cabe antes a recuperación dos espazos culturais propios da cidade: Sala Yago, Sala Nasa, etc.

O Pleno concluíu con temas menores sen maior relevancia que seguir a orde do día marcada.

jueves, 24 de noviembre de 2011

Comunicado polo 25N

ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA APOIA ÁS REINVINDICACIÓNS DO DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA CARA ÁS MULLERES.



O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA RECLAMA A TODAS AS ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS A DOTACIÓN DOS RECURSOS MATERIAIS E HUMANOS NECESARIOS PARA FACER EFECTIVOS OS PLANS DE IGUALDADE.

Esquerda Unida Compostela reitera o seu compromiso na loita contra a violencia de xénero, recalcando unha vez máis que unha das medidas máis efectivas é o fomento dunha educación fundamentada en valores como a igualdade, a non discriminación e o respecto.

O Consello Comarcal de EU Compostela, ratificando este compromiso contra a lacra do machismo, presentara unha moción, o pasado 25 de novembro de 2011, reclamando unha casa de acollida, recibindo con satisfacción o recente anuncio da súa creación, mais sempre alerta para velar pola súa titularidade e xestión pública e, por suposto, pola súa eficacia e eficiencia.

Tamén, proseguindo co noso ideario baseado en que a mellor forma de acadar a necesaria igualdade de xénero é a educación, presentamos o pasado 8 de febreiro de 2011 unha moción para a creación da Casa das Mulleres, un espazo público aberto a participación individual ou en colectivos, no que as persoas poidan debater e reflexionar para a consecución da igualdade real entre mulleres e homes.

Por último o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela lamenta a morte de mulleres perpetrada pola man machista, tanto ten o número, porque sempre será un número elevado que demostra, por desgraza, que aínda queda moito por facer. Por iso, reclamamos, unha vez máis, neste día internacional contra a violencia machista, que tanto o Concello, como outras administracións públicas, e por suposto de toda a cidadanía, se erixan en fronte común contra o machismo e a cultura patriarcal que impregnan aínda a nosa sociedade.

martes, 22 de noviembre de 2011

Valoración resultados electorais

ESQUERDA UNIDA OBTÉN NA COMARCA DE SANTIAGO OS MELLORES RESULTADOS NUNHAS ELECCIÓNS XERAIS

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA AGRADECE AOS MILLEIROS DE PERSOAS QUE CONFIARON NESTA ORGANIZACIÓN O SEU APOIO A ESTE PROXECTO POLÍTICO E SOCIAL.

EU Compostela rexistrou os mellores resultados históricos nunha eleccións xerais, superando o 5% de votos e case 3.000 votos, que acreditan o traballo realizado pola militancia e simpatizantes para consolidar a Esquerda Unida como referente da esquerda alternativa e transformadora e que asentan esta organización como a cuarta forza política da comarca, en franca ascensión.

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela desexa agradecer o todas as persoas que depositaron unha vez máis a súa confianza, a través do seu voto, na nosa organización certificando o constante crecemento de EU, que refrenda o rexistrado con anterioridade nas eleccións municipais de maio de 2011, onde, só unha lei electoral inxusta, co seu inxustificable solo do 5%, impediu a presenza da nosa organización no Concello de Santiago.

Pero o noso crecemento é xeral. Así, non só en Compostela se certifica que o referente anticapitalista de Esquerda Unida acada cada vez máis apoio, pois en Ames experimentouse un crecemento que chega ao 5,65 % para 861 votos; mentres que noutros concellos limítrofes coma Brión (preto dun 4 %) ou Teo (un 4,15 %) experimentamos tamén unha suba relevante que incentiva aínda máis o traballo da nosa organización a nivel comarcal.

En Galicia o salto do 1,37 % [25.308 votos] a un dinamizador 4,12 % [67.182 votos] significa non só motivación e ánimo para a nosa organización, senón que supón cotas históricas de confianza cidadá no proxecto de esquerda plural que EU desexa levar máis aló das institucións.

Transmitímoslle a todas as persoas que nos apoiaron que seguiremos traballando duro, que loitaremos sen repouso para denunciar toda vulneración de dereitos da clase traballadora. Todas e cada unha das persoas que nos votaron deben saber que os 11 deputados presentes en Madrid son os seus deputados e que levarán adiante canta demanda e reivindicación sexa preciso esixir desde a comarca de Compostela.

Damos a noraboa a todos os compañeiros e compañeiras que nos representarán, que exercerán a tarefa de denunciar as nefandas estratexias neoliberais que, de seguro, tentará poñer en marcha a maquinaria da dereita. Rematamos querendo remarcar que, cunha lei electoral xusta, no que unha persoa un voto sexa unha realidade, serían 25 representantes e non 11 os que loitarían pola mellora dos dereitos cidadáns e contra os seus inxustificables e inxustos recortes.

viernes, 18 de noviembre de 2011

Hai Alternativa

Non é doado. Non. Mais é necesario. Hai alternativas. Só cómpre vontade política. Cómpre unha ideoloxía de esquerdas, transformadora para frear, primeiro, e someter ao regulamento do fin social, aos donos do mercado. Non é fume. É realidade.

O pobo, certo é, está canso de toda a feira deseñada polos grandes medios de comunicación, que, en vez de informar, defenden os intereses dos dous grandes partidos (PP/PSOE).

Pero o pobo xógase moito o 20 N. E por moito que certas voces apelen á abstención, en nome dunha consciencia democrática moi dubidosa –digna de axentes sufragados pola dereita-, reclamamos do pobo unha elevada conciencia do que está en xogo.

Non nos deixemos enganar pola retórica. Nestes últimos anos asistimos a un ataque aos dereitos da clase traballadora, mentres os grandes culpables seguen amasando fortunas, que non son fiscalizadas de forma xusta, e que seguen especulando co ben público.

A oligarquía financeira cobiza os servizos públicos. A sanidade, a educación e o sector social corren o risco de ser totalmente sometidos á lei do lucro. Xa hoxe asistimos a unha degradación deliberada do sector público para forzar ás persoas a que vaian á privada...pagando, claro, por algo que debe ser gratuito, financiado mediante unha imposición directa, progresiva e xusta, que redistribúa a riqueza.

Que está facendo o PP en Galicia, en Madrid ou en todas as comunidades autónomas que goberna? Privatizar o ben público. O ben de todos, para que se lucren uns poucos. E así, dicímolo alto e claro, non se sae da crise.

Que fixo o PSOE neste anos? Rachar unha tras outra as promesas de incrementar o noso benestar, limitar as nosas posibilidades de termos unha vida feliz, cun traballo estable, e cun proxecto de vida por realizar con satisfacción. Deixáronnos só unha densa néboa. Mentres recurtaban salarios e investimentos públicos, metíannos de novo nunha guerra e desbaldían diñeiro en bombas. Do PSOE non nos podemos crer nada: puido facer políticas de esquerdas, pero non quixo. Non teñen credibilidade.

Que podemos facer nós? Seremos coherentes co noso programa, que promove a xustiza social e a creación de emprego desde un modelo produtivo diferente e respectuoso co medio ambiente, elaborado de forma participativa despois de múltiples asembleas abertas celebradas en todo o Estado e en Galicia. Seremos íntegros e transparentes en todo momento: cómpre rematar coa lacra da corrupción política.

Que podedes facer vós? Ben aceptar que non hai remedio e asumir a derrota e a perda de dereitos de todo tipo. Ben dicirlle “basta xa!” aos donos do mercado, aos especuladores e oligarcas financeiros e impoñer unhas normas reguladoras xustas. Podedes actuar de forma rebelde e asumir un programa de participación política coma o que propón Esquerda Unida – Os Verdes e recuperar o mando do goberno. Pois o pobo é quen máis ordena, como dicía o gran cantor.

Podedes votar democracia ou mercados. Elixides vós.

Novembro 2011. Xabier Ron.

miércoles, 16 de noviembre de 2011

Presentación programa mocidade EU

Na mañá de hoxe a área de mocidade de Esquerda Unida desenvolveu unha rolda de prensa para presentar a campaña de xuventude e o programa de cara as presentes eleccións xerais.

O coordinador da área de mocidade, René Gamborino, sinalou que "tralo estoupido da crise e a pesar das últimas reformas laborais as expectativas para a mocidade non melloran, a destrución de emprego xuvenil e o empeoramento das súas condición laborais vai en aumento. Atopámonos con que só un de cada dez mozas e mozos en activo ten un contrato estábel, catro de cada dez ten un contrato precario e cinco de cada dez está desempregado. A coincidencia de PP e PSOE sobre as políticas para facer fronte a esta situación é total, flexibilización do réxime contractual dos traballadores e fomento da temporalidade, cando son estas as grandes lacras do mercado laboral, unido a profundización do desmantelamento dos servizos públicos, e por ende, dos instrumentos de protección social da clase traballadora".

Así Esquerda Unida presentou as principais propostas en materia de mocidade que incorpora o seu programa, unha alternativa que resitúa no público e nas mans dos traballadores as políticas para das saída á crise:

• Elaboración dun plan emprego xuvenil que emprace no sector público o marco de creación de emprego, incorporación de contido sobre dereitos sociolaborais nos curriculums de ensino medio, retirada da últimas reformas laborais e a instauración da xornada de 35 horas.

• Creación dun parque público de vivendas en aluguer para a mocidade cun prezo inferior ao 30% do salario dos arrendatarios e dun remanente de VPO específico para a xente nova.

• Adianto da idade legal para o voto aos 16 anos.

• Elaboración dunha Lei de Participación Xuvenil para a regulación dos Consellos de Xuventude, o fomento do asociacionismo e creación cauces de participación ás mozas non organizadas.

• Elevación do orzamento público en educación ata o 7% do PIB e do 2% en ensino superior. Redución dos ratios de profesor e alumnos.

• Freo ao proceso de elitización e precarización do ensino publico. Rexeitamento do novo 4ª da ESO e das últimas reformas da PAAU, así como paralización dos procesos de mercantilización da Universidade Pública que veñen aparellados ao EEES e a Estratexia Universidade 2015.

• Redución ata os tres meses do prazo máximo para a convalidación de títulos aos estranxeiros. Incorporación de formación intercultural en los programas de ensino primario e secundario potenciando a escola pública como elemento esencial para a igualdade cidadá e a loita contra a discriminación.

Esquerda Unida presentou a campaña que co lema "na rúa e nas urnas, rebélate" fai un chamamento á mocidade que no último ano mobilizouse en contra das políticas de recortes sociais que veñen de aplicar os gobernos central e autonómico para que trasladen esa rebeldía ás urnas e permitan un grupo parlamentario forte da esquerda alternativa.

sábado, 12 de noviembre de 2011

Éxito da manifestación contra o traslado da feira de Amio

Esquerda Unida Compostela, integrante da plataforma de apoio á feira de Amio, participou activamente na manifestación levada a cabo hoxe polas rúas de Santiago.

A alta participación da cidadanía, máis de 1.500 persoas, constata a mobilización existente contra unha decisión errónea que de realizarse sería un gran erro do alcalde Gerando Conde Roa e unha gran perda para a cidade, non so económica, máis de 100.000 euros o ano en taxas, senón histórica pois a feira de gando forma parte da cidade, e da memoria colectiva, dende que se celebraba na Alameda, punto de partida hoxe desta manifestación.

Por todo isto O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela continuará o seu traballo na plataforma para evitar que, unha vez máis en moi escaso tempo, o equipo de goberno do PP prosega a súa errática traxectoria que prexudica gravemente o benestar da veciñanza de Santiago.

viernes, 11 de noviembre de 2011

Manifestación contra o traslado da feira de gando de Amio

Esquerda Unida Compostela, integrante da plataforma de apoio á feira de Amio, anima a participar na manifestación que se levará a cabo este sábado contra o traslado do mercado de gando.

Data: sábado 12 de novembro.

Hora: 17:30

Lugar: Alameda de Santiago

Agardamos a túa presenza.

jueves, 10 de noviembre de 2011

Mitin Esquerda Unida - Os Verdes en Ribeira

Esquerda Unida - Os Verdes levará a cabo un mitin explicando os eixos programáticos cos que se presenta a estas eleccións xerais de 2011.

Data: sábado 12 de novembro.

Hora: 13:00

Lugar: Palco da música (malecón) en Ribeira

Presentará:

Xabier Ron, coordinador de EU Compostela e membro da executiva nacional de Esquerda Unida.

Intervirán:

Manolo González: membro de Esquerda Unida no Barbanza

Suso Díaz: cabeza de lista ó Senado

Mariluz Canal: cabeza de lista ó Congreso

Agardamos a túa presenza

martes, 8 de noviembre de 2011

Mitin Esquerda Unida - Os Verdes no CSC do Ensanche

Esquerda Unida - Os Verdes levará a cabo un mitin explicando os eixos programáticos cos que se presenta a estas eleccións xerais de 2011.

Data: xoves 10 de novembro.

Hora: 20:00

Lugar: CSC do Ensanche na rúa Frei Rosendo Salvado 14-16

Presentará:

Xabier Ron, coordinador de EU Compostela e membro da executiva nacional de Esquerda Unida.

Intervirán:

María Rozas: candidata ó Cogreso representando a Compostela

Suso Díaz: cabeza de lista ó Senado

Mariluz Canal: cabeza de lista ó Congreso

Agardamos a túa presenza

miércoles, 2 de noviembre de 2011

Comunicado inicio de campaña electoral

Na noite que leva do xoves 3 ao venres 4 de novembro de 2011 iniciarase unha das campañas electorais máis decisivas para a cidadanía: seguir a expensas dos ditados dos donos do capital e dos mercados financeiros ou sacudirse ese dominio e comezar a afortalar as políticas sociais ao mesmo tempo que recuperamos a economía real e produtiva.

Con ese desexo traballa Esquerda Unida Compostela, porque, tal como se demostrou nas vindeiras municipais de maio de 2011, cada vez máis persoas confian no programa de Esquerda Unida, un programa alternativo, que non se resigna a vivir na negrura e no medo que é do que vive hoxe a oligarquía financeira.

Co obxectivo de acadarmos ter un grupo forte em Madrid, quen de defender os intereses da clase traballadora galega, nunha lista encabezada por María Luz Canal Paz, a agrupación comarcal de Esquerda Unida Compostela figura representada nas listas electorais ao Congreso por Maria Rozas, Antonio Olives (independente), Celia Fernández e Miguel Angel Touriño (suplente); pola súa banda, Eduardo de Rojas Rebolledo (independente) e Marta Marroquín representarán á nosa agrupación nas listas polo Senado.

Está previsto que a cabeza de lista pola provincia de A Coruña, María Luz Canal, estea no acto central que Esquerda Unida Compostela desenvolverá no Centro Sociocultural do Ensanche entre as 19h e as 21h, acompañada por María Rozas (nº 3 ao Congreso), por Esther López, deputada no País Valenciá e que foi responsable de mocidade en Madrid, e por Xabier Ron, coordinador comarcal de Esquerda Unida Compostela.

viernes, 28 de octubre de 2011

Moción Administración electrónica

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela presenta unha nova moción, nesta ocasión para garantir o acceso á información municipal e facilitar a necesaria participación cidadá requerimos a mellora da Administración electrónica no Concello.

Aquí tedes o texto da moción presentada:

A Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos Servizos Públicos, ten coma obxectivo recoñecer e garantir o dereito da cidadanía a relacionarse por medios electrónicos coas Administracións Públicas.

Consiste en utilizar as novas tecnoloxías para facilitar a comunicación entre a veciñanza e a Administración e axilizar os procedementos administrativos. En definitiva, trátase de que o maior número de trámites administrativos se poidan realizar a través de Internet, evitando desprazamentos, colas innecesarias, gastos telefónicos e absentismo laboral.

Unha implantación plena da Administración electrónica é beneficiosa para o cidadán, ao permitir unha maior facilidade nas súas relacións coa Administración, mellorando a xestión municipal e reducindo custos para o Concello.

Na carpeta cidadá da páxina web do Concello de Compostela nótase en falta poder realizar certos trámites de forma electrónica como: solicitude de modificación de datos no padrón de habitantes, solicitude de cita con persoal do concello, solicitude de recollidas de mobles, solicitude de autorización de ocupación de vía publica, etc.
Do mesmo modo consideramos necesario informar aos composteláns e compostelás, máis ás pequenas empresas, das novidades no ámbito de TIC do Concello de Santiago de Compostela para difundir o seu uso, sendo un lugar especialmente oportuno para divulgar dita información serían as instalacións onde actualmente se prestan estes servizos de forma convencional.

Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao Pleno do concello de Santiago a seguinte proposta de

ACORDOS

Primeiro.- Ofrecer a cidadanía a posibilidade de realizar o maior número de trámites administrativos a través da rede.

Segundo.- Desenvolver unha campaña informativa para difundir o seu uso.

martes, 25 de octubre de 2011

Concentración en Defensa da Sanidade Pública

Esquerda Unida Compostela, integrante da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da área sanitaria de Santiago, anima a participar na concentración que se levará cabo o vindeiro xoves, día 27, ás 20:00 na Praza do Toural contra os recortes sanitarios.

jueves, 20 de octubre de 2011

Moción transparencia de datos

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela presenta unha nova moción, nesta ocasión pedimos o Concello que comparta tódolos datos que sexan posibles cos cidadáns, organizacións e outras administracións, nun paso máis que se debe dar para favorecer a tan necesaria participación cidadá na vida municipal.


Aquí tedes o texto da moción:

Os Concellos deben outorgar gran importancia á participación activa de cidadáns e cidadás tendo en conta as súas ideas, suxestións, apoio material e impulso creativo.

Os Concellos deben modernizarse empregando tecnoloxías innovadoras, accesibles e abertas, que permitan unha transparencia total. Este Concello, como todos, ten unha gran cantidade de datos, cuxo valor podería estenderse enormemente se foran accesibles do modo máis libre posible dentro do concepto de datos abertos (open data).

A Lei Orgánica de Protección de Datos, así como a xurisprudencia relevante, normalizan perfectamente a publicación activa online de información e datos reusables, e a Comisión Europea promove moi activamente e actúa de acordo a esta norma nos estados membros.

O acceso público dos datos a través da Web mellora a comunicación coa cidadanía, reforza a imaxe do Concello respecto a creatividade, innovación e mellora os servizos públicos, permitindo ás persoas organizarse, derivando nunha participación máis intensa e cohesión social.

A disposición dos datos baixo licenza libre permite á cidadanía empregar estes datos para propósitos diversos, contribuíndo desta maneira a actividades económicas, xeradoras de emprego e sostibles. A publicación on-line activa de todos os datos aporta un impulso positivo, innovador e construtivo a tódalas áreas da política municipal.

Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao Pleno do concello de Santiago a seguinte proposta de

ACORDOS

Primeiro.- Que o Concello comparta cos cidadáns, organizacións e outras administracións públicas, todos os datos que sexan posible, mantendo a protección dos datos persoais e a seguridade nacional, en forma reusable e lexible automaticamente e accesible baixo modelos de estándares abertos, segundo obriga o Real Decreto 4/2010, de 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema Nacional de Interoperabilidade no ámbito da Administración Electrónica.

Segundo.- Que se realice un plan de acción concreto que conteña:

1.- A publicación inmediata de todos os datos do Concello baixo formatos abertos, segundo o establecido no Real Decreto 4/2010 antes mencionado e cunha licenza de datos que permita o seu libre acceso e uso á cidadanía.

2.- A indexación destes datos, e a súa publicación en modo reutilizable, empregando estándares, interfaces e formatos abertos, facilitando así a búsqueda no contido publicado.

3.- A garantía de que os datos recabados por terceiras partes para o Concello ( contratas, conselleiros externos, etc) se aporten sen limitacións de licenza, en formatos e estándares abertos e sen restricións de copyright, salvo que sexa imprescindible por mor de outros requisitos legais.

4.- A publicación de todos os datos nunha sección específica da Web do Concello, comezando por aqueles nos que non pesen cuestións legais obvias, para que se poida realizar con gran facilidade e coa infraestrutura técnica dispoñible actualmente.

5.- Que os primeiros datos publicados sexan a relación de obras, contratas e ofertas de emprego adxudicadas polo Concello, así como o orde do día, as actas dos plenos e as mocións presentadas no mesmo, de modo que estes datos sexan accesibles ao público no Concello mentres non se dispoñan publicamente on-line na páxina Web.

6.- Que se xenere unha lista cos datos que estarán dispoñibles para a súa consulta.

martes, 18 de octubre de 2011

Encontro aberto da área de mocidade de EU

A área de mocidade de Esquerda Unida Compostela levará a cabo un encontro aberto o vindeiro xoves, día 20, ás 19:00 no CSC do Ensanche, rúa Frei Rosendo Salvado 14-16, coa seguinte orde do día:

1. Elección Xerais 2011

                 1.1 Presentación das propostas electorais en mateira de xuventude

                 1.2 Propostas para campaña nova

2. Propostas de traballo municipal

3. Varios


viernes, 14 de octubre de 2011

Moción Orzamentos Participativos

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela presenta unha nova moción, nesta ocasión, reiterando a nosa defensa da Democracia Participativa e Directa, requerimos ó Concello que leve a cabo as xestión pertinentes para acadar o antes posible os Orzamentos Participativos.


A continuación tedes o texto da moción:

Os Orzamentos Participativos supoñen unha aposta innovadora de co-xestión pública cidadá que propugna como principio básico a Democracia Directa para a planificación comunitaria dos recursos públicos municipais, teñen como obxectivo principal xerar un espazo cidadá de debate e decisión.

Os Orzamentos Participativos no só teñen como obxectivo decidir parte do Orzamento Municipal senón que ademais acadan:

- Promover que a cidadanía sexa protagonista activa do que ocorre na cidade e non simple observadora dos acontecementos e decisións.

- A búsqueda conxunta de soluciones que se correspondan coas necesidades e desexos reais das persoa que viven na cidade.

- Promover a transparencia das decisións e coñecer os procedementos administrativos e o funcionamento interno do Concello.

- Crear espazos de diálogo e toma de decisións entre a cidadanía, os políticos e políticas e os técnicos da administración, que permitan construír, cun sentido comunitario, unha cidade máis xusta e igualitaria

A posta en marcha dos Orzamentos Participativos na cidade foi, é e será un dos puntos esenciais do noso programa electoral, no que se establece unha Oficina de Orzamentos Participativos, que forme á cidadanía na elaboración dos orzamentos e recollida de propostas para o seu traslado ó Pleno.

Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao Pleno do concello de Santiago a seguinte proposta de

ACORDOS

Primeiro.- Celebración dunhas Xornadas de Formación para as Asociacións e Veciñanza sobre o funcionamento, características e elaboración do Orzamento Municipal.

Segundo. Creación dunha Oficina de Orzamentos Participativos.

Terceiro. Poñer a disposición dos Orzamentos Participativos un mínimo do 25% do Orzamento de Inversións do Concello para que a cidadanía decida onde debe gastarse.

lunes, 10 de octubre de 2011

Pregunta recinto ferial Amio

O Consello Comarcal de EU Compostela presenta unha nova pregunta, nesta ocasión sobre o recinto ferial de Amio.

A continuación tedes o texto da pregunta:

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela defende un cambio de sistema, deste depredador de recursos naturais e humanos, cara un que sexa respectuoso co medioambiente e sustentable social e economicamente. Un dos seus eixos fundamentais debe ser a existencia de canles curtas de comercialización que eviten os longos desprazamentos.

Neste sentido, na nosa cidade, estase producindo unha discusión sobre o futuro do recinto ferial de Amio, na que criticamos o cariz escasamente participativo e comunicativo, no que semella será unha das constantes do actual equipo de goberno. O posicionamento de Esquerda Unida Compostela, tendo en conta os escasos argumentos aducidos polo equipo de goberno, é contrario ao traslado a Silleda, que, como todo apunta, semella ser a única opción que quere manexar o PP compostelá.

Poñendo de relevo que calquera decisión que se adopte, debe ser en defensa da continuidade da feira de gando tal e como se estaba a realizar, o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela considera necesario realizar as melloras pertinentes no recinto de Amio para que teña un mellor e correcto funcionamento.

No caso de que os gobernadores actuais porfíen en trasladar as feiras de Amio a Silleda, o que si esiximos é que non aconteza o mesmo que co antigo edificio do Hospital Xeral, isto é, que permanza nunha situación de abandono unha instalación que se pode aproveitar en beneficio da cidadanía.

Por todo isto a agrupación comarcal de Esquerda Unida realiza as seguintes preguntas para a súa resposta por escrito:

1) Cales son as intencións do Concello con respecto á celebración da feira de gando que se celebra no recinto ferial de Amio? Por que non mellora dita instalación para evitar que Compostela perda este espazo gandeiro?

2) Ten previsto o Concello algunha utilidade pública para esta instalación se decide trasladar a Silleda a feira agrogandeira?

viernes, 7 de octubre de 2011

Pregunta sobre o uso do antigo Hospital Xeral.

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela presentou unha nova pregunta, nesta ocasión requerimos saber que uso promoverá o actual equipo de goberno para as antigas instalacións do Hospital Xeral en Galeras.


A continuación tedes o texto da pregunta:

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela considera que unha das labores fundamentais de calquera goberno local é a de ofrecer ou velar porque se ofrezan servizos, de titularidade e xestión pública, que se encamiñen a satisfacer as necesidades das persoas.

Como xa reflectimos con anterioridade, EU considera que tanto o anterior equipo de goberno como o actual está a perder a oportunidade coas antigas instalacións do Hospital Xeral en Galeras de realizar os esforzos necesarios para utilizalas para o beneficio da cidadanía, e non proseguir coa deriva especulativa do ladrillo que se lle está a dar a estes terreos.

Dado que os terreos son propiedade da USC, consideramos que o actual equipo de goberno debe levar a cabo as xestións pertinentes para colaborar con esta institución e, co apoio da Xunta se fora necesario, empregar esta instalación para algún dos servizos que a cidadanía reclama, propoñendo dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida o seu uso como residencia universitaria, de titularidade e xestión pública.

Por todo isto a agrupación comarcal de Esquerda Unida realiza as seguintes preguntas para a súa resposta por escrito:

1) Ten previsto o Concello de Santiago levar a cabo as xestións pertinentes para colaborar coa USC na conversión do antigo hospital nunha residencia universitaria?

2) Ten previsto o Concello algunha outra utilidade pública (residencia para maiores...) para estas instalacións?

3) Permitirá o Concello que se utilicen estes terreos unicamente para actuacións urbanísticas privadas?

lunes, 3 de octubre de 2011

Mellorar a mobilidade en Santiago

ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA MANIFESTA, UNHA VEZ MÁIS, A NECESIDADE DUN PLAN GLOBAL DE MOBILIDADE SUSTENTABLE ECONOMICA E MEDIOAMBIENTALMENTE.

O CONSELLO COMARCAL DE EU CRITICA A IMPROVISACIÓN E DEIXADEZ QUE O GOBERNO LOCAL DO PP MOSTRA NESTE EIDO


Esquerda Unida Compostela reitera o seu posicionamento, claramente reflictido no seu programa electoral, en defensa dun transporte público que vertebre e cohesione a cidade e os seu arredores.

Esiximos ao actual goberno do PP, como xa fixeramos co anterior do PSdG e BNG, que non deixe no esquecemento o necesario proxecto do tren de proximidade, e impulse unha estación intermodal, mais aló da inevitable chegada do AVE, na que se integre o transporte ferroviario de proximidade e media distancia, co transporte público en autobús tanto para fóra da cidade como o urbano.

Dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela consideramos que as magnas obras en infraestruturas non só non solucionan o problema, que é o elevado uso do vehículo privado, cos custos medioambientais e enerxéticos que provoca, senón que constitúen un verdadeiro efecto chamada para o uso do vehículo privado que, amais do inxente gasto de cartos públicos, só conseguen trasladar o problema do tráfico rodado dun punto a outro da cidade, como claramente se reflicte na ocorrencia do actual goberno local de “suprimir” con barreiras de plástico e metal unha rotonda na que desemboca o tráfico dese custoso túnel que, como moito, conseguiu aliviar o tránsito nun punto da cidade pero que claramente se mostra ineficaz como solución a este problema.

Por todo isto dende EU Compostela volvemos a reclamar que calquera medida que se tome na cidade para solucionar o problema do tráfico rodado ten que ir encamiñada a conseguir a diminución deste tráfico, non a que transite por outros puntos da cidade, polo que demandamos, por enésima vez, que contando coa participación veciñal e de asociacións se leve a cabo a elaboración dun plan global de mobilidade, que abranga dende o tren até a bici, e que, ademais de ser sustentable economica e medioambiental, consiga o cambio que Santiago precisa.

Outubro 2011

domingo, 25 de septiembre de 2011

Convocatoria de asemblea aberta de EU Compostela

Dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida convocamos os veciños e veciñas á vindeira asemblea comarcal que teremos o xoves, día 29, ás 20:15 horas, sendo neste caso no Centro Sociocultural de Fontiñas, sito na R/ Berlin, s/n, co seguinte orde.
1. Debate e participación, tendo como referencia os materiais entregados no adxunto.
2. Designación de elixibles para o Congreso (2 por Compostela) e para o Senado (1)
3. Designación membro da afiliación para ir á Asemblea Aberta de Madrid.
4. Varios
A continuación vai un pequeno relatorio do porqué desta asamblea no CSC de Fontiñas
ESQUERDA UNIDA APOSTA POR UNHA CONVOCATORIA SOCIAL COMO MECANISMO DE APERTURA E PARTICIPACIÓN DAS PERSOAS NOS ASUNTOS QUE MÁIS LLES AFECTAN. A TAL FIN, QUEREMOS POÑER EN MARCHA UN ENCONTRO, BAIXO FORMA DE ASEMBLEA ABERTA, COA SOCIEDADE ORGANIZADA E CON CIDADÁNS E CIDADÁS A TÍTULO INDIVIDUAL, QUE QUEIRAN CONTRIBUÍR Á CONSTRUCIÓN DUN BLOQUE SOCIAL ALTERNATIVO AO CAPITALISMO SALVAXE IMPERANTE.
DENDE ESTA REALIDADE, ESTAMOS CERTOS DA NECESIDADE DE ENFRONTAR O NEOLIBERALISMO E DE CONCRETAR UN PROGRAMA SOCIAL ALTERNATIVO PARA OS MILLÓNS DE MULLERES E HOMES QUE PADECEN AS SÚAS CONSECUENCIAS. UN PROGRAMA QUE AMOSE QUE É POSIBLE AVANZAR NAS CONQUISTAS SOCIAIS E RECONSTRUÍR A ARELA DUNHA EUROPA SOCIAL, DEMOCRÁTICA E EQUITATIVA.
PARA ISO, PROPOÑEMOS COMO DATA O XOVES 29 DE SETEMBRO DE 2011 COMO DÍA PARA INICIAR ESE ESPAZO DE ENCONTRO ABERTO E PLURAL. SERÁ NO CENTRO SOCIOCULTURAL DE AS FONTIÑAS, A PARTIR DAS 20:15 HORAS. COMO GUIÓN PARA A DISCUSIÓN PROGRAMÁTICA REMITÍMOSVOS DOUS DOCUMENTOS, O DAS 25 PROPOSTAS PARA CONSTRUÍRMOS UN NOVO PAÍS, E O DAS 6 REVOLUCIÓNS. SOBRE ESTES DOCUMENTOS PODE XIRAR A ASEMBLEA E ENTRE TODOS E TODAS ACHEGAR O NOSO GRÁN DE AREA PARA A CONFIGURACIÓN DUN HORIZONTE EMANCIPADOR.
Agardando poder contar coa túa participación, recibe un cordial saúdo.
O Consello Comarcal

martes, 21 de junio de 2011

Xestión comedores escolares

ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA RATIFÍCASE NA SÚA DEFENSA DE QUE OS SERVIZOS COMPLEMENTARIOS NOS CENTROS DE ENSINO DEBEN ESTAR XESTIONADOS POLAS ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS.

O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPARTE AS REIVINDICACIÓNS SOBRE OS COMEDORES ESCOLARES DAS ANPAS DOS CENTROS PÚBLICOS DE SANTIAGO.

Esquerda Unida, como demostrou no ambicioso programa electoral presentado nas pasadas eleccións municipais, defende que o concello debe contribuír ó benestar da cidadanía prestando ou velando porque se presten os servizos, de titularidade e xestión pública, que os veciños e veciñas demandan.

Como xa expresara con anterioridade, o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela ratificase en que a xestión dos comedores escolares non pode repousar nas ANPAS, sendo as administracións públicas pertinentes as que se deben ocupar de prestar este necesario servizo, que cumpre unha importante función social e a súa provisión non pode ser desigual en base a criterios economicistas ou en base á ratio de alumnos e alumnas do centro educativo.

Por todo isto EU Compostela comparte as reivindicacións da Federación de Asociacións de nais e pais de centros públicos de Santiago e esixe ó próximo equipo de goberno da cidade, probablemente do mesmo partido que rexe na Xunta de Galicia, que leve a cabo as medidas necesarias para atallar este problema, evitando que se volvan dar situacións como a dimisión da ANPA de Pío XII, acontecida no mes de abril.

jueves, 16 de junio de 2011

Transporte público VS novas infraestruturas

ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA DEMANDA UN PLAN GLOBAL DE MOBILIDADE SUSTENTABLE ECONÓMICA E MEDIOAMBIENTALMENTE .

O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA RATIFÍCASE EN QUE NOVAS INFRAESTRUTURAS NON SOLUCIONAN O PROBLEMA DO TRÁFICO NA CIDADE .

Esquerda Unida Compostela levou como unha da propostas máis importantes no seu programa electoral, a elaboración, coa necesaria participación cidadá, dun Plan Global de Mobilidade Sustentable económica e medioambientalmente.

Proposta que o anterior equipo de goberno non escoitou, manténdose firme na súa postura de levar a cabo custosas infraestruturas ás que se viron abocados para evitar o colapso da cidade, pero que son ineficaces porque simplemente trasladan o problema a outro punto da cidade e sirve como efecto chamada aumentando o tráfico rodado en vehículos privados, co conseguinte problema ecolóxico e enerxético que isto supón.

Mais, por desgraza, o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela comproba que o previsible partido que se encargue de rexer o concello nos vindeiros catro anos, comparte plenamente esta nefasta e insustentable política de infraestruturas e non a necesaria e xusta política de servizos acorde as necesidades da cidadanía. Pois vanaglórianse de acadar o beneplácito do senado para unha nova obra que persiste na perpetuación do sistema económico baseado no ladrillo, asfalto neste caso, e que non atallará a problemática que supón o tráfico nesta cidade.

Por suposto tal e como di a senadora do PP, María Jesús Sáinz «De poco ha servido la obra del túnel que se acaba de poner en funcionamiento si no se resuelve el colapso que se ha trasladado a la glorieta de Conxo», aspecto que acredita a necesidade, unha e outra vez demandada por EU Compostela, de abrir un debate cos distintos colectivos da cidade, asociación veciñais, grupos ecoloxistas e demais, para artellar as medidas necesarias para conseguir unha cidade máis cohesionada socialmente grazas o transporte público.

Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela demanda que o futuro equipo de goberno atenda as necesidades da cidadanía e traballe, contando co apoio de EU, por ese Plan Global de Mobilidade Sustentable, que abranga dende o tren de proximidade ata un plan director da bici, sempre desde unha premisa de servizo público.

miércoles, 15 de junio de 2011

Uso público do antigo Hospital Xeral


O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA PROPÓN QUE O ANTIGO EDIFICIO DO HOSPITAL XERAL TEÑA UN USO PÚBLICO.

EU COMPOSTELA CRITICA A DESIDIA MOSTRADA POLAS DISTINTAS ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS.

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela considera necesario aproveitar as instalacións do antigo Hospital Xeral para prestar os servizos, de titularidade e xestión pública, que a cidadanía demanda.

En primeiro lugar EU Compostela quere manifestar a súa preocupación pola inaceptable desidia mostrada polas distintas administracións públicas, que deixaron esmorecer un edificio provocando, ademais da mala imaxe de abandono e deterioro, tanto o malestar da cidadanía que ve como se desaproveitou, por completo, calquera posibilidade de utilizar estas instalación en beneficio da sociedade como a súa indignación ó comprobar que o concello permite a ruína de edificios públicos sen levar a cabo as xestións que si realiza con outros edificios, obrigando ós propietario a rehabilitalos.

O Consello Comarcal de EU Compostela sempre apoiou o uso público destas instalacións, como por exemplo a súa conversión nunha residencia para persoa maiores, cubrindo unha necesidade cada vez maior tanto neste concello como nos concello limítrofes.

Tamén, dada a ubicación próxima a ambos campus universitarios, unha proposta que EU valora positivamente é a súa adecuación como residencia universitaria, dado que sería un proxecto que beneficiaria a familias de toda Galicia, que para facilitar os estudos universitarios dos seus fillos e fillas vense abocadas o gravoso gasto que supón o aluguer nesta cidade

Por suposto a opción que atopara a oposición frontal de Esquerda Unida sería, utilizando como escusa o estado case ruinoso deste edificio, a de optar pola venta desta parcela coa única premisa de perpetuar a especulación urbanística causante desta crise económica.

Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela esixirá ó futuro equipo de goberno que realice as xestións pertinentes para velar polos intereses da cidadanía, e non do capital especulador, promovendo, coa debida participación cidadá, algunha utilidade pública para estas instalacións.

lunes, 13 de junio de 2011

Conde Roa e as súas "propostas"

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA CONSIDERA QUE AS ACUSACIÓNS DE CONDE ROA SOBRE A DÉBEDA DO CONCELLO SON A XUSTIFICACIÓN QUE NECESITA O PP PARA LEVAR A CABO A SÚA POLÍTICA DE RECORTES.

EU COMPOSTELA CRITICA A FALTA DE ÉTICA DE CONDE ROA AO VERTER ACUSACIÓNS SOBRE A DESTRUCIÓN DE FACTURAS BASEÁNDOSE EN “RUMORES” .


O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela tiña a intención de respectar os protocolarios cen días de xestión do equipo de goberno, que, logo da decisión xudicial, sexa o encargado de gobernar en Raxoi, para comezar o cometido, avalado por máis de 1900 persoas, de fiscalizar dita xestión e propoñer medidas para mellorar a calidade de vida das persoas que fan vida no noso concello desde parámetros de esquerdas.

Mais, o que probablemente será futuro alcalde de Santiago, Gerardo Conde Roa, non necesitou dese prazo para ratificar as nosas sospeitas sobre o que lle agarda ao noso concello en materia de servizos. En efecto, emulando o comportamento de Feijóo unha vez chegado ao goberno da Xunta de Galicia, unha das primeiras “propostas” de Conde Roa é a acusación, sen máis proba que a súa palabra baseada en “rumores”, sobre débedas e buratos económicos no Concello de Compostela. Argumentos que quere inocular o PP de Conde Roa no imaxinario da sociedade compostelá para, aproveitando dita circunstancia, aplicar a austeridade neoliberal e realizar unha política de recortes e marcadamente antisocial e clientelar.

Desde EU Compostela consideramos que a decencia, que a un cargo público se lle esixe, non permite utilizar “rumores” sobre “trasgos que destrúen papeis” para criticar o aínda actual equipo de goberno en funcións, pois estas verbas non fan máis que demostrar a escasa valía do proxecto do señor Conde Roa para Santiago, chea de confrontación gratuita e demagoxia.

Por todo isto Esquerda Unida Compostela quere ratificar o seu compromiso de realizar nos vindeiros catro anos un traballo serio e honesto, desde as rúas, reuníndose cos veciños e veciñas, elevando ao Pleno do concello propostas e non ocorrencias, defendendo dende o respecto o seu ideario de Esquerda Alternativa e Transformadora.