sábado, 28 de febrero de 2009

Informe Fava


O INFORME FAVA SANCIONA ÁS PERSOAS MIGRANTES EXPLOTADAS MÁIS QUE AOS EXPLOTADORES

O informe que se aprobou o 19 de febreiro (INFORME sobre a proposta de Directiva do Parlamento Europeo e do Consejo pola que se establecen sancións aplicables aos empregadores de residentes ilegais nacionais de terceiros países), que establece sancións contra os empresarios que utilizan inmigrantes clandestinos, castiga aos explotados máis que aos explotadores. Non ofrece sequera a posibilidade aos inmigrantes en situación irregular, unha vez o empregador foi denunciado, de regularizar a súa situación e, aínda peor, diríxeos directamente aos procedementos de expulsión.O grupo da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica votou en contra deste informe porque reproduce sistematicamente as hipocrisías da Europa-fortaleza.
Existen ao redor de 6 millóns de cidadáns non europeos, o que supón un 1% da poboación da UE, forzados a vivir en situacións irregulares. Estas persoas están integradas no mercado laboral, contribúen á nosa economía pero están sometidas a condicións de explotación a pesar de que efectúan tarefas que case ningún europeo quere realizar. Europa necesitará, segundo a Comisión europea polo menos 50 millóns de traballadores inmigrantes ata 2060 para contrarrestar o déficit demográfico, pero a Unión Europea elixe non crear unha política sobre a inmigración legal ou non regularizar a aquelas persoas que xa viven en Europa e que están integradas nas nosas cidades.
Este informe segue perfectamente os principios da Directiva de Retorno e determinará o aumento do número de inmigrantes en situación irregular na UE, por iso votamos en contra do mesmo. Opinión minoritaria GUE-NGL O enfoque da proposta é—en liña de continuidade coa Directiva de Retorno, á que nos opuxemos con firmeza— equivocado e contraproducente porque: – é represivo con respecto ao eslabón máis débil, a persoa migrante;– non é a solución do problema, a saber, que entre 4,5 e 8 millóns de traballadores migrantes en Europa se vexan obrigados a traballar en situación irregular a causa do seu estatuto;– baséase nun fundamento xurídico para combater a “inmigración ilegal” e non simplemente o traballo non declarado.
O resultado deste compromiso permitirá aos Estados membros castigar severamente ás persoas migrantes, non protexendo da expulsión e non prevendo de maneira xeralizada a regularización de quen denuncia a explotación. Para aqueles que son responsables da explotación, as normas negociadas sancionan unicamente casos de extrema gravidade, ademais mediante disposicións sumamente vagas (o que pon en dúbida a súa conformidade cos principios fundamentais do Dereito penal).
O único punto positivo do compromiso parece ser a disposición pola que se exclúe das subvencións públicas aos empregadores que explotan a persoas migrantes. Cremos que a proposta é perxudicial para as persoas migrantes e contraproducente respecto da necesidade dunha política común para facilitar a entrada e a estadía regular.

Entrevista a Yolanda Díaz

Entrevista a Yolanda Díaz

miércoles, 25 de febrero de 2009

Carta aberta de Yolanda Díaz

Colgamos esta "CARTA ABERTA DE YOLANDA DÍAZ A GALEGAS E GALEGOS ANTE O 1 DE MARZO"

Prezada cidadá
Prezado cidadán
A revolución é un retorno do ficticio ao real
(Os Miserables, Víctor Hugo )

Hai un país invisible, que non ten reflexo nas institucións galegas, no Parlamento, hai un país ao que non se lle deixa falar e propoñer porque posúe a ousadía de imaxinar e a vontade de construír unha nación distinta e mellor, que sabe do valor da dignidade da persoa, da importancia dos dereitos económicos, sociais e culturais para tracexar os vieiros do noso porvir. Ese país invisible merece ter un asento, ter unha voz propia no Parlamento de Galicia, na sede do poder galego.

Agochado polos grandes medios de comunicación e situado extramuros do Hórreo, ese país invisible sabe do valor do emprego estable e con dereitos para poder construír un proxecto de vida, para cohesionar no social o noso país. Ese país invisible recoñece que se pode vivir en armonía coa fermosura da nosa terra sen devastala e depredala cunha práctica desenvolvista só atenta aos beneficios privados a curto prazo. Ese país invisible afirma a vontade de fornecer o noso autogoberno nacional e ampliar os dereitos sociais recollidos no Estatuto. Ese país invisible posúe unhas cualidades formidables para transformar o mesto orballo da resignación que os catro anos de lexislatura produciron tralo solpor do fraguismo.

A dignidade de recoñecermos cidadanía traballadora dunha nación que se quer libre require dun compromiso mutuo. Sei que pesa a decepción destes anos, mais sabemos que a vosa participación e sufraxio é indispensable para transformar realmente o noso país no eido social, da sustentabilidade, e do autogoberno.

Non nos imos conformar coas renuncias de tres partidos xunguidos pola política que só acepta unha única cor apenas con matices. Para crear emprego estable e con dereitos e conquerir unha saída social á crise. Para obter un novo Estatuto que amplíe dereitos e afirme a noso autogoberno nacional. Para defender uns servizos públicos universais e de calidade, creadores de emprego e benestar. Para preservar o noso territorio da voracidade destrutora do capital. Para construír unha cultura pola base e de carácter social, crítica, ferramenta de transformación social. Bimbios para facer realidade a feraz imaxinación dese país invisible ao que pertencedes. Para semellantes tarefas pídovos o voto e anímovos a seguir participando de xeito crítico na vida social da nosa nación logo do primeiro de marzo. Da nosa mobilización vai depender que a alternativa que representan as nosas políticas se faga visible. Pídovos a vosa colaboración para espallar pola rede esta petición e superar deste xeito os muros do poder mediático e acadar que Esquerda Unida, que o país invisible do que formamos parte entre no Parlamento Galego.

Trátase, en resumo, de darlle unha oportunidade á esperanza desde país crítico, lúcido, insubmiso -ese país invisible- que, ao abeiro da risa e da transgresión do entroido, traballa de cotío arreo para sermos libres e xustos nos anuncia, en sixilo pero coa firmeza invencible dunha historia secular, que os tempos son chegados.

Grazas pola vosa atención e a vosa confianza.


Asdo. Yolanda Díaz Pérez

lunes, 23 de febrero de 2009

Aberración urbanística en Bonaval

ESQUERDA UNIDA DENUNCIA A ABERRACIÓN URBANÍSTICA EN BONAVAL

Hoxe, en representación de EU Santiago, o noso coordinador Xabier Ron presentou unha pregunta o Concello de Santiago sobre o acontecido no parque de Bonaval e, acompañado por Xesús Redondo Abuín, un escrito de denuncia no Valedor do Pobo.

Deixámosvos, para que podades informarvos, os documentos presentados e as fotos que demostran o que denunciamos.









viernes, 20 de febrero de 2009

Vídeos electorais

Colgamos varios videos da nosa organización.

O primero titúlase "A vida segue igual en Galicia"

Neste recordamos o noso acto de inicio de campaña

E por último un pouco de publicidade

miércoles, 18 de febrero de 2009

Mitin Castiñeiriño


Tamén queremos informarvos que manán ás 18:00 na nosa sede, rúa Dublín 8 baixo, o Foro Galego de Inmigración presentará a sua Proposta de temas para presentar aos candidatos ás Eleccións Galegas.
Aquí vos deixamos as medidas que esixen o futuro goberno da nosa Terra:
1.- Deseñar e desenvolver unha política propia a nivel autonómico, contando co colectivo e as súas demandas. Incluír vía reforma estatutaria a posibilidade da concesión das autorizacións de residencia e traballo iniciais (os estatutos de Cataluña e Valencia xa recollen esta posibilidade).

2.- Garantir o acceso aos servizos públicos básicos: educación, saúde, vivenda e benestar social, en condicións de igualdade respecto ao conxunto da poboación. Esta garantía debe incluír ás persoas inmigrantes residentes en Galicia que transitoriamente se atopen en situación de irregularidade administrativa. Do mesmo xeito, a actual conxuntura de crise económica non pode supoñer merma algunha para os dereitos da poboación inmigrante residente.

3.- No campo especifico da educación: medios económicos e sobre todo humanos para o desenvolvemento de planos de acollida do novo alumnado inmigrante que eviten as situacións de fracaso escolar especialmente no ensino secundario obrigatorio. As actuacións deben abranxer ás familias do alumnado e tamén o fomento de valores interculturais entre o conxunto da comunidade educativa. Propoñemos a creación da aulas de integración para o alumnado recen chegado.

4.- No campo específico da saúde: Solicitamos a facilitación dunha tarxeta sanitaria para aquelas persoas que non teñen a posibilidade de poder acceder ao sistema de saúde por falta da documentación necesaria. Cremos que o discurso sanitario ten que cambiar para que a atención se faga tanto desde o Dereito Universal á Saúde, como desde A Convención Europea de salvagarda dos dereitos humanos e liberdades fundamentais, e o respecto aos principios a Declaración de Alma Alta, un compromiso global para aplicar o dereito humano á saúde, e non desde a achega económica ou a sensibilidade política. Por último reivindicamos a formación tanto dos profesionais en temas de estranxeiría como dos inmigrantes en tema de utilización da rede asistencial de saúde para poder acadar o obxectivo de saúde para todos.

5.- No campo específico da vivenda: estender nos casos en que isto non se produce o acceso de toda a poboación inmigrante residente, independentemente da súa situación administrativa, aos programas de axuda para acceso á vivenda en réxime de alugueiro ou de propiedade. Evitar e perseguir os abusos e discriminacións que neste campo se están a producir na actualidade por parte dos propietarios e propietarias privadas (fianzas e avais abusivos).

6.- No eido específico dos servizos de benestar social: os servizos e prestacións recollidos na Lei de Servizos Sociais de Galiza ou na futura reforma da Lei Galega de Medidas Básicas para a Inclusión Social (nomeadamente a RISGA) deben estar garantidos para o conxunto da poboación inmigrante, tamén para a que se atopa transitoriamente en situación de irregularidade administrativa.

7.- No ámbito laboral, moi sensible para o colectivo inmigrante, porque é o medio fundamental para poder conseguir ou manter as autorizacións de residencia e pola actual situación de crise económica: manter o principio da igualdade de dereitos e deberes respecto ao conxunto da poboación traballadora; evitar, denunciar e perseguir a explotación laboral de traballadores e traballadoras inmigrantes; establecer catálogos de ocupacións de difícil cobertura que respondan á realidade do mercado laboral galego; promover programas de inserción laboral específicos para este colectivo cando sexa necesario e garantir o acceso en condicións de igualdade ao conxunto de actuacións dirixidas á loita contra o desemprego.

8.- Compre tamén unha política de xénero que recolla a situación específica das mulleres inmigrantes en xeral e dalgúns colectivos en situación de especial indefensión como as empregadas de fogar, mulleres que exercen a prostitución ou obrigadas a prostituírse, mulleres vítimas da violencia de xénero. En todos estes casos, a situación transitoria de irregularidade administrativa é un fondo lastre que os servizos públicos deben axudar a superar de forma efectiva: con igualdade de dereitos no acceso aos servizos e recursos existentes e/ou coa posta en marcha de novos servizos e recursos se son necesarios.

9.- Perseguir e denunciar de forma contundente posibles actuacións discriminatorias ou de contido racista realizadas polas diferentes administración públicas e tamén por particulares de calquera tipo. Actuacións que deben estenderse tamén para o conxunto das chamadas minorías étnicas.

10.- Deseñar planos de actuación específicos que permitan a axeitada integración do colectivo inmigrante nos ámbitos educativos, laborais e sociais en xeral, con orzamentos axeitados e coa extensión efectiva da figura dos mediadores interculturais ao conxunto dos concellos de Galicia. Promover nos concellos o desenvolvemento de Planos locais e/ou comarcais de convivencia intercultural co mesmo obxectivo.

11.- Impulsar a nivel estatal as actuacións orientadas a conseguir o dereito de voto para a poboación inmigrante residente legal e tamén promover e intermediar coas subdelegacións de goberno e cos corpos e forzas de seguridade do estado, para a persecución efectiva dos actos delictivos que aproveitan á situación de indefensión dunha parte alomenos da poboación inmigrante. Do mesmo xeito, incidir e evitar a persecución da poboación inmigrante residente en situación transitoria de irregularidade administrativa.

12.- Compre artellar medidas para que o colectivo chamado de emigrantes retornados teñan acceso sen atrancos ás prestacións e servizos que lle corresponden pola súa condición de galegos e galegas de orixe. Como o acceso a tarxeta sanitaria, independentemente do pais que veña, ou a situación (pensión por enfermidade, accidente o xubilación) Na actualidade están a darse situacións de falta de ingresos e polo tanto de pobreza e exclusión social entre persoas que adoitan ter unha idade e situación que fai extraordinariamente difícil o acceso ao noso mercado laboral, polo que debe estenderse o tempo de duración das prestacións e axudas que teñen na actualidade. Estender tales actuacións coas familias desas persoas cando non teñen nacionalidade española.

13.- Este Foro e as organizacións e entidades que o conforman, loitan pola defensa dunha sociedade galega intercultural, como realidade xa, e como expectativa dun futuro mellor e cheo de oportunidades para todos e todas. Gustaríanos que os partidos políticos que concorren ás eleccións do 1 de Marzo e os seus principais candidatos de forma explícita fixeran referencia e aposta a prol dunha sociedade galega intercultural con igualdade de dereitos, oportunidades e deberes para todos e todas independentemente da súa procedencia e condición.

martes, 17 de febrero de 2009

Eleccións

REVELA A REALIDADE, REBÉLATE

Como sabedes ese e o noso lema de campaña, e onte, nas cancelas, foi a "excusa" que Xabier Ron utilizou para explicar o programa electoral có que se presenta a nosa organización.

Como se escoitou onte nas Cancelas dende EU queremos revelar a realidade, é dicir, mostrar que o cambio do bipartito, non cambiou nada. Revelar que a nosa Terra segue a ser esquilmada pola voracidade do ladrillo, polo plan acuicola, por depuradoras que se prometeron e que non se contruiron ou non funcionan convenientemente e por outras moitas accións que o PP antes e agora o bipartito non poden ou non queren atallar. Revelar que os servizos públicos seguen a molestar os partidos que gobernan nesta Terra, proseguindo coas privatizacións xa comezadas con PP. Revelar que o transporte público non se atopa entre as prioridades deste goberno, no que a sua solución segue a ser o asfalto das autoestradas ou as vías do AVE.

E ante a realidade que dende EU intentamos revelar, pedimos que te rebeles, que loites por cambiala, que o día 1 votes "cabreado". Rebelión da que queremos formar parte, có programa que presentamos, e que hoxe poderedes volver a escoitar na Almáciga, sabemos que o cambio real pódese levar a cabo, que é hora de cambiar a roda que fai moverse esta Terra, xa basta de meros parches, REBÉLATE.

miércoles, 11 de febrero de 2009

Acto inicio autonómicas 2009

Convocámosvos ao “CONCERTO INICIO DE CAMPAÑA DE ESQUERDA UNIDA-IU. AUTONÓMICAS GALICIA 2009” que será na noite do día 12 de febreiro, xoves, na Praza de Cervantes e que ten a seguinte programación.
1º. Dende as 22 horas: actuación do “cantautor Luis Pastor” e tamén “unha alborada de gaiteiros” .
2º. Ás 24 horas: pegada inicial e intervención dos candidatos e candidatas, Yolanda Díaz por A Coruña e candidata á presidencia da Xunta de Galicia, Carlos Portomeñe por Lugo, Carmen Iglesias por Ourense e Juan Fajardo por Pontevedra, asi como a presenza de compañeiros e compañeiras desas citadas provincias.

Tamén queremos deixarvos este enlace,http://www.anosacosta.es/radio_anosacosta/index.htm, no que na marxe superior dereita veredes un apartado titulado radio a la carta, e nel, con data 10-02-2009, podedes escoitar unha entrevista a Yolanda Díaz.

E por último colgamos este video, no que poidedes escoitar un fragmento da charla, sobre a lei electoral, que Cayo Lara realizou recentemente en Santiago de Compostela.

domingo, 1 de febrero de 2009

Denuncia discriminación profesorado


ESQUERDA UNIDA DENUNCIA O ESTABLECEMENTO DAS RESTRICIÓNS DISCRIMINATORIAS PARA ACCEDER AO MÁSTER EN PROFESORADO DE EDUCACIÓN SECUNDARIA

Esta Secretaría de Ensino considera indignante que se establezan unha fronteira máis, en forma de notas ou de entrevista persoal, para poder acceder a un master, que xa incorpora unha fronteira en forma de prezo (superior aos 1200 euros), e que só é un paso máis antes de enfrontarse a unhas oposicións para acceder á función docente.

Se esta información, á que accedimos a través do publicado por Galicia Hoxe (p. 10) na súa edición de hoxe, comentando o encontro entre os responsables (¿?) de educación de Galicia (Laura Sánchez Piñón) e Catalunya (Ernest Maragall), é certa, se non se recolleu mal o dito, seméllanos a demostración de que a LOU, a aplicación do Plan Boloña, son unha vía para transformar a universidade nun provedor de servizos polos que pagar en tanto que clientes.

O máster xa é gravoso polo prezo e pola duración, pero, ademais, ao dicir a responsable galega que a demanda será superior á oferta e que será preciso discriminar mediante unha nota ou unha entrevista persoal está introducindo diversos factores:
1) introduce o elemento competitivo e cuantitativo (acadar máis nota que ninguén) en consonancia coa filosofía neoliberal que impregna a PSdG e BNG;
2) dito elemento conleva a lóxica preocupación no alumnado de “ir a aprobar” e non “aprender”, xa que isto non importa...importa a nota e competir cos seus compañeiros e compañeiras
3) a nota discriminará por competitividade, xa que na fase de grao hai moitas circunstancias que, en moitos casos, imposibilitan “a excelencia” e a “competitividade”: traballar para estudar, figura como un exemplo ilustrativo.
4) se se introduce a entrevista persoal discriminarase por dobre vía, polas notas, que será un referente –implícito- e a subxectividade dos entrevistadores.

LAMENTABLE e INDIGNANTE.

Esquerda Unida esixe que o acceso aos masters non impida o desexo de quen finalice o grao de querer formarse para ser docente: nin notas, nin entrevista, e que o criterio económico se solvente mediante as necesarias bolsas a fondo perdido e menos cos préstamos-renda. O límite xa está establecido pola oposición que ´da acceso á función pública docente....A menos, ignoramos desde esta secretaría, que se pretenda considerar como oposición verdadeira ao máster e regalar o acceso.

Santiago, 31 de xaneiro de 2009.

Presentación candidaturas



Esquerda Unida preséntase para ser a voz da clase traballadora e dos máis desposuídos no Parlamento de Galicia

A esquerda real que pode suprimir as prácticas neoliberais do Bipartito.

Conducida por Manuel Peña-Rey Bouzas, un dos intelectuais máis destacados de Galicia desde os tempos da clandestinidade e sempre comprometido coa esquerda real da que nunca de apartou, tivo lugar hoxe, no salón Praterías do Hotel Puerta del Camino, a presentación das candidaturas de Esquerda Unida a estas Eleccións Autonómicas á Xunta de Galicia 2009.

Son candidaturas perfectamente paritarias, incluso nas cabezas de cartel, con incorporación de xente nova e coa presenza dos nosos cargos públicos e, en xeral, dos nosos cadros máis activos entre os movementos sociais galegos.

Despois da presentación de Manuel Peña-Rey os candidatos e candidatas foron tomando a palabra. Comezou Carmen Iglesias, cabeza por Ourense, que destacou o compromiso ilusionante que representa expoñer á sociedade galega as claves que converten a Esquerda Unida na alternativa realmente de esquerdas, anticapitalista, federal e que aspira á construción do socialismo desde o real. Seguiu Carlos Portomeñe, cabeza por Lugo, que destacou a necesidade de Esquerda Unida para denunciar o entreguismo do bipartito ao capitalismo...galego, iso si, pero capitalismo ao fin, que non renuncia a acumular beneficios explotando ou despedindo aos traballadores e traballadoras. Juan Fajardo, cabeza por Pontevedra, incidiu en que entraremos no Parlamento para ser a voz da clase traballadora, para defender, poñendo por riba de todo o social e o público, aos galegos e galegas. Finalizou o acto coa palabra de Yolanda Díaz, cabeza por Coruña e candidata á Presidencia, que puxo de relevo a enorme decepción que supuxo o bipartito en ecoloxía social, en respecto dos servizos públicos, onde practicaron verdadeiro continuismo con respecto ás políticas fraguistas. O desbaldimento da Cidade da Cultura, a privatización da sanidade (liña 902 para concertar citas na atención primaria), o entreguismo á privada regalando diñeiro público para concertar aí onde debera haber xa prazas públicas.

Esquerda Unida traballará arreo na rúa, fronte as fábricas, fronte ás empresas, para dicir as verdades que quere calar o bipartito e as mentiras que quere inculcar a dereita rancia que significan tanto PP como UPyD (significativas as falacias que están creando ao redor da lingua galega).

Santiago, 31-xaneiro-2009.