sábado, 29 de junio de 2013

Crítica ao pago con diñeiro público da defensa de presuntos corruptos


O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA OPONSE A QUE SE PAGUE CON DIÑEIRO PÚBLICO A DEFENSA DE ADRIÁN VARELA.

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA ESIXE QUE SE RETIRE A MEDIDA E QUE NINGÚN OUTRO IMPUTADO SE POIDA ACOLLER Á PETICIÓN DE ABONAR A SÚA DEFENSA A COSTA DAS VECIÑAS E VECIÑOS.

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela considera inadmisible que o avogado que defenda a Adrián Varela, dos presuntos delitos falsidade documental, tráfico de influencias e cohecho, sexa pagado con cartos públicos.

É unha barbaridade, nova mostra da decrepitude ética do Partido Popular, que aproben que as concelleiras e concelleiros, imputados por presuntos delitos de corrupción política, poidan acollerse a que sexan as veciñas e veciños cos seus impostos as que paguen a súa defensa.

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela esixe a retirada inmediata desta medida aprobada pola comisión de goberno compostelán, non negamos que as leis podan permitila, pero é unha indecencia por parte do equipo de goberno de Currás que se faga efectiva.

É nauseabundo que o fedor a corrupción que desprenden as cloacas do Concello volva a prexudicar á cidadanía, abafada polo austericidio das políticas neoliberais que provocan a perda de dereitos laborais e sociais, mentres comproban que os executadores dos recortes teñen vía libre para dispoñer dos cartos públicos que precisen para acometer a súa defensa ante a xustiza.

Se Ángel Currás, por covardía ou incompetencia, non acomete a retirada desta decisión de pago da defensa con cartos públicos a presuntos corruptos, demandamos ao señor Feijoo que abandone o seu escudo de que “o que pasa en Santiago non é normal”, e leve a cabo as medidas necesarias para permitir a gobernabilidade da cidade, algo imposible co Alcalde Currás e as súas concelleiras e concelleiros.


É necesario que obrigue a retirada desta medida de inmediato e que esixa a dimisión de todos os cargos públicos imputados por presunta corrupción, procurando que ipso facto o novo equipo de goberno demostre capacidade para rexer a cidade, senón que cumpra coa súa obriga e consiga o necesario adianto de eleccións municipais

Valoración Pleno xuño



VALORACIÓN PLENO ORDINARIO DO 27 DE XUÑO

Proseguindo co traballo municipal do Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela un representante, Vicente Vázquez, acudiu ao Pleno ordinario para valorar o que alí se faga ou diga.

Consideramos lamentable que no momento actual de austericidio ao que nos levan as políticas neoliberais comezadas polos PSOE e continuadas polo PP, un Pleno do Concello de Santiago dure apenas unha hora.

Esta hora foi clara mostra da nefasta xestión política e social do equipo de goberno do señor Currás, pois o Partido Popular non levou nin unha soa proposta que debater, polo tanto, parece ser que para este alcalde e as súas concelleiras e concelleiros non é necesario levar a cabo ningunha medida para solucionar os moitos problemas que abafan o porvir das veciñas e veciños.

Desa orde do día, na que a maioría dos puntos consistiron en meras formalidades de aprobación de actas e de dar conta, o único debate que se produciu na escasa hora de sesión plenaria, foi por unha iniciativa do Bloque sobre o ferrocarril, que contou co apoio do PSdeG e o voto en contra do PP.

Para o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela a defensa dun transporte público sustentable economica e medioambientalmente, é unha das medidas esenciais que dende todas as administración públicas se debería realizar.

Sendo unha das pezas esencias deste necesario transporte público un tren que vertebre o territorio, un tren de proximidade, afastado do despilfarro que supón o AVE, que una e facilite a vida á cidadanía.

Este exiguo Pleno, novo exemplo da lamentable e penosa labor do Partido Popular á fronte do Concello, rematou con varios rogos, preguntas e mocións, que non xeraron nada máis que a intervención das persoas do BNG e PSdeG que as defendía, pois coa maioría absoluta do PP abortouse calquera tipo de debate.

Por todo isto esiximos ao equipo de goberno do señor Currás que faga o seu traballo, e que polo menos teña a decencia de presentar propostas nos Plenos para poder coñecer as medidas que consideran oportuno facer para mellorar a vida das veciñas e veciños.

Por suposto se non son capaces de estar a altura das responsabilidades que supoñen os cargos que ostentan, polo ben da cidadanía, retírense e pidan a convocatoria de eleccións municipais.

viernes, 28 de junio de 2013

Comunicado polo Día do Orgullo LGTBI



O 28 de Xuño reivindícase o día de Orgullo LGTBI, conmemorando o aniversario dos disturbios de Stonewall en Nova York coma punto de partida dun movemento social que continúa ata os nosos días.

Este ano, ALEAS-EU ten como lema “Fronte á crise do Réxime: Orgullos@s e combativ@s!”, lema sumado á campaña desenvolvida durante o primeiro semestre do ano, que levaba o lema de: Orgullo é feminismo, laicismo, República, educación pública, clase obreira, servizos sociais e, por último, Orgullo é rebeldía.

Estas campañas fan referencia á dimensión dos membros desta comunidade, ligada ás súas distintas vertentes como membras da cidadanía, como membras activas dunha sociedade, ámbito común no que os/as membros/as da comunidade LGTBI intégranse.  Por que todas estas campañas? Pois porque refírense aos ideais dunha esquerda real, que encaixan nos anelos e ideais da comunidade LGTBI.  Por iso, unha defensa real dos dereitos da comunidade LGTBI deben ser enmarcados nunha loita da esquerda, e consustancialmente a loita da esquerda debe tomar a bandeira do orgullo LGTBI como unha parte consustancial da súa propia loita.

A reinvindicación da comunidade LGTBI, non debe verse satisfeita coa conquista dos dereitos máis vinculados a unha concepción patriarcal da sociedade como é a de conseguir o dereito do matrimonio igualitario. Este debe ser considerado o primeiro bastión conquistado da fortaleza que é a concepción uniforme da familia, inculcada pola Igrexa Católica na sociedade. Agora a Comunidade LGTBI debe seguir avanzando, conquistando o resto desa enorme fortaleza construída dende o heteropatriarcado, se ben tampouco debe baixar a garda, posto que a ameaza do retroceso sempre está presente nunha sociedade onde a Igrexa católica ten un grandísimo poder e onde impera un capitalismo salvaxe.

Pero mesmo tempo, e como quixemos expresar na campaña deste ano, a loita do colectivo LGTBI debe ir máis lonxe e integrarse na loita polos dereitos de todos/-as os/as traballadores/-as, porque con esta estafa chamada crise, a comunidade LGTBI está a sufrir como o resto cidadanía os maiores recortes en materia social e de dereitos laborais.

Así, dicimos que Orgullo é feminismo, xa que consideramos que a loita do movemento feminista e do momento LGTBI van parexos. Estes dous movementos están a ver como as políticas involucionistas da dereita atácanas con máis virulencia. O movemento feminista é fundamental para conseguir o desenvolvemento das mulleres na nosa sociedade con plenos dereitos, como unha maneira de posicionar á persoa no camiño do seu desenrolo como cidadá, sen que teña que estar continuamente defendéndose dos atrancos que se lle pon por simplemente pertencer a un xénero o a outro. Dende o movemento LGTBI, lóitase neste mesmo senso, especialmente en canto á transexualidade, por canto que as persoas transexuais teñen dobremente que loitar para que se lle recoñeza os dereitos a unha identidade de xénero que lles corresponde, e que non coincide coa que atribúe a sociedade ou a legalidade heteronormativas.  A cuestión sexual-reproductiva non pode ser un elemento reducionista da muller a cumprir unha función fisiolóxica reprodutiva, non o toleramos.

Orgullo é laicismo. Nunha cidade como a nosa, tan fortemente influída polo aparato da Igrexa Católica, vemos como os ataques desta aos dereitos da comunidade LGTBI son constantes, xerando e animando á LGTBIfobia. Non é de recibo que a Igrexa obteña tantos beneficios, tanto fiscais como presupostarios, para o seu mantemento cando irradia dende os púlpitos o ataque contra unha comunidade que forma parte esencial da sociedade. Estamos fartas que dende goberno municipal do PP se renuncie aos cartos de todos e todas en defesa dunha institución opresora e caduca.

Si, Orgullo é República, pero República nunha concepción non só de organización política, senón nunha concepción de organización social, unha concepción de participación democrática cidadá e que rache co sistema anterior, cambiando a primacía do capital por encima do ser humano. Un sistema que respecte a diversidade e a humanidade da cidadanía. A comunidade LGTBI debe loitar por unha sociedade que non considere aos seus membros como obxectos de explotación ou só lles de valor polo seu potencial como consumidores. Parte da comunidade LGTBI está caendo nestas redes, en tanto que vese falsamente aceptada. Pero non é unha aceptación como suxeito LGTBI, senón como suxeito consumidor. Nestes momentos en que moitos deixan de ser suxeitos con capacidade adquisitiva, os membros e membras da comunidade LGTBI vense excluídos dobremente tanto por xa non continuar sendo membros da masa de consumidores como por, en efecto, ser LGTBI. A República é recipiente dos principios da esquerda que propicia unha sociedade xusta, onde a dimensión da cidadanía é a de desenvolvemento de todas as súas potencialidades, e non do desfeito daqueles que non conseguen converterse en suxeitos consumidores.

O Orgullo tamén é educación pública. Todos recortes que esta sufrindo a educación, como a Reforma da LOMCE, son ámbitos que tamén nos afectan. Ademais, nunha sociedade onde o 43% de lesbianas, gais e bisexuais adolescentes admiten que, debido ao acoso escolar, plantéxanse a posibilidade do suicidio, unha reforma educativa e campañas de sensibilización contra a LGTBIfobia nas escolas e institutos fanse necesarias. E, cando o que precisamos é avanzar, vemos que non facemos máis que retroceder, coa eliminación da xa escasa materia de “Educación para a cidadanía” e co fortalecemento da materia de “Relixión Católica”. O que se debe potenciar é a igualdade e a normalización afectivo-sexual, non o odio e as sectas.

As transmaribibolleiras tamén somos obreiras, por iso Orgullo é clase obreira. Aquí vemos como o colectivo LGTBI está nas listas do paro, como somos explotados/-as pola patronal, como se nos precariza día a día e como se nos obriga a emigrar para acabar sendo man de obra barata nun país que non sexa o noso. Ademais, reformas como a Laboral o único que fomentan e a non normalización LGTBI e a nosa continuación nos armarios, vivindo con medo a expresar quen somos por mor a seren despedidos/-as.

Por outra banda, a comunidade LGTBI tamén berra que Orgullo é servizos sociais, porque tamén, como membros da cidadanía, estamos a sufrir os efectos dos duros recortes en servizos sociais, recortes que son máis sufridos polos grupos da poboación que máis precisan de seren protexidos, porque tradicionalmente non contaron coa protección e respecto necesarios, como foi o caso dos membros da comunidade LGTBI. Ademais, tamén denunciamos os recortes nos servizos sanitarios, recortes que afectan aos programas de prevención de enfermidades perigosas para o noso colectivo como as de transmisión sexual. Os recortes tamén nos servizos de atención ás persoas con enfermidades crónicas, coa redución da subvención dos medicamentos, persoas moi vulnerables que precisan durante toda a súa vida de medicamentos economicamente accesíbeis, como no caso dos infectados polo VIH, tamén son hoxe en día algo normal.

Por todo isto, Orgullo é Rebeldía. Debemos ser quen de xuntar as mareas, os movementos sociais, as asociacións, etc, e golpear xuntas e xuntos para poñer fin a este Réxime caduco, sustentado sobre os alicerces do bipartidismo, que non leva a ningures.

Así, ALEAS-EU Compostela chama a toda a cidadanía compostelá a sumarse connosco á manifestación do Orgullo convocada pola Asociación Nós Mesmas en Vigo, dado que é o modelo de Orgullo combativo e reivindicativo que cremos necesario, xa que, sen renunciar ao carácter festivo da convocatoria, non debemos esquecer as nosas orixes nin o futuro que nos espera, cheo de loita e de éxitos sociais.

Fronte á crise do Réxime: Orgullos@s e combativ@s