jueves, 13 de junio de 2013

Moción defensa dereito ao aborto



A Área de Mulleres de Esquerda Unida Compostela demandamos o dereito das mulleres a decidir a súa maternidade, parte fundamental da loita histórica do Movemento Feminista. A traxectoria desta loita no noso país foi longa. En 1985, produciuse unha despenalización parcial e tiveron que pasar 25 anos, tivemos que esperar até 2010, para unha reforma da lei de interrupción voluntaria do embarazo algo máis avanzada, pero aínda con moitas limitacións.

O PP agora, a través do seu ministro de Xustiza, está a tentar introducir un debate falso e enganoso, no que non podemos entrar. O dereito a decidir das mulleres sobre a súa maternidade, non se pode enmarcar nun debate alleo á libre decisión das mulleres. É un dereito fundamental e, como tal, non pode ser obxecto de intercambio cos estamentos relixiosos e sociais máis reaccionarios.

As mulleres non necesitamos leis proteccionistas que nos releguen á posición de seres inmaduros e indefensos. Somos suxeitos plenos de dereitos e, por tanto, temos capacidade para tomar as nosas propias decisións de forma autónoma e independente. Non podemos permitir que o PP nos sitúe novamente no rol de nai, esposa e coidadora.

Dende a Área de Mulleres de EU Compostela defendemos o dereito á interrupción voluntaria do embarazo, á libre decisión das mulleres sen interferencias e tutelas, por iso propoñemos ao Pleno do concello de Santiago a seguinte proposta de.

ACORDOS:

Primeiro.- Que o Concello de Santiago de Compostela inste ao Goberno de España a solicitude/esixencia de que non se atente contra os dereitos fundamentais das mulleres e NON se modifique de maneira restritiva a actual Lei Orgánica 2/2010 de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo.

Segundo.- Que se amplíen os dereitos recoñecidos no texto vixente para que se recoñeza, como reivindican numerosas organizacións de mulleres, polo menos as seguintes materias:

·         A despenalización total do aborto voluntario, eliminando a súa actual penalización no Código Penal.

·         Asegurar a plena capacidade das mulleres, incluíndo as novas, para tomar decisións sobre a súa maternidade e sobre as súas vidas.

·         Asegurar ás mulleres inmigrantes que se atopen en situación administrativa irregular, total prestación sanitaria tamén para acceder á IVE.

·         Un protocolo común para todo o Sistema Nacional de Saúde, que asegure a prestación efectiva da interrupción voluntaria do embarazo na rede sanitaria pública, con equidade territorial que asegure o acceso e proximidade similar en todos os territorios.

No hay comentarios: