O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela quere lembrar que o
próximo 28 de xuño terá lugar a celebración do Orgullo LGTBI, que rememora os
acontecementos ocorridos fai agora 45 anos no barrio neoiorquino de Stonewall
como un referente histórico na loita de gais, lesbianas, bisexuais, transexuais
e intersexuais polo recoñecemento dos seus dereitos e liberdades.
Nesta loita ocupan un lugar destacado as organizacións LGTBI, protagonistas
nos importantes avances que se foron alcanzando ao longo dos anos, pero
testemuñas tamén dos retrocesos que actualmente se están dando en materia de
dereitos e liberdades da poboación LGTBI: o bullying e o mobbing LGTBIfóbicos,
a exclusión sociolaboral das persoas transexuais, a elevada prevalencia de VIH
no grupo de HSH, as medidas legais que levan a algúns países a criminalizar ao
colectivo LGTBI, e un longo etcétera. Fronte a estas dramáticas situacións,
corresponde ao tecido asociativo LGTBI responder de forma contundente e
reclamar todas aquelas medidas que se deban adoptar, en beneficio do respecto á
diversidade e á igualdade á prevención de riscos para a integridade física e moral
das persoas LGTBI.
Do mesmo xeito, corresponde aos poderes públicos escoitar as organizacións
LGTBI, recoñecer o encomiable labor social que veñen desenvolvendo, e responder
co firme compromiso de adoptar aquelas decisións que correspondan para garantir
os dereitos fundamentais das persoas, a prestación de servizos básicos e evitar
calquera forma de discriminación por motivo de orientación ou identidade
sexual.
A FELGTB (Federación Estatal de Lesbianas, Gais, Transexuais e Bisexuais)
dedica o presente ano temático ás e aos mozos LGTBI, persoas que sofren acoso e
ciberacoso LGTBIfóbico no ámbito educativo. Este colectivo vive aínda a día de
hoxe a súa condición sexual con angustia en moitas ocasiones, debido ás
actitudes discriminatorias e vexatorias que constantemente se manifestan na
nosa Sociedade, e apenas conta con referentes positivos doutras persoas LGTBI
no seu arredor, posto que son frecuentemente invisibilizadas, en especial as
mulleres lesbianas, e de modo particular a poboación LGTBI do medio rural.
Todo isto constitúe un motivo de preocupación para o conxunto da Sociedade
e require dunha reacción urxente dos poderes públicos, a quen lles corresponde
garantir o benestar das e dos mozos, adoptando medidas contundentes fronte ao
acoso, promovendo a diversidade como un valor social e fomentando a
participación e o asociacionismo entre a mocidade
Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao
Pleno do concello de Santiago a seguinte proposta de
ACORDOS
Primeiro.- Instar aos gobernos central e autonómico a
que aproben unha lexislación específica contra a discriminación por orientación
ou identidade sexual, á que constantemente se ven sometidas as persoas LGTBI,
que se encontran desamparadas tendo en conta a lexislación vixente.
Segundo.- Reclamar ao Goberno central unha
rectificación polo que respecta á denegación de asilo a persoas que así o teñen
solicitado, despois de acreditar que as súas vidas corrían serio perigo ao
seren perseguidas por motivo de orientación ou identidade sexual. Rogar maior
sensibilidade institucional fronte a situacións dramáticas que chegan a nós
desde outros contextos xeopolíticos nos que, aínda a día de hoxe, queda un
longo camiño por percorrer en materia de dereitos humanos.
Terceiro.- Adquirir un compromiso institucional firme
de cara á inserción sociolaboral das persoas transexuais. Deseñar e poñer en
funcionamento un plan municipal de inserción laboral de persoas transexuais
Cuarto.- Emprazar ao Goberno central á restitución
da cobertura sanitaria pública e universal ás persoas inmigrantes residentes no
noso país, como medida básica de saúde pública que afecta ao conxunto da
poboación
Quinto.- Reclamar ao Goberno autonómico a
aplicación de plans de atención á saúde do colectivo LGTBI, que permitan
ofrecer unha resposta eficaz aos problemas específicos de saúde do colectivo,
en especial a prevención de ITGs (Infeccións de Transmisión Xenital) en HSH e a
atención á saúde das persoas transexuais
Sexto.- Requirir ao Goberno autonómico a
introdución da perspectiva de diversidade no currículo académico, que recolla
de forma realista e proporcionada a diversidade afectivo-sexual e familiar
existente na Sociedade. Impulsar nos centros educativos do concello a creación
e posta en marcha de Titorías de Atención á Diversidade Afectivo-Sexual
Sétimo.- Emprazar as autoridades educativas a
apostar de forma contundente por unha educación pública, mixta, laica e de
calidade, que promova valores de respecto á diversidade e favorables á
convivencia. Suprimir os contidos de índole relixioso no ámbito escolar.
Oitavo.- Ofrecer apoio institucional ás posibles
experiencias de autoxestión de centros residenciais para persoas maiores LGTBI
e impulsar desde este concello unha política de libre vivencia da sexualidade
nos centros residenciais de persoas maiores do municipio
No hay comentarios:
Publicar un comentario