viernes, 14 de junio de 2013

Defensa dereito ao aborto e apoio á manifestación do 16 de xuño



A ÁREA DE MULLERES DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA REITERA A SÚA DEFENSA DO DEREITO AO ABORTO.

A ÁREA DE MULLERES DE EU COMPOSTELA ANIMA A PARTICIPAR NA MANIFESTACIÓN DO DOMINGO 16 DE XUÑO

O goberno do partido popular non so quere lexislar contra os dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres, senón que pretende ademais poñer trabas ao noso dereito de manifestación. Dende o Concello de Santiago, e nun intento de pechar as nosas bocas, o concelleiro Juan de la Fuente denega a solicitude de enganche da megafonía ao alumeado público feito pola Plataforma pola Defensa do Dereito ao Aborto.

Debemos plantarlle cara ao que a todas luces é un ataque frontal contra os dereitos e liberdades das mulleres conquistados tras décadas  de loita nas rúas e nas institucións.

Dende a Área de Mulleres de Esquerda Unida Compostela cremos que hoxe máis que nunca compre unir forzas e rebelármonos, por iso estamos a participar activamente nas mobilizacións en contra da reforma da lei do aborto e animamos á cidadanía compostelá a participar na manifestación nacional convocada pola Plataforma Galega pola Defensa do Dereito ao Aborto,  o 16 de Xuño, ás 17.00 da tarde, en Compostela.

A anunciada reforma da lei de interrupción voluntaria do embarazo que pretende o Partido Popular é unha viaxe ao pasado de case 30 anos. Non se trata de modificar a lei elaborada polo goberno de Zapatero, nin tan sequera de volver a lexislación vixente durante a época de Aznar, é unha viaxe a un tempo que semella preconstitucional. Durante o goberno de Aznar o aborto quedaba despenalizado nos supostos de grave risco para a saúde física ou psíquica da nai. O ministro Gallardón está preparando unha lei moito máis restritiva, unha lei que quere negar calquera dereito ás mulleres a decidir sobre a súa propia maternidade por duras que sexan as circunstancias.

É necesario enfrontar o concepto patriarcal e machista que o Partido Popular ten das mulleres, que nos considera  persoas sen o suficiente criterio para tomar decisións por nos mesmas. Guiados por unha minoría ultraconservadora o goberno pretende tutelar as nosas vidas e os nosos corpos, e someter a discrecionalidade da súa moral as nosas decisión privadas e individuais. A maternidade debería ser froito dunha decisión persoal tomada en plena liberdade e non froito dunha imposición legal.

Por outra banda, a reforma que quere poñer en marcha o ministro non  responde a unha demanda social. A lei actual, aínda que con eivas, si que conta co apoio da maior parte da poboación e da resposta a realidade social, sendo tamén o modelo predominante tamén nos países do noso entorno político. Ademais a pretendida reforma non evitará que as mulleres que o  desexen sigan abortando e sen embargo pode traer terribles consecuencias para aquelas mulleres con menos recursos que arriscarán as súas vidas en abortos clandestinos. De novo unha reforma do goberno que se ceba caos persoas máis pobres.

Dende a Área de Mulleres de Esquerda Unida Compostela defendermos, pola contra, a promoción de todas aquelas medidas que favorezan a maternidade en lugar de impoñela. Medidas que pasan por favorecer a conciliación laboral e familiar, e non por desmantelar as axudas á dependencia, ou eliminar prazas en escolas infantís, nin por recortar en sanidade, educación ou en políticas de igualdade. As políticas do Partido Popular  teñen aumentado a feminización da pobreza e a dos nenos e nenas, cun 55% das mulleres novas no paro e un 20% de pobreza infantil.

Defendemos, pola contra, unha lexislación que confíe no criterio das mulleres e que polo tanto garanta o  dereito á interrupción voluntaria do embarazo en condicións seguras adecuadas para as mulleres que así o desexen. Reivindicamos o dereito ao aborto libre e na carteira de servizos da sanidade pública.


Agora máis que nunca ante este ataque de tales características, cómpre unir forzas e defender os nosos dereitos. Dende a Área de Mulleres de Esquerda Unida Compostela animamos a participar na manifestación nacional convocada pola Plataforma Galega pola Defensa do Dereito ao Aborto,  o 16 de Xuño, ás 17.00 da tarde, en Compostela

No hay comentarios: