domingo, 29 de julio de 2007

Por que non aprendemos de Trondheim? Compostela debe liderar a remunicipalización dos servizos públicos. O exemplo do transporte.

A cidade de Trondheim (Noruega) en 2002, froito dunha iniciativa dos sindicatos, puxo en mans das organizacións políticas que se presentaban ás eleccións municipais do 2003 un programa político de 19 puntos destinados a poñer en marcha un programa de remunicipalización dos servizos públicos.

Gañaron as forzas que apoiaran o programa sindical, de esquerdas. Ata ese momento os servizos públicos foran entregados pola política de dereitas, en base a unha errada crenza da mellor xestión e eficacia, ás empresas privadas. Aquí, curiosamente, son as propias organizacións que se autoproclaman de esquerdas –PSdG e BNG- quen entregan os servizos públicos a empresas privadas.

Comezouse por recuperar a titularidade da empresa municipal de autobuses, por non renovar contratos con empresas privadas que se ocupaban da asistencia a persoas maiores e por poñer en marcha un paquete de inversións nas escolas públicas.

O exemplo de Trondheim permitiu o triunfo nas nacionais de 2005 aos partidarios de frear a privatización e externalización de servizos. Este modelo estenderase a 100 municipios no 2007.

En Suecia procurouse a reorganización interna dos servizos públicos para que mellorasen a súa eficacia e eficiencia…sen despedir persoal…

A cidade de Bergkamen (Renania, Norte-Westfalia) en xullo de 2006 rescindiu contrato coa empresa privada encargada do servizo de limpeza e eliminación de residuos. A empresa pública, cáseque un ano despois, eliminou nun 30% os custos, mesmo a pesar de ter mercado 6 vehículos novos e manter os niveis salariais de todos os seus empregados.

En Italia creouse hai pouco un Foro pola Auga Pública para acabar coa privatización das empresas de auga locais e recuperar a xestión pública de servizos rexionais e locais agora en mans privadas.

Os exemplos en Europa son cada vez máis numerosos debido a unha grande constatación: a xestión privada dos servizos básicos non mellora a calidade, eficacia e eficiencia do servizo, nin se aforra en xestión, nin se melloran as condicións salariais dos e das traballadoras, etc.

Cómpre que en Galicia cunda o exemplo Trondheim. Cómpre un compromiso pola remunicipalización dos servizos básicos agora mesmo entregados a empresas privadas.

***

Agora, os alcaldes da comarca compostelá móvense un chisco para protestar pola calidade do servizo de transporte metropolitano. E fan ben, pero fanno tarde, como se se esforzasen unicamente despois da campaña electoral. En efecto, temos que lembrar que desde Esquerda Unida remitimos varios comunicados de prensa (o primeiro deles o 21 de decembro de 2006) nos que facíamos unha crítica da calidade do servizo, de marquesinas sen horarios, da absoluta ausencia de información, etc. E mesmo, o 15 de febreiro de 2007 presentabamos unha moción no Concello de Santiago co seguinte título Desenvolvemento das condicións necesarias para a elaboración dun plano integral de transporte sustentable en tanto que servizo público para a cidadanía. Nun dos puntos aludíamos á necesidade de crear un órgano de coordinación metropolitana de transporte público.

Iso o dixemos sempre. E apelando sobre todo, e non desde a perspectiva actual, a transporte en tanto que servizo xestionado e servido pola administración pública (nacional e local).

***

Hai non moito a edil respondable de tráfico dicía, nun alarde de incomprensión, que primeiro se encargaría de solucionar o tráfico de aquí (da urbe) e logo o tráfico de alá (o que vén dos concellos limítrofes). A edil demostra non entender a natureza da sobresaturación das estradas comarcais durante os días laborais e mesmo nos non laborais. E, desde logo, non entende que non pode actuar a dous niveis diferenciados, xa que o centro (urbe) só poderá funcionar de forma eficaz e eficiente se o é o que vén de fóra. Máis ben, para ser correctos, se o é “o que non vén de fóra”. Queremos dicir con isto que necesitamos unha redución do tráfico para que este poda ser sustentable. Non cabe outra solución, xa que logo que articular de forma conxunta un servizo metropolitano de transporte público.

En certo modo, a apreciación da edil choca coa visión de Sánchez Bugallo que si acerta á hora de falar de transporte comarcal –e de recoller a nosa idea dunha oficina de coordinación metropolitana- pero erra á hora de atribuirse responsabilidades á hora de definir quen debe realizar e ofrecer dito servizo.

Certo é que precisamos de máis cartos, pero non para que se vexan beneficiadas empresas privadas de transporte de viaxeiros. Necesitamos máis cartos para que o transporte sexa realmente un servizo de xestión e titularidade públicas. Di Bugallo que o “transporte non é barato”. E nós dicimos que si é barato, xa que as consecuencias dun servizo público de transporte son enormes: medioambientais, sociais e mesmo culturais. Para nós resultan moito máis caras as asistencias técnicas entregadas para proxectos de dubidosa rendibilidade social (campos de golf en Bando, Museo do Neno na Cidade da Cultura (sic)

Claro está, o primeiro paso sería ter a valentía de facer algo ben dunha vez. Agora os culpables sempre son outros: os da Xunta, os das Empresas Privadas, pero nunca os rexedores locais…cando se trata dun servizo que beneficia aos habitantes aos que representan. É absurda a tendencia a lanzar balóns fóra. Horarios, mobiliario (papeleiras a pé de marquesinas), etc, son aspectos sinxelos que non se cumpren porque á empresa privada non lle afecta para nada o incumprimento. Fallan, como é norma no país, quizais por falta de persoal, as inspeccións para sancionar as faltas. A táctica dos rexedores é clara: a Xunta debe implicarse máis, pero o problema de base será o mesmo: o diñeiro é público, pero quen serve son empresas privadas. A Xunta debe implicarse máis, si, pero acompañado dunha dinámica de municipalización do transporte por parte dos concellos. Isto é, a implicación do ente nacional (Xunta) terá moito máis sentido, e será máis esixible, se as empresas que realizan o servizo público de transportar viaxeiros, son públicas. Neste sentido si tería pleno sentido que o diñeiro público fose destinado a mellorar un servizo público de titularidade e xestión totalmente públicas.

Pensemos antes na rendibilidade social e comprobaredes, os amantes do sector privado, que a economía tamén mellora. Trondheim, Bergkamen sinalan que é posible. Só falta talla política.

martes, 24 de julio de 2007

UN MUSEO PARA INFANTES...QUEN DÁ MÁIS!

A CIDADE DA CULTURA
É UNHA SEPULTURA
CO DIÑEIRO DE TODOS NÓS
CO PERMISO DUNS POUCOS
CONSTRÚEN A PEDRA
QUE ABAFA.....
(SERÁ UN NOVO SANTUARIO DE PEREGRINACIÓN, TAMÉN?)

Sabemos que hai unhas grandes ausencias no tocante ao coidado dos nenos e nenas. Que os pais e nais teñen que facer contas e máis cálculos para ter dereito a unha praza nunha gardería pública. Oh! Pero que non teñan medo...aí está o debate do Estado da Nación para que se pense nunha procreación remunerada -que ben queda a máis de 6 meses vista das eleccións- e tamén está ....o anuncio "marabilloso" de que na Cidade da (A)Cultura vai haber un Museo para os Nenos...je je.

O de menos xa son os case 200 000 euros que vale a broma do Plan Director do mesmo..., todo representa unha absoluta carencia de ancraxes nas necesidades reais dos veciños e veciñas.

Así é a nosa política, así son os do bipartito:
- que hai problemas para a formulación dunha oposicións dignas dese nome? Pois nos inventamos un concurso-oposición doado para que entren os 800 amigos e amigas que designamos de boa vontade e mellor acerto clientelar.
- que hai antigos altos cargos que teñen problemas para chegar a fin de mes, os probes? pois consolidamos un salario de 14.700 euros anuais.

Ah! Claro, todo moi transparente e accesible á cidadanía! Iso sí, coma os acordos da Xunta de Goberno do Concello compostelán...., pero iso deixámolo para o xoves, que será cando nos pronunciemos formalmente.

Iso sí, salario mínimo, pensións e demais que afectan ao pobo...iso que non se toque...

En fin, aquí quen non corre, voa!

Ah! Pero dentro de pouco, ás 23h30, todos a "flipar" cos artificios...engaiolados no cárcere de soños e mentiras que constrúen día tras días quen di representarnos....upps, mellor dito autorepresentarse.



jueves, 19 de julio de 2007

Gobernantes ou alzistas de salarios propios?

Información que nos chegou a través da activa Asociación A Oliveira de Teo. Vése que hai gobernantes que non respectan absolutamente NADA.
******

A Asociación Memoria Histórica do 36 de Ponteareas denuncia que o concello de Ponteareas aínda non lle fixo entrega á historiadora galega María Victoria Martínez Rodríguez da parte correspondente da dotación económica do IV Premio de Investigación Fermín Bouza Brey, que este concello viña convocando ó longo dos últimos anos.

¡UN ANO E MEDIO DESPOIS! de ser fallado o premio a historiadora galega aínda non recibiu ningunha cantidade económica por parte do concello, logo de que ela entregase un proxecto de invetigación co título "Muller e franquismo. A Sección Feminina en Ponteareas, 1936-1955".

Tras diversas xestións ó longo deste ano e medio, Martínez Rodríguez recibiu largas por parte do concello ou directamente negativas por parte dos responsables económicos do mesmo no sentido de que sobre ese premio "non se vai facer ningún pago".

Para a Asociación Memoria Histórica do 36 de Ponteareas é moi chamativo que os concelleiros con dedicación exclusiva ou parcial autoapróbense subidas salariais de entre o 35% e o 50%, e durante ano e medio fosen incapaces de entregar a cuarta parte dos 2000 euros cos que estaba dotado o IV Premio de Investigación Fermín Bouza Brey.

Para a directiva da Asociación Memoria Histórica do 36 de Ponteareas a decisión do goberno municipal do concello de Ponteareas de non cumprir cos compromisos aprobados no seu día no pleno municipal de instituir e manter un premio dedicado á figura de Fermín Bouza Brey ten que ver coa temática que aborda o proxecto da historiadora Martínez Rodríguez, no que por primeira vez ía analizarse as estruturas organizativas do falanxismo feminino no concello de Ponteareas.

A Asociación está realizando consultas con destacados xuristas galegos para encontrar a maneira legal de que o concello de Ponteareas cumpra os acordos municipais.

Ángel Rodríguez Gallardo
Voceiro da Asociación Memoria Histórica do 36 de Ponteareas
625403870
*****
Como podedes comprobar, lamentable. De feito, despois do 27 de maio, os acordos de gobernabilidade (xa veremos!) falaban de dedicacións exclusivas....e aí asistimos á técnica da pinza en Teo e en Ames...sendo pinzado nunha o BNG, na outra o PSdG e..beneficiado en ambas o PP.
Así é, pero claro, o pobo é quen máis ordena.

viernes, 13 de julio de 2007

COMUNICADO DE PRENSA VALORANDO ACORDO DE GOBERNO PSDG-BNG

Comunicado de prensa do Consello Comarcal de Esquerda Unida-IU sobre o acordo de goberno asinado entre PSdG e BNG


O acordo de goberno asinado polo PSdG e o BNG o 19 de xuño representa o triunfo da inconcreción. Son escasas as medidas que reflictan a necesaria temporización para a súa execución, dando a sensación de que varias das promesas quedarán, moi probablemente, esquecidas. Dicir tamén que o texto asinado é deficitario desde o punto de vista estrutural, xa que as medidas deberían ir reagrupadas en base ás áreas de acción política.


“Favorecer”, “fomentar”, “impulsar” son os verbos comodíns máis empregados e, como o seu propio significado indica, non “aseguran”, nin “garanten” nada. Estos semellan, xa que logo, os compromisos: non garantir nada.


Destaca, tal como detallamos no informe que se adxunta, a ausencia da democracia participativa como gran obxectivo xeral, máis importante se cabe despois de comprobar que un 43% da poboación se abstivo de pronunciarse nas urnas o pasado 27 de maio. Non se garanten os mecanismos de participación cidadá (un novo regulamento, orzamentos participativos, …) na elaboración da política que debe seguir o concello. Dito obxectivo resulta esencial para que a medida 42 adquira un valor de verdade e non quede en mera palabrería.

O acordo de goberno demostra descoñecemento da realidade municipal, xa que o Consello Municipal de Migracións xa está creado (medida 31). O que si falta, e non figura é a elaboración e aplicación do Plan Local de Inmigración, agora mesmo na súa fase incipiente.

A escasa visión metropolitana, a ausencia de medidas que concreten a aplicación e desenvolvemento da Lei de Dependencia, a ausencia dun Plan de Atención Integral para as Persoas Invidentes e Xordomudas, a falta de compromiso orzamentario con Políticas de Muller (mín. 5% ) e Cooperación (mín. 1%), a ausencia dunha cartografía de telefonía móbil, e outros aspectos que desenvolvemos no Informe, reflicten as enormes eivas do acordo de goberno asinado.

Todo apunta a que seguirá a externalización mediante a política de subvencións e que se insistirá na política de privatización, xa que non se garante, en ningún momento, a súa paralización e remunicipalización dos servizos públicos esenciais.

A pesar das enormes eivas sinaladas, Esquerda Unida vixiará polo cumprimento estrito do que consignaron PSdG-BNG para que dentro de 4 anos non teñamos un listado de promesas incumpridas e os nosos veciños e veciñas a sensación de que, unha vez máis, foron vítimas da palabra dada (pénsese, por exemplo, no probablemente xa desaparecido centro educativo para Sar, medida 25).


INFORME DE VALORACIÓN DO ACORDO DE GOBERNO ENTRE PSDG E BNG

Informe do Consello Comarcal de Esquerda Unida-IU sobre o acordo de goberno asinado entre PSdG e BNG

O Consello Comarcal en reunión mantida o 11 de xullo de 2007, despois de someter a análise e discusión o acordo de goberno asinado o 19 de xuño entre o PSdG e BNG, realiza o seguinte informe de valoración:


Democracia Participativa

O acordo de goberno incorpora 44 medidas que pretenden acadar 5 grandes obxectivos xerais. Como era de agardar, entre estes grandes obxectivos xerais non figura en ningún momento garantir os mecanismos de participación cidadá na elaboración da política que debe seguir o concello. Dito obxectivo resulta esencial para que a medida 42 adquira un valor de verdade e non quede en mera palabrería.

En calquera caso, “favorecer” e “fomentar” son verbos comodíns que non aseguran, nin garanten nada. Pero é lóxico, xa que o acordo de goberno esquece dicir de que forma se vai aumentar a “corresponsabilidade da veciñanza na toma de decisións”. Por se ignoran cal é ese camiño, dirémoslle ao equipo de goberno que mediante un novo regulamento de participación cidadá e mediante a creación e aplicación dos orzamentos participativos.

Por iso, antes de aplicar o Plan Estratéxico (medida 5) é necesaria a súa reformulación completa en base á participación cidadá. E o mesmo cabería dicir dos documentos que rexerán a nosa vida: Plan

Igualdade de Oportunidades e Estado de Benestar

  1. A medida 31 do acordo de goberno ignora a realidade municipal, xa que o Consello Municipal de Migracións xa está creado. O que si falta, e non figura é a elaboración e aplicación do Plan Local de Inmigración, agora mesmo na súa fase incipiente.
  1. Semella que a aplicación da Lei de Promoción da Autonomía das Persoas (Lei de Dependencia) é independente da acción directa do Concello. As medidas directamente relacionadas con isto (medidas 27, 28) son xerais e inconcretas. A creación de Centros de Día planificada é claramente insuficiente. Cómpre tamén a posta en marcha de centros de respiro familiar. Falta a referencia á creación de vivendas tuteladas, a extensión da teleasistencia, das axudas no fogar, etc. Todo indica que, a este respecto, o Concello practicara a externalización mediante a política de subvencións.
  1. En ningún momento se di nada dun Plan de Atención Integral para as persoas invidentes e para as persoas xordomudas. Un Concello integrador non pode seguir desatendendo a estes colectivos.
  1. Segue sen destinarse un mínimo (5%) do orzamento a políticas de igualdade de xénero. E o 0,7% destinado a cooperación debería saír non dos investimentos e si dos orzamentos, sendo desexable o 1% como mínimo.

Emprego

  1. En canto ao impulso do emprego (medidas 1-2) resulta chocante que non se faga mención en ningún momento á elaboración e posta en marcha inmediata dun Plan Municipal pola Calidade do Emprego. Non figura ningunha medida que responda a unha política pública, mediante o compromiso de non privatizar máis servizos municipais e asegurar a remunicipalización dos agora mesmos privatizados. Incidindo neste eido, Esquerda Unida lamenta a ausencia dunha Axencia de Colocación Municipal.
  1. Os cálculos realizados por Esquerda Unida sobre a aplicación da Lei de Dependencia no noso municipio reflicten que se poden crear 1352 empregos con persoal alleo á familia. É imprescindible que o Concello sexa garante da creación destes postos de traballo en tanto que sevizo público ás persoas.
Vivenda
  1. Nas medidas de Vivenda (medidas 7-8) non vemos en ningún momento a necesidade de ligar a oferta coa demanda. Só así poderemos camiñar cara a unha imperiosa sustentabilidade ecolóxica. Para poder equilibrar e facer efectiva política de rehabilitación, con política de aluguer e con construción de vivendas de protección pública é preciso saber por unha banda canta demanda de vivenda protexida hai e cantas vivendas baleiras hai (por iso, reclamamos a a elaboración dun censo motivado de vivendas baleiras).

Calidade de vida e saúde

  1. Esquerda Unida lamenta e visión empresarial do equipo de goberno. Só así se pode xustificar a ausencia da elaboración dunha cartografía de antenas de telefonía móbil con información clara e transparente sobre a súa situación e con declaración de zonas libres de contaminación electromagnética respectuosas co principio de prevención. De novo, as empresas de telefonía móbil poderán obrar ao seu libre albedrío capitalista. Seguirase coa situación actual que vulnera o principio de prevención.

Educación e cultura

  1. No tocante aos centros educativos (medida 25) fálase da reclamacion dun centro público para o barrio de Sar. Pois ben, dita reclamación, hai dous días, xa quedou freada e desestimada. Isto incide na calidade das medidas deseñadas para o acordo de goberno e na escasa predisposición para esforzarse en garantir a realidade das medidas e obxectivos.
  1. Igualmente, están pendentes outras asociacións coma a de Cancelas, para verse dotadas cun local aceitado para realizar as tarefas sociais e cívicas.
  1. A Cultura de Santiago non pode ser unicamente unha cultura escaparate. Por iso, cómpre o desenvolvemento da cultura de base. Sen esta, participación e cohesión son unhas quimeras inalcanzables.

Deporte

  1. Tendo en conta o importante que é o deporte na idade infantil, resulta chocante ver que a creación e consolidación do deporte escolar.
  1. A consecución do cinturón verde debería ser unha obriga xa para esta lexislatura, pero, unha vez máis, demorarase in eterno a súa realidade.

Deficiencias xerais do acordo de goberno

  1. Son escasas as medidas que reflictan a necesaria temporización para a súa execución, dando a sensación de que varias das promesas quedarán, moi probablemente, esquecidas ou, como adiantaron en plena campaña electoral, supeditadas a unha nova lexislatura (referímonos, por exemplo, ás infraestruturas da medida 13).
  1. Bótase en falta unha mellor ordenación das medidas e reflíctese unha deficitaria pedagoxía política, xa que as distintas medidas deberían ir inseridas debaixo dos epígrafes temáticos correspondentes.
  1. Esquerda Unida critica a deficitaria visión metropolitana do acordo de goberno e o seu localismo. En materia de vivenda e transporte é urxente dotarse cunha Oficina de Coordinación Metropolitana. Non pode ser que a edil responsable do tráfico diga que se vai preocupar da xente de aquí e logo da que vén de fóra. Descoñece totalmente a realidade, xa que a situación do tráfico na vila depende de que funcione de forma admirable o transporte público metropolitano, isto é, o tráfico dentro da cidade depende de que se canalice ben o tráfico que provén dos concellos limítrofes.

viernes, 6 de julio de 2007

Celebración da Visibilidade e Recoñecemento da Diversidade Afectivo-Sexual

Mañá é un día de celebracións e de revindicacións, porque as celebracións sempre deben ser un motivo para a reflexión e a demanda.

Todo o día de mañá celebrarase o que nós chamamos día da visbilidade e recoñecemento da diversidade afectivo-sexual. O día do Orgullo Gay. Orgullo de oitar por unha visibilidade normalizada. Orgullo por enfrontarse ás posturas discriminatorias. Aínda falta moito na base social, pero o camiño está iniciado.

Cómpre agora que as leis se traduzan nunha normalidade das relacións entre persoas do mesmo sexo. Cómpre que as diferenzas sexan respectadas, sexan cales sexan a súa natureza. E que se entenda que a igualdade entre as persoas é unha igualdade de dereitos, deberes e liberdades desde a diferenza e cada unha das persoas que conformamos o espazo de vida. Esquerda Unida cre firmemente nestas bases para a construción plural da sociedade.

Agardamos que o discurso homófobo e integrista católico que nos chega desde Polonia sexa moi pronto transformado por outro que respecte a diversidade afectivo-sexual.

Ás 12 horas na Alameda, un xantar romeiro; ás 20h manifestación con chegada á Quintana, onde se lerá un manifesto; e á noite, concerto con The Homens, Projecto Mourente, Tridance Bellidance Performance e Nancys Rubias.

Un ano de vida de Banda Oriental en Compostela


Moi boas, reproducimos de seguido o convite que recibimos como organización:
****
Estimados Amigos


Con motivo del primer aniversario de la Asociación de uruguayos Banda Oriental de Santiago de Compostela,
queremos invitarles al brindis que se llevará a cabo el próximo
día Sábado7 de Julio a las 21 hs, en el local de la Asociación, calle Romero Donallo nº 36 Bajo.

*****
O motivo do convite é celebrar o primeiro ano de vida da asociación.
Os nosos parabéns

jueves, 5 de julio de 2007

Información sobre a reunión plenaria do Foro de Inmigración

Onte tivo lugar a reunión da plenaria das entidades que constituímos o Foro de Inmigración.
Estes son os aspectos máis salientables da mesma:

1) A Comisión temporal de Traballo para a elaboración da proposta de informe preceptivo sobre o borrador do Plan Galego de Inmigración 2007-2010 xa elaborou o informe. Nel tivéronse en conta, nunha primeira lectura aínda non moi exhaustiva, as principais demandas e achegas do Foro de Inmigración, entre elas as que formulamos desde Esquerda Unida. Nunha posterior información detallaremos o alcance do informe. O 17 de xullo ás 10h30 someterase a aprobación dito informe. Aínda descoñecemos a data para a aprobación do Plan Galego. Ese mesmo día terá lugar a constitución da Comisión "Racismo e Xenofobia" e presentarase a Carta dos dereitos Cidadáns [da que, por outra banda, como organización política, nen sequera fomos informados].

2) Presentouse tamén o documento elaborado pola Comisión de Traballo do Plan Local de Inmigración. O 3 de setembro, seguinte reunión de dita comisión. Decídese solicitar entrevista coa concelleira de Benestar Social, onde recaerá a área de Inmigración, para este mesmo mes de xullo.

3) Infórmase sobre a reunión o 18 de xuño na subdelegación de goberno. Repárase en que hai problemas ao redor do tema prostitución e semella que hai un espírito de persecución da mesma...que pode afectar ás propias mulleres vítimas da mesma...cunha expulsión. Por iso, para frear esta tendencia, está prevista unha reunión cos mandos policiais para que non inicien de forma automática o procedemento de expulsión. Insistiremos no tema das autorizacións por motivos excepcionais.

4) O 15 de setembro manterase unha xuntanza de traballo coa coordinadora galega de ONGD's.

5) A Comisión de elaboración de materiais e de información na rede anuncia a elaboración dunha nova presentación en power point para sensibilizar sobre o tema migratorio..."todo o mundo é fillo da inmigración"

6) Procédese a informar sobre distintos aspectos de normativa que afectan ás persoas inmigrantes e emigrantes retornadas: a contradición que se dá entre as recomendacións da Directiva Europea sobre as parellas de feito e os rexistros habilitados en España, que non recoñecen o que si recoñecen por exemplo os rexistros de Francia; a carta de invitación, cun novo modelo de presentación; o aumento do tope para visados; a nacionalidade para netos de españois.

7) Froito da colaboración entre Cruz Vermella e a Universidade de Vigo é o libro A inmigración na prensa galega. O reflexo da diversidade. Perspectiva teórica e análise socio-estatística. Informaremos máis adiante tamén sobre os contidos do libro.

O 5 de setembro terá lugar a seguinte asemblea plenaria, xa que en agosto repousamos un chisco.

Ata entón, seguiremos atentos á evolución da situación da poboación inmigrante e emigrante que retorna.

martes, 3 de julio de 2007

Semella que bastante é pouco. Somos así de diferentes?

Reproducimos un artigo elaborado para outro espazo, pero que, polo seu interese, tendo en conta o carácter complexo que esperta o proceso de selección de persoal docente non universitario, reproducimos na súa integridade.

Sabemos que é un tema controvertido, pero coidamos que é preciso reflexionarmos en voz alta sobre estes procesos e, sobre todo, polas consecuencias que espertan.

***

As probas de acceso á función pública docente no ensino non universitario en Galicia sempre deparan sorpresas. Somos así. As persoas que opositan polo que se chama de forma vulgar e incorrecta “por libre”, xa se teñen queixado sobre un sistema que non garante a igualdade de oportunidades nin a transparencia. E nisto, todo hai que dicilo, teñen razón: por que non se fan públicas as notas das distintas partes a medida que conclúe a corrección das mesmas?

A disposición transitoria primeira da LOE quere que en cinco anos se solucione o problema da elevada porcentaxe de profesorado interino e, polo tanto, inestable que hai no noso sistema educativo. De aí, un sistema que alixeira o que había o ano pasado que, á súa vez, alixeiraba a dureza que había naquela oposición de tres partes ben diferenciadas todas elas eliminatorias e cunha encerrona digna dese nome. Pero ben, isto son xuízos quizais subxectivos por ter “padecido” e “superado” dito sistema.

Non imos entrar sobre se unha oposición é o mellor sistema para demostrar que un ten a capacidade para exercer a docencia. Iso sería un tema de filosofías máis fondas.

A convocatoria actual, orde de 9 abril de 2007 estrutura a fase de oposición (falamos por exemplo para as filoloxías, ciencias sociais,..) “nunha única proba estruturada en dúas partes, que non terán carácter eliminatorio (subliñado noso), o tribunal só fará pública a nota final e global da proba”. Partes da fase de oposición:

Parte A- desenvolver 1 tema por escrito a escoller entre 3, 4 ou 5 temas dependendo da especialidade. (4 puntos)

Parte B- Subdivídese, á súa vez, en dúas partes:

B.1. Exposición (que non defensa, xa que non se fan preguntas) do máis relevante da programación que presentan ao concurso-oposición. (3 puntos)

B.2. Preparación, exposición e defensa dunha unidade didáctica (é o que se identifica –de forma parcial e incorrecta segundo nós- con “encerrona”, xa que nesta entraba de novo no bombo todo o temario e non só 15 ou 16 unidades didácticas). (3 puntos)

Pois ben, para ter en conta a disposición transitoria primeira da LOE –reducir porcentaxe de interinidades e ter en conta a experiencia docente- o sistema actual presenta unha novidade que, loxicamente e de forma obxectiva sen máis, beneficia ás persoas que teñen experiencia docente e dentro destas a aquelas que máis anos de experiencia teñen. Cal é a causa: poder presentar unha unidade didáctica para que sexa sometida a valoración e que se emita un informe que supla a parte B.2 (a mal chamada encerrona). Esta pódenna presentar as persoas que exerceran, se non mal entendimos a orde, que figuren como interinas ou que exerceran a docencia neste curso durante 6 meses. Ademais, a esta presentación únese o feito de que se suprima a parte práctica –a dos comentarios e/ou traducións, que tanto dano facía- e a que non hai notas eliminatorias. Isto é, máis doado será acadar o 5 e así sumarlle os méritos. Isto, por moito que se queira minimizar beneficia ao persoal interino. E débenno aproveitar loxicamente facendo o que debe facer todo opositor: prepararse e estudar.

Na orde específicanse os criterios que han de gardar tanto a programación (B.1) como a unidade didáctica (B.2): espazo interliñado dobre, letra arial 12, e 60 páxinas como máximo (a programación), 10 páxinas (a unidade didáctica). Pódese tamén presentar un anexo con diferentes aspectos que se consideren relevantes para incluír aí. Tamén se fala do mínimo que debe conter a programación (pero ollo, non para ser excluído, senón, supoñemos ben valorada): obxectivos, contidos, criterios de avaliación, metodoloxía, atención a alumnado con necesidades de apoio específico.

A comisión de selección da especialidade de ciencias sociais, xeografía e historia “excluiu” (= non presentado = perda de dereitos?) a 120 persoas por diferentes aspectos que atentaban aos criterios de forma e estrutura da programación enumerados anteriormente. En música sucede outro tanto e supoñemos que noutras especialidades.

E aí montouse xa o lío. Pero, procedamos, xa que logo, con tranquilidade. No artigo 3.3. dise que a non presentación é causa de exclusión. Neste caso, cremos nós, non se pode dicir que non se presentasen, senón que a programación presentada incumpre criterios de forma e/ou estrutura. Polo tanto, a nota pode –e debe- ser un suspenso. Teñamos en conta que non teñen efecto eliminatorio as probas.

De quen é a culpa: administración ou tribunais? Na orde dise que as comisións de selección no caso de máis dun tribunal: “actuarán con plena autonomía funcional, serán responsable da obxectividade do procedemento e garantirán o cumprimento das bases da convocatoria” (art. 5.13.1). Dicir comisión de selección é dicir especialidade. Pero, claro, esta plena autonomía funcional non pode ir en contra da orde.

Só noutra altura da orde se fala de causas de exclusión: “se en calquera momento do proceso selectivo os tribunais teñen coñecemento de que algún dos aspirante non pusúe (sic) algún dos requisitos esixidos pola presente convocatoria” será excluido despois de audiencia ao interesado.

[Se son os requisitos especificados en 2.2.1. non atopamos aí o criterio de presentar unha programación non atenta aos criterios de forma como causa de exclusión.]

Dito doutra forma, en ningún momento da orde se di de forma clara que a presentación dunha programación “mala”, “incorrecta”, etc. será motivo de exclusión e, polo tanto, da condición de non presentación.

Isto, cremos nós, é incuestionable.

Agora ben. Como demos pode ser que tendo diante unha orde que especifica ben ás claras o mínimo que se vai esixir que persoas que opositen cometan os erros que vimos: reducir interliñado, reducir tipo de letra, situar obxectivos en anexos, etc….

Temos que ser ante todo serios e esixentes con nós mesmos coma o somos –ou deberíamos- co alumnado que nos presenta un traballo, ao que lle puxemos unhas condicións de entrega. Como pode ser que sexan as persoas que din querer ser docentes as que presenten programacións coas eivas sinaladas?? Por desleixe? Poñen vostedes as notas que nós xa non queremos.

Pero máis aló do feito de que non poden ser excluídas porque a orde non o permite, para nós, en igualdade de condicións coas persoas que si respectaron as condicións de presentación, e foron esforzadas e atentas, merecen un rotundo suspenso. Así de claro. Porque este proceso faise para eliminar un problema coa porcentaxe de interinidades, pero non para regalar unha praza docente. Para ter dereito a dita praza hai, cando menos, que cumprir co mínimo que se esixe.

E non queremos alentar ningunha filosofía anti-nada, nunca tivemos esa teima. Pero cómpre sermos serios. Pero semella que en Galicia todo é diferente e que bastante é pouco.


Xabier Ron
Santiago, 3 de xullo de 2007

Venres 6 de xullo rememórase a figura de Líster en Calo

Acto da Asociación "A Oliveira" para a Recuperación da Memoria Histórica e do Patrimonio Inmaterial

VENRES 6 DE XULLO

LOCAL DA SOCIEDADE RECREATIVA DE CALO

ÁS 21 HORAS

“A memoria de Líster”
PRESENTACIÓN DA REEDICIÓN DO LIBRO NUESTRA GUERRA. MEMORIAS DE UN
LUCHADOR DE ENRIQUE LÍSTER, PUBLICADO POR EDICIÓNS SILENTE

INTERVIRÁ:
PEDRO GARCÍA BILBAO
Editor da obra, sociólogo e
profesor universitario

domingo, 1 de julio de 2007

El Salario del Silencio, mércores 4 de xullo ás 20:30 no local da Gentalha do Pichel



Este mércores Verdegaia organiza a proxección do documental El Salario del Silencio realizado por Enrique Banet e Mabel Rivera. Será ás 20h30 no local da Gentalha do Pichel (rúa Santa Clara, nº 21).

Tras a proxección haberá unha mesa redonda coa participación de Enrique Banet, Mabel Rivera e un membro do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol.

Segundo nota remitida polos organizadores, Verdegaia, o documental pretende aportar unha información obxectiva e contrastada sobre a problemática da planta regasificadora construída dentro da Ría de Ferrol, na parroquia de Mehá (Mugardos). E que, ademais e sobre todo, quere "axudar a romper o silencio que sempre rodeou a esta instalación e informar á sociedade de cómo se levan a cabo certos proxectos empresariais ou urbanísticos que poden afectar gravemente aos cidadáns, aos que nunca se lles consulta sobre decisións que atentan impunemente contra as súas vidas, o seu entorno, e sobre todo, a súa seguridade".

Que hai un muro de silencio é certo, pero hai tamén unha enorme manipulación levada a cabo de certos medios nacionais galegos, defensores cegos do proxecto Reganosa no interior da Ría de Ferrol. Manipulación que non dubida en atacar Esquerda Unida por manter unha postura coherente: que o proxecto saia da Ría. Véxase, sen ir máis lonxe, a portada e información de A Nosa Terra desta semana...ou o constante goteo de informacións que La Voz de Galicia lle dedica ao proxecto empresarial día tras día.

Temos que estudar moi seriamente e dunha vez por todas a imbricación do Cuarto Poder cos medios empresariais galegos e ollar quen manda e con que finalidades...Non hai máis que ver os constantes premios que conceden algúns medios a certos persoeiros e, ao revés, os premios que algúns grupos -galegos, iso si, non vaia ser, como se a condición de clase desaparecese con esta afirmación tan manida!!- conceden a certos medios.

Un saúdo
Animamos ás persoas desexosas de informarse con rigor a que asistan á proxección do documental.