viernes, 7 de diciembre de 2007

Esquerda Unida-IU presenta aos medios a petición e pregunta sobre o vertedoiro incontrolado de Ames ante o Parlamento Europeo

Hoxe, venres 7 de decembro de 2007, ante os medios de comunicación, tivo lugar na sede comarcal de Esquerda Unida-IU unha rolda de prensa na que o coordinador comarcal, Xabier Ron, e o coordinador local de Esquerda Unida-IU de Ames presentaron as iniciativas que se levaron ao Parlamento Europeo os días 28 e 29 de novembro.

O coordinador comarcal, Xabier Ron, realizou unha valoración moi positiva do traballo desenvolvido pola agrupacón comarcal de Esquerda Unida e en particular no bo traballo levado a cabo pola agrupación local que coordina Iago Patiño.

A preocupación polo noso contorno, pola preservación da nosa saúde medioambiental e persoal figura como impulso de todo o traballo que hoxe presentou Esquerda Unida antes os medios presentes. O vertedoiro incontrolado de Ames supón un grave risco para a saúde dos habitantes de Ames e veciños. Por iso, os pasados 28 e 29 de novembro, Esquerda Unida de Ames, da man de seu coordinador Iago Patiño, presentou unha petición “ao parlamento europeo co obxecto de chamar a súa atención sobre o impacto ecolóxico e medio ambiental a causa do incumprimento por parte do goberno autonómico e concello local en relación ao peche e selado dun vertedoiro incontrolado na comunidade autónoma de Galicia e para que requira información ao respecto e tome posición ante esta problemática”.

Esquerda Unida felicítase porque dita petición xa foi sometida a consideración da Comisión Europea mediante as preguntas que Willy Meyer, eurodeputado da GUE-NGL (Gauche Unitaire Européenne-Gauche Verte Nordique), presentou o día 3 de decembro ante a Comisión de Peticións.

Iago Patiño realizou unha cronoloxía dos feitos, feitos que subliñan a contradición inherente ao PSdG, xa que, cando estaba na oposición, chegou a formular unha iniciativa parlamentaria demandando o peche do vertedoiro incontrolado de Ames, mentres que desde que goberna a súa actitude foi de demora e de desleixe. Iago Patiño salientou que en ningún momento o grupo de goberno do concello de Ames, tanto cando era rexido polo bipartito PSdG-BNG, como agora que é rexido polo PSdG, tivo a ben responder ás numerosas iniciativas que a nosa organización política lle presentou.

A rolda de prensa finalizou co desexo de que a Comisión de Peticións se posicione e que, a raíz destra iniciativa, se poña fin a unha situación de vulneración da Directiva marco 75/442/CEE sobre tratamentos de residuos, vulneración que pon en perigo á saúde medioambiental e persoal da poboación de Ames.

Consello Comarcal de Esquerda Unida-IU, 7-12-2007.

No hay comentarios: