Mostrando entradas con la etiqueta educación. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta educación. Mostrar todas las entradas

miércoles, 9 de julio de 2014

Moción defensa e fortalecemento educación pública



Dende O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela loitamos de forma decidida por unha educación pública, de calidade, laica e gratuíta para a cidade.

Por iso defendemos un plan integral de actuación para acadar a mellor educación pública posible na cidade. É necesario contar coa participación cidadá, xa sexa de organizacións ou asociacións, como por exemplo as ANPAS, ou incluso a título persoal, pois o reto de acadar a mellor educación pública posible é colectivo, é un reto de todas as veciñas e veciños.

Non podemos permitir que siga existindo, porque os xestores políticos que hai así o quixeron, un Consello Municipal de Ensino que non cumpre coa función encomendada. Hai que constituír, para desenvolver de forma participativa a educación que beneficie a maioría social, as ferramentas necesarias (Asemblea de Barrio; Consello de Barrio; Asemblea Sectorial de Educación; Consello Sectorial de Educación; Consello do Concello).

martes, 1 de julio de 2014

NON á reincorporación de Domingo Neira á docencia na USC




O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA E ALEAS-EU OPÓÑENSE A QUE DOMINGO NEIRA GARCÍA SE REINTEGRA Á DOCENCIA NA USC

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA E ALEAS-EU DEMANDAN QUE DENDE AS DISTINTAS INSTITUCIÓNS PÚBLICAS SE DEBE DAR EXEMPLO NA LOITA CONTRA A HOMOFOBIA.

O Consello Comarcal de EU Compostela e ALEAS-EU manifestamos a nosa total repulsa e condena á homofobia aínda hoxe existente na sociedade, e reiteramos o noso compromiso na loita contra a erradicación desta lacra que atenta contra os dereitos do colectivo LGTBI

No día de hoxe, fíxose público que o profesor Domingo Neira García, o docente homófobo e misóxino de Maxisterio Infantil ao cal se lle abrira un expediente polas súas leccións de odio, reintégrase á docencia na USC, logo de cumprir unha sanción disciplinaria (suspensión da posibilidade de impartir clases e retirada de soldo, durante dous meses) como consecuencia das denuncias do alumnado contra esta persoa.

Non se pode permitir que a USC reincorpore a Domingo Neira na docencia, e máis aínda despois de que o mesmo órgano directivo da universidade emitise un comunicado o pasado día 28 de xuño – Día Internacional do Orgullo LGTBI – declarando e manifestando o seu compromiso coa comunidade LGTBI e que traballará a favor da igualdade entre persoas con independencia da súa orientación sexual.

martes, 17 de junio de 2014

Apertura comedores escolares no verán



O pasado dia 11 de Xuño, o Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade unha Proposición non de Lei na que se resolve que "O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a levar a cabo as medidas necesarias para evitar que ningún neno ou nena careza de alimentación ou sustento necesario por estar en situación de vulnerabilidade, poñéndose en marcha convenios cos concellos interesados, podéndose usar as instalacións dos centros educativos en colaboración cos servizos públicos de benestar" .

O curso escolar, nos seus niveis obrigatorios, remata o dia 20 de xuño e moitas familias galegas non saben como poder garantir unha axeitada alimentación para os seus fillos e fillas nos dous meses non lectivos, diante da grave situación socioeconómica pola que están a atravesar.

Segundo os datos oficiais, en Galicia hai 93.000 familias con todos os seus membros en paro, o 23% da poboación atópase en situación de pobreza, 33.000 familias sobreviven sen ningún tipo de ingreso e un 26% dos fogares con menores a cargo están en risco de exclusión social.

jueves, 3 de abril de 2014

Normalización lingüística



O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA CRITICA QUE O CONCELLO NON DÉ BO USO DO GALEGO NAS ACTIVIDADES NAS QUE COLABORA

EU COMPOSTELA DEMANDA QUE SE CREE UN PLAN DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA ADECUADO AO CONTEXTO ACTUAL

Para O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela a defensa do galego, é e será sempre primordial, buscando así a súa correcta normalización.

Por desgraza, a realidade do galego é completamente a contraria da que esta organización desexara. O idioma galego cada día retrocede en número de falantes, debido aos diferentes estereotipos que o envolven e ás malas ou inexistentes políticas de normalización da Xunta de Galicia.

En realidade, parece que as políticas que se impulsan son para prexudicar ao galego, e a exemplos como o Decreto do Plurilingüísmo da Xunta, ou que a USC, na cal segundo datos do 'Cartafol Dixital' só o 23% das aulas é na nosa lingua, siga cun Plan de Normalización Lingüística que rematou no 2010, podemos sumar accións como a do Concello de Compostela, o cal non se molesta en usar o galego para as súas actividades.

jueves, 27 de febrero de 2014

Pregunta defensa laicismo



O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela defende, dende o respecto as distintas crenzas relixiosas, o laicismo en todas as administracións e servizos públicos.

Por desgraza co (des)goberno do Partido Popular, tanto a nivel local, autonómico como estatal, cada vez e máis evidente que, no relativo a confesión católica, a separación entre as administracións públicas e a igrexa cada vez é máis tenue ou incluso inexistente.

Pouco máis se pode engadir para criticar a nefasta reformar da lei do aborto de Gallardón ou da adoctrinante e prexudical para o ensino público reforma LOMCE do ministro Wert.

miércoles, 19 de febrero de 2014

Xuntanza coa Federación ANPAS Compostela



O CONSELLO COMARCAL  DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA MANTÉN UNHA XUNTANZA COA FEDERACIÓN ANPAS COMPOSTELA.

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA ESIXE AO CONCELLO QUE CUMPRA COA SÚA OBRIGA E MANTEÑA OS COLEXIOS DA CIDADE EN CORRECTAS CONDICIÓNS PARA GARANTIR UN ENSINO PÚBLICO DE CALIDADE.

Os membros do Consello Comarcal de EU Compostela, José María Tubío e Vicente Vázquez, mantiveron un encontro con representantes da Federación de ANPAS Compostela.

No comezo da xuntanza dende a Federacións de ANPAS expuxeron as graves deficiencias no mantemento dos colexios públicos que está a acontecer na cidade. Como claro exemplo desta situación está o colexio Montes dos Postes, que según o indicando na xuntanza urxe reparacións de inmediato para garantir unhas condicións mínimas que garantan a seguridade e saúde do alumnado.

Por desgraza o deficitario mantemento das escolas das cidade vai máis aló deste caso, sendo habitual nestas instalacións públicas problemas con pingueiras, coa calefacción ou, por exemplo, cos servizos.

miércoles, 18 de diciembre de 2013

Defensa laicismo



O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA PIDE QUE SE RESPETE A LAICIDADE NA EDUCACIÓN NOS COLEXIOS E INSTITUTOS DA COMARCA

AO CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA MOSTRARON A SÚA PREOCUPACIÓN DOCENTES DE DIFERENTES CENTROS POLA CELEBRACIÓN DE ACTOS CON CONTIDO RELIXIOSO POLA FESTA DO NADAL

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela sempre defendeu, defende e defenderá, dende o respecto ás distintas crenzas relixiosas, á laicidade na ensinanza e nas institucións públicas, así como a liberdade relixiosa e de conciencia.

Son datas sinaladas para as persoas cristiás de todo o mundo, xa que en decembro é cando se celebra a festividade do Nadal, na que se conmemora o posible nacemento de Xesús. Con isto, a vida tínguese de luces e diferentes festividades, así como de prácticas de marcada tendencia consumista.

domingo, 24 de noviembre de 2013

Manifesto polo 25N



MANIFESTO 25 DE NOVEMBRO 2013

POR UNHA SOCIEDADE LIBRE DE VIOLENCIA DE XÉNERO

A Área de Mulleres de Esquerda Unida Compostela, neste 25 de novembro, denuncia que a violencia machista segue a ser unha lousa inadmisible que atenta contra a igualdade e xustiza na sociedade.

Tamén temos que denunciar este día a violencia institucional que se exerce contra as mulleres a través de medidas que inciden directamente nas súas vidas: a reforma regresiva das normas laborais e da lei de aborto.

Unha vez máis reiteramos a nosa esixencia de que o ministro Gallardón retire a regresiva e lesiva reforma lei do aborto.

martes, 12 de noviembre de 2013

Pregunta Urbana Norte



O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela considera necesario que o Concello acometa as medidas oportunas para mellorar a formación dos traballadores e traballadoras da cidade, por iso considera que calquera programa que tenda a mellorar a cualificación profesional dos mesmos é unha iniciativa positiva.

O Programa de Cualificación Profesional da iniciativa Urbana Santiago Norte, é un programa interesante para os traballadores e traballadoras por canto mellora as súas posibilidades de conseguir un posto de traballo cualificado, dado que consiste na realización de accións formativas en diferentes materias (informática, idiomas, prevención de riscos laborais...).

Este programa está dentro do proxecto Urbana Santiago Norte, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), contando cun presuposto de 250.000 €, que inclúe un servizo de asesoramento, un calendario de actividades formativas e unha aplicación web.

O pasado día 20 de setembro de 2013 iniciouse a Campaña de información do Programa de Cualificación Profesional da iniciativa Urbana Santiago Norte. Segundo a información reflectida na paxina web da iniciativa Urbana Santiago Norte, esta campaña levouse a cabo os días 20, 21, 23 e 25 de setembro.

Para a realización desta Campaña na colocación de sete puntos de información distribuídos dentro da área de actuación da Iniciativa Urbana Norte:

- En Vista Alegre, no cruce da rúa Parque San Xoán.
- En Vite, na avenida de Castelao.
- En Guadalupe, na rúa de García Lorca.
- En Salgueiriños, na rúa de Melide.
- En San Pedro, na praza do Cruceiro.
- En Basquiños, na rúa Pastoriza.
- Na praza de Meixonfrío.

Estes puntos de información tiñan como obxectivo informar e realizar todos os trámites de inscrición nas actividades formativas.

Como recursos materiais para o desenvolvemento de dita acción informativa colocáronse sete oficinas móbiles como puntos de información, que soamente estiveron presentes catro días. Consideramos que na area de actuación da Iniciativa Urbana Norte, hai infraestruturas asociativas, do concello ou educativas, suficientes para acometer dita campaña de información sen necesidade de adicar parte do presuposto desta campaña a construír ditas casetas informativas.

Por todo isto, o Consello Comarcal de Esquerda Unida realiza as seguintes preguntas para a súa resposta por escrito:

1.- Cal foi o número de usuarios atendidos en ditas oficinas de información e a modalidade pola que foi contratado o persoal que os atendeu.

2.- Canto custou a colocación destas casetas e se foron alugadas ou compradas polo Concello

3.- Se o Concello as comprou que outras  finalidade lles vai a dar

4.- Se o programa de Cualificación profesional ten un plan de execución nos anos 2012-2013 porque esta iniciativa non se levou a cabo no ano 2012.

5.- Cales son as accións formativas concretas que se van programar en base a demanda recollida por ditas casetas, e cantos  veciñas e veciños se van beneficiar por dito programa de formación

6.- Como interveu neste programa o Órgano de Participación Cidadá do proxecto Urbana Santiago Norte.

7.- Se as accións formativas programadas se coordinaron cos centros integrados de formación profesional de Santiago de Compostela, de maneira que se trate de complementar a formación que estes imparten.

miércoles, 23 de octubre de 2013

Moción apoio folga educativa



O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela reitera o seu rexeitamento á LOMCE e apoia as mobilizacións que se fagan a favor da súa derrogación

A folga educativa convocada para o vindeiro 24 de outubro proclamada como un día de mobilización e reivindicación pola educación pública e de calidade, é unha ferramenta necesaria no actual contexto de ataques neoliberais contra os servizos públicos no que nos atopamos, onde ten unha especial relevancia a LOMCE, nova lei que suporá un brutal retroceso para a educación pública tal e como a coñecemos.

Coas últimas políticas realizadas tanto polos gobernos de PP e PSOE en materia educativa, estamos sufrindo un forte deterioro a todos os niveis, cada vez con menos profesorado e en peores condicións laborais, onde o material escolar se converteu nun luxo, as becas de transporte se están a recortar ata a súa desaparición e as familias endebédanse para poder costearse os estudos dos seus fillos/as.

Estas medidas ademais promoven a desigualdade económica e a privatización dos centros educativos que non alcancen a solvencia necesaria, para que, así, as empresas privadas e bancos causantes do declive económico do país entren a explotar o sistema educativo como novo nicho de mercado.

Este proceso tamén se dá nas universidades públicas, onde nos dous últimos anos o prezo final de matrícula se encareceu un 66% de media. Chegouse a un punto no que o primeiro curso da carreira máis barata custa 1.620€, e repetindo asignatura, necesítase pagar ata cinco veces máis.
Doutra banda os e as estudantes de FP víronse afectados polo aumento das taxas, unha FP de grao superior custa 480€, e unha de grao medio entre 120€ e 220€ de media.

Ademais atopamos as novas taxas da PAU que supoñen unha barreira económica máis para acceder á educación superior.

Con este modelo educativo podemos chegar á situación de EEUU, onde o endebedamento por matrículas universitarias é o segundo despois das hipotecarias e supera xa o billón de dólares, o cal establece un novo boom empresarial e económico a costa dos nosos dereitos e da calidade da educación.

Cada vez parece máis evidente que a crise é a escusa para privatizar e desmantelar o sistema educativo, pois é unha vontade política o feito de rescatar a bancos mentres se recorta en servizos públicos, en algo tan imprescindible como o dereito á educación. Por iso esta folga tamén o é contra as políticas antisociais que reforzan a diferenciación de clases roubando ao pobo a súa maior fonte de coñecemento, a educación

Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao Pleno do concello de Santiago a seguinte proposta de

ACORDOS

Primeiro. Trasladar ao Goberno da Nación a petición de derrogación da Lei Orgánica para o Melloramento da Calidade Educativa (LOMCE), a modificación do último decreto de Becas e todas e cada unha das iniciativas levadas a cabo sen un consenso maioritario da comunidade educativa

Segundo. Que se apoie publicamente a xornada de Folga Educativa convocada por todos os sectores da comunidade educativa para o próximo 24 de Outubro

Terceiro. Dar conta deste acordo a todos Consellos Escolares do municipio e a todas as Asociacións de Estudantes, Nais e Pais, e Sindicatos con presenza na localidade.

miércoles, 16 de octubre de 2013

Creación Servizo Municipal de Atención Integral a Persoas sen Fogar



O grupo de traballo de políticas sociais de Esquerda Unida Compostela esixe do goberno local, ao ser unha das súas funcións fundamentais, que  garanta que se ofrezan servizos, de titularidade e xestión pública, que satisfagan as necesidades da cidadanía.

Consideramos necesario que o Concello cumpra coa súa obriga e leve a cabo iniciativas de apoio para persoas sen fogar que na actualidade se ven obrigadas a pasar a noite no espazo público, en construcións que non cumpren criterios de habitabilidade ou que non están destinadas á vivenda, ou a aloxarse en vivendas de persoas achegadas ou familiares. Así, hai persoas que temporalmente dispoñen dun teito, pero non dunhas relacións sociais, laborais e familiares que, en xeral, se asocian á inclusión social; o concepto de persoa sen fogar, a diferenza doutras denominacións como “sen teito” ou “sen vivenda”, non só implica a carencia dunha vivenda que cumpra cuns criterios mínimos de habitabilidade, senón que tamén alude á ausencia de relación sociais e familiares sólidas e do resto de atributos asociados ó concepto de fogar.

Por iso, dende o grupo de traballo de políticas sociais de EU Compostela, propoñemos a creación dun servizo municipal de atención integral a persoas sen fogar, dirixido a persoas en situación de alta exclusión, sen fogar e con alta vulnerabilidade social. Debe integrar un conxunto de servizos destinados non só a ofrecerlles un aloxamento puntual, senón tamén a favorecer a inserción social das persoas usuarias, ofrecendo unha atención integral e individualizada.

jueves, 10 de octubre de 2013

Apoio traballadoras escolas infantís de Conxo e Fontiñas



O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA APOIA AS TRABALLADORAS DAS ESCOLAS INFANTÍS DE CONXO E FONTIÑAS EN LOITA POLA DEFENSA DOS SEUS DEREITOS LABORAIS E SOCIAIS

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA REITERA A SÚA DEFENSA E COMPROMISO POLA REMUNICIPALIZACIÓN DOS SERVIZOS PÚBLICOS MUNICIPAIS PRIVATIZADOS

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela apoia as mobilizacións que as traballadoras das escolas infantís de Conxo e Fontiñas leven a cabo en defensa dos seus dereitos.

Esiximos que a empresa concesionaria CLECE cambie a súa despótica actitude, e cumpra co deber de escoitar e dialogar cos sindicatos que representan as traballadoras despedidas. Tamén demandamos ao Concello que non fique impasible e interceda en defensa dos dereitos laborais das mulleres despedidas, e  procure acadar un acordo que satisfaga as súas xustas reclamacións.

Como xa ocorrera con URBASER, estamos ante unha nova mostra da perda de dereitos laborais e sociais, que para as traballadoras e traballadores, supón a nefasta privatización de servizos que, sempre, deberon ser de titularidade e xestión pública.

En xaneiro xa fixeramos un comunicado mostrando a nosa oposición ao anuncio feito polo goberno local do PP de perpetuar a xestión privada das garderías de Conxo e Fontiñas, que ata ese momento era levada a cabo por Sermasa. Unha vez máis a realidade mostra que tiñamos a razón, unha empresa privada que só busca o lucro non pode xestionar os servizos públicos que a cidadanía demanda.

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela defende e loita para que sexan as Administracións Públicas as que presten, con calidade e eficiencia, servizos de titularidade e xestión pública para satisfacer as demandas sociais que a cidadanía precisa para o seu benestar.

Defendemos, como sempre, que a xestión pública si que beneficia á maioría social, abafada con recortes, tanto laborais como sociais nesta crise-estafa que padecemos, sendo esta xestión a que garante a redistribución da riqueza nos servizos necesarios para ter unha sociedade xusta e igualitaria promovendo, ademais, condicións laborais xustas, tanto en dereitos como en remuneración para os empregados públicos que levan a cabo o traballo nestes servizos.

Para o Consello Comarcal de EU Compostela coa remunicipalización, e a implantación de mecanismos de control cidadá nos órganos de xestión dos servizos municipais, evitaremos que, coa xustificación da privatización, aparezan condutas antidemocráticas como prevaricación, subornos, tráfico de influencias, “enchufismo”, en definitiva, poderemos poñerlle fin ao clima de corrupción que se está apoderando do concello e que incrementa o grao de desconfianza da cidadanía cara aos seus representantes políticos.

martes, 1 de octubre de 2013

Denuncia LGTBIfobia e machismo



O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA DENUNCIA COMPORTAMENTOS LGTBIFÓBICOS E ESIXE A SÚA INVESTIGACIÓN.

O CONSELLO COMARCA DE EU COMPOSTELA REITERA, UNHA VEZ MÁIS, QUE A TRAVÉS DA EDUCACIÓN E CONCIENCIACIÓN LOGRARASE UNHA SOCIEDADE XUSTA E IGUALITARIA.

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, así como a Área de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual e a Área da Mulleres de EU Compostela, temos como prioridade a protección dos dereitos e liberdades do colectivo LGTBI.

Tras a agresión homófoba sufrida hai varias semanas por un compañeiro desta comarca nun pub de Santiago, foron moitas as mostras de solidariedade e de apoio recibidas, pero, por desgraza, tamén foron varias as denuncias de comportamentos LGTBIfóbicos sufridos en varios centros de saúde da cidade.

Acudiron a nós persoas denunciando comentarios como que “os homosexuais só doades sangue para asegurarse de que non tedes SIDA” ou a perda dunha beca tras coñecer a orientación sexual da persoa afectada, ademais do comentario que o noso compañeiro tivo que soportar por parte dunha enfermeira tras sufrir a agresión fascista: “se non sairades da casa isto non pasaría”.

A estas denuncias de actitudes censurables cara as persoas que non entran na heteronormatividade, chegan queixas de comentarios misóxinos e machistas por parte de médicos noutros centros de saúde de Santiago.

É evidente que algo está a pasar nos tempos que vivimos, posto que estes casos non son illados, senón que se tratan dunha continua serie de ataques e desprezos que deben chegar á súa fin inmediatamente, polo que se require a a rápida actuación dos gobernos local e autonómico para protexer ás súas cidadás e cidadáns.

O Consello Comarcal non deixará de loitar contra a LGTBIfobia e o patriarcado e chama á cidadanía a denunciar estes acontecementos e a acudir ás diferentes asociacións de carácter LGTBI e feminista para poder axudarlle no que sexa posible.

Por iso, unha vez máis, demandamos que o Concello, e calquera outra administración pública, leve a cabo as medidas necesarias para garantir unha educación non sexista que contribúa na concienciación e o respecto á diversidade afectivo-sexual e á igualdade entre mulleres e homes.

Dende o Consello Comarcal de EU Compostela esiximos as distintas administración públicas que, cada unha dentro das súas competencias, e tralo debate pertinente coas asociacións e colectivos interesados, elabore e realice distintos plans de accións contra machismo e a LTGBIfobia. Plans que abarquen dende a promoción e educación nos valores cívicos para acadar unha sociedade xusta e igualitarias ata as medidas a acometer perante as denuncias por actitudes ou actos machistas ou homofóbicos.