viernes, 30 de noviembre de 2007

Esquerda Unida critica a ausencia de debate sobre a moción para a creación da Vía Verde Amio-Sigüeiro e o secuestro do pensamento cidadán

Esquerda Unida critica a ausencia de debate sobre a moción para a creación da Vía Verde Amio-Sigüeiro e o secuestro do pensamento cidadán no Pleno do Concello de Santiago

O Pleno do 29 de novembro de 2007 non pasará á historia pola capacidade construtiva dos tres grupos que ocupan cadeiras na corporación municipal. Á actitude de total e aberta confrontación empregada polo voceiro do Partido Popular, Conde Roa, únese o que chamaremos secuestro do pensamento cidadán.

En primeiro lugar, lamentamos o ton denigrante que empregou Conde Roa, xa que non debería ser utilizado nunca como argumento político, xa que as leis da retórica e da argumentación política amosan de forma transparente que convén, antes de lanzar acusacións, achegar probas; que é preciso, antes de insultar e atribuir crimes contra a Humanidade, e de falar de anti-democracia, auto-analizarse e ser quen de ter unha distancia crítica, o suficientemente ampla como para non caer no ridículo de defender o indefendible, xa que baixo as mans do dictador Franco hai moito sangue derramado e pensamos nós que a Conde Roa non lle gustaría que se lle atribuísen –ou si?- todos e cada un dos asasinatos que comete a Dereita en todo o mundo: ou esquece que a guerra de Iraq –por coller o exemplo máis actual- foi provocada polas mentiras da Dereita que el representa??

En segundo lugar, é vergoñento que os políticos pensen que saben máis que os veciños e veciñas e mesmo, porque nos afecta en tanto que organización política e social, que “pasen de todo” á hora de analizar propostas, que xa presentamos no seu momento en rexistro, propoñendo a feminización do rueiro de Santiago. A que vén dicir agora que presentan unha lista paritaria, que hai máis nomes de mulleres (28 + 2 nomes a prazas, 8 de marzo e 13 rosas) que en todos os periodos anteriores….acaso non co-gobernaban tamén eles o concello? Porque esa absurda auto-louvanza cando estes feitos deberían ser habituais?

Loxicamente, non imos meternos no tema de nomes, pero saben que houbo unha muller antifranquista, que estivo no exilio, que soportou penurias e moitas dificultades, que foi deputada en períodos constitucionais? Quizais non, porque demostraron uns e outros unha cegueira interesada, pero referímonos a Dolores Ibárruri, un claro referente na loita antifranquista e no recoñecemento da dignidade da muller e dos seus dereitos.

En terceiro lugar, cabe criticar o proceso de elaboración dos rueiros. O do PP presentouse o 27 e modificouse o 28 para engadir a Monseñor Ángel Suquía Goicoechea e a Monseñor Antonio María Rouco Varela (claro exemplo de loita polos dereitos humanos e de “tolerancia” cos movementos cristiáns de base (sic)), a do PSdG-BNG cociñada nas súas reunións….nalgún momento se fixo unha consulta aos veciños e veciñas das novas rúas? Tense en conta a súa participación? NON, non interesa, simplemente, pero logo véndennos a moto e secuestran o pensamento cidadá.

Nesa liña vai o feito de que no punto 3, designación de membros do Consello Sectorial de Medio Ambiente, pasouse por ese punto a “toda mecha” e “por unanimidade”…onde se comunicou todo o que figura na web do Concello sobre as súas funcións e que serviría para relanzar a Axenda Local 21?? En ningún momento se mencionou. O público asistente debeu quedar gratamente sorprendido cando os puntos 6-7-8-9-10, que eran “dar conta de” diversas accións do equipo de goberno, se solventou nun “queda dada conta”… e o pobo que apande.

En cuarto lugar, esta organización tiña a esperanza de que se levase a pleno a creación da Vía Verde Amio-Sigüeiro, pero non houbo nada de nada. Iso si, de forma incongruente, cremos nós, díxose que estaba en marcha. Foi logo da argunmentación de defensa de Socorro García detallando as moitas xestións e accións que o goberno municipal ten para co antigo concello de Enfesta. Como pode estar en marcha algo que non foi aínda aprobado en pleno? Así vai a política real do noso país e dos nosos concellos, de costas á realidade, de costas ás persoas, de costas a todo.

En quinto lugar, podemos parafrasear o que ollamos onte da seguinte maneira: equipo de goberno: “todo o que diga a oposición, por moi bo que sexa e por moita razón que teñan, será ignorado e criticado”; oposición: “todo o que faga o equipo de goberno, por moi bo que sexa e por moita razón que teñan, será censurado e atacado”. Así nos vai, por desgraza. En efecto, o goberno debería asumir que a transversalidade non pode suplir a ausencia dun Plan Integral contra a Violencia de Xénero (moción que presentaba con acerto o PP e que nós tamén demandamos en moción presentada en rexistro o 23 de novembro) e debería asumir que debe realizar dito Plan...., pero non.


E nós mentres, agardando que se discutise sobre o Regulamento Orgánico Municipal do Pleno do Concello de Santiago de Compostela, do que presentamos as oportunas alegacións antes de que rematase o prazo o 15 de novembro….cando se fará? Terán en conta realmente a dimensión participativa? Ou seguirán secuestrando o pensamento cidadán?

Santiago, 30 de novembro de 2007

Consello Comarcal de Esquerda Unida-IU

sábado, 24 de noviembre de 2007

Concentración na praza 8 de marzo ás 12h30

A Marcha Mundial das Mulleres convoca un acto de concentración na Praza 8 de Marzo de Santiago co gallo do Día Internacional en Contra da Violencia de Xénero, mañá domingo 25 de novembro.

Tendo en conta que estamos ante unha verdadeira lacra que erosiona os piares da condición humana, cómpre que esteamos todas as persoas desexosas de que veña un ano no que non teñamos que anunciar máis mortes de mulleres a mans dos seus compañeiros (sic).

Saúdos

Moción pola concreción da Lei 11/2007

MOCIÓN

Pola concreción da Lei 11/2007 sobre prevención e tratamento integral da violencia de xénero no día 25 de novembro “Día Internacional contra a violencia machista contra as mulleres”

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

O século XXI avanza ao mesmo ritmo que as cotas de violencia contra as mulleres e xa que logo, necesitamos que se actúe contra a violencia enfocándola como manifestación da discriminación, da situación de desigualdade e das relacións de poder que os homes exercen sobre as mulleres.

Neste sentido, mentres non se dea un enfoque transversal e estrutural da violencia machista para atallala de raíz e en todas as súas manifestacións, e cunha coordinación eficaz e real a partir dos poderes públicos, os dereitos das mulleres seguirán sendo unha aspiración.

Porque a violencia de xénero, a violencia contra as mulleres tamén é transversal: os salarios das mulleres en traballos de igual valor, seguen sendo moito máis baixos cós dos homes; os empregos seguen segregados por sexos; a imaxe da muller segue sendo utilizada como reclamo comercial; os materiais educativos reproducen estereotipos sexistas; o aborto aínda non é libre nin gratuíto; a humanidade segue con parte da Historia oculta, porque non se reflicte a contribución da muller; persisten os despedimentos por razón de sexo; prosegue a explotación sexual das mulleres…

Os Concellos, ao ser a Administración máis próxima á cidadanía, deben estar implicados en primeira liña en dar respostas axeitadas e eficaces á situación das mulleres. A Xunta de Galicia se dotou de disposición normativas para que os Concellos concreten no seu eido de actuación: o V Plan do Goberno Galego para a Igualdade entre o Home e Muller (2007-2010) e a Lei 11/2007 do 27 de xuño para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero. É preciso, xa que logo, que se descenda ao nivel de concreción municipal para garantir que exista unha plena funcionalidade do V Plan e da Lei 11/2007.

No Concello de Santiago dispoñemos de dous órganos privilexiados para traballar a favor da igualdade o home e a muller: a concellaría de Benestar Social e de Muller, e o Consello Municipal de Muller. Non obstante, no tocante á existencia dun plans integral contra a violencia de xénero, vemos como entre os obxectivos da concellaría ou entre os obxectivos do Consello Municipal (artigo I do Regulamento, aprobado en plenario do 27 de xullo de 2000, BOP do 4 de setembro de 2000) non aparece –lóxico no caso do Consello Municipal- a elaboración de dito plan integral.

Por iso, en base ao anterior, proponse ao Pleno do Concello de Santiago que adopte os seguintes:

ACORDOS

1. Que se aprobe un pacto de goberno municipal contra a violencia de xénero que aplique a declaración de "tolerancia cero á violencia" no municipio e a adopción de medidas integrais para erradicar a violencia contra as mulleres, no ámbito das súas competenzas.

2. Que se inste ao Goberno Autonómico, a adoptar as disposicións necesarias para que exista coordinación entre todos os poderes e administracións públicas.

3. Que se introduza, tendo en conta as normas de rango superior, entre os obxectivos da Concellaría e do Consello a función primordial da elaboración, supervisión, posta en marcha e aplicación do Plan Integral Local de Violencia de Xénero.

4. Que a elaboración de dito Plan Integral Local contra a Violencia de Xénero estea encadrado dentro dos Orzamentos Municipais anuais.

5. Que dito Plan represente a concreción da Lei 11/2007 e teña en conta disposición do V Plan: por poñer un único exemplo ilustrativo, o Plan debería contemplar a creación do Observatorio Municipal da Violencia de Xénero.

6. Que dito Plan poña especial atención sobre a especial vulnerabilidade das mulleres inmigrantes vítimas de malos tratos, cando estas se atopan sobre todo en situación administrativa irregular e a denuncia pode supoñer a súa expulsión.

7 Que se implique á cidadanía mediante o propio Consello Municipal de Muller na elaboración de dito Plan Integral. Canto máis participe a sociedade, máis compromiso e responsabilidade se lle poderá esixir.

8 Que o Concello inste ao Goberno Autonómico e ao Goberno Estatal para que se regulamente e se dote orzamentariamente o fondo de pensións impagadas.

9 Que se realicen campañas permanentes de concienciación e sensibilización social que traten de forma especial as emisións ou publicidade de carácter sexista, discriminatorio, vexatorio, estereotipado e as actuacións que publicamente xustifiquen, banalicen ou inciten á violencia de xénero.

10 Que o concello solicite ao Goberno Estatal o aumento das partidas destinadas a transferencias ás Corporacións locais para actuacións conxuntas contra a violencia de xénero, en desenvolvemento das actuacións recolleitas na lei 3/2004.

11 Enviar estes acordos ao Presidente do Goberno Autonómico e Estatal, e aos Grupos do Parlamento Autonómico e Cortes Xerais.

Santiago, 22 de novembro de 2007

martes, 20 de noviembre de 2007

CONCENTRACIÓN MERCORES 21/11/07, DA PLATAFORMA CULTURA SI, MAUSOLEO NON.

Confirmamos a convocatoria dunha CONCENTRACIÓN O MÉRCORES 21 DE NOVEMBRO ÁS
12:30 h. DIANTE DO PARLAMENTO DE GALICIA.FAREMOS UNHA ROLDA DE PRENSA E UN ACTO DE PROTESTA. É MOI IMPORTANTE ACUDIR TODOS/AS OS/AS QUE POIDADES. Nesta data remata, coa presencia de Touriño, a rolda de comparecencias da comisión
de investigación. Por favor, acudide a esta convocatoria e divulgádea.

Saúdos!

domingo, 18 de noviembre de 2007

A nosa moción sobre a Vía Verde semella prosperar

Esquerda Unida felicítase da decisión da Concellalía de Medio Ambiente, dirixida por Elvira Cienfuegos, de propoñer a creación da vía verde. A noticia vén dada en La Voz de Galicia (edición local, p. 7). Isto significa, se ben non se menciona na elaboración do artigo, que a nosa moción prospera e que en Pleno se nos dará oportuna resposta. Lembremos que a moción a presentamos o 9 de novembro de 2007.

Varios das nosas demandas, en función do que podemos ler na prensa, semellan ser atendidas, se ben, reparamos nun pero: non se fai mención en ningún momento á posibilidade de que o acondicionamento respecte a accesibilidade e mobilidade das persoas con discapacidade e que se moven en cadeira de rodas. As restantes peticións, unha por unha, ao que parece van a ser atendidas.

Agardamos que no Pleno deste mes, a resposta que se lle dea á nosa moción sexa precisamente o que hoxe lemos, que se crea a Vía Verde. Un logro para os nosos veciños e veciñas. No entanto, gustaríanos, simplemente porque é de rigor, que se nos recoñecese a iniciativa, tal como figura no Rexistro do Concello de Santiago, xa que obedece a un duro e difícil traballo realizado por homes e mulleres que estamos fóra das institucións.

Xabier Ron
Coordinador Comarcal de Esquerda Unida-IU

sábado, 17 de noviembre de 2007

U-la credibilidade do policía?

Atónitos, hoxe, puidemos ler na prensa (La Voz de Galicia), como un irmán do policía afirmaba o seu apoio ao indulto para os veciños de O Eixo. El e a meirande parte dos 13 irmáns que son. Aqueles que nos acusaron de meter a pata e de defender o indefendible, quizais terán que mudar de criterio. Ou non, xa que vivimos nun país de sectarios, que pensa inmutable un punto de vista e que fai dogma dunha opinión e onde ninguén ten a valentía de admitir que errou, e non falemos xa de demitir. Claro está, de seguro que alguén pensará que actúa por inquina cara ao seu irmán...

Cando menos, para os que defendimos a non entrada no cárcere e a petición de indulto, resulta argumento de peso -a falta de comprobación para ser probatorio, que se poña en tea de xuízo o grao de minusvalía afirmado: sobre todo se é certo o de descargar as vacas e o de traballar na finca co tractor. Mesmo cabe a posibilidade de que se inicie investigación para comprobar quen ditaminou a súa minusvalía...

Ao final, que pasaría se se confirmase que todo é unha autoprotección que se montaron algúns en perxuizo doutros?

Que pasaría se, ao final, tal como se dicía desde esta organización política, ou mesmo desde o Movemento pola Defensa dos Dereitos Civís, que as néboas xurídicas son máis fondas que as luces?

De saída, xa era inxusto que tivesen que ingresar no cárcere, xa que están reinsertados na sociedade...función primeira do cárcere. En segundo lugar, se se confirman as acusacións do irmán do policía supostamente discapacitado, tres inocentes están no cárcere e tres familias están pasando un martirio, inxusto.

O 16 de decembro manifestación se é que aínda non se materializou o indulto.

Transmitimos todo o noso ánimo aos veciños afectados e en xeral a toda veciñanza de O Eixo.

miércoles, 14 de noviembre de 2007

Presentación proxecto de creación dunha Plataforma a favor da modernización da administración municipal

Mañá, 15 de novembro, ás 20h30, preséntanse as 100 primeiras sinaturas de adhesión ao manifesto da administración municipal e a paralización do proceso de creación do organismo autónomo de Benestar Social ata a apertura dun proceso de información e participación cidadá para dialogar sobre a idoneidade deste sistema de xestión do Servizo Municipal de Benestar Social.

Como segundo punto, proxecto de creación da Plataforma Cidadá pola modernización da administración municipal.

Será no Salón de Actos do Centro Sociocultural do Ensanche, ás 20h30 de mañá, 15 de novembro.

viernes, 9 de noviembre de 2007

Creación da Vía Verde Amio-Sigüeiro

Hoxe Esquerda Unida-IU de Santiago presentará no rexistro do Concello de Santiago a seguinte moción:

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A recuperación da vella vía de tren que vai de Santiago a Coruña constitúe unha oportunidade única, que non se pode deixar escapar, dado que con poucos investimentos conséguese ofrecer á cidadanía en xeral, e aos amantes do deporte e da natureza en particular, un espazo único para o desenvolvemento dun ocio non alienante, alternativo ás prácticas actuais.

O treito en cuestión transcorre por unha das zonas máis virxes do concello de Santiago, cun alto valor paisaxístico e cunha lonxitude aproximada de 12 quilómetros. Vai desde Amio ata Sigüeiro, pasando pola Sionlla e por Verdía. Dito treito cruza o val do río Tambre e o do río Sionlla, destacando unha ponte sobre este último río.

A recuperación deste espazo permitiría, non só ofrecer un marco incomparable para a cidadanía compostelá, senón que permitiría á administración local ampliar a oferta turística da nosa Cidade dando a coñecer unha mostra do noso turismo verde. Ao mesmo tempo, serviría como revitalizante destas localidades do rural compostelán, poñendo en valor os seus trazos paisaxísticos e medioambientais.

Trátase dunha actuación merecente de todos os esforzos da cidade, polo que deberá contarse para a súa execución coa participación do tecido asociativo (asociación de deporte, de sendeirismo, de bicicleta, etc.) e, igualmente, artellar os mecanismos de axudas tanto autonómicas como europeas.

A actuación prevista permitirá que en dita vía se podan realizar diversas actividades relacionadas coa práctica deportiva: disfrutar dun paseo san, libre de riscos circulatorios; practicar o atletismo; facer patinaxe; andar en bici, etc.

Ao mesmo tempo, permitiranos recuperar a vella estación de Ferrocarril dispoñendo no seu espazo algún local de lecer (bar, museo...) para as persoas que opten por esta alternativa saudable.

En base ao anterior proponse ao Pleno do Concello de Santiago que adopte os seguintes:

ACORDOS

  1. Realizar as xestións oportunas ao pé das administracións competentes para recuperar o treito que transcorre entre Amio e Sigüeiro.
  1. Facer partícipe ao tecido asociativo na conformación do futuro espazo de lecer.
  1. Solicitar canta axuda sexa pertinente a nivel autonómico, estatal e europeo.
  1. Crearase nos 12 quilómetros de percorrido unha zona multifuncional de lecer e paseo familiar. A tales efectos, dispoñerase un firme axeitado para que poda ser empregado tamén por persoas que se desprazan en cadeira de rodas. O lecer debe integrar a toda a cidadanía.
  1. Crearase un acceso desde Amio e outro desde Sigüeiro, ademais das principais (para o acceso a persoas con discapacidade) desde as estacións da Sionlla e de Verdía.
  1. Habilitarase unha iluminación suficiente por cuestións de seguridade nos túneis, alimentada por paneis solares.
  1. Situarase o mobiliario preciso e necesario para dotar a Vía Verde: papeleiras, bancos, lugares de quencemento muscular, ...
  1. Colocar de forma estratéxica paneis informativos sobre a historia das zonas de paso.
  1. Dispoñer dunha estrutura fixa de seguridade na ponte sobre o río Sionlla.
  1. Outras accións que sexan pertinentes para converter esta Vía Verde nunha excelente plataforma de saúde e benestar para Compostela e municipios veciños.

Santiago, 9 de novembro de 2007

miércoles, 7 de noviembre de 2007

Esquerda Unida denuncia a irresponsabilidade do alcalde de Santiago ao calar as realidades financeiras da Cidade da Cultura

Para Esquerda Unida resulta mesmo ofensivo pensar que Bugallo, o alcalde de Santiago, escoitar da súa voz que el sabía que o diñeiro de partida era insuficiente.

Estamos falando dun proxecto do que comezan a saberse os puntos escuros, puntos aos que contribuiu coa súa acción de connivencia o señor Alcalde. Isto reafirma o escaso bagaxe político que ten Sánchez Bugallo, xa que en vez de facer pública a súa opinión no seu momento xusto –logo das deliberacións do xurado- optou, por unha discutible “lealdade institucional”, calar. Nós dicimos que foi antes ben unha deslealdade para co pobo de Compostela e de Galicia, xa que o seu proxecto enlousa diñeiro público de forma desnortada desde hai anos.

Optou por calar e, de paso, agochar a realidade, porque quería, coma un megalómano, un proxecto faraónico na súa cidade, xa que outras o tiñan. Si, outras cunha demografía superior. Retamos a que o señor Alcalde nos diga onde hai unha cidade de menos de 100.000 habitantes que teña unha obra semellante e que xa leva enlousados máis de 400 millóns de euros. Lamentable, repetimos, que as súas palabras pasen impunemente da oralidade ao papel sen que tremen os cimentos da democracia que el representa.

Consello Comarcal de Esquerda Unida-IU

Santiago, 7 de novembro de 2007

O paro aumenta en todos os sectores produtivos de Compostela

Esquerda Unida reclama medidas urxentes para a diversificación do emprego e a dinamización do Plan de Acción Local polo Emprego.

A tendencia segue sendo clara en Compostela e comarca: un imparable e contínuo proceso de desemprego que afecta de forma alarmante ás mulleres e aos mozos e mozas de menos de 25 anos.

Os datos, que achegan a fría e dura realidade, son incuestionables no que se refire á nosa cidade:

- menores de 25 anos: en total 543: homes 204, mulleres 339.
Repárese no aumento neste segmento poboacional nas mulleres: de 265 mulleres desempregadas en setembro a 339, isto é un aumento de 74 persoas nun único mes, o que representa unha porcentaxe de 94,87 % do total experimentado no mes de outubro (78 menores de 25 anos).

- mulleres (resto de idades): 3172 mulleres dun total de 5458 persoas en situación de desemprego, o que representa o 58,11 %. Certo é que nesta franxa aumentou máis o desemprego nos homes, 111 persoas (66,07% do incremento experimentado durante o mes de outubro).

- O paro aumentou en números xerais en 246 persoas, o que representa un 4,7 % de incremento respecto ao mes pasado. O número total, xa que logo, afástase do obxectivo de baixar das 5000 persoas desempregadas, para situarse en 5458 (en setembro eran 5212).

- Se analizamos os sectores produtivos vemos que os aumentos máis significativos e preocupantes prodúcense no sector servizos cun incremento de 182 persoas ata situarse en 3635 persoas, e no sector industrial cun incremento de 25 persoas. Estes dous sectores representan máis do 80% das novas persoas desempregadas durante o mes de outubro.

As administracións deben tomar nota destas circunstancias e achegar valentes solucións que poden pasar desde a necesaria diversificación do emprego (investir en sectores de I+D+i), ata a implicación do Concello en animar os procesos cooperativos e na necesaria creación para Esquerda Unida da Axencia Municipal de Colocación con vistas ao desenvolvemento e a oferta pública de emprego no sector sociosanitario. Do mesmo xeito, reclamamos que se redefinan os obxectivos do Plan de Acción Local polo Emprego, xa que, segundo se ve, as metas deseñadas, un ano despois, non están dando ningún froito.

Consello Comarcal, 6 de novembro de 2007.

domingo, 4 de noviembre de 2007

Esquerda Unida de Ames presenta unha moción para reclamar un regulamento de Participación Cidadá

Despois de ter transcurrido unha lexislatura cun goberno conxunto do PSOE e o BNG, ademáis de varios meses desde as últimas eleccións municipais, desde o grupo municipal de Esquerda Unida-Izquierda Unida de Ames lamentamos a ausencia no Concello de Ames dun REGULAMENTO DE PARTICIPACIÓN CIDADÁN, que sirva de ferramenta para canalizar e garantir fórmulas de participación dos e das cidadás de Ames nos asuntos públicos, máis alá do exercicio do dereito de sufraxio activo cada catro anos para decidir a composición deste Pleno.

Cremos imprescindible que desde o goberno deste Concello se impulse un proceso colectivo de elaboración dun regulamento que desenvolva fórmulas de democracia participativa como complemento da democracia representativa, para que os homes e mulleres de Ames e as organizacións cidadás que conforman o tecido asociativo de Ames sexan os verdadeiros protagonistas da vida pública municipal, e poidan canalizar as súas propostas para construir o proxecto de concello que desexen e intervir nos asuntos de responsabilidade municipal. Trátase, en definitiva, de que os veciños e veciñas poidan participar directamente nas decisións políticas e non só na elección dos decisores políticos do noso Concello.

Os poderes públicos teñen a obriga de garantir a participación cidadá nos asuntos públicos. É unha obriga que se deriva de varios mandatos da propia Constitución. O artigo 9.2. establece que “corresponde aos poderes públicos promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integra sexan reais e efectivas; remover os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de todos os cidadáns na vida política, económica, cultural e social”. Outro tanto pode decirse do artigo 23, onde se afirma que os cidadáns teñen dereito a participar nos asuntos públicos directamente ou por medio de representantes. A Declaración Universal de Dereitos Humanos e o Pacto sobre Dereitos Civís e Políticos das Nacións Unidas, recollen así mesmo entre os dereitos e liberdades fundamentais, o dereito dos e das cidadás a participar directamente nos asuntos públicos.

Por todo isto, solicitamos do Pleno a aprobación do seguinte ACORDO:

O Concello de Ames porá en marcha un proceso de elaboración colectiva dun Regulamento de Participación Cidadá, contando moi especialmente cos veciños e veciñas, así como coas diferentes asociacións e partidos políticos que forman o tecido asociativo do noso Concello

Sr. Alcalde do Concello de Ames

Información sobre o Pleno do Concello de Santiago do 25 de outubro de 2007

Despois de reflexionar sobre a información que se transmitiu no Pleno do 25 de outubro, corresponde agora verter o resultados das mesmas.

En primeiro lugar, cómpre afirmar que os Plenos xa non son o lugar máis importante da vida política representativa e participativa: todo vén demasiado cociñado do forno oculto das xuntas de goberno e das distintas comisións lembremos non públicas.

En segundo lugar, o realmente importante é que o espazo non é o idóneo para favorecer a participación: moi bonito si, pero estreito e un tanto incómodo para medios e para o público en xeral.

En terceito lugar, o debate só existe porque o PP o anima.

QUE ASPECTOS DESTACAMOS DE INTERESE PARA COMPOSTELA?

* A orde do día incluía 11 puntos. Asspecto este que leva a unha reflexión, certo é de tipo persoal, de quen escribe: os Plenos para ser realmente funcionais non poden incoporar moitos puntos na orde do día. Por iso, en tempos en que a burocracia dorme a iniciativa popular...unha pregunta ousada e que seguro será recriminada: son realmente imposibles dous plenos ordinarios ao mes: un cada quince días?

* Vaiamos aos feitos:
1) As actas non se len en público: apróbanse sen máis (polo menos a que tivemos a oportunidade de "non escoitar")

2) O irmanamento coa Comuna de Assisi foi aproveitada para realizar unha semblanza da orde franciscana (Bugallo) e do peso que ten na traditio compostelá. Preténdese facer o acto o 24 de xullo no Salón Carlos V de San Francisco, como non.

3) As modificacións orzamentarias para a adquisición de material para a policía local, de mobiliario para as novas dependencias do edificio de Benestar Social, e do Auditorio, deron lugar a unha acusación de imprevisión por parte do grupo municipal do Partido Popular.

Interesante saber que o Auditorio nos custa 2 millóns de euros + 500.000 euros do Consorcio + 300.000 de Caixa Galicia e outras entidades = 2.800.000 euros. Isto é, diñeiro público, primordialmente, do que se destina 1 millón a gastos fixos. Pregunta de novo indiscreta: pagan todos os membros do Concello, Consorcio e outros as entradas aos eventos principais? Canto diñeiro se vai en invitacións?

4) No tocante ao aumento (IPC interanual setembro 2006-setembro 2007) nas taxas principais, quen escribe tivo que asistir -cáseque atónito- a como era o voceiro do PP quen facía unha defensa da contención en impostos indirectos en clave de defensa da clase traballadora, xa que o clima político a nivel macro non era nada optimista. Loxicamente, os representantes da socialdemocracia dicían que o clima era máis optimista. Por iso, desde Esquerda Unida, doadamente apoiaríamos a contención na taxa da grúa municipal, na do servizo de augas, na do lixo -non así na da tracción mecánica-, reclamando como se fixo desde o PP que as concesionarias melloren os servizos que prestan.

E máis se temos en conta que o Concello quere entregar en mans privadas ata un 45 % do montante total das multas de tráfico: non favorecerá iso que se actúe de forma inapropiada? non sería preferible que o diñeiro colleitado beneficiase a prestación de servizos públicos e non a unha empresa privada? Para Esquerda Unida resulta claro que si.

Unha crítica a realizar: os políticos actúan no Pleno como se falasen para eles. Por exemplo, as ordenanzas eran enumeradas en base á súa codificación. Un profano non ten porque saber de memoria con que concepto se identifica cada un dos códigos. Un exemplo máis de que, en realidade, a participación do pobo, é unha solemne falacia que empregan os que representan á democracia representativa.


5) O Plan Xeral de Ordenación Municipal (aprobación definitva parcial con obxeccións da Xunta a varias áreas que se queren urbanizar) deu lugar a intervencións interesantes:

- O bipartito para criticar ao bipartito (da Xunta: o ditame facíase para "establecer un precedente", dicía Néstor Rego)

- o PP, en voz de Ricardo Borregón, para amosar a súa precoupación por propietarios e por promotores, ao mesmo tempo que criticaba ao bipartito (falta de coordinación entre Medio Ambiente e Política Territorial).

- Todos para apelar á defensa a ultranza do PXOM na súa formulación íntegra: incluido os 300 chalés de Bando e seu Campo de Golf. Néstor falaba do "perfil ambicioso en protección de espazos" (sic) que concede o Plan... coa creación de 36.000 vivendas previstas.

Loxicamente, Esquerda Unida está en contra dun Plan destas medidas que quere crecer sen desenvolver; que quere estender sen compactar; que quere dispersar o cemento (Bando é un claro exemplo de dispersión da contaminación medioambiental). Todo se fundamenta na previsión construtora como fonte de traballo e de ingresos para o Concello. Erro de previsión que veremos en menos de 5 anos en que desemboca. Fálase do 40% de vivenda social, pero vai haber mais dun 60% de vivenda libre. Isto nun contexto de perda demográfica, de escasa atractividade para a poboación inmigrante, de migración de man de obra a terras que remuneran mellor xornadas abafantes e de constante fuxida de persoal cualificado a terras mellor remuneradas. E con máis de 7.000 vivendas baleiras.

Tanta é a paixón de Bugallo que mesmo avanza un contencioso no caso de que o que aporebe de forma definitiva a Xunta non sexa o que desexe a corporación.

6) Outros temas candentes foron a aceptación de municipalidade da rampa do edificio do CGAC. Ouse un particular facer unha obra análoga en plena vía pública e veremos. Un edificio cedido durante 50 anos, se non nos equivocamos. En fin....

7) Agradecemos aquí a cesión dos textos das preguntas e mocións que presentaba o PP. Algunhas pensamos que lóxicas, outras que merecen menos a nosa aprobación:

- 3 Preguntas sobre a actividade desenvolvida por un local da rúa Alfredo Brañas, que deron o seu froito.

- Moción para a redución do IBI
[aquí, loxicamente, discrepamos totalmente do PP, xa que o aumento do IBI é unha medida constratable para axudar a solventar o tema das vivendas baleiras e sacalas ao parque público de alugueiro (véxase Sevilla)]

- Preguntas sobre o convenio asinado entre a empresa INCOLSA (Información e Comunicación Local SA) e Ryanair

- Moción sobre o ruido derivado do ocio nocturno: reconvertir mediante incentivos sobre todo as tendas de 24 horas noutras actividades; liña de axudas para a insonorización de vivendas situadas en zonas saturadas

Outras iniciativas deste mesmo grupo foron:
- Limpeza do río Sarela
- Poda e mantemento da Avenida Castelao
- Moción para a Creación do Museo do Deporte Compostelán
- Proposta de creación dunha Comisión Especial para organizar o ano santo Xacobeo 2010

Lembrar que nós presentaramos unha sobre a erradicación da pobreza e a desigualdade, tal como consta neste mesmo blog.

sábado, 3 de noviembre de 2007

Charla de Agustín N'Dour en Santiago

O luns 5 de novembro, ás 20h30, no Seminario Maior de Compostela, terá lugar unha charla-coloquio do senegalés Agustín N'Dour, mediador en Granada. A Charla-coloquio leva por título "África: Xenocidio e Esperanza".

Organizan a charla: Movimiento Cultural Cristiano e Cáritas Diocesana.