martes, 20 de abril de 2010

Xuntanza coa AVV da Almáciga

ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA REUNIUSE COA DIRECTIVA DA ASOCIACIÓN DE VECIÑOS FRANSCISCO ASOREI DA ALMÁCIGA .

XABIER RON, O COORDINADOR COMARCAL, PRESENTOU AS ÚLTIMAS INICIATIVAS DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA E ESCOITOU AS REIVINDICACIÓNS DOS VECIÑOS .

3 ANOS DESPOIS DAS MUNICIPAIS DO 2007 O BARRIO SEGUE IGUAL DE MAL, A EXPENSAS DO PLAN URBANA NORTE .


Esquerda Unida Compostela, representada por Xabier Ron, coordinador comarcal, e José Díaz, membro do consello comarcal e responsable da área de emprego de Esquerda Unida Compostela, mantivo unha xuntanza coa nova Directiva da Asociación Francisco Asorei do barrio da Almáciga, presidida por Santiago Martínez.

O encontro permitiu comprobar o sentir da directiva no tocante ao estado do barrio tres anos despois das municipais do 2007. E, realmente, cabe dicir que as cousas pouco cambiaron no barrio. A directiva queixouse de que sempre se trata de promesas incumpridas desde hai moitos anos. De forma explícita, a directiva cualificou este tempo como “un cúmulo de despropósitos”. A opinión compartida pola Asociación Francisco Asorei e por Esquerda Unida Compostela é que fica todo a expensas do Plan Urbana Norte, do que aínda se está na fase de selección de persoal, dando a impresión de que se demorou todo por motivos de rendibilidade electoral de cara ás municipais do 2011.


En efecto, son moitos os aspectos que xa deberan estar solventados no barrio. Por poñer algúns exemplos: o estado xeralizado das rúas é deficitario e obstaculiza o tránsito tanto de peóns coma de autos; os accesos ao parque da Almáciga están de auténtica pena; o campos de xogos non está dotado nin ofrece seguridade para o xogo de nenos e nenas; o mobiliario urbán tamén é deficitario.

Reclamamos desde o Concello máis eficiencia e que se deixe de promesas ou de agardar pola arcadia en que semella terse convertido o Plan Urbana Norte, ao cal a directiva denomina nun escrito remitido ao concello en marzo de 2009 como “Plan Marshal”. Finalmente, e tendo en conta a denuncia ante a oficina da Concellaría de Urbanismo e o Valedor do Pobo polo que consideramos aberración no rueiro da Caramoniña para beneficio duns poucos, e tendo en conta a propia resposta desta concellaría, xustificándose en que aí iría o centro sociocultural dos veciños e veciñas...como pode ser que a Directiva aínda agarde por dito centro e non saiba onde se ubicará?

sábado, 10 de abril de 2010

Interpelación sobre EDAR

Poñemos a vosa disposición a interpelación presentada por Esquerda Unida á mesa dos Congreso dos deputados, en referencia a nova ubicación da depuradora de Silvouta, froito do traballo traballo conxunto do consello comarcal eos veciños e veciñas de Laraño.

martes, 6 de abril de 2010

Resposta retirada símbolo franquista

Dende o consello comarcal de EU Compostela queremos mostrarvos, para a vosa información, a contestación que a USC fai a nosa rogativa para a retirada do símbolo franquista da facultade de Químicas.

viernes, 2 de abril de 2010

Sensibilización sobre autismo

ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA APOIA A DEMANDA DE SENSIBILIZACIÓN NO DÍA MUNDIAL DE CONCIENCIACIÓN DO AUTISMO

EU ANIMA Á PARTICIPACIÓN ACTIVA NAS ACTIVIDADES QUE SE LEVARÁN A CABO NA NOSA CIDADE O 7 DE ABRIL

O consello comarcal de Esquerda Unida Compostela fai súas as demandas que a Organización Mundial do Autismo, OMA, realiza neste día mundial de concienciación do autismo, esixindo os gobernos que firmen e ratifiquen A Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade.

EU considera necesario que todas as Administracións Públicas se impliquen en artellar medidas que supoñan un cambio real na situación das persoas con TEA, que na súa maioría seguen dependendo do esforzo diario das familias, para que poidan estar en igualdade de condicións co resto do tecido social no aceso a sanidade, educación, traballo, ocio…

Tamén, dende Esquerda Unida Compostela, manifestamos o noso apoio os actos que se levarán a cabo na nosa cidade, na praza do Obradoiro, o vindeiro mércores 7 de abril, animando a xente a involucrarse.

O consello comarcal.