miércoles, 8 de julio de 2009

Vulneración dereitos humanos

Na xuntanza mantida coa Secretaria de Estado de Inmigración, Consuelo Rumí, o luns 6 de xullo en Caldas de Reis quedou manifesto que as xuntanzas cos colectivos que traballamos coas persoas inmigrantes, ou os propios colectivos de persoas inmigrantes, son auténticos paripés, onde se debe asistir para dicir si a todo o que sae da boca dos "gobernadores".
Cando menos queda manifesta a verdadeira faciana do noso goberno en materia de dereitos humanos (xa manifesta cando votaron si a Directiva da Vergoña en Europa e cando dixeron sí, cando gobernaba o PP, a esta infumable Lei de Estranxeiría).

Claro está, ao mellor dirán que é o que desexa o pobo español. Agardamos que estean equivocados. Coa extrema dereita vivindo a gloria en Europa -ao igual que co ascenso dos fascismos que nos levou á II GM- e coa dereita rancia gobernando moitos feudos...que futuro se pode debuxar???

Reproducimos o comunicado do Foro Galego de Inmigración
*****
FORO GALEGO DE INMIGRACIÓN
COMUNICADO DE PRENSA
Varios Representantes do Foro Galego de Inmigración formado polas asociacións e entidades recollidas abaixo (máis de 80 asociacións e entidades de toda Galicia), presentaron onte Luns día 6 de Xullo nun acto celebrado en Caldas de Reis á Secretaria de Estado de Inmigración , Consuelo Rumí, as súas propostas en relación coa Reforma da Lei de Estranxeiría e con outras cuestións relacionadas coa política migratoria do Goberno Central:
-A Valoración global que facemos do Encontro é negativa. Non houbo interese por atender as nosas propostas, nin amosou a Secretaría de Estado receptividade algunha cara ás mesmas. Mesmo tentou deslexitimar ao Foro Galego de Inmigración como interlocutor. Por outra banda, a decisión de facer a Reforma, pendente do paso polo Parlamento, nos termos actuais está ben clara e mesmo parece que se van habilitar plenos no Parlamento Español no mes de Xullo coa finalidade de acelerar o proceso de aprobación da Reforma da Lei.
-A nosa oposición á Reforma da Lei basase en que entendemos que globalmente a Reforma proposta é fondamente restrictiva e negativa polas seguintes razóns:
1.- A importante limitación do reagrupamento familiar para ascendentes de residentes , que só se permite para os/as de longa duración (5 anos de estancia).
2.- A apertura da posibilidade de repatriación de menores inmigrantes basándose na garantía dos servizos de atención a menores dos países de orixe dos e das menores. Posibilidade moi discutible no caso de países como Marrocos, por exemplo.
3.- Recolle o intolerable aumento de prazo de estancia nos centros de internamento de estranxeiros ata os 60 días (antes eran 40) con posibilidade ademáis de incrementar esa estancia en determinados casos.
4.- E sobre todo porque basease na persecución sistemática da poboación inmigrante en situación de irregularidade administrativa e no peche das fronteiras. Establece así, ademáis, unha coartada legal para as actuacións de persecución contra esta poboación inmigrante residente no Estado español que xa dende hai varios meses veñen denuciado moi diferentes organizacións en diferentes partes do Estado.
Negámonos a aceptar esta visión intencionadamente “criminalizadora”, na que tanto insiste este proxecto do goberno central, sobre unha realidade, á da inmigración, tan fondamente positiva para o conxunto da poboación galega e española.

-Ademáis presentamos as nosas propostas para mellorar a Lei actual en cuestións non comtempladas na actual Reforma e que en realidade permitirían unha Lei moito máis respectuosa cos dereitos das persoas inmigrantes :
1.-Arbitrar algún sistema para que as persoas en situación de irregularidade administrativa puideran resolver a súa situación de acordo cunhas esixencias razoables.
2.-Establecer un modelo único de autorización de residencia (que habería que renovar periódicamente), que permitira sempre traballar e sen as actuais limitacións xeográficas ou de ocupación. Nesa liña urxiría tamén: Unha reforma do actual sistema de continxente, establecendo un modelo flexible, rápido e eficaz (trimestral ou mensual, con posibilidade de realizar ofertas de forma permanente por parte de empresari@s e empregador@s, de carácter autonómico, etc). Os catálogos de ocupación de difícil cobertura deben ser tamén máis flexibles, en ámbitos xeográficos e temporalmente.
3.- Aínda que a actual Lei contempla esta opción, a Reforma debe establecer de forma clara que as persoas en situación de irregularidade administrativa cometen unha falta administrativa pola que deben aboar unha determinada multa, pero non ten sentido a incoación de procedementos de expulsións para estas persoas que non cometen delicto algún. Disto se derivarían dúas medidas inmediatas: Eliminación dos Centros de Internamento. Incluir clausulas que garantan o tratamento d@s traballadores e traballadoras inmigrantes como vítimas, con dereito preferente e efectivo para obter autorizacións de residencia e traballo, nos casos de explotación laboral destes traballadores e trablladoras. A mesma consideración deben ter lóxicamente as mulleres ou homes obrigad@s a prostituirse.
4.- Relacionado co anterior parece importante establecer unha serie de supostos claros e amplos para as autorizacións excepcionais (mulleres e homes obrigad@s a prostituirse; vítimas doutros tipos de explotación laboral; mulleres vítimas da chamada violencia de xénero; persoas adultas ou menores en situación de desamparo ou dependencia; persoas con enfermidades graves; etc). O Catálogo debe ser amplo e flexible.
5.- Garantir en todo caso o acceso aos dereitos básicos para todos e todas, tamén para as persoas que transitoriamente se atopen en situación de irregularidade administrativa, supón o acceso en condicións de igualdade aos servizos públicos de educación, sanidade (garantir o acceso a tarxeta sanitaria) e de benestar social e inclusión social: rendas mínimas e outras axudas sociais.
6.- A Lexislación debe garantir dereitos das persoas, recoñecidos pola ONU e por outros organismos e institucións internacionais, nas actuacións de control en portos, aeroportos, estradas, etc.
7.- Unha demanda importante sería tamén o establecemento dun Observatorio Independente do Racismo e da Xenofobia, con obriga de presentar diante do Parlamento anualmente un Informe Público e detallado sobre as situacións de Racismo e Xenofobia detectadas ou denunciadas no conxunto do Estado Español.Insistimos, por último sen obter tampouco compromiso algún por parte da Sra Secretaria de Estado de Inmigración na necesidade de frear o proceso de persecución policial contra o colectivo inmigrante que este Foro ven denunciado nos últimos meses en Galicia.

martes, 7 de julio de 2009

A cuarta urna

A CUARTA URNA. A PARTICIPACIÓN DO POBO NA DEMOCRACIA vs O SECUESTRO DA DEMOCRACIA POLA OLIGARQUÍA

Os tempos, desde este domingo 28 á noite, cando voitres enmascarados e alimentados pola ignorancia secuestran e expulsan de Honduras ao presidente Zelaya, semellan planificados pola voracidade da tecnoloxía.

Voracidade porque a velocidade informativa agolpa todo un explosivo cóctel de mensaxes difusas e impide reflexionar sequera as respostas cando aínda non se teñen todos os elementos de análise ao alcance da reflexión e da valoración crítica.

Esa voracidade provocou todas as primeiras reaccións, sexan de corte dubitativo e deliberadamente ambiguo (a administración Obama en xeral, explicable polos desexos de Zelaya de converter á importante base militar estadunidense de Soto Cano (Palmerola) en aeroporto civil e, xa que logo, de expulsar aos militares de aí, vid. Artigo de Eva Golinger, “La base militar de EEUU en Honduras em el centro del golpe”, Rebelión, 2-7-09), de defensa do goberno de Roberto Micheletti imposto polos golpistas (CNN, e mesmo algunhas entrevistas en televisións públicas que deste xeito lle conceden un crédito que non debera ter), ou de defensa apoloxética do presidente deposto Manuel Zelaya (a meirande parte dos diversos comunicados que realizou a orbe mundial).

Para quen escribe o primeiro son os dereitos humanos, os dereitos do pobo hondureño agora mesmo sacudidos pola irrupción golpista.

Non caiamos na tentación de culpar unicamente ao exército, xa que é o medio do que se nutren os poderosos instalados no cumio piramidal da sociedade hondureña desde sempre. Dito doutro modo: no fondo, os dereitos humanos, os dereitos do pobo hondureño sempre estiveron sometidos a recurte e limitación, cando non a violación. De aí a importancia da viraxe cara á esquerda, cara ao social experimentada por Manuel Zelaya.

Como di Miguel Castillo no seu artigo de hoxe en Rebelión, o Congreso, a Corte Suprema de Xustiza e o alto mando militar, os principais medios de comunicación, o sector produtivo, empresarial e comercial, todo está em mans da oligarquía. Hai algún país no que non sexa así, preguntámonos? Hai algún país de tradición neoliberal no que as institucións democráticas non estean dominadas polas oligarquías e gobernadas de cóstas ás necesidades reais da poboación?

Honduras representa de forma paradigmática cómo as estruturas democráticas, cando controladas e monopolizadas pola oligarquía, están ao servizo dos poderosos e cómo, cando se ven sacudidas para que penetre algo de luz, de transparencia, de democracia real, esas estruturas, xa viciadas, seguen amosando a súa faciana antipobo digno do totalitarismo fascista: de aí as constantes ordes de captura emanadas pola Corte Suprema contra líderes populares como Rafel Alegría, Carlos H. Reyes, ou o propio Manuel Zelaya; e máis recente, os disparos reais efectuados polas forzas represoras contra os manifestantes que, de forma pacífica, reclamaban o retorno do presidente constitucional; disparos que se levaron cando menos dúas vidas.

O problema salta cando un presidente decide non someterse a ese poder e confiar o poder verdadeiro dunha democracia ao pobo. Por iso, unha simple enquisa dirixida ao pobo, para que participe e se exprese sobre a reforma constitucional depositando o seu parecer no que se chama a “Cuarta Urna”, fixo tremer os alicerces da oligarquía e desencadeou o golpe. Nada hai de ilegal nesta consulta, xa que se trata dunha pregunta para que se poda realizar outra pregunta. Nada vulnera a Constitución hondureña como din os oligarcas e seus axentes. Pero a Oligarquía ten medo á democracia verdadeira, porque ten exemplos sobrados de cómo as urnas constrúen en países veciños proxectos sociais, proxectos de esquerdas, realizados co pobo e non de cóstas a el. Eis o motivo fundacional, entroutros.

O pobo de Honduras sabe que non está só e sabe que se xoga moito neste golpe de estado: xógase ter voz de verdade na construción da súa sociedade. Xógase a posibilidade de acadar unha Asemblea Nacional Constituínte encargada de redactar unha nova Constitución. De aí, as manifestacións multitudinarias e a frontal oposición interior ao goberno de Micheletti, quen busca ser aprobado mediante todas as vías posibles....coa participación dos grandes grupos mediáticos que sementaron desde hai tres meses o escenario político de xenreira cara a “cuarta urna” e crearon as condicións precisas para demonizar a Manuel Zelaya e para que se producira o golpe de estado do domingo 28 de xuño (vid. Y. Ron / M. Rodríguez, El golpe cocinado em el fuego mediático. La jugada final de la prensa hondureña, xuño 2009, descargable en Rebelión).

Pero non nos abraiemos de forma inxénua. Aprendamos do comportamento do pobo hondureño. Ollemos mesmo os nosos intestinos democráticos e pensemos en todo o que acontece mediatica e socialmente cando se insinúa a posibilidade de reformar a constitución española para dar cabida a novos dereitos, ou para avanzarmos no recoñecemento de dereitos para a poboación migrante (voto activo e pasivo, por exemplo), ou para incluír a eutanasia como un dereito, etc, ou, simplemente, que acontecería se un presidente do estado español se animase a convocar un referendo sobre se queremos seguir sendo unha monarquía ou unha república, onde ninguén estea por riba do pobo... E entenderemos que o acontecido em Honduras non é nada raro.

Desde estas liñas queremos solidarizarnos co pobo hondureño que loita para que se lle dea voz, para que se lle recoñezan os seus dereitos, de expresión e participación. Apoiamos a lóxica aspiración do pobo de liberarse da soga oligarca e o seu lento e duro camiñar ata situarse lonxe do abafo mercantilista e chantaxista que quere establecer a cosmocracia neoliberal en Honduras. Queremos que volva Zelaya e que teña a valentía de seguir coa idea inicial: o sacrificio valente do seu pobo meréceo. Todo o que supoña abandono deste proxecto significará o triunfo dos oligarcas e a derrota,xa que logo, da democracia real.

Xabier Ron
(unha primeira versión publicouse en Altermundo, 2-xullo-2009)