viernes, 28 de enero de 2011

Falta de participación

COMUNICADO DE PRENSA.

ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA DENUNCIA A INEFICACIA DOS MECANISMOS DE PARTICIPACIÓN CIDADÁ DO CONCELLO.

O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA CRITICA A FALTA DE COMUNICACIÓN E DEBATE MOSTRADA POLO EQUIPO DE GOBERNO COA A. VV. BARRIO DE GUADALUPE A PONDEROSA.


Esquerda Unida Compostela ratifícase, unha vez máis, na súa defensa da participación cidadá, para que todos e todas podamos desenvolver as nosas capacidades para intervir e co-decidir nos asuntos públicos de Santiago.

O goberno local, o Concello, ten que volver a ser un órgano próximo en estreita ligazón coas persoas, non desde o imperio da xerarquía, da imposición mediante o expediente da vía delegativa, que é o que existe hoxe en Santiago, senón desde o exercicio da decisión en co-igualdade democrática, da corresponsabilidade de construir a cidade que queremos todas as persoas.

Unha vez máis, o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela denuncia que o actual equipo de goberno manifesta unha total desidia nesta materia, non só porque os mecanismos de participación cidadá do Concello son ineficaces, senón porque evitan informar aos veciños e veciñas das actuacións que levarán a cabo, como ocorreu nesta ocasión coa decisión sobre a distribución das zonas de aparcamento dentro das rúas García Lorca, Praza García Lorca e Celso Emilio Ferreiro.

Dende Esquerda Unida Compostela non entramos a valorar se as propostas realizadas pola A.VV. Barrio de Guadalupe A Ponderosa son mellores ou peores que a decisión xa tomada polo Concello, o que si queremos criticar é que, de novo, o equipo de goberno, non só non fixo o traballo debido, realizando asembleas e abrindo un prazo para que os veciños e veciñas fixeran as súas propostas, e acometendo a continuación o debate para chegar o maior consenso posible, senón que, ademais, no mínimo que se lle pode esixir a unha corporación municipal, non informou debidamente aos veciños e veciñas sobre aspectos que inciden na súa vida cotiá.


Xaneiro 2011

miércoles, 26 de enero de 2011

Defensa do rural

COMUNICADO DE PRENSA.

ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA DEFENDE UN PROXECTO GLOBAL DE DESENVOLVEMENTO DO RURAL.

O CONSELLO COMARCAL DE EU MANIFESTA A SÚA PREOCUPACIÓN POLA ACTITUDE MOSTRADA POLOS REPRESENTANTES DO CONCELLO COS VECIÑOS E VECIÑAS DA PEREGRINA.


Esquerda Unida Compostela critica a desidia mostrada polas distintas corporacións municipais para atender como se merecen as parroquias rurais do Concello de Compostela, que se reflexa na ausencia de infraestruturas elementais, reducida accesibilidade a servizos básicos que si se ofertan no núcleo urbano, unha política de emprego que non ten en conta as características do rural compostelán e unha acusada escasez de oferta educativa e cultural.

O Consello Comarcal de EU considera necesario, por exemplo, para evitar esta situación que se leve a cabo a elaboración dun censo de persoas con necesidade de atención sociosanitaria, e así poder concretar as medidas oportunas de actuación.

Por todo isto EU Compostela propón, entre outras moitas medidas, a descentralización de servizos para dar unha axeitada cobertura sociosanitaria; promovendo a creación de cooperativas de Atención Social como medio de emprego, impulso real de políticas de rehabilitación e un estudo e reformulación da rede viaria para garantir a seguridade vial.

Tamén dende Esquerda Unida queremos mostrar a nosa preocupación ante as novas aparecidas, nas que a asociación veciñal Río Sarela denuncian a lamentable actitude de responsables municipais, concretamente de Sánchez Bugallo e Benardino Rama, que en varias ocasións, según os representantes da asociación, mentiron reiteradamente sobre o comezo das obras de arranxo da vía pública e o saneamento.

En definitiva Esquerda Unida Compostela reitera o seu compromiso por unha cidade habitable e cohesionada socialmente, na que o rural debe estar totalmente integrado, levando a cabo para elo as actuacións necesarias progresivamente, deixando a un lado actuacións esporádicas de marcado carácter electoralista.

Xaneiro 2011

martes, 25 de enero de 2011

Apoio ó estudantado da USC

COMUNICADO DE PRENSA.

ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA APOIA O ESTUDANTADO DA USC NA LOITA POLOS SEUS DEREITOS .


Dende ás 12 horas do xoves 22 de xaneiro varias decenas de alumnos da USC permanecen pechados na Biblioteca Xeral reclamando a equipa reitoral unha solución aos problemas que estanse a producir na extinción dos plans de estudos anteriores ao EEES reclamando entre outras medidas o aumento do número de convocatorias ata as seis lexítimas, a supresión das taxas e calendario propio das materias xa extintas e a instauración dun mestrado docente sen límite de prazas e de balde. Este peche é a continuación das mobilizacións que este curso está a desenvolver a Asemblea de Estudantes da USC que tiveron o seu cume na exitosa convocatoria de folga estudantil do 16 de decembro.

Dende Esquerda Unida apoiamos ao estudantado da USC na loita polos seus dereitos, nomeadamente do dereito dos estudantes de plans en extinción a titularse nunhas condicións dignas e acordes coas que tiñan ao empezar as súas carreiras. Esiximos ao reitorado que atenda as súas reclamacións, neste intre Casares Long está a romper a promesa coa que accedeu o seu cargo de implicar no goberno da Universidade a todos sectores da comunidade universitaria continuando así coa política das anteriores direccións da Universidade de dar as costas e silenciar as reclamacións do movemento estudantil.

Esquerda Unida quere manifestar que estas problemáticas que está a sufrir o estudantado de Compostela son a consecuencia directa do Proceso de Boloña ao que EU opúxose dende o seu inicio, que é agravado polo contexto de recortes educativos que estanse a dar no conxunto do Estado e que no caso concreto galego supuxo a aprobación do Plan de Financiamento Universitario que recorta para a USC un 6,8% respecto ó orzamento do ano anterior, poñendo as bases para o que está acontecer, a Universidade de Santiago de Compostela deixa de asumir as súas responsabilidades de cara ao alumnado non facilitando o persoal e as infraestruturas necesarias nun contexto de convivencia de dous plans de estudos, recorta a oferta docente nos plan en extinción e presiona ao estudantado para que se volque aos estudos de grao.

Dende a Área de Mocidade de Esquerda Unida chamamos ao estudantado a sumarse as mobilizacións da Asemblea da USC e reafirmamos a noso compromiso por unha Universidade Pública ao servizo dun desenvolvemento social e ecolóxicamente sustentabel rechazando que os servizos públicos sexan tratados coma unha mercadoría, esiximos unha financiación pública acorde as necesidades do SUG o que significa alomenos elevar ata o 2% o gasto público universitario e consideramos a mobilización como a vía para alcanzar a democratización da Universidade.
Xaneiro 2011

jueves, 20 de enero de 2011

Defensa do tren de proximidade

COMUNICADO DE PRENSA .

ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA REITERA A SÚA DEFENSA DO TREN DE PROXIMIDADE COMO PRINCIPAL MEDIDA A LEVAR A CABO PARA MELLORAR O TRANSPORTE PÚBLICO.

O CONSELLO COMARCAL DE EU CRITICA A POLÍTICA REALIZADA EN TRANSPORTE PÚBLICO NESTES 8 ANOS DE GOBERNO DO PSdG E O BNG .

Esquerda Unida Compostela manifesta, unha vez máis, a súa defensa dun transporte público, de calidade e sustentable, para lograr unha cidade máis habitable, máis saudable, máis ecolóxica e cohesionada socialmente.

Defensa que non debe compartir o actual equipo de goberno, posto que, tras 8 anos de goberno, por parte do PSdG sempre encabezado polo Sr. Sánchez Bugallo, deixan para escasos meses antes dunhas eleccións municipais a presentación dun Plan de Mobilidade Urbana Sostible, que, se non hai os atrasos habituais para este equipo de goberno, debería estar antes do verán e que se utilizaría para de “orientar” as decisións municipais, é decir, unha mostra máis de que o goberno local improvisa e no tocante o tráfico da cidade so levou a cabo as infraestruturas ás que se viu abocado para intentar evitar o colapso da cidade.

Cómpre destacar que dende EU Compostela consideramos vital que calquera actuación, tan importante como o é a elaboración dun Plan de Mobilidade, debe contar dende o principio coa participación dos colectivos veciñais e asociativos, e non realizar este plan unicamente a través dunha consultora externa ó Concello, presentado a posteriori os resultados por se “alguén” quere facer algún tipo de aportación.

Tamén é mostra do pouco interese do PP compostelán polo transporte público que a súa gran medida sexa promover que o AVE chegue o aeroporto, medida ilóxica tanto economica como ecoloxicamente. Dende Esquerda Unida consideramos acertado, ademais de que para toda Galicia so é necesario un aeroporto, que este debe estar perfectamente comunicado por tren con todo o territorio, pero non debe ser o AVE o que vertebre esa comunicación se non os moito máis eficientes, tanto no económico como no ecolóxico, trens de media distancia ou os de proximidade.

Importancia do tren de proximidade que o mesmo equipo de goberno recoñece posto que nas súas medidas de goberno, no punto 24 se pode ler textualmente “realizar os estudos para a conexión mediante tren de proximidade co aeroporto da Lavacolla, con Bertamiráns, co Milladoiro e con Cacheiras”, pero como sempre o PSdG e o BNG composteláns quédanse nas palabras, sen realizar feito algún.

Por iso dende Esquerda Unida Compostela volvemos a pedir que aproveitando a posición central e estratéxica da estación de tren, se poña en marcha unha pequena rede de ferrocarril de tren de proximidade para vertebrar o territorio metropolitano, convertendo a estación de tren en estación intermodal.

martes, 18 de enero de 2011

Prezo da vivenda

COMUNICADO DE PRENSA .

ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA MANIFESTA A SÚA PREOCUPACIÓN POLA MALA XESTIÓN DO EQUIPO DE GOBERNO EN POLÍTICA DE URBANISMO, QUE PROVOCA QUE SANTIAGO SEXA A CIDADE COS PREZOS DE ALUGUER MÁIS ALTOS DE GALICIA E A ÚNICA NA QUE AUMENTA O PREZO DA VIVENDA NOVA.

O CONSELLO COMARCAL DE EU REITERA A SÚA PROPOSTA DE CREAR UN PARQUE PÚBLICO DE VIVENDAS EN RÉXIME DE ALUGUER .


Os datos volven reflexar que as medidas levadas a cabo polo equipo de goberno do PSdG e o BNG en materia de urbanismo son ineficaces e prexudiciais para a cidadanía, posto que ademais de desvelar que Santiago foi a única cidade galega na que aumentou o prezo da vivenda nova, agora constatan que se converteu no 2010 na máis cara no tocante os prezos de aluguer, cunha subida superior o 11%.

Esquerda Unida Compostela manifesta que é inaceptable a falta de propostas e a desidia que mostra o equipo de goberno para atallar esta grave situación, que non so repercute negativamente sobre os veciños e veciñas de Santiago, posto que, como é ben sabido, estamos nunha cidade universitaria na que moitos estudantes de toda Galicia, ante a falta de prazas en residencias universitarias de titularidade e xestión pública, vense abocados a someter as súas familias o gasto que supón vivir de aluguer.

O Consello Comarcal de EU recorda que nun dos obxectivos xerais fixado no acordo de goberno, asinado polo PSdG e BNG, pódese ler textualmente “Mellorar a calidade de vida no marco dunha cidade habitábel e sostíbel,[...] primando o dereito a acceder a unha vivenda...”, ratificando, unha vez máis, o fracaso da xestión levada a cabo até o de agora polo equipo de goberno.

Por todo isto EU Compostela propón, entre outras moitas medidas necesarias, a creación dun parque público de vivendas en réxime de aluguer atendendo a un criterio de dispersión dentro do recinto urbano, e, por suposto, nun tema tan importantes como o é este, calquera medida que se leve a cabo debe estar definida en base a unha ampla participación cidadán e na procura de rematar coa especulación.



Xaneiro 2011

viernes, 14 de enero de 2011

Moción beirarrúa avda. Burgo das Nacións

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela presenta unha nova moción, nesta ocasión esiximos as actuacións necesarias para eleminar as deficiencias que existen na avda. do Burgo das Nacións, como o é que nun lateral desta avda. non exista beirarrúa para transitar.

miércoles, 12 de enero de 2011

Estado estradas e beirarrúas

COMUNICADO DE PRENSA .

ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA CRITICA A IMPROVISACIÓN QUE ACREDITA ESTE EQUIPO DE GOBERNO NAS SÚAS DECISIÓNS .

O CONSELLO COMARCAL DE EU MANIFESTA A SÚA PREOCUPACIÓN POLO MAL ESTADO DE ESTRADAS E BEIRARRÚAS NA CIDADE.


Esquerda Unida Compostela recorda que o pasado 17 de decembro presentou unha pregunta ó órgano competente do Concello de Santiago, na que facíamos referencia o malestar veciñal polo mal estado en que se encontra moitas estradas e beirarrúas, facendo fincapé nas moitas queixas recibidas do barrio da Álmaciga, requirindo que se arranxaran tódalas deficiencias existentes e que o actual equipo de goberno cumpra os seu acordos de goberno, máis concretamente o punto 14 das medidas a tomar no que, por exemplo, se pode ler textualmente “Mellorar a rede local de estradas...e incrementar a calidade dos espazos públicos...”.

Pero a pesares do tempo transcorrido o equipo de goberno agardou até que as fortes choivas, normais na época do ano na que estamos e para esta cidade, agravaron o problema facendo insostible a deixadez nas súas funcións do goberno local, abocado a levar a cabo actuacións de emerxencia como o rebacheo anunciado estes días, que eles mesmos califican de traballo provisional e sen garantir que o asfalto colocado poda resistir a inclemencias meteorolóxicas.

O Consello Comarcal de EU reitera as súas críticas polos incumprimentos sistemáticos que o PSdeG e o BNG fan dos seus acordos de goberno, e a manifesta improvisación que rexe moitas das decisións que toman.

Claro exemplo desta improvisación, e da falta de diálogo cos veciños e veciñas, e a actuación anunciada de licitar a reposición de árbores e beirarrúas en Fontiñas, que se acometerá, non porque a consideren necesaria, que o é, se non porque a obra que realmente querían levar a cabo, a da instalación dunha carpa, nun primeiro intento en Galeras trocando a súa ubicación a Conxo posteriormente, non contaba co respaldo da veciñanza, posto que parece que este equipo de goberno actúa unilateralmente sen querer escoitar as demandas que os veciños e veciñas realizan para mellorar os barrios da cidade.

Por todo isto Esquerda Unida Compostela reitera a súa convicción de que a participación cidadá é máis necesaria que nunca para involucrar os veciños e veciñas nas medidas que se leven a cabo dende o Concello.

Xaneiro 2011

lunes, 10 de enero de 2011

Crítica a CdC

COMUNICADO DE PRENSA .

ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA, ANTE INAUGURACIÓN DA CIDADE DA CULTURA, MANIFESTA UNHA VEZ MÁIS AS SÚAS CRÍTICAS A ESTE FARAÓNICO PROXECTO.

O CONSELLO COMARCAL DE EU ESIXE QUE NON SE CONTRÚA NINGÚN EDIFICIO MÁIS E QUE AS INSTALACIÓNS REMATADAS SEXAN ÚTILES PARA A SOCIEDADE GALEGA.


Esquerda Unida Compostela opúxose dende o principio ao proxecto da Cidade da Cultura, que provocou e provocará un desbaldimento de fondos públicos que non parece ter fin, e que claramente se manifesta no orzamento destinado a cultura pola Xunta de Galicia.

Obviamente, a día de hoxe o Consello Comarcal de EU comprende que, unha vez feitas estas obras que non se deberon levar a cabo, e opoñéndonos a construción de calquera novo edificio, os xa rematados deben ser utilizados, pero con propostas que non hipotequen os fondos públicos. De feito, de ser así a vontade política o complexo podería albergar as instalacións da administración autonómica, o que repercutiría favorablemente no aforro de alugueres.

Esquerda Unida Compostela critica a actitude do goberno local, e máis concretamente a do alcalde, que dende o primeiro momento apoiou incondicionalmente este proxecto dando todas as facilidades posibles, e promovendo actuacións como a do teleférico, duramente criticado no informe de ICOMOS, e que aínda hoxe non parece descartado, ou máis recentemente, avalando a necesidade de levar a cabo todavía máis obras, por un valor superior a 20 millóns de euros, para que a CdC teña acceso pola autopista…

Tamén compre destacar que por mor da Cidade da Cultura o equipo de goberno ten proxectado nas brañas de Sar un novo ataque ecolóxico a esta zona, con novas edificacións e estradas, seguramente co fin de que o tránsito da cidade a este proxecto resulte “estético”.

Esquerda Unida Compostela non comparte a obstinación do equipo de goberno neste macroproxecto, e defendemos actuacións máis sustentables económica e máis respetuosas co medioambiente.

A necesidade de “xustificar” o mausoleo fraguián conlevará unha desconexión coa verdadeira cultura compostelá, a que reside na propia vila. Non podemos esquecer que, no fondo, é unha cultura elitista a que se está xestando nese mausoleo. Por iso, vemos perigoso o esmorecemento dunha cultura de base accesible para todas as persoas. De aí que estemos en contra do enorme desbaldimento-hipoteca que seguirá ocasionando a CdC, e que consideremos máis importante para a nosa cidade dinamizar os barrios de Compostela recuperando edificios baleiros dotándoos de pequenos museos, pequenas bibliotecas, locais de ensaio, para crear itinerarios culturais beneficiosos non só para a veciñanza, senón para as persoas que visitan a nosa cidade.

Xaneiro 2011

viernes, 7 de enero de 2011

Defensa transporte público

COMUNICADO DE PRENSA .

ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA REITERA A SÚA POSICIÓN DE QUE UN TRANSPORTE PÚBLICO SUSTENTABLE E DE CALIDADE É A MELLOR MEDIDA PARA SOLUCIONAR O PROBLEMA DO TRÁFICO NA CIDADE, E NON CUSTOSAS OBRAS EN INFRAESTRUTURAS
.


Esquerda Unida Compostela manifesta a súa preocupación polas políticas en infraestruturas que están a levar a cabo tódalas Administración Públicas, obcecándose na construción de grandes obras que poder inaugurar, esquecendo as medidas necesarias para o vertebramento do territorio mediante un modelo de transporte público sustentable e de calidade.

Claro exemplo desta actitude son as medidas levadas a cabo nos últimos oito anos polo equipo de goberno formado polo PSdG-PSOE e BNG, considerando que “humanizar” distintas zonas da cidade é simplemente facer beirarrúas máis anchas, suprimindo prazas para aparcar favorecendo os aparcadoiros subterráneos de xestión privada, e , a pesares desta crise que ratifica a necesidade dun cambio de modelo económico, realizando as mesmas actuacións de sempre, preocupándose en facer grandes obras como, por exemplo, o túnel no Hórreo ou posibles actuacións na Praza de Galicia, desentendéndose por completo da mellora do transporte público urbano e metropolitano.

Unha vez máis o actual equipo de goberno volve demostrar que os seus acordos de goberno son meras palabras escritas en papel que non se levan a cabo posto que, por exemplo, no punto 21 das medidas que ían levar a cabo pódese ler textualmente “Desenvolver un plan de mobilidade en todo o municipio que diagnostique as necesidades e demandas e deseñe as medidas necesarias para resolver os problemas de tráfico”, a non ser que este equipo de goberno considere como únicas medidas necesarias a construción de túneles, beirarrúas e demais actuacións urbanísticas que realizaron nesta lexislatura.

O Consello Comarcal de Esquerda Unida considera innegable que para xestionar correctamente o tráfico diario da cidade o primeiro punto fundamental e lograr que éste diminúa considerablemente e non facer obras e máis obras, necesaria solución que esixe vontade política e unha clara vocación do Concello como servizo público, para acadar unha cidade máis habitable, saudable, ecolóxica e cohesionada socialmente.

Por iso dende Esquerda Unida Compostela propoñemos a elaboración dun plano integral de transporte que atenda a dúas condicións prioritarias: sustentabilidade e servizo público de calidade; esixindo, entre outras moitas medidas, que se reforcen ou aumenten as liñas e cadencias do actual transporte público, someter a estudo a creación de buses lanzadeiras desde aparcadoiros disuasorios establecidos na entrada á cidade, creación de bonos que teñan en conta a renda da cidadanía, implantación do bus-empresa no Polígono do Tambre ou, por exemplo, a creación de forma participada dun Plan Director da Bici para que se convirta nun medio de transporte máis.

Xaneiro 2011

martes, 4 de enero de 2011

Especulación urbanística

COMUNICADO DE PRENSA .

ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA MANIFESTA A SÚA PREOCUPACIÓN POLA POLÍTICA URBANÍSTICA DO GOBERNO LOCAL, CAUSANTE DE QUE SANTIAGO SEXA A ÚNICA CIDADE GALEGA NA QUE AUMENTA O PREZO DA VIVENDA .

O CONSELLO COMARCAL DE EU REITERA A SÚAS PETICIÓNS DE ELABORACIÓN DUN CENSO DE VIVENDAS BALEIRAS PARA PRACTICAR UNHA RECARGA NO IBI, E A CREACIÓN DUN PARQUE PÚBLICO DE VIVENDAS EN RÉXIME DE ALUGUER
.

EU Compostela critica as actuacións levadas a cabo polo equipo de goberno local, preocupados en perpetuar un sistema económico local baseado no continuísmo na política do ladrillo, que provoca que Santiago sexa a única cidade galega, según a Sociedade de Taxación, que sofre un incremento no prezo da vivenda.

Política urbanística do goberno local que prexudica os veciños e veciñas que sofren este aumento de prezos con consecuencias tan graves como que a cidade perda habitantes, tal e como demostran os últimos datos, e que cada vez existan máis vivendas baleiras, xa sexan por mor dos altos prezos de aluguer ou venta ou por actuacións meramente especulativas, mostrando unha vez máis que as medidas de goberno, reflexadas no acordo o que chegaron o PSOE e o BNG, son meras propostas publicitarias posto que se incumpren sistematicamente, como, por exemplo, o punto 10 dese acordo de goberno, no que se pode ler “Pór en marcha as medidas legalmente posibles para mobilizar o parque de vivendas baleiras.”

Por iso o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela reitera a necesidade de apostar por un novo modelo económico que vaia na procura da eco-cidade, da sutentabilidade e da cohesión social, esixindo de tódalas Administracións Públicas un cambio nas políticas que se están a levar a cabo, lesivas para a clase traballadora e que procuran o mantemento do sistema económico causante da crise.

Esquerda Unida Compostela reitera o seu compromiso por este cambio e propón, entre outras medidas; a creación dun parque público de vivendas en réxime de aluguer, reservando, en base a demanda, un número de vivendas adaptadas para axudar a persoas con discapacidade, e a elaboración dun censo de vivendas baleiras practicando, en base a este censo, unha recarga no IBI ata o 50% máximo que permite a lei, co fin de que estas vivendas se incorporen ó parque público de vivendas en réxime de aluguer.

Xaneiro de 2011